|
|
|
|
Esposa-escrava |
|
25 de novembro. Saímos á rúa e, un ano máis, procuramos chamar a atención das persoas que pasan, lemos textos, poemas, definicións que falan de violencia, violencia contra as mulleres. As persoas miran de lonxe, algunhas paran un segundo, un minuto, só unas poucas sentan, unha muller con velo nin repara no acto.
Outra muller gardou apurada o folleto no abrigo. Na casa sacarao sobre o caldeiro do lixo, botaralle unha ollada a correr. Non pode pararse, ten que preparar a cea e ter todo listo para cando chegue el. Ese que un día lle negará a metade do que entre os dous teñen porque ela non contribuíu economicamente na familia, porque el era o único que traballaba fóra da casa, porque el foi o sostén económico e por iso, nese futuro, esixirá que todo sexa para el. Negarase mesmo á pensión compensatoria.
É o grande negocio da esposa escrava. Unha muller alienada que dedica o cento por cento do seu tempo a atendelo a el, o cabeza de familia, o que trae o diñeiro. Ela que se ergue para quentar o leite, poñerllo na mesa, darlle o pano para que se limpe, retirar a louza e fregala, ela que lle abre a porta e logo péchaa. Ela que lle zurce calcetíns e calzóns, que estira no mercado o seu salario economizando na compra, que lle ten o prato posto na mesa cando chega, a comida feita.
El non ten que facer nada. Nada. Nin colle un prato. Sentado ante a televisión reclama o garfo que falta na mesa, e cando quere beber nin fala, estira o vaso e agarda a que llo enchan.
Ela ten que estar na casa á súa hora, con todo listo e preparado. El ás veces chega tarde porque se demorou a partida cos amigotes e non entende por que a cea non está quente como a el lle gusta, ao fin e ao cabo é a obriga dela, chegue cando chegue.
Nunca lavou unha camisa, nin coseu un botón. Nunca coceu un ovo, nin levou un prato ao fregadeiro. Nunca puxo unha manta na cama, nin sabe onde están os zapatos. E no futuro negarase a que ela teña algo que só é del, porque só el trouxo diñeiro a casa e aforrouno ou gastouno nas súas cousas, porque a criada xa a tiña paga.
Ela mira o papel rapidamente. Sabe que leva un cadeado pesado ás costas. Que ten os ósos deformados precisamente por iso. Mais le rápido e fai cachiños co papel, para que el non o vexa. E cando lle pregunte por que había un grupiño de xente parado na rúa dirá que non sabe, que ela non viu nada, que non se fixou ou mesmo que non pasou por alí. Sabe, desde hai moito, moito tempo, que o mellor é non tocar determinados temas, nin mentalos. El acabará dicindo que é unha burra e que que saberá ela, que esas son todas unhas putas, unhas pendangas de cona quente que andan a ensinar o cu e arrimarse ao primeiro que pasa, que desde que as mulleres traballan teñen unha lingua que non hai quen as paren, pensan que son homes, que poden dicir o que lles peta e a quen lles peta. Que si unha filla súa andara así e falara así partíalle a cara, e que non lle estraña, que non lle estraña nada que lles batan e aínda que algunha morra, porque é que as buscan.
25 de novembro. Estamos na rúa un ano máis, lemos os nosos poemas, as nosas cartas, cantamos, colocamos elementos diversos que nos lembren ás mulleres que morreron, sinalamos os indicios ante os que debemos preocuparnos, alzamos a nosa voz. Mais aínda falta, falta implicación e compromiso desde as institucións, faltan partidas económicas que sustenten unha rede absolutamente necesaria para que as mulleres se sintan apoiadas e poidan tomar a decisión que as salve. Faltan políticas que incidan nun cambio de conciencia. Aínda hai que chegar a tantos lugares e tantas persoas, como a esa casa, esa cociña en que hoxe hai unha parella, esa mesa ao redor da cal unha muller cala, cala e cala aínda que lle doian os oídos e algo parecido a unha rabia triste se apodere dela ao oír, un día máis, unha noite máis, unha vez máis esa boca que, mentres mastiga e bebe e nin a mira, xustifica a violencia coa violencia das súas palabras.
Artigo publicado en
target=_blank class=tEnlac>Terra e tempo.
|
|
|
|
Desde este lugar do mundo |
|
Artigo sobre a participación da literatura galega no Festival Isla, publicado en Sermos Galiza:
A literatura galega estivo convidada este ano no Festival Isla de Literatura que organiza o Instituto Cervantes de Dublín desde 2012. Neste festival adoitan participar escritores en lingua española, inglesa e gaélica, e desde o pasado ano tamén en vasco. Este ano era o primeiro en que se convidaba a literatura galega, despois de que o Cervantes solicitase a colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, entidade que xa colaborou con outras actividades centradas na difusión da literatura galega e realizadas no Cervantes.
Alí acudín, pois, en representación da AELG, e puiden comprobar varios puntos de conexión coa literatura escrita en Irlanda. Así quedou patente na mesa en que participei, que baixo o título de A palabra imprecisa e moderada polo Director do Centro de Estudos Galegos de Cork, Martín Veiga, centrouse fundamentalmente no papel da lingua e na nosa relación con ela.
Na mesa interviñan Hugo Hamilton, escritor en inglés de varias novelas e dous libros de memorias, o máis coñecido The Speckled People en que nos fala da súa infancia en Dublín, no que el define como ?guerra de linguas? (seu pai prohibíalle falar inglés). E Manchán Magan, escritor en inglés e gaélico e realizador de televisión responsábel da serie documental No Béarla en que só se emprega o gaélico. Tres posicións de partida ben diferentes mais desde as que puidemos atopar puntos de conexión entre as dúas nacións: o desprezo á lingua propia e a súa necesidade de normalización; a historia propia escrita por outros ou a importancia dos topónimos e a atención que a eles debemos prestar.
Así pois, guiados por Martín Veiga falamos de lingua, porque como na Mesa quedou dito a lingua é o noso lugar, o noso lar, o noso país. Esta foi a miña intervención inicial:
Neste lugar do mundo
Hai tres anos escribín o poema Neste lugar do mundo. Nel reflexionaba sobre a miña lingua: a primeira filla do latín na Península Ibérica que pasou de ser lingua de cultura na Idade Media a desaparecer da produción literaria escrita até o XIX. Unha lingua negada que loitamos por manter viva. Por iso o poema di:
aprendemos a lingua do colonizador
como se fose a nosa lingua propia
adestrándonos na súa áspera pronuncia
memorizando todas as palabras alleas
que couberon na cunca do leite con galletas
Forzosamente educadas nunha lingua que non era a nosa, acabamos por non recoñecernos,
xogabamos alleas ás nosas propias vidas
sen nos recoñecer nos lugares que nos rodeaban
Mais un día, talvez a través dun avó descoidado que falaba galego diante nosa ou descubrindo o mundo da aldea ou mesmo tras a lectura dun libro, espertamos
como foi?
se cadra foi no barolo dos libros que non estaban nos andeis
porque non tiñan a encadernación de pel que os igualaba
foi así?, desaprendendo asperezas e halando
do fondo da memoria cada palabra pronunciada para que non escoitaramos?
foi así como recuperamos o sanguiño e as ervilles
o tormentelo ou o poexo?
Aos poucos tomamos conciencia,
como maceiras novas enxertadas no estripeiro
recompuxemos as células leñosas e comezamos chuchar da terra
e grazas á loita das xeracións que nos precederon a lingua que falaran as nosas avoas entraba na escola, aprendiámola. Entón atopamos o noso tesouro
a artesa gardaba o formento e a fariña terceada
até que erguemos a súa tampa e descubrimos
que aquel era o pan que nos saciaba
Porque nos atopamos a nós mesmas, reconciliámonos coa nosa identidade, e soubémonos habitantes dun mundo construído coa forza de redeiras e mariñeiros, costureiras, labregos, xornaleiras, xente humilde que cantaba, cantaba cando sementaba, cantaba cando recollía. Mulleres e homes que pasaron noites de medo e frío ante a lareira e ao calor do lume contaban historias que ás veces eran a súa propia Historia e así, entre cinza, sachos, escamas e patelas a lingua chegou a nós e é o noso herdo máis prezado. Por iso, gardámola e mimámola para entregarlla de novo ás nosas fillas.
Como un día nos legaron a casa, a chalana ou a leira.
É a nosa responsabilidade, manter o lume da lingua aceso.
garda sempre unha presadiña de masa
e sementa centeo e trigo, millo
para que a fame amaine
para que xoguen a seren arquitectos
dun futuro que se recoñeza
neste lugar do mundo
Marta Dacosta, outubro de 2014. |
|
|
|
Coa dignidade da clase traballadora |
|
Hai días que me vén á memoria aquel retrouso do poema ?Mirando ao chau? de Manuel Curros Enríquez: ?se eu fixen tal mundo, que o demo me leve?, porque non outra afirmación cabe nos tempos que corren.
Que o demo me leve se non hai mil e unha razóns para maldicir os días que vivimos. Que o demo me leve porque cada día hai unha loita que de nós precisa, que nos convoca e nos conmove.
E tal día coma hoxe, día da nosa patria, necesito falar da dignidade da clase traballadora, pois considero que xusto nestes días estamos a vivir dous exemplos de loita que precisan da nosa atención, do noso apoio, e da difusión que os mal chamados medios de comunicación non lle dan. Porque a clase traballadora, a nosa clase, segue a fornecernos de exemplos de dignidade que son verdadeiros azos para continuar na loita.
O mes de xullo iniciouse ás seis da mañá do día 1 coa resposta dos delegados e delegadas da CIG de PSA-Citroen ao despedimento absolutamente inxustificado de dous traballadores, Paco e David. Adoptaron unha medida da máxima contundencia, o inicio dunha folga de fame indefinida, para responder a unha decisión desmesurada, inadmisíbel e inédita como foi un despedimento sen existiren sancións previas, un despedimento que interpretamos como unha medida dirixida a impor entre @s traballador@s un clima de terror destinado a que non se discuta ningunha decisión adoptada pola empresa por máis inxusta ou improcedente que sexa.
Nada novo baixo o sol, poderiamos citar outras tantas medidas coma esta. É o novo procedemento dos neoescravistas do século XXI, elegantemente vestidos de traxe de verán e garabata, que falan de despedimento libre e redución dos salarios sen engurrarse, mentres oprimen @s traballador@s e incumpren a lexislación, a pouca lexislación que nos protexe. Ben, tamén hai xerentes aparentemente ?progres? e ?modernos? que pagan avogados que lles axuden a andar na corda frouxa da lei, para mellor controlar os seus traballadores e traballadoras. Vaia, que a especie dos neoescravistas ten unha morfoloxía variada e perfectamente adaptada ás circunstancias.
Henrique e Miguel, Ernes, Eduardo e Manuel, Brais e Maquieira, delegad@s da CIG de PSA-Citroen levaron adiante unha folga de fame durante 24 días para esixir a readmisión dos compañeiros e denunciar ante a sociedade as prácticas represoras dunha empresa que leva 50 anos facendo o que lle peta: como cando nos anos 80 recibiu elevadísimas sumas de diñeiro público para pór na rúa centos de traballadores.
Onte, 24 de xullo, finalizaron a folga para dar unha marxe de reflexión á empresa antes do acto de conciliación que se celebrará o vindeiro día 6 de agosto. Mentres tanto agardan a saber cal será o apoio do Pleno municipal de Vigo á moción que presentará o BNG en demanda da readmisión de Paco e David o próximo día 29 de xullo.
A loita emprendida polos delegados e delegadas da CIG é un exemplo de dignidade e xa recibiu o apoio de comités de empresa de todo o país e mesmo o apoio da Federación Sindical Mundial que lle esixe á empresa a readmisión dos traballadores despedidos e saudou a loita emprendida para apoialos, expresando claramente que ?O despedimento dos compañeiros Paco e David , levado a cabo sen tan sequera terlle feito amoestación ningunha ou advertencia previa aos dous traballadores, é inxustificado e forma parte dunha campaña de terror patronal contra os traballadores máis conscientes e combativos desta plantilla.?
Mais este clima de terror non só se está a instaurar desde o ámbito da empresa. Tamén desde o poder que nos goberna, pois non doutro xeito podemos cualificar a condena de traballadores e traballadoras por participaren en mobilizacións ou piquetes de folga.
Levamos meses mobilizándonos para esixir que Serafín e Carlos, dous traballadores do transporte, non sexan condenados a entrar no cárcere. A condena é absolutamente desproporcionada e só pode ter por obxecto trasladar unha mensaxe de amedrentamento para impedir que as traballadoras e os traballadores defendamos os nosos dereitos. Neste sentido sería un paso máis dentro dunha campaña que vén precedida do incremento de sancións económicas e denuncias contra mobilizacións de todo tipo.
Mentres reclamabamos que se lles concedese o indulto, outras dúas traballadoras foron condenadas por motivos semellantes. Esta situación tamén se está a dar no resto do Estado onde un traballador entraba na cadea recentemente.
A situación das nosas compañeiras e compañeiros contrasta con algúns dos indultos concedidos este mesmo ano, o que nos reafirma na conclusión de que este tipo de penas están destinadas a reprimir as lexítimas mobilizacións da clase traballadora. E desde aquí fago un chamamento a permanecer a alerta, alerta para comprobar cal vai ser a actitude do goberno central ante a petición formulada polo propio Parlamento galego que aprobou a petición de indulto para est@s traballador@s. Alerta para comprobar que non se benefician desta medida políticos corruptos que están entrando na cárcere estes días, mentres nós temos que seguir a reclamar que se atenda a nosa petición.
As compañeiras e compañeiros precisan o noso apoio, mesmo a través da palabra escrita para difundir o que sucede hoxe no mundo do traballo, para denunciar as novas formas de represión, para pór en evidencia que as armas do sistema capitalista se renovan e especializan para evitar que as traballadoras e os traballadores non só non academos os nosos obxectivos, senón que até renunciemos a invocar e exercer os nosos dereitos.
Cada día que pasa, unha nova fórmula de opresión pretende esmagarnos, e o pantasma da desilusión e da derrota aparécese nos nosos soños. Mais non caeremos no desalento, non porque hai mans que se tenden e que nos entenden e porque temos memoria e lembramos a entrega das avoas e os avós, que até deixaron a vida, literal ou metaforicamente, para darnos un mundo diferente do seu. E porque a dignidade das compañeiras e compañeiros que loitan cada día é o mellor motivo para avanzarmos.
Quen fixo este mundo, o demo que o leve!
Artigo publicado en Terra e tempo. |
|
|
|
A livraria Esperança do Funchal |
|
 No ano 2004 descubría na illa da Madeira a libraría Esperança. Copio hoxe, dez anos despois, o artigo que no mes de novembro se publicou no semanario A Nosa Terra e que falaba daquela...
Descuberta
Deixáramos atrás o mercado de Lavradores, o gran mercado de Funchal en que os sentidos se renden ante a exuberancia das cores e os aromas. No andar baixo o sável preto ou branco, o alfonsinho, os enormes atúns, no terceiro andar o exotismo das froitas, os rebuçados e as plantas aromáticas.
Ebrios comezamos o ascenso, a subida da rúa que nos levou á Praça do Município, íamos á procura da letra impresa, cegados polo desexo da palabra, e aquela praça foi o engado perfecto, unha chaira na vertical da illa, un pequeno café en que preguntar o enderezo dunha librería (só librería). A fortuna conduciunos rúa arriba e case por azar, chegamos á Livraria Esperança.
Tras unha porta pequena que non servía de reclamo comercial entramos por un estreito corredor que nos desembocou no medio dunha sala abovedada. Fóra unha rúa calquera, empinada e pouco transitada, dentro, primeiro o corredor escuro, pouco prometedor, estreito.
Mais ante nós xurdiu a descuberta, a vitoria do incríbel. De novo a mesma exuberancia, o trunfo absoluto da cor, o espectáculo de miles e miles de libros ... os tabiques, os teitos eran de libros. A procura era tridimensional, o tesouro podía estar en calquera lugar, perfectamente colocado sobre o andel, a un lado do estreito corredor pechado por outro andel, e outro, e outro e moitos máis. Todos os libros mostrando plenamente a súa capa, a cor, a tipografía, o deseño, perfectamente ordenados. Os libros estaban en todas partes, os andeis non chegaban, nas paredes, suxeitos con pinzas metálicas ocupaban todo o espazo posíbel. Tamén no teito. Si, pendurados de paredes e do teito, formando un inmenso edificio de papel. Unha librería edificada sobre o propios libros
Descubrín que a Livraria Esperança é unha librería de fondos, é dicir, todas as obras escritas en lingua portuguesa e que se distribúan en Portugal están alí, cada vez que un libro falta é reposto, até esgotar a edición.
Foi fundada en 1886 por Jacinto Figueira de Sousa e foi o primeiro estabelecemento da Madeira a vender exclusivamente libros. Jacinto Figueira era un home de ideas avanzadas, tamén fundou unha compañía eléctrica madeirense (competindo cos ingleses) ou creou unha compañía teatral e unha linotipia en que imprimía os seus propios libros.
Eis a nosa descuberta, un regalo para os sentidos e o intelecto digno de figurar en todas e cada unha das guías da Madeira, lugar de visita obrigada para os amantes da palabra.
|
|
|
|
Non en 2015 |
|
Desde que a RAG anunciou o nome do escritor proposto para 2015, a sorpresa e a indignación fóronse facendo patentes. Pola miña parte, quixen manifestar a miña opinión, como outras veces teño feito, fundamentándoa en argumento exclusivamente literarios, para que non quede dúbida ningunha que é a peor elección posíbel.
O artigo publicouse en Sermos Galiza e valminor.info:
Non en 2015
Este 5 de xullo reuniuse a Academia Galega. Como cada verán era o seu cometido elixir a persoa que sería homenaxeada no ano seguinte con motivo das Letras Galegas, esa efeméride que, segundo recolle a propia Academia: ?viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.? (declaración do 20 de marzo de 1963).
Este ano a Academia tiña enriba da mesa cinco propostas, entre elas as de tres autores: Carvalho Calero, Manuel María, Xela Arias, de traxectoria literaria intensa, fulcral na construción da literatura de noso desde parámetros ben diferentes, mais esencial e necesaria. Entre eles un autor que vén sendo reclamado pola sociedade galega como homenaxeado e respecto do cal o silencio da Academia acaba por se converter en estigma, ante a incapacidade de lle recoñecer o papel imprescindíbel que tivo na nosa cultura. Naturalmente refírome a Carvalho.
Centrándose no literario, os méritos de cada un dos autores xa os expuxo con precisión e síntese o Sermos Galiza. E entre todos a Academia opta por aquel que menos espazo ocupou nos estudos literarios contemporáneos, sendo talvez a mención máis extensa a que realiza o propio Carvalho Calero na súa inesquecíbel Historia da literatura galega, onde queda patente que a obra literaria de Filgueira ocupou unha pequena parte da súa traxectoria e é, significativamente, anterior á 1936. Así que en 2015 a Academia propón un autor que a penas conta cun volume de narracións, Quintana viva, unha obra dramática, Agromar, e algúns poemas, 6 cancións de mar ?in modo antico?. Velaquí a súa traxectoria puramente literaria que non resiste a comparación coa obra doutros autores que quedaron na gabeta. Unha obra que dificilmente encontraremos nas antoloxías literarias.
Mais a propia Academia xa sinala o seu labor de investigador. E tamén aquí as comparacións son teimudas e dinnos, que existe outra obra de investigación meirande que segue sen recibir o recoñecemento que merece.
Hai precisamente dez anos publicaba un artigo en que recollía a necesidade de homenaxearmos a Carvalho. Cantos máis anos pasan, máis afonda a necesidade. Mais, aínda que considero que existe unha débeda co autor e que urxe a súa escolla, unha escolla que nos tería permitido centrar a nosa festa na dignificación e solidez da nosa literatura, tería aceptado de bo grao a aposta por un Manuel María que nos permitiría homenaxear o amor á lingua e convocar as xeracións máis novas, ou a de Xela Arias poñendo de relevo a entrega á creación poética e a procura de camiños singulares.
Mais... nada disto será posíbel en 2015.
Xullo de 2014.
|
|
|
|
Retallos daquela infancia, Bautista Álvarez |
|
O pasado 14 de febreiro, a Asociación Cultural O Castro convocounos en Vigo á presentación de Retallos daquela infancia, a primeira obra narrativa de ficción que publica Bautista Álvarez. Coñecimos así a Bautista Álvarez como escritor de ficción, pois como ensaísta conta xa con dilatada traxectoria, entre a que salientei na presentación un ensaio sobre Os vellos non deben de namorarse, publicado na revista Primer acto, por ser esta achega de Bautista Álvarez unha das máis descoñecidas, probabelmente.
Retallos daquela infancia é un conxunto de narracións que beben directamente da nosa tradición literaria oral, feito que emparenta esta obra literaria con antecendentes como Anxel Fole ou Álvaro Cunqueiro, autores que en palabras de Francisco Rodríguez ?representan a grandes fabuladores que transmitiron a riqueza máxica da nosa concepción do mundo e o enlevo dos nosos tipos e situacións tradicionais...?( Literatura galega contemporánea (problemas de método e interpretación), 1990).
Mais que ninguén pense que o feito de estar estes relatos fundamentados nas estruturas e xeitos de contar da literatura oral e popular é unha clasificación que os sitúa a diferente nivel do que adoitamos considerar LITERATURA, así, con letras maiúsculas. Como di Marcial Gondar: ?Cómpre, en primeiro lugar, non esquecer que a literatura popular, a diferenza da maioría da culta, non se esgota na estética e na estilística, senón que acostuma ser sempre literatura de combate, isto é, arma de arrebolar que nos serve para atacar ou defendernos, nunha palabra, para andar pola vida. Non é, pois, posíbel analizar a literatura popular sen ter en conta a súa conexión coa realidade, o seu contexto de uso.? ( ?As narrativas sobre a Morte na cultura tradicional. Semántica e Pragmática da Ars moriendi galega?, Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas, Escrita contemporánea, 2005).
Fole e Cunqueiro, tamén a pegada de Castelao atopo eu nestes relatos. O narrador de Retallos é un narrador omnisciente, que dialoga coa lectora, explícalle as súas digresións, pide desculpas, avisa para que non lean os máis pequenos, un autor que ten un xeito de narrar que nace da oralidade. Cando Manuel María estuda a obra e a figura de Anxel Fole, reproduce unhas palabras de Pilar Vázquez Cuesta que tamén lle acaen á obra de Bautista: ?os contos ... semellan transcricións de relatos orais, historias escoitadas ... que o autor se limitou a poñer por escrito.? (?A recuperación da narrativa en galego: Anxel Fole?, Historia da literatura galega, 1996) E se se asemella a Fole neste xeito de contar, tamén o fai cando bota man dunha lingua coidada e ancorada na fala das xentes de Loucía.
Como Fole, Bautista retrata a través destes relatos a Galiza da súa infancia, vai deixando ante nós como pezas dun crebacabezas estes textos que compoñen o mural do mundo rural en que el naceu e se criou, onde a relación coa morte era algo natural. Son varios os relatos que se artellan ao redor de historias de mortos ou mortas, lembrándonos algúns deles o Castelao de Un ollo de vidro. Así o sentín eu lendo ?O panteón das martiñas? que comeza deste xeito: ?Vou levantar o pano para que o lector poida contemplar o decorado antes de que os actores saian ao escenario. O teatro no que se vai representar é o cemiterio de Las. O daqueles tempos nos que o Camposanto tiña máis de campo que de santo.? (páx. 157).
E ao falarmos da temática da morte, quero volver traer aquí novamente as palabras de Gondar: ?Un dos trazos característicos da cultura moderna urbana occidental é a ocultación de todo aquilo que ten relación coa morte... hoxe en día, cada vez máis, a morte é considerada como un suceso privado?. Podemos entón concluír que esta obra de Bautista é literatura de combate, no sentido expresado por Gondar, para defendernos dos perigos que conlevan os tempos modernos que nos conducen ao individualismo e, por tanto, a renegar de todo o que é colectivo e que como tal é a nosa ferramenta de defensa e transformación da realidade en que vivimos?. Aínda que sexa arriscado, direi que si. Que finalmente estes relatos son unha aposta por traer a este tempo presente cada vez máis urbanita e individualista as historias dun tempo que esmorece e leva canda si a nosa identidade.
Mais se esta liña combativa non está expresa, si o está aquela que leva ao relato a posición política do autor. No relato ?O carniceiro de Figueroa?, de título ben elocuente, o autor advírtenos desde o inicio: ?Non vou permitirlle ningunha licenza á imaxinación. Non quero brincadeiras. A historia que vou contar está tomada integramente da realidade. Nin sequera pretendo ocultar os nomes reais tras de pseudónimos inventados. Por unha simple razón. Quero que o meu escrito sexa unha especie de patíbulo póstumo para quen se foi para o outro mundo sen recibir o que neste tiña merecido. Ímonos remontar aos tempos da gran carnizaría...? (páx. 79).
Tradición, oralidade, mitoloxía da morte, mais tamén dardos afiados ás conciencias, propios do Bautista que coñecemos a través da súa escrita xornalística e ensaística, como a crítica á situación da lingua: ? A augardente era unha bebida que disimulaba moito... A función terapéutica deste licor perdeuse cando ao noso bagazo lle empezaron a chamar orujo? (p.p. 161-162); ?Daquela rezábase na lingua de Cicerón, por ser a única que entendía Deus. Coas ocupacións que tiña que atender no noso mundo e no de fóra non lle quedara tempo de ir á escola. E cando empezou a aprender idiomas, a liturxia pasou de Cicerón a Lope de Vega. A lingua de Rosalía agarda cola detrás do esperanto para poder entrar na Igrexa? A lectora, o lector gozarán destes relatos en que o humor tamén está moi presente. Relatos que fieis á técnica que caracteriza este tipo de narrativa, gardan para o final a súa sorpresa, moitas veces cun toque de humor que vira o relato e nos deixa un sorriso na boca.
Artigo publicado o 30 de marzo de 2014 en Terra e tempo. |
|
|
|
Marzo escuro |
|
 Marzo escuro. A miña contribución ao 8 de marzo de 2014:
Nestes días en que o inverno comeza a despedirse, retomamos as palabras para falar de marzo. E talvez debera ser marzo todos os meses do ano, cada día e cada hora, un marzo que for consciencia da situación real da muller, un xesto decidido para denunciar que seguimos sen ter os mesmos dereitos cá outra metade da humanidade. Un marzo para levantar muros contra a violencia, deter o terrorismo machista que nos maltrata e nos mata. Un marzo para comprobar que os conceptos de que nos dotamos: invisibilidade, teito de cristal... seguen estando aí e que se a crise económica está ao servizo da destrución dos avances sociais que colectivamente fomos quen de acadar para o conxunto da humanidade, é coa muller e coa súa precaria situación laboral coa que é máis virulenta.
Esta mesma semana a CIG presentaba un informe demoledor cun titular espantoso: 58.000 mulleres galegas de entre 15 e 34 víronse obrigadas a emigrar. As mozas galegas deben abandonar o seu país para poder vivir. E que será de Galiza sen a súa mocidade? Xa Castelao reflexionou no seu día sobre o empobrecemento que para un país significa perder a súa mocidade na emigración. Rosalía Castro, Curros, Manuel María denunciaron ao longo dos séculos esta lacra, o resultado dunha política nefasta para o noso país, unha política que segue a destruílo e impide que poidamos crecer e sermos o que realmente somos, un país rico con medios para se sustentar a si mesmo.
Nese mesmo informe da CIG queda constancia de que a taxa de paro feminino creceu un 1,5 % no último ano, situándose no dobre da de 2008. E isto, considerando que, como diciamos, 58.000 mozas galegas desapareceron do padrón de habitantes. As que quedan comproban día tras día o deterioro das condicións laborais, que se suman, a existencia de convenios que, en sectores feminizados, ostentan as peores condicións laborais e os salarios máis baixos (que en moitos casos rozan o Salario Mínimo Interprofesional). O informe tamén denuncia que se reducen as axudas públicas ás persoas dependentes facendo recaer, unha vez máis, a responsabilidade do seu coidado nas mulleres. Por certo que mesmo nestas axudas públicas paira a discriminación, pois as mulleres que cobran unha pensión contributiva ingresan unha media de 574 ?, o 53,7% do que ingresan os homes, sen considerar o elevado número de mulleres que só ingresan 366 euros ao mes, como pensión non contributiva.
E isto é marzo en 2014. Unha nova constatación de que aínda queda moito camiño por andar, de que non hai espazo nin tempo que non requira da visibilización da denuncia de que aínda non estamos onde nos corresponde, de que é preciso seguir traballando e utilizando ferramentas que conciencien e eduquen, que nos apoien e nos permitan avanzar. Xusto na dirección contraria do que fai o actual goberno que pretende devolvernos á caverna antediluviana, impedíndonos agora unha decisión fundamental como é sermos nós quen consideremos cando e como queremos ser nais.
Este marzo é unha parábola da involución.
Mais eu, quero rematar estas palabras recuperando a memoria das que non están, a dez anos da ausencia de Xela e de Luísa, neste mes de marzo en que Xela Arias cumpriría anos, en Luísa Villalta faleceu. Elas empregaron a palabra poética como compromiso co seu pobo e o seu xénero. Relelas, declamar os seus versos, será o antídoto contra este tempo escuro en que aínda vivimos.
nada pode explicar
que nos falten as rosas
os seus corpos erguidos
na soidade do inverno
a súa cor na tarde
que agora é máis escura
os pétalos suaves
coroando as espiñas
Marzo 2014 |
|
|
|
Contra a hipocrisía |
|

?A revolución que a muller necesita inclúe a socialización do traballo doméstico e unha nova concepción da maternidade?, Alexandra Kollontai
Se existen estudos a nivel internacional, algúns deles mesmo baixo o cruño da Organización mundial da saúde, que demostran con datos que as lexislacións mais restritivas sobre o aborto non garanten a redución da súa práctica e redundan nun incremento da inseguridade e da mortaldade das mulleres, a conclusión de que a modificación do Lei do aborto ten motivos exclusivamente ideolóxicos, é clara.
E é así, primeiro porque estamos diante dun partido político claramente confesional e no que a relixión é criterio de actuación. Lexislan e gobernan baixo palio, atendendo ás recomendacións da Igrexa que establece un itinerario de goberno en que a modificación da Lei de educación ou a do aborto son chanzos esenciais. Este feito ten as súas probas máis risíbeis e concretas nas declaracións dalgúns ministros que explican a situación do Estado acudindo á intercesión dunha santa ou confían a evolución do emprego a unha virxe. E logo falamos de que os integristas están en Oriente.
Mais para alén da obediencia relixiosa e en coherencia con ela, a modificación desta lei débese tamén á defensa da moral burguesa en que se sustenta unha sociedade deseñada desde o imperialismo e o capitalismo: a sociedade patriarcal, unha sociedade en que a muller non ten cabida como persoa, en que o papel doméstico é o seu papel. Unha sociedade en que non se asume que a muller é tamén traballadora, proletaria, único alicerce sobre o que se pode construír a emancipación da muller. A defensa dos nosos dereitos é, por tanto, un elemento máis da loita de clases, porque somos as traballadoras as que reclamamos a nosa independencia e o noso dereito a decidir, fronte a unha sociedade ancorada aínda nos principios burgueses de que á muller lle corresponde exclusivamente un papel reprodutivo e de coidadora.
Pasou un século desde que as mulleres iniciaron a batalla para que se nos recoñecesen os nosos dereitos. Unha batalla que culminou simbolicamente na instauración do día 8 de marzo, proposto, como agora sabemos, pola comunista alemá Clara Zetkin, en quen tivo unha das súas principais impulsoras.
O traballo de mulleres como Clara Zetkin ou Alexandra Kollontai, que sempre colocaron como prioridade a defensa dos dereitos da muller, desembocou, entre outras medidas, na elaboración da primeira lei do aborto en Europa na historia contemporánea: a aprobada pola Unión Soviética en 1920. Era un paso necesario na procura dos dereitos das mulleres, agora proletarias e, por tanto, suxeitos da loita de clases e da revolución canda os seus compañeiros. Cumpría acadar a independencia económica, psicolóxica e emocional, para o que a regulación do aborto, como a do divorcio, eran elementos esenciais. Elementos que evidentemente facían cambalear o modelo tradicional de familia, algo que a burguesía e o patriarcado non ían permitir, como comprobamos ao vermos os altibaixos lexislativos destes dereitos.
A modificación da lei do aborto hoxe é unha agresión á clase traballadora, ás traballadoras, é unha mostra máis de que a loita de clases segue vixente. Outra volta de parafuso co obxectivo de devolvernos ao fogar e manternos submisas, obedientes ao pai e ao esposo.
Observando o momento actual á luz destas declaracións e cambios de leis, unha pensa que aínda podemos ver novos retrocesos e que igual que nos chaman asasinas por defender o dereito a decidir sobre o noso corpo, calquera día pódennos dicir que a crise económica é por culpa de ternos recoñecido o dereito ao voto, ou calquera outra loucura comparábel.
En contra do que afirman os que recortan os nosos dereitos, vale a pena recoller aquí as palabras das escritoras e profesoras portuguesas Ana Gabriela Macedo e Ana Luísa Amaral no seu Dicionário da crítica feminista:
?... o aborto é não só un grave problema de saúde pública, mas também un problema de cidadania numa sociedade plural e de afirmação do desejo e do dereito à felicidade e ao amor: as mulheres e os homens deveriam poder planear as suas vidas e ter o número de filhos planeado; e se ser mãe e ser pai deve ser uma escolha, ser criança desejada é um direito.?
Ser filla/o desexada/o é un dereito. Querería eu pór estas palabras en molde ou placa, convertelas nunha faixa para ir colocando polas rúas adiante, porque ao final, se de verdade falamos dos dereitos da infancia, este, ser desexada, chegar cando a túa nai entende que pode selo, que se dan as circunstancias para unha crianza saudábel debe ser o primeiro dereito. Ou acaso este modelo económico devorador precisa aínda máis man de obra barata? Coñecemos a resposta.
Hipocrisía. Unha profunda e extensa hipocrisía. Quen recorta os nosos dereitos lexislativos, se o fixer baixo o criterio de protexer o dereito dos non nacidos ou de reducir o número de abortos ten na súa man outras ferramentas idóneas e necesarias, mais tampouco as pon en práctica. Ampliación e creación de centros en que se dea información e se garanta o acceso a medios anticonceptivos ou inclusión da educación sexual no ensino serían dúas medidas ben efectivas para non chegar ao aborto, se iso é o que perseguen. Mais está claro que non se trata diso e que estas propostas non entran no seu programa de medidas ideolóxicas.
A estes recortadores que cando lles convén invocan a orde internacional e as recomendacións europeas debemos dedicarlle esta segunda cita de Ana Gabriela Macedo e Ana Luísa Amaral:
?O aborto é considerado analisador civilizacional, item avaliativo dos padrões culturais e sociais dos diferentes países; por isso ?a liberdade e responsabilidade reprodutiva e a institucionalização de condições seguras para abortar em segurança? é uma recomendação aos países-membros da Europa Comunitária, decisão da Conferência do Cairo sobre População e Desenvolvimento (1994) e da Plataforma de Acção da Conferência de Pequim das Nações Unidas (1995).?
Señores gobernantes, están vostedes na caverna e co pau na man.
Artigo publicado este mes de xaneiro en Terra e tempo e Valminor.info |
|
|
|
Violencia institucional |
|
?Acabo de escoitar o ruído da porta
...
Avó,
fas moi ben en marchar:
aquí ninguén te quere.?
Berta Dávila, Raíz da fenda, 2013
Temos falado moitas veces sobre a violencia de xénero. Sobre este terrorismo que mata máis persoas que ningún outro. Sobre as moitas caras da violencia, a súa multiplicidade de formas, a súa transversalidade social e económica, a súa ubicuidade no espazo, a súa pervivencia no tempo. Démoslle nome ás súas diferentes formas: violencia física, psicolóxica, económica, sexual ... definímola: todo acto contra a muller que teña como resultado o sufrimento físico, sexual ou psicolóxico. Advertimos sobre as outras vítimas que sofren coa muller e polas que a muller sofre: as fillas, os fillos. A propia sociedade é vítima. Está enferma.
Está enferma porque aínda hai mulleres que non se atreven a denunciar, mulleres que acaban por considerar que ese mundo de violencia en que viven é o mundo real, é a normalidade, non hai outra forma de vivir. Está enferma porque ao redor das mulleres que sofren aínda hai xordos e cegos que non perciben o mundo de claustrofobia en que perecen. Non son quen de ver as reixas da gaiola en que son dominadas. Non sinalan os indicios e permanecen indiferentes. É difícil diagnosticar a enfermidade, decatarse de que se forma parte dese labirinto de violencia. Por iso cómpre que todos os elos da cadea extremen a súa capacidade de atención, a súa sensibilidade e sexan capaces de entender o enorme abismo que salta unha muller que denuncia e que, despois de lanzarse, permanece tempo e tempo suspendida sobre o precipicio sen saber se iniciou o camiño da liberación ou un novo calvario. É responsabilidade de todas, de todos, colocarnos do outro lado e estender a man, axudala.
Todas e cada unha das modalidades da violencia de xénero precisan de apoio institucional. E entre elas a violencia económica, unha modalidade de violencia que soamente pode ser rachada con apoio económico institucional. As mulleres teñen que ter a certeza de que se dan o paso de denunciar o seu agresor atoparán unha cobertura que lles permitirá vivir e sacar adiante os seus fillos e fillas. Mais é ese o caso hoxe por hoxe cando os recortes son o pan noso de cada día e se reduce en efectivos humanos e económicos destinados a protección das mulleres?.
O pasado mes de outubro as deputadas do BNG Tereixa Paz e Carme Adán puxeron en evidencia a situación. Tereixa Paz denunciou a redución dos recursos para políticas de igualdade nos orzamentos de 2014, incidindo na redución dos programas de protección ás mulleres, o que repercutirá na redución das denuncias. Esta denuncia do recorte orzamentario producíase despois de que Carme Adán puxese en evidencia que neste ano 2013 se reducira o número de mulleres que accedera aos recursos que existen e que isto repercutira na redución do número de denuncias. Só no primeiro semestre do ano 2013 produciuse un descenso do 25% de novos expedientes de denuncia, un 20% en ordes de protección e unha redución do 45% no acceso ao salario da liberdade que lle permite ás mulleres realizar esas denuncias.
Os números son fríos. Moi fríos. Tanto como a realidade de que hoxe ao noso lado hai mulleres que seguen sen denunciar a súa situación de maltrato porque dependen economicamente do seu agresor, e non se establecen recursos económicos suficientes para apoialas. Segundo un informe do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero que recada datos das denuncias realizadas en 2012, en Galiza un terzo das mulleres presentaron denuncia, 4788. De cada tres mulleres que coñecemos unha sofre violencia de xénero e denúnciao. Mais o recorte orzamentario da Xunta de Galiza significa xa en 2013 que máis de 1000 mulleres non denuncien. Máis de 1000 mulleres que sofren dentro das paredes da súa casa. Máis de 1000 mulleres para as que como di o manifesto elaborado por María Reimóndez para a AELG o lugar máis perigoso é o seu propio fogar. Ese que se construíu grazas a ese traballo diario que ninguén recoñece nin paga. Traballo co que o agresor foi enriquecéndose e poñendo a seu nome todo canto se acadou entre dous e agora ela, que se ve desamparada, que sabe que nada ten de seu malia levar toda a vida traballando, decide non denunciar porque non ten onde vivir, non ten con que vivir.
Máis alá da frialdade dos números e dos datos. Máis alá da frialdade da análise que nomea e define o problema, hai unha, dúas, tres, catro, cinco... moitas mulleres, demasiadas mulleres que non dan o paso de denunciar porque non atopan facilidades para facelo, e facilidades son saber que terán un apoio económico que lles permitirá seguir adiante. Tal vez esta situación mereza ser definida e nomeada, ampliando a definición xa existente:
Violencia institucional tamén é a ausencia de apoio suficiente, mediante a dotación de recursos necesarios, humanos e económicos, ás mulleres vítimas de violencia económica, feito que lles impede dar o paso necesario paso de denunciar o seu agresor.
25 de novembro de 2013.
Publicado en Terra e tempo
Poema Non é amor:
|
|
|
|
Antonio Fernández |
|
Coñezo o nome do pintor desde hai moito tempo, porque así se chama o colexio de Goián, a vila en que naceu e morreu. Mais non foi até estes días, con motivo da exposición Antonio Fernández, pintor de tres mundos organizada polo Concello de Tomiño, que vin por primeira vez algún dos seus cadros e entón fiquei profundamente abraiada. Abraiada porque coñecín un pintor dunha altísima calidade, mais que pasou completamente desapercibido para a meirande parte de nós, que nin leramos nada sobre este pintor até hoxe, nin viramos ningunha exposición sobre a súa obra. Un perfecto descoñecido, mais non por ser alguén alleo a nós ou distante.
Por iso escribo este artigo, para felicitar o concello de Tomiño por ter o acerto de declarar este 2013 ano do Pintor Antonio Fernández, instituíndo primeiro un certame de pintura e realizando despois esta magnífica exposición e ter encargado a Carlos López Bernárdez este traballo, do que temos nas mans un catálogo que nos aproxima á formación e á obra do pintor, sacándonos así da nosa ignorancia e tentando explicar o motivo polo que o nome de Antonio Fernández non acadou a altura doutros nomes de pintores galegos, cando a súa calidade é manifesta. Como nos explicaba na conferencia Antonio Fernández e a tradición da paisaxe, talvez por seguir cultivando unha estética que a mediados do século XX xa non era a predominante.
Porque nada hai máis satisfactorio que coñecerse e recoñecerse, sabermos quen somos, e descubrir que ao lado de nós existiu un pintor como Antonio Fernández. Estamos pois ante un acto de xustiza. Un acto imprescindíbel neste labor de recoñecemento da nosa identidade que aínda temos que transitar, hoxe polos camiños da pintura.
E xusto é tamén felicitar a Carlos López Bernárdez polo traballo realizado, non só neste caso concreto, montando esta exposición e preparando este catálogo, senón tamén polo seu labor para dar a coñecer a obra de pintores de noso que aínda son para nós uns perfectos descoñecidos. Porque estes días tamén se pode visitar en Ferrol outra exposición comisariada por López Bernárdez, Imeldo Corral, paisaxista das Irmandades e no catálogo desta exposición podemos ler: ?A comezos do século XX, moitos artistas galegos ven na pintura de paisaxe unha maneira de concibir a arte orientada por un proxecto de construción nacional. Así Ramón Otero Pedrayo entende que a paisaxe é o alicerce e o futuro do país e que para chegar á universalidade cómpre partirmos da galeguidade.?
Non sei se esta afirmación se pode aplicar á pintura de Antonio Fernández, coetáneo de Corral, pois Fernández viviu fóra de Galiza até 1929, con 37 anos, despois de ter partido aos 12 cara a Brasil.
Nesta colonización cultural en que vivimos hoxe por hoxe aínda, somos quen de asentir ao recoñecemento da pintura de Antonio López, do que nos falan os magacines culturais dos xornais do Estado e descoñecer que entre nós e hai xa anos existiu un pintor que supera, si, supera esa exactitude fotográfica, ofrecéndonos imaxes naturalistas, mais desta volta da nosa propia paisaxe.
Convídovos a que vos acheguedes ao Centro Goianés antes do 20 de outubro e gocedes desta exposición. Aínda que a obra de Fernández tamén se pode visitar en diferentes museos, como o de Lugo, onde está o fermoso cadro dunha muller espida en que se autoretrata o propio pintor. Eu, pola miña parte, verei se consigo visitar a de Imeldo Corral na Fundación Novacaixagalicia en Ferrol e seguirei moi atenta ao traballo de López Bernárdez porque quero saber máis da pintura de noso.
Outubro de 2013
Artigo publicado en Sermos Galiza |
|
|
|
|
|
|
|
|