|
|
|
|
Clubs de lectura con Na casa da avoa |
|

Os días 28 e 29 de maio estou convidada a dous clubs de lectura para falarmos de Na casa da avoa.
Será o Club de lectura feminista da CIG-Vigo, o día 28, e o Club de lectura do CEIP Carlos Casares, en Vilariño, Nigrán, o 29.
Será un pracer falar de poesía e escoitar as lectoras.
Na imaxe os dous libros recentes. Na casa da avoa, editado en marzo de 2017 e Labirinto ou memoria, editado este mes. Recollen case todo, case todo o que vin escribindo desde o ano 2013. Son fillos do mesmo tempo, mais, nacidos en partos diferentes, só teñen en común a distancia, como dous irmáns que exhiben, ou non, os distintos matices de que están feitas as feridas.
Agora, eu son filla de Medea
a nena morta para o pai
(Na casa da avoa, 2017)
por iso teño o patio cheo de baldes
baldes grandes e pequenos
que fun deixando ao redor do pozo
en cada lance un balde
un retallo de memoria
(Labirinto ou memoria, 2018) |
|
|
|
Recensión no Caderno da crítica |
|
Neste mes de marzo, Ramón Nicolás recollía no seu Caderno da crítica unha recensión de Na casa da avoa.
Como sempre, agradecida ás súas palabras:
"Non sei se en Gondomar ou nalgunha presentación atopei a Marta Dacosta. Discreta de seu non me preguntou nada sobre o seu último libro, cando ben podía despois de coñecernos hai máis de trinta anos; si, trinta. Fun eu quen sacou o tema: extraviárao durante uns meses e non o puidera ler. ...
Dacosta partilla o fondal da memoria -memoria sempre crítica, memoria proletaria e rebelde- e sitúanos nunhas coordenadas simbólicas que, dalgún xeito, agromaran en anteriores volumes seus ... Mais, talvez a diferenza con outras entregas, a voz de Dacosta amósase desposuída de posibles ocultamentos, isto é, sincera, directa e mesmo espida, polo que tamén se achega á estética da corporeidade e do seu tratamento secularmente estereotipado, na literatura e maisn a sociedade.
Un berro, esteticamente brillante, contra a dominación da muller a través dunha voz que reclama outra ollada, sempre belixerante e combativa, a ese ?tecer e destecer? tan citado neste libro que, por fin, reencontrei."
|
|
|
|
Recomenda autoras |
|
 Na páxina Palabra de Gatsby, Sandra Queiruga recomenda, entre outros, Na casa da avoa.
Feliz! |
|
|
|
En Radio Cornellá |
|
 Na casa a avoa chega a Radio Cornellá da man de Tamara Andrés.No programa Sempre En Galicia: "Falaremos dalgunhas lecturas do 2017, de relacións entre Galicia e Cataluña e tamén de novidades editoriais."
Agradecida! |
|
|
|
Entre os mellores libros de poesía de 2017 |
|
 As lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias seleccionaron Na casa da avoa como un dos 10 mellores libros de poesía do ano 2017.
Moitas grazas! |
|
|
|
Lecturafilia: mellores lecturas de 2017 |
|
 Lecturafilia selecciona e publica as que considera as mellores lectuas de 2017. Entre elas está Na casa da avoa.
Non podo máis que sentirme agradecida por figurar nesa selección e ler de novo as palabras que Tensy Gesteira lle dedica ao meu libro:
"No caso de Na casa da avoa, recoméndovolo moito, pois é poesía feminista e combativa, cun cariz político evidente e que nos leva a presentarnos moitos debates ao redor de cales foron as nosas crenzas e o mundo en que crecimos." |
|
|
|
Recensión en Ferradura en tránsito |
|
No blog Ferradura en tránsito, Xosé Manuel Eyré fai unha recensión de Na Casa da avoa:
"Nun mundo dominado polo sexo masculino, Marta Dacosta no seu último poemario reivindica a voz das mulleres,...
Os seus versos dialogan con frecuencia co mundo icónico de autores decoñecidos ou coñecidos, como caso de Maurice MacGonigal, Ruth Matilda Anderson, María Calderelly, Millais, Henrietta Rae ou Luís Seoane, autoras e autores que reflectiron o mundo das mulleres e/ou foron rupturistas con respecto á arte da súa época...
A avoa representa a loita xorda contra a invisibilidade, a foza de traballo e de tesón,...
Despois de tantos anos de loita feminina, esta ten certo parecido co míto de Penépole, tecer e destecer. E non o dicimos por todos os dereitos que a sociedade vai perdendo. Certamente, despois de tantos anos a muller vive máis dignamente, aquela que loita pola dignidade de ser muller, mais por cada unha que loita hai dez que aínda seguen vivindo no silencio, que aceptan sen discusión o rol que lles foi transmitido, por canto podemos dicir que destecen. Tecer e destecer, ese é o medo. De aí o valor e o poder da palabra libre, do verso ceibe de Marta Dacosta, da súa reivindicación. Porque sempre nos será necesario o exemplo, e o exemplo sempre será máis valioso se é de alguén próximo, os mitos está moi ben, mais o exemplo de quen camiña contigo cóbado con cóbado é imprecindíbel, impagábel."
Nunha entrada posterior do blog, Xosé M. Eyré escolma tres poemas.
Moi agradecida.
|
|
|
|
Presentación de |
|
 Este martes 12 de setembro, ás 19:00 horas, no Centro de Documentación Feminista Centro de Documentación e Recursos Feministas, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, presentaremos "Na casa da avoa".
Se gustades, estou á vosa disposición.
Quedades convidadas e convidados. |
|
|
|
#EstouEstupenda #Flashmobliteraria #Engalego |
|
 Anna Ashbless ideou, promoveu e executou un fanzine virtual: #EstouEstupenda #Flashmobliteraria #Engalego
Convidoume a participar nesta reflexión colectiva sobre o noso corpo, e así de marabilloso quedou este poema de Na casa da avoa, con imaxe de Diego Seixo.
|
|
|
|
Mural de Viki Rivadulla |
|
 Viki Rivadulla faime este agasallo marabilloso. Os pequenos versos de Na casa da avoa poñendo palabras ao seu fermosísimo mural e ao lado dos versos do gran Paco Souto. Fico sen palabras.
Grazas! |
|
|
|
|
|
|
|
|