|
|
|
|
Balada das costureiras esquecidas |
|
 Hai algúns anos, pedíronme un poema para conmemorar o 8 de marzo, unha data necesarísima. Eu escribín este poema, sen saber que un día acabaría, si, por ser unha balada na voz de Carmen Penim.
Tentei coser con fíos ou fragmentos de memoria un cobertor que nos dese calor para vencer o silencio, esa lastra que nos derruba despois da agresión. Así que ganduxei mitos, personaxes e anacos de realidade e naceu este texto, que non é unha historia concreta, porque quere ser manta feita por nosoutras para abrigarnos.
Agardo que axiña poidamos escoitar esta Balada e outras na voz de Carmen Penim. |
|
|
|
Día de Rosalía 2016 |
|
 |
|
|
|
2016 |
|

|
|
|
|
2016 |
|

|
|
|
|
Versos desde o Sáhara: |
|

Moncho Boán propúxome levar á nosa lingua algúns versos de poetas saharauís, para incluír nun caderno do Sermos Galiza. Foi así como preparei unha pequena escolma de oito voces, un pouco a cegas, mais procurando que o resultado fose o máis polifónico posíbel. E polo que o Moncho Boán consultou despois nos propios Campos de Refuxiados do Sáhara, parece que non errei de todo na selección.
Dicía eu na introdución que preparei e que non puiden evitar que fose algo ?densa? (como dicir moitas cousas en pouco espazo?): ?O conflito do Sáhara está presente nas súas poéticas, mesmo cando estas son profundamente intimistas?. Talvez por iso elixín un breve poema para pechar a selección, un poema de Nanna Labat Rachid:
Saúdos Zammur
Bailamos a pesar das feridas
e o teu saúdo acariña as miñas meixelas
e os abrazos rescátanme da miña febre.
Esta autora, é xustamente unha das que se expresa na lingua propia das xentes do Sáhara: hasanía, e en árabe. Así que accedemos á súa obra a través do francés.
No ano 2008, a editorial L?Harmattan de París publica o libro A pluma prisioneira. No prefacio podemos ler estas palabras de Georges Jean: ?Esta maneira de ver a realidade que emana dos novos creadores, dá lugar a unha innovación literaria que se desmarca das habituais creacións relacionadas coa vida nómada autárquica, para tratar a cuestión da liberdade política e a invención dunha creatividade propia do mundo moderno.?
Nese libro podemos ler este poema:
O día do meu aniversario
coincide coa invasión marroquí
do Sahara Occidental?
E a miña vida está consagrada ao servizo
do meu país espoliado.
Traducir poesía é para min unha forma de aprendizaxe: de poéticas distantes que non só agrandan o noso coñecemento, senón que mesmo nos permiten achegarnos á nosa literatura con maior obxectividade, e da propia lingua, por máis que non queira distanciarme do texto orixinal.
Por iso procuro, de cando en vez, realizar exercicios de tradución. A pesar dos erros que cometo. Disculpádemos.
|
|
|
|
O escritor na súa terra: Xosé María Álvarez Cáccamo |
|
Na memoria da lectora hai libros que perduran, ancorados ás imaxes do tempo que ordenaron. Libros que nos volven ao cuarto da moza adolescente e recuperan a luz que chegaba da ría. Libros como miliarios que marcan o camiño que nos trouxo ao presente e gardan as palabras coas que nos construímos.
No ano 87 están chantados ?Arquitecturas de cinza? e "Luminoso lugar de abatimento" e a memoria devólveme lendo os poemas unha e outra vez, volvendo ao inicio do libro cando estaba rematado, querendo alterar a orde dos andeis por facer máis vistosos aqueles volumes.
Foron os primeiros títulos de Xosé María Álvarez Cáccamo que lin, o aviso para que reparase nos futuros.
En 1990 topei coas ?aparencias entrando nas cámaras obscuras?, eu, tan pouco avisada, que non reparara en que, en estando Xavier Seoane no tribunal de oposicións, podería ter entre os textos a analizar este poema que fora por el comentado. Lino mil veces aquel día, e despois, o seu primeiro verso gravouse para sempre na memoria.
E así foi que, cando publiquei o meu primeiro libro, quixen ter dous lectores sobre todo, Bernardino Graña, a quen recorrín para o prólogo, e Xosé María Álvarez Cáccamo, a quen enviei un libro por correo postal.
Cando lía ?Arquitecturas de cinza? e "Luminoso lugar de abatimento", non podía imaxinar a onde me levaría a vida. Mais hoxe estou aquí, despois de compartir libros, polémicas e consellos directivos da AELG, moitos versos. Por iso hoxe irei á homenaxe coas miñas ?Arquitecturas de cinza?, para pedirlle a Pepe que deixe unha palabras nun dos libros que me descubriu a súa arte poética.
|
|
|
|
Encontro coa poesía de Thamizhachi Thangapandian |
|
(foto feita por María Reimóndez e publicada por Apiario)
O pasado 11 de abril, Apiario e Implicadas organizaron un obradoiro coa poeta támil Thamizhachi Thangapandian, a súa proposta era: "unha xornada de traballo e intercambio arredor da palabra e a imaxe como fíos conductores entre linguas e culturas."
Foi unha xornada moi produtiva, especialmente pola oportunidade de coñecer a poeta támil e escoitar e ler algúns dos seus poemas.
Foron varios os retos que nos propuxeron. O primeiro foi presentarnos. Thamizhachi leu un poema seu como presentación, un poema que recollía imaxes esenciais que nos remitían ao contexto cultural támil.
Na casa da familia política
Os soños de
cociñar
no lume do gas
van e veñen
cada
día de verán
amasando
bosta.
(tradución de María Reimóndez)
Entón tocounos a nós. Eu pensei que palabra podía definirme e situarme no meu país e na miña cultura, dando conta de que é o que me inflúe. Esa palabra foi "marusía", na única acepción que ten para min: "cheiro do mar e do argazo" e construín este poema:
FORMIGÓN e ladrillo
a cuarta parede
contra a marusía
todo o demais
aparencia de memoria
e xogar ás agachadas
coas palabras
que resistiron
Na páxina de Implicadas pode lerse algún outro poema de Thamizhachi, como este titulado "Lenda de muller" en tradución de Mugaiyur Asadha e María Reimóndez.
Ramón Nicolás publica no seu Caderno da Crítica unha entrevista que nos permite achegarnos ao pensamento de Thamizhachi Thangapandian.
Moitas grazas a Apiario e Implicadas por este encontro. |
|
|
|
Agradecida |
|

Sorprendida e agradecida.
Finalistas dos premios AELG 2015.
Parabéns a todas e todos. E sorte! |
|
|
|
Poesía |
|
"A poesía move sen esforzo o ceo e a terra", Ki no Tsurayuki, Kokinshuu, 905, Kioto.
"Hai quen coñeza
a morada do vento
que derruba flores?
Até ela eu iría
deste pesar queixarme."
Sosei, Kokinshuu, 905, Kioto
Kokinshuu: colección de 1.111 poemas xaponeses antigos e modernos realizada polo poeta Ki no Tsurayuki no ano 905, tras o encargo realizado polo emperador Daigo. Trátase fundamentalmente da estrofa ?tanka? que, durante os séculos VIII-IX, foi desprazada polo gusto pola poesía chinesa, mais que no s. X recuperou a súa vitalidade. Nese momento se produce a compilación. Este tipo de poema é o antecesor do ?renga?(s. XV) e este por súa vez do ?haiku?(s XVII).
O prólogo a esta obra escrito por Ki no Tsurayuki é o primeiro ensaio crítico da poesía xaponesa.
Leo o poema de Sosei e vén á miña memoria outro poema, escrito 1050 anos despois, e tras atravesar séculos escuros:
?Mans de vidro e de nube,
vento amigo,
medra no teu lecer a moradía.?
Avilés de Taramancos, As moradías do vento, 1955, A Coruña.
21 de marzo de 2015, Día mundial da poesía.
|
|
|
|
Feira do libro de Nigrán |
|
Este ano celébrase a Feira do libro de Nigrán e alí estarei, primeiro nunha mesa redonda e logo coa presentación dos libros. |
|
|
|
|
|
|
|
|