acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Adeus a Saramago


Onte despediuse definitivamente.

Quédannos as súas palabras, palabras coma estas, necesarias:

Não direi:
Que o silêncio me sufoca e amordaça.
Calado estou, calado ficarei,
Pois que a língua que falo é de outra raça.

Palavras consumidas se acumulam,
Se represam, cisterna de águas mortas,
Ácidas mágoas em limos transformadas,
Vaza de fundo em que há raízes tortas.

Não direi:
Que nem sequer o esforço de as dizer merecem,
Palavras que não digam quanto sei
Neste retiro em que me não conhecem.

Nem só lodos se arrastam, nem só lamas,
Nem só animais bóiam, mortos, medos,
Túrgidos frutos em cachos se entrelaçam
No negro poço de onde sobem dedos.

Só direi,
Crispadamente recolhido e mudo,
Que quem se cala quando me calei
Não poderá morrer sem dizer tudo
.


"Poema à boca fechada", Os poemas possíveis, 1981
Comentarios (5) - Categoría: Xeral - Publicado o 19-06-2010 11:42
# Ligazón permanente a este artigo
O mar entra na Academia
Foto do fondo documental da AELG?Os galegos somos coma os salmóns. Se queremos buscar as nosas augas puras e primixenias e seguirmos sendo coma nós mesmos, se queremos sobrevivir, sermos fieis á nosa identidade, temos que deixar o ancho mar do castelán e impulsarnos contra corrente, polos cursos estreitos e doces, río arriba, polos nosos ríos galegos, con perigo de topeñar nalgún penedo, ou de sermos comidos por algún oso no camiño.?

Así comezaba o discurso de ingreso na Academia Galega de Bernardino Graña. As veciñas e os veciños de Cangas, e todas e todos os que desexamos acompañar a Bernardino neste momento trascendental para todos e todas nós, puxémonos en pé para mostrarlle ao poeta o orgullo de sentírmonos representadas e representados a través dos seus versos na institución que un día crearon os nosos antecesores.

Non era sen tempo. Era de xustiza. Bernardino ocupa a cadeira que lle corresponde e canda el entraron todo o sal do mar, as maragotas, os arroaces, o gato da tasca mariñeira, as chalanas da ría de Vigo e as mulleres contadoras de historias.

Bernardino falounos dos contos, da importancia da literatura oral que ?é realmente un produto popular, creado polas mulleres de Galicia (tamén polos homes)...? e a través da comprobación do carácter internacional desa literatura que sobreviviu ao longo dos séculos salvando con ela á lingua e ao propio pobo, levounos até o Conto gallego de Rosalía, para afirmar rotundamente, contradicindo a Carballo Calero, que o Conto Gallego si é un conto feminista, digno de Rosalía.

Parabéns querido e admirado Bernardino Graña.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-06-2010 11:50
# Ligazón permanente a este artigo
destinataria perdida
O sábado recibín este correo:
"Ola Marta, chámome Kalina e entre eu e os meus compañeiros estamos escribindo un blog sobre diferentes autores. Unha pregunta, un tanto rara poderás dicir, pero é a miña dubida, é a seguinte: Onde foi o lugar mais extraño ou extravagante onde escribiche?"

Pois ben, traio aquí este correo porque aínda que escribín e enviei a resposta, non debeu chegar á súa destinataria, xa que veu de volta, sinal de que o correo que me chegou contiña algún erro.

Así que, deixo aquí aquela resposta, para Kalina ou para quen interesar:

"Non sei se a resposta á túa pregunta é exactamente un lugar ou máis ben unha situación:

Lembro dúas:

Un dos poemas de Setembro, o que fala da estirpe da femia mutilada, foi escrito, máis ben, foi imaxinado e memorizado, mentres ía pola rúa camiño do supermercado, para cumprir con labores domésticos necesarios.

Noutra ocasión precisei de que o copiloto botase man de papel e bolígrafo para ditarlle o poema que estaba asaltándome na cabeza, tamén é un poema que está publicado, mais agora non lembro onde.

As dúas situacións son moi habituais para min, por iso levo sempre comigo unha libretiña ou, nesta era dos achados técnicos, conecto a gravadora do móbil."

E é así, cantas veces teño que parar e gravar (confeso que aínda quería que fosen algunhas máis...)
Comentarios (3) - Categoría: Xeral - Publicado o 07-06-2010 20:35
# Ligazón permanente a este artigo
A escritora na súa terra: Marilar Aleixandre

Onte homenaxeamos a Marilar Aleixandre na súa terra, Compostela. Así que, onde estará o parque Marilar Aleixandre, xusto por fronte do campus sur da universidade, nunha rúa que agora chaman de Barcelona, mais no lugar que desde que as galegas poboaron Compostela recibiu o nome de Leiroas, está erguido o chanto (con este nome quere Marilar que denominemos aquela laxe vertical) en que un poema seu fala da cidade: esa cidade que debe manter as ?parediñas? de pedra, teimar na súa forma granítica, elemento esencial da súa identidade.

Ao lado, o abruñeiro, elixido por Marilar por ser unha árbore ventureira que aínda ocupa o seu lugar no monte, lonxe das serras mecánicas que derraman os valados ancestrais para substituílos por globalizadores muros de cemento. Un abruñeiro que xa portaba pequenos e agres froitos, ameixas silvestres que deixarán fonda pegada nas nosas bocas.

Foi unha fermosísima homenaxe. E Marilar meréceo. Todos os discursos: o de Cesáreo Sánchez, presidente da Asociación de Escritores, o de Mercedes Queixas, a secretaria, a fermosísima e esclarecedora laudatio de Ana Romaní, que nos falou do ollo de vidro violeta de Marilar, e que dixo, con toda claridade: ?non falo de poesía de muller, falo de feminismo? foron uns magníficos discursos. E, por suposto, o discurso final de Marilar, no que nos explicou por que gallou a lingua para escribir, por que elixiu Compostela, unha cidade inventada, como realizou unha inmersión total en Toba, Cee, da que saíu con esta lingua que nos regala en cada libro, ou como e por que en 1974 ela, que naceu en Madrid cun billete de metro nos dentes, de pai andaluz e nai valenciana, comezou un día dar as súas clases de ciencia en galego. Fermosas palabras as súas, fermosas tamén para lembrarlle ao alcalde de Compostela, presente, que alí onde as rúas hoxe seguen un trazado rectilíneo e se chaman de Barcelona ou de Bilbao, hai máis de douscentos microtopónimos que agora sobreviven nunha listaxe de papel.

Fermoso día.

Parabéns Marilar Aleixandre.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 06-06-2010 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
17 de maio
Este 17 de maio foi intenso e longo, con moitos traballos, xa desde primeira hora na Galega, falando da saúde da lingua:

agalega.info - Videos das noticias dos informativos da TVG


Logo veu a nosa nova demostración de canto amamos e como estamos dispostos a defendelo, enchendo unha vez máis o Obradoiro.



E para rematar a tarde en Serra de Outes entregando os premios do XIV Premnio Francisco Añón de poesía. Extraordinario ver a todos aqueles mozos e mozas lendo os seus poemas, sabendo que veñen con forza, como diría Novoneira.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-05-2010 08:31
# Ligazón permanente a este artigo
A faciana do blog
Hoxe, anda esta xanela na edición dixital de A Nosa Terra, concretamente na sección: A faciana do blog.

Comeza así:

Que é 'Acuática'?

É un blog froito dunha arroutada e dunha reflexión. Levaba tempo lendo moitos blogs e cadernos na rede con distintos enfoques e un día tomei a decisión de facer o meu propio para visibilizar o meu traballo literario. Acuática é unha parcela feita exclusivamente para o meu traballo literario. Persoalmente considerei oportuno ter unha xanela, que é como defino o meu blog, na que poder mostrar algúns dos meus textos, opinións sobre literatura e lingüística, colocar os meus artigos e falar dos libros que leo e que me gustan. O blog tamén me permite almacenar cousas na rede: para min é como unha especie de hucha ou baúl da memoria para non esquecer as cousas. É unha memoria electrónica.

Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-04-2010 14:56
# Ligazón permanente a este artigo
Cea das letras 2010
Onte foi a Cea das Letras. Todos os anos a Asociación de Escritores (AELG) organiza este acto destinado a premiar os mellores libros do ano anterior en diferentes modalidades. Onte foron varios os premiados, desde o aplaudidísimo Agustín Fernández Paz, até Manuel Rivas que nos relatou, entre outras, unha anécdota dos seus primeiros tempos cando unha muller ao ser preguntada pola súa valoración da Lei do Aborto, respondeu: ?Eu non son de aquí, que vin comprar uns zapatos?.

Unha das premiadas, en poesía, foi Luz Pozo, que onte á noite recibía o segundo premio por Deter o día cunha flor, xa que horas antes recibira o Premio da Crítica. Se debese quedar cunha soa parte da entrega de premios de onte, quedo coas súas palabras emotivas e atinadísimas. Luz Pozo expresou relatándonos os dous soños que onte tivera, coa súa nai e con Eduardo Moreiras, canto amor temos pola nosa terra e polo noso idioma.

O idioma estivo moi presente, como non podía ser doutro xeito. O noso presidente, Cesáreo Sánchez, falou do compromiso das escritoras e os escritores coa lingua e da nosa entrega inequívoca e definitiva ao seu engrandecemento e defensa.

Mais había un momento da noite especialmente emotivo para min. A homenaxe ás diferentes directivas que desde o ano 80 levaron adiante os traballos da AELG, pois son xa 30 anos. Os e as secretarias xerais, vicepresidentes e vicepresidentas e os presidentes (a familia de Avilés e de Uxío nos seus casos) representáronnos alí, e un emocionado Bernardino Graña falou en nome de todos, lembrando aqueles primeiros anos.

Farteime de aplaudir, porque era a maneira que eu tiña de expresar a miña emoción. Con case todos eles compartín ilusións e horas baixas, porque aínda era presidente Uxío Novoneyra cando eu entrei na Directiva da AELG, o que debeu ser incluso antes de 1998, aínda que xa non o lembro. O certo é que a AELG é xa unha parte importante da miña vida, por iso e porque é a casa que a todos nos acolle, deséxolle longa vida, longa e fructífera vida.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2010 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
Historias tricolores


O sábado da semana pasada asistín ao espectáculo de Cándido Pazó no Auditorio de Goián. A sala estaba abarrotada, e houbo quen quedou de pé (falamos dun auditorio que pode acoller 500 persoas ou máis).

Cándido Pazó representou a súa obra con absoluta habelencia. Manexou o ritmo do espectáculo á perfección e neste manexo radica unha das virtudes do espectáculo, un espectáculo en que, entre risa e risa, imos analizando un período terríbel. Pazó soubo dosificar os momentos de humor, de poesía e de traxedia, conducíndonos a un aplauso final en que nos puxemos de pé, para manifestarlle a nosa admiración polo seu dominio da escena.

Representaba Historias Tricolores, unha obra moi seria. Unha obra que todos e todas debemos ver. Unha obra da que, aos saír da sala, non deixabamos de comentar a súa grandeza.

Así que, cando me comentaron que, no seu paso por Gondomar, a obra só congregou a uns 25 asistentes (Pazó dirixiuse ao distinguido público, nunca mellor dito, porque era perfectamente distinguíbel), fiquei desolada.

Que pasa en Gondomar para que o Auditorio Lois Tobío non ocupe as súas 400 butacas? Por que soamente en catro ou cinco ocasións o auditorio fixo pleno? Unha desas ocasión foi este venres, coa actuación de Rober Bodegas. Onde está a diferencia? Posibelmente no poder da televisión, non é o mesmo saír en La Sexta e anunciar Estrella Galicia ca traballar na TVG de cando en vez. Porque a narración de Bodegas non resiste a comparación co espectáculo de Pazó. Malia ter sido entretida, foi excesivamente longa e fácil nos seus recursos humorísticos.

Eu asistín para comparar, para comprobar a calidade do noso teatro, con figuras excelentes como Cándido Pazó, e o noso papanatismo, guiándonos por unha cultura de masas que nos manexa ao seu antollo. Cómpre rebelarse.
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-03-2010 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
En prol do noso idioma

Hoxe estivemos en Compostela. O luns estamos convocadas e convocados a concentrarnos en varias vilas e cidades. Alí estaremos:

POLA NOSA LINGUA, NIN UN PASO ATRÁS!

Lembrade, o luns 15 ás 20 horas.

(imaxe de M.V., A Nosa Terra)
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-03-2010 18:06
# Ligazón permanente a este artigo
Lectura do manifesto en homenaxe de Rosalía
O pasado 24, día de Rosalía, lemos un manifesto na súa homenaxe en seis lugares do noso país: A Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Pontevedra e Vigo. Nesta cidade demos lectura ao manifesto Agustín Fernández Paz, Xosé M. Alvarez Cáccamo e eu mesma, como vedes na foto do Faro de Vigo (de J. De Arcos). Carme Kruckenberg, que ía estar tamén, non puido finalmente acompañarnos.

Foi outra ocasión para alzar a nosa voz contra os que unha e outra vez nos negan e teiman e ocultarnos.

Do manifesto:
"Nestes días para nós escuros, Rosalía, lembrámoste unha e outra vez. Os nosos ollos percorren infatigábeis os teus versos, de onte a hoxe, e a memoria rescata da súa entraña retallos de poemas que palpitan nas nosas veas e percorren o noso corpo todo. E preguntámonos se este frío imposíbel que se instala na nosa pel é o mesmo frío que ti sentiches ante os que teñen fama de honrados na vila, aqueles que, amparados hoxe no mandato estatutario que lles foi outorgado para promoveren a cultura galega e a defenderen fronte ás agresións, utilízano contra todo o que ti significas, minusvalorando a herdanza túa e todo o que de noso achan ao seu paso aqueles que non entenden non todo o que somos e o que significamos.
...
Os que hoxe nos negan, como a ti te negaron ao longo de tanto tempo, son da estirpe dos que te alcumaron de chorona, mixiriqueira e trastornada por sombras de incerteza, dos que ocultaron o xenio do teu verso construíndoche unha imaxe distorsionada para afastarnos da exactitude das túas palabras, co único obxectivo de impediren que o teu verbo incendiase a nosa vontade e a luz dos teus versos abrise ventás de claridade no noso coñecemento. Deformábante para ocultarte, mentían, como nos seguen a mentir hoxe para destruíren a nosa cerna e esborrallaren a espiral de conciencia que ti iniciaches un día, con ese atrevemento histórico que foi un verdadeiro contrato de xustiza co pobo de noso e co futuro.?
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2010 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
[1] ... [7] [8] [9] 10 [11] [12] [13] ... [26]
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0