acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Poesía de verdade
Leo a introdución con que Guojian Chen abre a súa antoloxía sobre a poesía chinesa, feita coa intención de que as curiosas que habitamos, ao noso pesar, este mundo globalizado e andamos día tras día tentando emular a velocidade da luz poidamos ter unha idea da poesía chinesa, parella do que pode ser o coñecemento dun neno de 10 anos naquel país, onde os pais lle aprenden aos nenos poemas de memoria.

Desde logo non é suficiente, mais é un pequeno parche para esta fame imposíbel de satisfacer, que agora anda ás voltas co oriental.

Gozo da lectura da introdución, gozo moito, até sorrío, ou río, mentres leo sobre a extremada importancia da poesía chinesa. Non lles preocupa aos chineses que este sexa o seu xénero literario por excelencia, non están preocupados pola posición da novela na súa literatura, din alto e claro que a poesía é a máxima expresión desa cultura oriental. Vaia, coma os galegos.

Leo máis e aprendo que a poesía en China ten unha enorme divulgación (como aquí!), versos son os poemas que cantan nas tabernas, as inscricións nas paredes dos santuarios ou das oficinas de correos... A poesía está sempre na vida dese pobo que con cinco anos aprende poemas de Li Bai, un poeta que caligrafiou os seus versos hai mil trescentos anos e segue a ser un dos poetas esenciais das súas letras.

Tan presente está que chegou ser requisito nas oposicións oficiais durante séculos desde o reinado de Wu Zhetian (684-704). E penso eu, canto ben nos faría que no acceso á función pública houbese unha proba eliminatoria que consistise en recitar debidamente os versos de Aires da miña terra ou Follas novas, redactar un texto sobre os motivos que levaron a Curros e Castro a escribir tan importantes libros, ou reflexionar sobre os motivos da épica de Pondal. Só por citar o imprescindíbel.

"... Quen desexaba entrar no estrato dos gobernantes do Estado, tiña que coñecer ben a poesía e ser poeta ou polo menos versificador ...". Pois claro, ou como se pode gobernar este país de noso, esta terra vella, sen ser quen de comprender a desesperada autocrítica dos versos de Manuel Antonio, fomos ficando sós, ...As nosas soidades veñen de tan lonxe ...Pero tamén sabemos a manobra dos navíos que fondean a sotavento dunha singradura.

E deste xeito vimos a saber como a poesía chega formar parte non só dos discursos políticos, senón mesmo dos informes de traballo e dos documentos gobernativos. E penso eu, que nada sería máis axeitado que no seu día a Lei de Normalización Lingüística viñese introducida polo fermosísimo Lingua proletaria do meu pobo, para que no seu artigo 1 puidésemos dicir, con toda a autoridade da poesía: falámola por que si, porque nos gusta e queremos, porque nos dá a gana.
Xa coñecía os versos de Mao, a pegada neles de Confucio, e agora sei que confucionismo, budismo e taoísmo son influencias fulcrais na poesía chinesa. E en Confucio bebeu Mao das augas da realidade que se unían ás augas da poesía, facendo dos versos bandeiras coas que erguer a voz e os brazos pola terra máis amada. E penso nos poemas máis fermosos que un día cantamos, co corazón na boca, berrando malia a censura e ausencia de liberdade de expresión: Non podemos durmir anque a canseira nos peche o corazón, ollos e mente. Temos que espertar. E nesta xeira berrarlle a todo o mundo, a toda a xente: "!Estamos enterrados entre nebras, estamos afogados entre prantos! Temos que basoirar tódalas tebras, sepultar os arrepíos e os espantos!

Tan lonxe e tan preto. A verdade da poesía é a nosa verdade. Nós tamén debemos memorizar os versos que logo pintaremos en todos os muros e fachadas: Galiza somos nós, o pobo e máis a fala.


Artigo publicado en www.gznacion.com
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 30-09-2009 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
QUEREMOS GALEGO!

QUEREMOS GALEGO!
QUEREMOS GALEGO!
QUEREMOS GALEGO!
QUEREMOS GALEGO!
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 18-09-2009 19:35
# Ligazón permanente a este artigo
Galega?
Celda 211. O Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia fotográfase orgulloso ao lado de Luís Tosar, protagonista do filme. O Conselleiro viaxa a Venezia, á mostra, para acompañar a presentación do filme, para demostrar o apoio institucional galego. Posa orgulloso e satisfeito no fotocol veneciano. Celda 211 está financiada en parte pola Compañía da Radio Televisión de Galicia, é dicir, con diñeiro público galego. O director é galego. Varios actores son galegos. Mais se procuramos información sobre a película veremos que a ficha di: película española baseada nunha novela de Pérez Gandul quen narra un motín nun cárcere sevillano e que foi rodada nun cárcere de Zamora.
A Tele galega presume da súa participación no filme, chámalle ?película galega? (tamén é certo que hai que xustificar a inversión). En Tele 5 informan da grande acollida da película española en Venezia, falan de Luís Tosar, de Alberto Ammann, de Antonio Resines, emiten imaxes, non informan de quen é ese home de traxe gris ou azul que sorrí mostrando todos os dentes ao lado de Luís Tosar. Só algunhas galegas sabemos que é o Conselleiro que nos representa. En Tele 5 non contan que a película ten financiamento de diñeiro público galego. Na Primeira falan do Festival, dos filmes que obtiveron máis recoñecemento, non falan de Celda 211. Mágoa, porque parece que é unha magnífica historia.
Outra vez o mesmo de sempre. Seguimos na nora da confusión. Cómo é posíbel? Até un adolescente entende a situación e á hora do xantar, cando escoita na Galega iso de ?película galega?, pregúntalle aos seus pais se no noso país imos poder ver a película en galego, porque iso é o que nos queda para preguntar, se a imos ver en galego, se despois de pagala imos poder vela no noso idioma. Os pais non responden, tal vez porque están pensando que a nora da confusión volve ser movida polo mesmo burro de sempre (con perdón para o burro, nobre animal onde os haxa), e que outra vez nos dan gato por lebre e nos falan dunha película galega cando non o é, porque se o for expresaríase no idioma de noso, presentaríase ao mundo como tal, e non é así, só hai que ler a prensa, ver a tele, navegar pola rede e comprobar como se recensiona o filme.
E chegar así á pregunta final, é este o modelo de cultura galega que pretende fomentar o Conselleiro Varela en nome da Xunta de Galicia?
Por favor, non respondan.


Este é o artigo enviado a A Nosa Terra.
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 11-09-2009 14:52
# Ligazón permanente a este artigo
?... A tea dos teus soños non se move?
De wikipedia: estatua de Penélope no VaticanoDicíao Díaz Castro: ?Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move.?
Levamos meses dando pasos atrás, meses escoitando a palabra austeridade, meses falando de redución do gasto por mor da crise, meses en que se retiraron axudas económicas estratéxicas como as destinadas aos programas de inmersión en lingua galega en centros de Infantil ou a gratuidade dos libros de texto. Foron deseñando un paquete de medidas para reducir alí onde os seus principios ideolóxicos esixen: agrupamentos en Infantil e Primaria para reducir profesorado e gasto en centros educativos, aínda que os nenos e as nenas non caiban nas aulas, incremento do horario lectivo nas EOI para poder reducir profesorado, etc.
Aforran en ensino público, pois para eles non cómpre que todos teñamos as mesmas oportunidades, nada de igualdade, un ideal trasnoitado do século XVIII. Na economía neoliberal e ultraconservadora impera a selección natural da capacidade económica, se tes medios poderás chegar a algo e, se non, a nutrir as masas de peóns non cualificados tan necesarias para manter os beneficios duns poucos privilexiados, que procurarán que cada día gañen menos e traballen máis, segundo o vello método da alienación eficaz para someter a aqueles que son máis en número e que non precisan saber ?de máis?, nin cultivar o pensamento crítico e, por suposto, nada de afección á lectura, que hai moito intelectual por aí sementando en papel unha concienciación que non precisan.
Están no poder para manter o seu status quo, esa é a súa maneira de gobernar. Por iso adoptan as medidas necesarias para que esta sociedade sexa á súa imaxe e semellanza como volver conceder subvención a centros privados que segregan o alumnado por sexos (Monte Castelo, Las Acacias, Aloya...), e por iso procuran erradicar calquera imaxe do pasado: así os mandilóns e imaxe corporativa das Galescolas... E claro, ao falar deste ?desfacer a tea de Penélope?, xa non nos lembramos da austeridade, nin da redución do gasto por mor da crise, neste caso non haberá problema para dotar orzamentariamente e como é debido esa nova imaxe, e para isto si, para contratar a vaia vostede saber que empresas que terán o lucrativo negocio de remodelar a imaxe corporativa, igual que para financiar os colexios que segregan por sexo, para iso si, para iso vai haber orzamento. Para os libros de texto non, para mandar a nena a ?Las Acacias? si. Para a compra de libros á Asociación Galega de Editores non, para Galicia Bilingüe si. Para a tradución á nosa lingua non (eles que din que si, que están coa promoción do galego...), mais para os bancos de formigón do Gaiás (de máis de 9000 euros algúns), ou para cinceiros e losetas, para iso si, e antes falaban dos audis... (e a min que me dá que non hai o mesmo ensañamento agora coas losetas que antes houbo coas neveiras e cos iates?... Debe ser cousa miña).
En fin. Eu volvo á poesía e, como me corresponde por xeración, á deconstrución dos mitos herdados, así que síntoo, mais
?eu son Penélope
e rexeito teas e fíos
non vou agardar
?.


Artigo publicado en gznacion.com
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 18-08-2009 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
Un minuto para lembrar

Por motivos que non veñen ao caso, ando estes días a ler A cidade e os días, calendario histórico de Vigo, de Xosé María Álvarez Blázquez. Gozo da lectura e, ao tempo, non fago máis que pensar na importancia daquela sección que antes víamos con maior frecuencia na prensa escrita, as efemérides, unha boa escusa para lembrar cada día un episodio da nosa historia máis recente ou afastada.
As efemérides de Álvarez Blázquez son un verdadeiro regalo, pois o autor non se limita a consignar brevemente o acontecido ese día senón que se estende todo o necesario e o posíbel sobre aqueles episodios que merece a pena lembrar. E non só iso, Álvarez Blázquez realiza efemérides históricas, ou sexa, pescuda na historia de Vigo, apréndenos a historia da cidade. Así que da satisfacción inicial de saber que o convento de Santa Marta, que forma parte da paisaxe da miña infancia, foi hospital dos franceses durante a invasión de principios do XIX, un hospital asistido polos franciscanos que aproveitaban para lle roubar aos feridos as armas e distribuílas aos resistentes, colaborando así na reconquista, paso á pensar unha e outra vez que somos uns ignorantes na nosa propia historia. Cando camiñamos as rúas da cidade e lemos Luís Taboada, Policarpo Sanz ou Velázquez Moreno descoñecemos que esa rúa, Luís Taboada, leva ese nome desde 1904 en homenaxe ao escritor de crónicas humorísticas moi seguidas a mediados do XIX; que o 26 de agosto de 1890 se leu o testamento de Policarpo Sanz, quen legou todas as súas posesións á cidade: unha colección de pinturas e fondos para a construción do instituto Santa Irene e un hospital da caridade, cun departamento para ?paridas pobres?; ou que Velázquez Moreno foi o construtor do primeiro teatro vigués, en 1832, na Praza da Princesa, fronte ao antigo Concello. As efemérides permítennos saber que o Teatro Rosalía de Castro, hoxe Auditorio do Centro cultural Caixanova, foi inaugurado o 15 de xullo de 1900, ao cumprirse quince anos do pasamento da nosa escritora e na súa homenaxe, homenaxe que hoxe desapareceu da memoria das xeracións máis novas que xa non saben que ese centro cultural fora un teatro e tiña ese nome, cousas do capitalismo, que restaura ao seu xeito e nos borra a memoria.
Por Álvarez Bázquez sabemos que, tal día coma hoxe, 29 de xullo de 1677, iniciábanse as obras da Igrexa da ?antiga vila de Valadares a expensas do célebre bispo de Oviedo e Inquisidor xeral, D. Diego Sarmiento de Valadares? de ilustre nome que nos lembra que a casa de Valadares estivo emparentada cos Sarmiento. E, de paso, podemos lembrar que esta parroquia deu nome ao Terzo de Valadares, fundado o ?12 de xullo de 1643 por Don Fernando de Valadares y Sarmiento. As súas tropas estaban integradas exclusivamente por xentes de Vigo e a súa comarca.? E tivo ?actuacións moi destacadas nas guerras de Portugal e Flandres?.
En fin, que as efemérides son como un nobelo polo que ir tirando aos poucos, en diferentes direccións, de distinto xeito, mais sempre para un mesmo pouso, sabermos un pouco máis de nós, alimentar a nosa memoria cos pasos que viñemos dando, tan aos poucos, e que nos traen ao día de hoxe, pasos que nos explican e nos advirten sobre determinados camiños a seguir.
Falo de Vigo, falo de Álvarez Bláquez para reivindicar un oco para a historia de noso, unhas poucas liñas que baixo o pretexto do que sucedeu hoxe nos iluminen e nos constrúan.

29 de xullo.
Galiza
1936: El progreso de Lugo publica que o pasado domingo 26 de xullo, ás catro da madrugada, Julio Sas Barroso e Tomás Fuentes Velo, de vintesete e vinteoito anos respectivamente, ambos os dous veciños de Betanzos foron fusilados polo Exército. Opuxéranse ao Exército na estrada de Betanzos a Ferrol. Ese mesmo día ingresou na cadea de Betanzos Tomás López Da Torre, alcalde pola Fronte Popular e Deputado provincial.
1961: morre en Santiago Aquilino Iglesia Alvariño autor de Cómaros Verdes, entre outros poemarios, primeiro libro de poesía editado en galego despois da guerra.
2005: iníciase o goberno de PSOE e BNG coa toma de posesión de Emilio Pérez Touriño, despois de 16 anos de goberno do Partido Popular.

Mundo:
1966: en Arxentina tivo lugar a "noite dos bastóns longos", foi durante o goberno do ditador Onganía, en que a policía agrediu a estudantes e profesores dalgunhas facultades da Universidad de Buenos Aires, dando lugar a numerosas renuncias de docentes.

Marta Dacosta, 29 de xullo de 2009.

Artigo publicado en www.gznacion.com

(imaxe: incendio do Teatro Rosalía Castro en 1910, imaxe tomada da páxina: http://www.udc.es/dep/com/ingles/barbon/barbon.html)
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 29-07-2009 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
Vermello
Camiñei as rúas de Estambul, cheirei os aromas da cociña, comprendín a Sekure, escoitei o difícil equilibrio das conversas co seu pai, diálogos correctos en que cada un di o que o outro agarda que diga, mais é quen de comprender que son outros os seus desexos. Comprobo a distancia entre o que dita a moral e o que se desexa, estou dentro dun mundo co que nada teño que ver e vou entendendo como se entretecen os seus fíos, mentres asisto a un debate de fondo de se hai límites para a capacidade creadora do ser humano e se o ollo humano pode emular a visión de Deus. Os ilustradores debátense entre seguir fielmente a tradición dos antigos mestres que situaban todos os obxectos ao mesmo nivel ou imitar os occidentais introducindo a perspectiva e o realismo na pintura, algo que aínda convertía esta arte nun pecado maior, xa que o Corán prohibe a ilustración. Entrei nunha historia absolutamente local e concreta, mais que na súa concreción é unha parábola universal sobre a capacidade de creación, ou sobre os límites que os humanos nos autoimpoñemos en nome da relixión. Así que cando lía ?Chámome vermello? de Orhan Pamuk non podía deixar de pensar en Castelao, naquelas palabras súas: ?Somentes preservando as nosas enerxías autóctonas, a nosa capacidade creadora, é como poderemos contribuír á civilización universal incorporando a ela as nosas tradicións inéditas.? Aceptamos a Pamuk como un escritor universal e lemos, traducida, a súa historia local, que nada ten que ver con nós, mais que nos ensina que só sendo nós mesmos, reflexionando sobre a nosa identidade, chegaremos a todos e estaremos no mundo.

Este foi o artigo desta semana en A Nosa Terra.
Comentarios (3) - Categoría: artigos - Publicado o 17-07-2009 20:36
# Ligazón permanente a este artigo
Cordinalidade para os mansos
As palabras son para comunicarnos, existen para que poidamos compartir os nosos pensamentos, sentimentos, necesidades... Porén moitas veces esas mesmas palabras contribúen a levantar entre nós un muro de incomunicación, ou son empregadas para manipular a realidade desvirtuando os feitos obxectivos, convencernos de que as cousas son diferentes a como nós as vemos e crear para todos unha realidade que se axusta ás directrices de quen nos quere dirixir nunha determinada dirección.

"Cordial" é un adxectivo que pasou a ocupar o lugar central do actual discurso do goberno, cada vez que escoitamos unhas declaracións, escoitamos a palabra cordial, e eu pregúntome, canto de hipócrita ou de cínico hai no emprego desta palabra? Tal vez quen a empregue estea usando simplemente un sinónimo de amábel, no dicionario, e queira dicirnos que cordial é facer as cousas, falar e pensar como el pensa, fala e actúa.

Sempre que escoito esta palabra penso na súa etimoloxía, pois cordial significa, etimoloxicamente, "de corazón". E canto de cordial hai na actuación de quen nos fala de cordialidade?

...

A conclusión vai ser que a cordialidade, ou para sermos exactos e falar con precisión, a mansedume é para que a practiquemos nós, mentres eles aplican a súa vara de medir e desandan o avanzado.

Esta sociedade asimétrica en que vivimos, é un pouco máis asimétrica e desigual cada día que pasa. A loita do Metal de Pontevedra é a demostración da realidade que estamos a vivir. Porque non estamos só ante unha loita laboral, non estamos só ante a demanda de negociación dun convenio, estamos ante un pulso social en que o sistema, facendo uso outra vez dunha crise económica que eles crearon, quere reprimir e afogar o dereito a termos unhas mellores condicións laborais e procura manternos suxeitos á cadea dun salario indigno e alienante que acaba por obrigarnos a traballar por riba das oito horas e a ser incapaces de revolvernos contra a inxustiza cando chegamos a casa cansos ou accidentados.

Mais hoxe rematamos o camiño a Compostela e non renunciamos a camiñar un día "por terra liberada".


O artigo completo está en www.gznacion.com
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 01-07-2009 15:12
# Ligazón permanente a este artigo
Como a terra
foto Marta DacostaAnda o tempo revolto. Pasamos da calor máis intensa a un ceo escamento que sabemos acabará por descargar nunha intensa treboada, nunha arroiada sen límete que varrerá a terra seca na que morreron as árbores que con traballo chantamos meses atrás. Mentres o tempo non deu en mudar dunha semana a outra, as vacas ceibas arrincaron os gromos e iso malia os enganos dos peches rechamantes polos que triparon sen consideración. Así que miramos cara ao ceo e ficamos desolados, tanto esforzo, tanta dedicación e outra vez as inclemencias e a desconsideración esboroaron o plan seguido para recuperar o monte.

Falo de feitos tanxíbeis, mais que na súa realidade son a alegoría perfecta para falar destes meses que seguiron a marzo, deste vendaval que até me leva as palabras, deste gando salvaxe que tripa por riba de nós, con licencia para destruír canto atopa por diante, como unha máquina programada para facer desaparecer no menor tempo posíbel calquera pequena herba que poida ser un sinal de recuperación ou de existencia. Porque xuño teima en abalarnos unha e outra vez: eliminan a demostración do coñecemento do noso idioma nas licenzas por estudos, rebuscan nas fórmulas legais para suprimir a obrigatoriedade dunha proba en galego no acceso á función pública, inician o proceso de derrogación do Decreto que recolle que polo menos o 50% das materias no ensino deben ser impartidas en galego, as galescolas deixan de selo e o goberno, despois de impoñernos a súa opinión contra a lingua, prohíbenos aos docentes que digamos o que pensamos desta tramposa consulta sen garantías. Alguén pensará que chove... mais non, mexan por nós. E por se non bastase, veñen as coincidencias e Carlos Callón ten que declarar porque un xuíz presentou denuncia contra el por ter apoiado o dereito dun cidadán que reclamara ser atendido en galego pola xustiza.

Entón penso que sentimos que nos golpean coma a vara que contra a cerdeira vai e vén facendo que caia por terra o froito da árbore que teimosamente se mantén en pé. Mais eu quero berrar que, malia a vara que nos abala, o gando que nos tripa e devora e a seca e as treboadas que só poden destruírnos, nós, coma esta terra, estamos aquí e seguimos, volveremos dar os froitos que alimentarán aos pardais e agromaremos de novo, coa chuvia maina, mentres a raíces se cravan na terra e o tronco medra, resistente ás adversidades.

Porque como a terra, que unha e outra vez é extremadamente xenerosa, a nosa loita prende e esperta ás follas durmidas. E así comprobamos como pouco a pouco somos máis, máis voces que se unen e que declaran que amamos esta lingua e que faremos o necesario para que as nosas fillas, as nosas netas, bisnetas e tataranetas sigan portando no seu ADN mitocondrial esta arela común, esta lingua que nos identifica e que nos fai máis fortes. Porque queremos merecer a nosa terra...

O galego que non fala
a lingua da súa terra,
non sabe o que ten de seu
nin é merecente dela.

(Victoriano Taibo)

Este é o artigo que vai no A Nosa Terra desta semana (versión reudicida) e no gznacion.
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 18-06-2009 17:35
# Ligazón permanente a este artigo
Apropiándonos do noso idioma propio.


Tiñamos unha cita co noso idioma propio.
Entón non importou que a chuvia xa anunciase,
mentres abría o día, a segura presenza que, ao longo das horas,
tería canda nós na cita necesaria.
Así que camiñamos, con tempo, cara ao norte,
alá onde a pedra garda as voces de nós todos,
nese lugar de estrelas do que nos apropiamos,
unha vez e máis outra, por sempre no futuro.

Entón, como era a data, a voz do Conselleiro,
de Cultura, acompaña a viaxe(informativos das 10),
e soubemos así, dun feito nunca visto, a gran modernidade
que para nós reserva. Volveu asegurarnos que promocionará
a cultura, a Valle e a Torrente, tal vez a José Cela,
e por que non abrirnos a terras estranxeiras,
representar aquí a Hamlet in english, naturally,
convidando a Royal Shakespeare Company,
con subtítulos en galego. Entón imaxinei,
descúlpenme a broma, a Kenneth Branagh coa caveira na man,
nese momento intenso, to be or not to be,
mentres das bambolinas xorde un bailarín esvelto,
portando con estilo un cartel ben visíbel,
que para nós traduce: ser ou non ser, aínda esa é a cuestión.

E xa en Compostela deixamos aos máis novos,
na fronte desa marcha de miles e milleiros.
Alba e Aldán, Paula e Ana, apropiáronse da lingua,
como sempre se apropian, porque a queren e a aman
e porque lles é propia, e ían reclamando que así lles siga sendo.
Todos apropiándonos do noso idioma propio,
mentres no extremo oposto, en Láncara o presidente,
apropiábase tamén do ideario de Piñeiro.

E eu digo como Callón berraba na Quintana,
aprópiese tamén do noso idioma propio, cordialmente se quere.
Porque,
señoras e señores que van a gobernarnos,
cordialmente,
sexan bilingües:
fálennos en galego.

Este é o artigo publicado esta semana en A Nosa Terra e gznacion.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 22-05-2009 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
a crise, a gripe e o capitalismo feroz
... estamos entón tan cegos e enfermos como as personaxes de Ensaio sobre a cegueira, e así continuaremos, cada vez máis enfermos e máis cegos, máis agresivos entre nós, máis destrutivos coa nosa contorna... Estamos lonxe da curación, dese día en que poderemos volver ver porque aprendemos a ver, a ver a razón das cousas, as causas reais que nos traen a este delirio, cando tomemos conciencia de que debemos mudar este sistema, transformar este mundo.

Así remata o artigo "A crise, a gripe e o capitalismo feroz", publicado en www.gznacion.com
Comentarios (4) - Categoría: artigos - Publicado o 05-05-2009 16:49
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0