|
|
|
|
Día da poesía |
|
Para celebrar o día da poesía Xardín desordenado convídanos ás 20:30h no Museo Verbum (Vigo)a un concerto - recital no que tamén estaremos Xosé María Alvarez Cáccamo, María Lado e eu mesma, recitando algúns poemas propios.
Xardín desordenado naceu no outono de 2008 co obxecto de promover a poesía galega, e así naceu o primeiro disco, con 16 poemas doutros tantos autores.
Os seus integrantes son: Santiago Ferragud, Marlene Rodrigues, Isaac Garabatos, David Outumuro e Blas Segura.
Asegúrovos que a súa música agranda os poemas.
Moi recomendábel. |
|
|
|
Día de Rosalía |
|
24 de febreiro. Hai 175 anos nacía Rosalía de Castro. Desde hai uns anos a AELG vén reivindicando que esta data forme parte dos calendario como Día de Rosalía. Para este ano propón agasallar un libro e unha flor, ademais de realizar actos conmemorativos de lectura da súa obra.
Esta tarde estarei en Vigo, ás 19:30 no Marco, lendo o manifesto elaborado para esta data.
Deixo aquí un poema-resposta a outro poema de Rosalía (o poema "Adeus" de Follas Novas), un texto co que remataba o Roteiro literario por Compostela que guiei este ano durante o festival dos abrazos.
?Cando volver, se volvo, tod'estará ond'estaba,
Os mesmos montes negros y as mesmas alboradas
D'o Sar e d'o Sarela, mirandose n'as auguas,
Os mesmos verdes campos, as mesmas torres pardas,
D'a catredal severa, olland'as lontananzas:?
E si
todo está onde estaba, os montes aínda negros,
as mesmas alboradas sobre os muíños secos
e cansos do Sarela. O mesmo aire severo
da catedral que segue mandando en terra e ceo
Mais xa non tantos campos, nin tan verdes vexo,
e a túa lingua, a nosa, ai, esa si!, desprézana os mesmos.
|
|
|
|
Homenaxe a Eliseo Alonso |
|
 Este sábado 22 de outubro, participei en Vilanova de Cerveira na homenaxe organizada polo Filminho en honra de Eliseo Alonso. O acto foi aberto por Helena Pousa que fixo un percorrido pola vida e a obra poética do autor, falando a continuación a súa filla Alicia Alonso, que ofreceu unha visión máis próxima.
Logo comezou o recital. Eu, que non coñecín a Eliseo Alonso, agradecín a realización do acto porque, como persoa e como escritora, valoro como moi importante a difusión e profundización na obra dos autores de noso, moi especialmente naqueles territorios onde viven os que compartiron tempo con el, ou os que sentiron falar da súa presenza.
Outros participantes falaron da súa relación con Eliseo, ?Saito?, ou dalgunha anécdota da súa biografía. Esperanza Vázquez interpretou varias pezas musicais a partir de poemas do autor, o que foi para min unha auténtica revelación.
Gustei do acto, no que Helena reivindicou un día das letras para Eliseo Alonso, como medio de recoñecemento do autor e de difusión da súa obra. Saín de alí, da Porta XIII en Vilanova de Cerveira, coa intención de procurar os libros que na casa hai de E.A., como el dicía, e reler os seus poemas.
Velaquí o poema que lin:
BOLBORETAS NOS RECENDOS DAS LEMBRANZAS
Perdín ese puñado de tempo das miñas primaveras nesa primixenia condición espacial
De ledo e alongado tecedor de séculos
Afinando o ouvido e sentindo as marés dos meus días orfo
A miña alma salgada en bágoas de irtos mananciais
Estrearía abraiados sentimentos.
A norte fora perante moitos anos unha ausencia inexplicable,
Un loito súpeto que saía a ferver
Daquelas tinallas de tintura negra que revolvían mulleres silandeiras.
Esmagado en min,
Eu era un fuxido dos días e das xentes,
Un eixo de mágoas
Que buscaba axuda nas cousas máis humildes:
Os cortizos das abellas, o lene acougo da almuíña,
A arboreda runxidora plantada por meu pai,
Ou, ou,os arrolos do pombal
Ou o xirri-xirri da paxuriña verde nas maceiras.
Gridos de agarimo e dor enchían de adeuses feridores
Outras resoates harmonías mozas
Que me daban consolo na surrisa de pedra daquela muller soedosa
Que puxeran nun esquecido sartego da igrexa vella
E que polas tardiñas me quería dicir algo
Desas mortes que son perdidas bolboretas nos recendos das lembranzas
Das namoradas que un día se foron cara a un nunca.
|
|
|
|
Vítimas do franquismo |
|
Busco na prensa, non atopo información do pequeno, mais emotivo acto de onte, en Baredo, outra vez na Volta dos nove.
Todos os anos, o Instituto de Estudos Miñoranos lembra aqueles feitos. Nunha volta da estrada que une Baiona coa Guarda, no lugar chamado da Bombardeira, por mor do ruído do mar cando choca contra as rochas da costa, está o monumento realizado por Fernando Casás. Do outro lado da estrada, por tras da malla de aramio que impede o desprendemento do monte, seguen as nove cruces que lembran aos nove asasinados.
Onte Carlos Méixome dixo que precisamos saber os nomes, os nomes da vítimas ás que hai que rescatar dos lugares en que foron ocultadas, os nomes dos vitimarios que as masacraron, os nomes dos salvadores, entón, o día que coñezamos todos os nomes deixaremos de estar na memoria, entón estaremos na historia.
Neste momento o IEM está colaborando na exhumación das cinco vítimas enterradas no cemiterio de San Pedro de Grandal en Pontedeume, entre elas o avó de Francisco Rodríguez, e pouco a pouco irán saíndo os resultados.
Aqueles ósos por fin poderán descansar onde os seus familiares decidan, onde todas e todos saiban que están.
Aquí podedes ver algunha foto do acto. |
|
|
|
VI Ciclo Escritoras/es na Universidade |
|
 Alguén podería pensar que son dúas novas diferentes, e non, trátase do mesmo acontecemento: a inaurguración do VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, desta volta baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise
Na foto, a información publicada o día 7 de outubro en Atlántico Diario. E aquí a información do gabinete da Xunta, en que desaparece a representante da AELG e non se fala propiamente do acto.
Actualización do día 12 de outubro:
Está publicada a miña intervención na web da Asociación de Escritoras e Escritores, podedes ler aquí o que dixen. |
|
|
|
Teatro e poesía de Cunqueiro |
|
"Benvidos a Elsinor, señores! Aquí en Elsinor todo temos pechado por mor do vento. Non hai no mundo lugar máis venteado que Elsinor. Todo ten que estar dentro: a xente, o gado, o xardín. I é por culpa do vento irado. A naide lle prace sair de Elsinor con tanto vento fora, semellante a un grande exército oubeador que cercase Elsinor por toda unha longa noite. Por eso os de Elsinor somos xente de pálida pel. Quen sae ao campo en Elsinor?"
Lera a Cunqueiro, Merlín e familia, Se o vello Simbad... e outros textos, mais foi o teatro o que máis me chamou do autor. Non lembro que foi primeiro se a contemplación de A noite vai coma un río, no Teatro García Barbón, interpretada pola magnífica María Barcala, ou a interpretación do coro, naquel ano 1988, no Teatro Principal de Compostela.
Desde entón non me desapeguei do inicio do Hamlet, destas palabras que abrían a obra e que debía pronunciar coa voz rota dunha muller anciá, dobrada sobre un bastón que denunicaba a miña idade e os meus achaques.
É un tempo que lembro con moito agarimo, polos bos ratos pasados nas aulas de Filoloxía primeiro e nun escenario do Campus despois, mentres ensaiabamos a obra que foi a primeira representada polo acabado de nacer Grupo de Teatro de Filoloxía Galega.
Gardo moitos amigos de entón. Tamén a admiración polo texto teatral que xa non se separaría de min, deixándome ese contrariado sentimento sobre Hamlet do que algunha vez teño falado.
O texto volveu a min o pasado venres, desta volta nas voces de Non si teatro, a quen presentamos, Rexina Vega e máis eu, no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, no acto de homenaxe a Cunqueiro organizado polo IEM.
É curiosa a vida. Enrédase como unha maraña de redes. Con Xina e outros colegas de aulas iamos en 1984/85 a un baixo de Chapela ensaiar escenas puramente improvisadas... Xa entón quixeramos pór andar un grupo, unha aula de teatro, no vello Colexio Universitario de Vigo.
O teatro sempre presente, alí, mentres recitabamnos a Cunqueiro.
|
|
|
|
canteiros e arquitectos |
|
Este día 17 asistín á xeira que sobre Antonio Palacios organizou o IEM en Nigrán. Fomos convocados en Panxón, onde visitamos o templo votivo do mar e escoitamos una interesante charla de Xosé Ramón Iglesias que nos ilustrou, non só sobre a obra de Palacios, senón tamén sobre a arquitectura da súa época, principios do século XX. Entón, arquitectos como Palacios e Gómez Román realizaban unha arquitectura marcadamente galega dando protagonismo aos materiais do país e á arte que definiu as nosas paisaxes humanas: o románico e o barroco galego.
Os deseños e as ideas destes arquitectos fixéronos realidade os canteiros galegos cos seus ciceles e marretas? Na charla descubrín que, case con total seguridade, o meu avó, o canteiro Aurelio Dacosta Alonso, máis coñecido como o Pisco, de Matamá, traballou para e con Gómez Román, concretamente na construción dalgunha das casas da zona de Peniche, en Vigo.
O meu avó morreu de silicose, como tantos canteiros, como o escultor Francisco Asorey. Di o seu fillo que facía as súas obras seguindo un plano mental. Das dúas pezas que conservamos del na casa, eu herdei esta escultura, que por ser unha muller atada a un poste sempre identifiquei con Xoana de Arco? Non sei que representa, ninguén o sabe, nin para que foi feita, mais é parte do legado familiar dun home que coas súas mans edificou unha cidade da que quedan poucas testemuñas do que un día foi.
|
|
|
|
habitar en paz este planeta |
|
O sábado fomos ao cine. Esa mañá escoitamos un comentario sobre ?A orixe do Planeta dos Simios? que facía o filme apetecíbel, e nós xa tiñamos algo de gañas de velo. Así que para combater a poalla de agosto alá fomos.
A película non ten nada de particular. Moita publicidade e nada máis. Mais o que me interesaba dela, o que me gustou, foi o debate que propicia, a reflexión. Tanto O planeta dos Simios como esta nova entrega permítennos dialogar sobre a supremacía da especie humana e a súa falta de respecto a outras especies, especies que teñen os mesmos dereitos de habitar en paz este planeta.
Creo que o que máis me gusta destas dúas películas é que cambian os papeis, é dicir, que nos sitúan a nós no papel da especie subordinada, secundaria, menos intelixente, utilizábel, por tanto, para a escravitude ou a experimentación científica. É dicir, ponnos na pel dos outros, unha das miñas tácticas favoritas para comprender as dimensións da realidade.
O outro día lin no Quercus de agosto o artigo "La poesía del conocimiento" de Martínez-Abraín, que reflexionaba sobre que o coñecemento científico é tamén un coñecemento poético que preserva a maxia da realidade, mais tamén dicía que nos permitía comprender que estamos en pé de igualdade con outras especies.
E todo isto vén a conto estes días, para situármonos, aínda que sexa coa imaxinación, tras a pancarta inspirada nas palabras de Castelao: ?Lástima de bois!?
O artigo de Martínez-Abraín fixo que escribise un poema. O tema levábao dentro. Algunha vez xa falara diso. Calquera pequeno pretexto fai que volva a el. Curiosamente comprobo na rede que o autor do artigo de Quercus, o biólogo Martínez-Abraín é tamén poeta. Traduzo un poema seu
CRECER
Podería morrer mañá
e ter vivido unha vida de cans,
co meu único corazón mordido,
co meu único cerebro atado.
Prométovos
vísceras e órganos meus
que morreredes medrando e libres,
como a ondas do mar.
|
|
|
|
O xurado |
|
Creo que aínda non vira esta película de 2003, ?Runaway jury?, ?O xurado? segundo a versión para o español. Interesante crítica contra o armamentismo a través da manipulación dun xurado popular durante un xuízo. O filme está baseado na novela do mesmo nome. Gocei a película de principio á fin, momento no que descubrimos a razón que leva a Nicholas Easter, interpretado por John Cusack, a tentar manipular ese xurado.
Non esquecerei (e para iso a escribo aquí) esa escena no aseo en que Dustin Hoffman (interpreta a Wendell Rorh , o avogado da demandante contra a industria armamentística) lle di a Gene Hackman (un dos avogados da empresa): ?un día perderá, porque non pode albergar tanta soberbia sen ser infeliz.?
|
|
|
|
O roubo do códice |
|
É unha vergonza o que sucedeu hoxe.
Un códice de tal valor non pode estar nesas condicións. Para cando o Arquivo nacional galego? Para cando o noso patrimonio nas nosas propias mans?
Cheguei sentirme mal esta mañá. Ao fin e ao cabo, cando pensei en dedicarme á investigación comecei por estudar a sintaxe da lingua galega medieval nos Miragres de Santiago, cunha tesiña lida en 1992 no Salón de Graos da Faculdade de Filoloxía. |
|
|
|
|
|
|
|
|