acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Dálle á lingua
Adhesivo deseñado por TokioEste é o artigo que se publica na Nosa Terra desta semana, a miña forma de darlles os parabéns ás rapazas e aos rapaces dos Comités e animalos a seguir adiante. Sei que o farán. E é que nos fai moita falta.

DÁLLE Á LINGUA

Así se nomeaban as xeiras sobre a lingua galega que organizaron as rapazas e os rapaces dos Comités na Universidade de Vigo desde o 15 ao 17 de abril. Correspondeume falar de lingua e literatura o día 16 e foi un acto tan axeitado, tan necesario que quero felicitalos desde aquí e pedirlles que sigan por este camiño de futuro.
Cando comecei a miña intervención rescatei da memoria as vivencias de 25 anos atrás, cando a UVI non era universidade e unha cuadrilla de toliños demos en pór en marcha os Comités Abertos de Estudantes (CAE). Antes do 84 xa estaba a cousa algo revolta, peches en Filoloxía Xermánica por mor das inxustizas pedagóxicas, asembleas e mobilizacións para acelerar a democratización do Colexio Universitario, ou sexa, da Universidade de Santiago daquela. E cando eu cheguei a cousa seguía, e fixemos actos en prol da lingua, aínda conservo unha pegata do ano 87, ?Pola normalización lingüística. Non teñas medo, fala galego?.
Xa lles dixen que nós eramos español falantes, mozas e mozos eivados pola ditadura de herdar a nosa lingua, mais algo bulía en nós, nacía a conciencia e nos actos públicos expresabámonos en galego, malia non ser aínda a nosa lingua habitual. Despois a maioría pasamos a ser monolingues en galego. Foi a miña maneira de dicirlle a unha sala chea de mozos e mozas que hai futuro, porque xa o houbo. De unirme ás palabras de Xabier Docampo que puxo o acento na súa responsabilidade: ?agora tócavos a vós manter vivo o idioma?. E así é, eles e elas tamén o sabían, por iso foi un encontro feliz.
É a súa responsabilidade e o noso compromiso, contan con nós. Parabéns rapazas, rapaces.
Comentarios (3) - Categoría: artigos - Publicado o 23-04-2009 14:27
# Ligazón permanente a este artigo
Semana católica
foto Marta DacostaA víspera do xoves santo, sentada no Largo do Toural, en Guimarães, xustamente nese banco da foto, escribín o artigo que foi publicado en www.gznacion.com:

Guimarães, Largo da Oliveira, 6 da tarde. A un lado a igreja de Santa Maria de Oliveira, ao outro un local estraño do que sae a música a todo volume: "... primeiro de maio... unidade, unidade... unidade do povo contra o capital...". É un local pequeno cheo de faixas reivindicativas: "... menos cruces...", "Viva a revolução do 25 de avril". É un local estreito, cunha vella porta aberta para que o son se faga dono da praza de enorme beleza, a un lado a igreja e o Padrão do Salado, ao outro os antigos Paços do Concelho, e tamén unha oliveira nova que quere lembrar á vella oliveira que verdeceu no mesmo momento en que se rematou o pórtico da igreja, no ano 1342. Ao oeste da vila medieval un reloxo canta as horas e remata os seus sinais cantando á virxe María. Até alí non chegan as cancións dos operarios, a iniciativa dun tolo que quere combater con música o omnipresente poder dos sinos e os rezos católicos...

Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 14-04-2009 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
empezaron
mobilización de Galiza NovaDicía Manuel Rodrigues Lapa que ?numa simples palavra se pode resumir todo o universo?. Empregar como lema ?empezamos? envía ao receptor a mensaxe de que quen así se presenta aparece ante nós por primeira vez, que non ten traxectoria anterior. Ao tempo vén a dicir que aínda nada foi feito, que todo está pendente e que ten a capacidade de realizalo. Mais hai outro aspecto importante, a ambigüidade idiomática, de maneira que quen o emite non precisa tomar posición, será o receptor quen decida se recibe a mensaxe en galego ou en español. Palabras comúns para quedar ben con todos os posíbeis votantes. Non era pouca cousa nunha campaña que se iniciara xa en xuño de 2007, cando o partido que nos gobernará comezou repetir unha e outra vez que non estaba de acordo co Decreto do galego no ensino e que non aceptaba imposicións. Decíao o seu portavoz, Núñez Feijoo, quen, no seu día, en setembro de 2004, votara a favor do Plan Xeral de Normalización que é onde se recolle cantas materias se deben impartir en galego, exactamente as mesmas que figuran no Decreto. Si, exactamente as mesmas, porque entre o Plan Xeral apoiado polo PP e o Decreto contra o que se posicionou, non hai ningunha diferenza, para alén de cal era o partido no goberno cando un e outro se aprobaron. Xa antes da campaña o candidato empezou a dicir que derrogaría o Decreto, e despois de gañadas as eleccións, seguiu dicindo o mesmo. Así que si, empezaron, empezaron atacando a lingua, ou sexa, atacando o que somos, a nosa identidade. E para iso seguen ocultando cal é a realidade lingüística do noso país, cegos ante os datos alarmantes do Mapa Sociolingüístico que nos dá unha clara mostra da situación, porque o idioma que non goza dos mesmos dereitos e que por iso é o que está en retroceso e en perigo segue sendo o noso, o galego.

Artigo publicado en A Nosa Terra.

Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 27-03-2009 18:00
# Ligazón permanente a este artigo
Compañeiros
fotografía tomada do blog: http://www.blogoteca.com/ofalarnontencancelas/O día 9 de marzo (precisamente o día en que morreu Kollontai)estiven en dous centros de secundaria falando da cuestión feminina desde unha perspectiva literaria, desmontando personaxes como o de Ofelia, e falando dos problemas de espazo e recepción das escritoras, nomeadamente do caso de Rosalía, unha adiantada ao seu tempo, tamén nesta cuestión.

Días despois algúns alumnos trasladáronme esta pregunta: ?Algúns rapaces sentímonos directamente aludidos como responsables da situación discriminada da muller. Temos a impresión de que só temos un papel negativo e gustaríanos que nos explicaras que opinas ti. Esperamos a túa resposta...? Respondín todo o rápido que puiden, mais é unha cuestión que me parece axeitada e central, porque falamos do papel que todos temos, da importancia da toma de conciencia de todas e todos, porque cando falamos da cuestión da muller, estamos falando, nin máis, nin menos, que da nosa sociedade enferma e, por tanto, da urxencia da súa transformación.

Dicía Alexandra Kollontai por volta de 1909: ?as mulleres proletarias... non ven os homes como inimigos e opresores, pola contra, venos como compañeiros que comparten con elas a dureza do día a día e loitan ao seu carón por un futuro mellor. Tanto a muller coma o home proletarios atópanse escravizados polas mesmas condicións sociais, oprimidos polas mesmas cadeas odiosas do capitalismo que os privan das alegrías e praceres da vida. É certo que algúns aspectos específicos do sistema contemporáneo pesan o dobre na muller...?. Isto é o que subxace na resposta que lles din inmediatamente, que nos necesitamos as unhas aos outros, e que todos somos vítimas deses sistema que ten na opresión e na invisibilización da muller un dos seus síntomas principais.

Con isto non quero deixar de lado a realidade, unha realidade terríbel da que os nosos compañeiros de viaxe deben tomar consciencia e activarse contra dela, pórse tamén na primeira liña da denuncia e do combate para erradicar esta violencia que nos está matando. Aos nosos compañeiros correspóndelles estar atentos para identificar que actos son unha cruel reprodución dos estereotipos que nos relegaron a un plano escuro e rexeitalos, dialogando con nós para a necesaria construción da sociedade que todos precisamos. Mais tamén as mulleres debemos estar atentas, ao fin e ao cabo, mulleres e homes somos vítimas dunha educación social errada, que entre todos e todas debemos transformar.

Mais contamos con eles, contamos con vós, amantes e fillos, amigos e alumnos, porque as vosas mans firmes e decididas, comprometidas nesta loita que verdadeiramente é común, serán o noso mellor apoio para continuar e avanzar.

Para que quede un pouquiño máis claro, podemos botar man da palabra literaria, especialmente do capítulo ?Amor(ot)es ventureiros? de A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, un capítulo en que o amor e o entendemento aparecen como o mellor antídoto e a mellor cura para esta enfermidade social, como o mellor potenciador da valentía necesaria para enfrontar o traballo necesario.

?(Sofía) - ... denunciar unha violación tería que ser tan normal como denunciar a un tipo que che atropela un pé cunha moto... mais a meirande parte non denuncia. E a miña situación é mellor que a de moitas rapazas, téñote a ti, teño o apoio de meus pais...
(Rubén) ? Tesme a min, miña nena. Tes este caníbal en alma e corpo.?

(a foto, que é do acto do día 9, tomeina prestada do blog http://www.blogoteca.com/ofalarnontencancelas/, do IES Lagoa de Antela. O artigo está publicado en gznacion.com)
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 19-03-2009 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
Somos poucas, porén loucas!


Somos poucas, porén loucas!

E así seguiremos, si, si, si, siiiiii!

Na escola, na rúa... no papel (porque este foi o artigo que me suxeriu unha anécdota do día).

Viva o 8 de marzo... todos os días!
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 11-03-2009 22:46
# Ligazón permanente a este artigo
En pé que a nosa terra é nosa!
Do pouco que lembro das clases de Crítica literaria, está o concepto de literalidade, como calidade da obra literaria que pode ser lida a través do tempo e non perde nunca interese, enriquecéndose coas lecturas que imos facendo dela.
Porén iso non implica a descontextualizacion dun poema, nin que esquezamos os motivos que o converteron en obra escrita. E falo a propósito de Cabanillas, do seu poema "En pé!" que o outro día foi citado por Núñez Feijóo nun mitin electoral, polo mesmo candidato que sostén que derrogará o Decreto 124 que concreta que se debe impartir en galego no ensino...

A prensa recolle que Feijóo citou os catro primeiro versos do poema: "en pé, sereos, a limpa fronte erguida, envoltos na brancura da luz que cai de riba", e tamén di que pasou desapercibida a cita do poema, e claro, porque foron escollidos só estes versos orfos da palabra coa que se inicia o poema: "Irmáns!", e dos que continúan a estrofa e forman con eles un todo: "o corazón aberto a toda verba amiga, e nunha man a fouce e noutra man a oliva, ó redor da bandeira azul e branca, ó redor da bandeira de Galicia, cantémo-lo dereito á libre, nova vida!". Non foi pouco o que deixou atrás o popular, pois, verdadeiramente, os versos por el citados e os que lle seguen forman unha unidade de significado inequívoca, que, aínda que Cabanillas non poida dicírnolo da súa voz, están nas antípodas do que defende este candidato (tal vez Cabanillas se remexeu na súa tumba o sentirse así citado).

Feijóo "esqueceu" a primeira palabra do poema, e incluíu o poeta no seu discurso. Mais como é posíbel que quen hoxe promete que nos privará das escasas ferramentas que temos para normalizar o noso idioma cite ao cambadés, ao poeta máis representativo das Irmandades da Fala, outro irmán máis dos que decidiron loitar polo noso idioma e empregalo sempre e en todo lugar. Por que non cita Feijóo os versos que falan da bandeira, da fouce e da liberdade... Por que non segue lendo que a patria foi escravizada polos reis de Castela, vendida por traidores na noite da Frouxeira, que están asoballados e que "O día do Medulio con sangre quente e roxa mercámo-lo dereito a libre, honrada chouza!"... Tal vez porque non foron escritos para el, nin para outros, os versos que pechan o poema: "berremos alto e forte "¡A nosa Terra é nosa!".

Segue aquí: gznacion.
Comentarios (5) - Categoría: artigos - Publicado o 23-02-2009 16:46
# Ligazón permanente a este artigo
a póla de oliveira
flor da oliveira, da wikipedia00:00 horas do 20 de xaneiro. Hoxe Obama lerá o seu discurso de toma de posesión, no mesmo lugar en que Luther King tivo un soño. Israel abandona Gaza.

E agora?

Lembremos a póla de oliveira. Non deixemos caer da súa man, tampouco da nosa, a póla de oliveira!

Paz... e XUSTIZA para Palestina.

Aquí o artigo enteiro.
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 20-01-2009 20:31
# Ligazón permanente a este artigo
Publicar ou non
Lendo aquí e alá, dei, a través do Levantador de Minas, cuns interesantes artigos que reflexionaban sobre a necesidade de publicar e as lamentacións dos escritores e as escritoras, por veces máis ou menos narcisistas, máis ou menos pretendidamente malditos.

Entón, volvín reflexionar de novo sobre os paradoxos do (des)equilibrio literario, poñendo argumentos en cada lado dunha balanza que nunca consigo equilibrar. Porque, dalgunha maneira, todas queremos ver o noso texto nalgún tipo de soporte, mesmo quen di que non... Cheguei á conclusión de que precisamos ver o texto publicado, de que devecemos por ver a cara dos lectores, a ser posíbel de satisfacción. Hai en nós a impaciencia de vérmonos recoñecidos, de ser visíbeis... aínda que, ás veces, non deamos reparado nos límites do aceptábel. E é lexítimo, buscar recompensa a tanto esforzo.

A miña opinión sobre algunhas cousas foi mudando, se cadra porque cada vez me debo máis tempo, porque cada vez a paciencia é máis cara, e os días pasan sen que me encontre coas palabras, nin co ritmo necesario para seguir cultivando o que tanto amo. Por iso as reflexións sobre a profesionalidade foron mudando, porque cada vez teño máis necesidade de tempo e máis consciencia de que sen dedicación non é posíbel chegar até a antesala da nosa utopía privada. Mais aínda así considero os límites da profesionalidade, que é o debate seguinte: a conciliación da necesidade e das débedas, como construír o edificio da dignidade e manter a súa estrutura ao longo dos anos. Se é posíbel, e como debemos interpretalo.


Publicado en A Nosa Terra.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 03-01-2009 13:21
# Ligazón permanente a este artigo
Teoría da información
imaxe da galipediao mércores pasei a mañá lendo o xornal. Non, os xornais, comparando uns cos outros... botando fume. Por iso escribín este artigo:

"Hai tempo xa que tomei a decisión de non gastar en comprar xornais. Farteime. Ademais de discrepar da maneira en que moitas novas eran recollidas, ou de que non se publicasen novas que eu consideraba de interese, houbo momentos nos que me sentín mesmo desinformada. Si, porque é posíbel sentirse así, un exceso de información ben planificado contribúe á desinformación, ou peor, a que o destinatario se forme unha idea errada da actualidade e do contexto en que vive. Non hai mellor receita para esquivar un tema, que insistir e buscar información relacionada con outra noticia pretendidamente impactante.

..., se ... dicimos o que pensamos verbo da forma en que se presenta a información, debemos calibrar as palabras que usamos, non vaia ser que toda a profesión dos xornalistas nos pidan que rectifiquemos. E que pasa cando comprobamos que as novas que se reproducen nos xornais non se corresponden coa información emitida, ou que se lle atribúe a outros a información que unha mesma asina? Que pasa entón? A min pasoume, queixeime ao xornalista que... en ?compensación? á miña queixa... nin el, nin o medio en que traballa, volveron recoller ningunha información da que se seguiu enviando.

Cousas veredes."

Aquí completo.
Comentarios (3) - Categoría: artigos - Publicado o 26-12-2008 17:56
# Ligazón permanente a este artigo
A compresa nosa de cada mes
Con este título "infrecuente" enviei a miña colaboración deste mes a Gznacion.com. Todo comezou coa nota de prensa que reproduzo ao lado e que me fixo pensar en todo no que digo no artigo.

Só me faltou unha cousa, moi importante, e é o que recolle a propia noticia, unha mostra máis da consideración que os temas relacionados coa muller seguen tendo, pois como explicamos que as compresas teñan o mesmo ive ca un produto de luxo?

En fin... Dirán que me dedico ás anécdotas, e si, así é, e ademais esaxero, seino, mais falo de anécdotas que son síntomas, neste caso dunha efermidade xa moi longa.
Comentarios (5) - Categoría: artigos - Publicado o 05-11-2008 16:39
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0