Deixo aquí o enlace co artigo de análise da obra literaria de Taibo recollido no monográfico sobre o autor, un número especial da Revista de Edtudos Miñoráns, REM, de 2008.
A imaxe recolleuse nun album do Consello da Cultura Galega, en 2016, e nela vemos a Taibo e á súa muller diante da escola vella de Morgadáns, nunha casa que, se non erro, aínda está en p`´e no barrio de Gonda.
O domingo 30 de outubro, o IEM presentou en Gondomar o libro de Victoriano Taibo: Contos pequenos.
Foi no Auditorio Lois Tobío coa presenxa da familia do autor e numeroso público.
Este é o texto que escribín para realizar a presentación do acto:
Acto de presentación de CONTOS PEQUENOS
?Xa loce e escentilea o sol da fala vernácula, esparexendo as tebras?
"a fala propia, o noso verbo diferenciador, herdo sagro e milagreiro no qu?o povo galego vertéu e moldeóu o seu espírito, ô mesmo tempo que acomodaba o linguaxe a maneira de ser da súa alma, ..., para convertila na nosa forza anímica e xeneratriz, o choer nela o pulo creador do noso intelecto e dos nosos afectos, e dar nela o noso corazón e o noso pensamento trocado en doces sons e suaves armonías.."
Victoriano Taibo, discurso de ingreso na RAG, 15 de outubro de 1948
Boa tarde, en nome do IEM benvidas e benvidos, moitas grazas pola vosa presenza.
Acaba de interpretar para vós Paco Barreiro o conto Para quen cantou o cucorrei?un dos contos dos que hoxe falaremos.
Unha vez máis Victoriano Taibo reúnenos en Gondomar, hoxe para presentar a edición do seu manuscrito Contos Pequenos. Mais comecemos como el querería que fixeramos, lembrando que esta presentación realízase no ano en que celebramos o centenario das Irmandades da Fala, ás que el pertenceu desde o primeiro momento, a fundación da Irmandade da Coruña o 18/05/1916. Taibo participou tamén da fundación da Irmandade de Santiago, da que foi secretario e anos máis tarde promoveu a creación da Irmandade Nacionalista de Ortigueira. Foi ademais asinante do Manifesto da I Asemblea nacionalista de Lugo en 1918. É dicir, integrante e promotor dun momento fundamental na historia de Galiza.
A nosa lingua, a que el definiu como ?herdo sagro e milagreiro no qu?o povo galego vertéu e moldeóu o seu espírito? foi para Taibo a cuestión fulcral, talvez por iso, sempre estivo disposto a cultivala, e non só escribindo libros que logo serían publicados ou non, senón mesmo acudindo aos chamados dos amigos que lle pedían un poema para festexar a comuñón da filla, unha felicitación de Nadal ou coma neste caso, escribindo un conxunto de textos que denominou Contos pequenos e que foron escritos para ser agasallados á familia Beiras Cal, coa finalidade de que tivesen algo que lle ler aos seus fillos na lingua de noso. Era o ano 1955, certamente non había libros para os máis novos como hoxe hai. Aqueles contos estaban dedicados ao meniño Hixinio Ultreia e naceron directamente da tradición oral.
O IEM presenta hoxe, na súa versión orixinal, este conxunto de relatos. Faino por medio dunha edición facsímile, é dicir copia exacta da edición realizada no seu día, acompañada de catro breves estudos elaborados por outros tantos autores: Hixinio Beiras Cal, o pequeno ao que lle dedicaron os contos. Camiño Noia Catedrática Lingua e Literatura galegas na Universidade de Vigo e estudosa dos contos de tradición oral, Gonzalo Navaza profesor da UVigo e coautor do Diccionario Xerais, entre outras obras e Xesús Alonso Montero, presidente da RAG.
Hixinio Beiras Cal fala dos seus recordos daquela época; Camiño Noia Campos analiza os contos contextualizados no folclore internacional; Gonzalo Navaza Blanco estuda o léxico e as expresións; e Xesús Alonso Montero realiza a ecdótica e historia externa do manuscrito. Esta edición conta tamén cunha versión actualizada ao estándar normativo actual e conta cun vocabulario, coas palabras que, sendo galegas, non se atopan no dicionario da RAG. A finalidade desta adaptación ao estándar actual é facilitar a lectura do manuscrito e axudar a que sirva como libro de lectura para cativos en idade escolar, libro de lectura que por certo está ilustrado por Fino Lorenzo, autor tamén da caixa en que se presenta esta edición.
Este volume, concibido como unha unidade, desmémbrase en tres libros que poden ser lidos independentemente, facilitándolle ao lector o uso que desexe facer: a edición facsímile, o conxunto de artigos sobre os contos e os contos propiamente ditos en versión actualizada.
Para o IEM este acto de hoxe insírese na campaña ?Un día para Taibo?. En que consiste esta campaña? Pois en pór os vimbios para que un día non moi afastado celebremos o Día das letras dedicado a Vitoriano Taibo. Cómpre dicir que dentro desta campaña o Concello de Gondomar xa iniciou o expedente para nomear a Taibo Fillo adoptivo de Gondomar.
O mestre de Guillufe ten méritos abondo, pola súa obra que abrangue varios xéneros literarios, e que o fixo que fora recoñecido como un dos autores principais do seu tempo. Polo seu compromiso e o seu estudo da lingua e mesmo polo lugar que ten na historia da nosa nación, xa falamos da súa participación nas Irmandades da Fala, ao que podemos engadir que participou na formulación dun ensino galego. Ou que tras a guerra civil foi expedientado e desterrado pola grave acusación de ser galeguista. Mais mantivo os seus ideais e seguiu empregando e defendendo a nosa lingua. Porque como din os seus versos do libro A vella roseira: o galego que non fala / na lingua da súa terra / nin sabe o que ten de seu / nin é merecente dela.
A lingua foi o combustíbel que moveu o seu corazón, ?a nosa forza anímica e xeneratriz? nas súas palabras, por iso, desde o IEM, desde Gondomar, reclamamos un día das letras para Victoriano Taibo.
Hoxe, grazas á música e ás voces, especialmente ás voces novas dos nenos e nenas, a nosa lingua brillou na coidada prosa de Taibo, e creo que para esta xornada é acaída unha das frases que refulxe no seu discurso de ingreso na RAG do ano 1948: Xa loce e escentilea o sol da fala vernácula, esparexendo as tebras.
Entre o alumnado que puxo voz aos seus contos, están pequenas e pequenos do CEIP Neira Vilas que son de Morgadáns, a mesma parroquia en que Taibo foi mestre. Por iso quero sinalar que unha das palabras que utilizaron no seu relato O lagarto e mailo sapo, concretamente: ?apolou?, é unha palabra que o mestre reoclleu na súa parroquia de Morgadáns. Taibo fixo un meritorio labor de recollida de palabras que non figuraban nos dicionarios e deulles vida incluíndoas nos seus textos, que logo completaba con léxicos en que fixaba estas palabras, o seu significado e a súa procedencia.
E así chegamos ao remate deste acto e para lle pór o ramo contamos coa intervención de Miguel Anxo Mouriño e Francisco Ferreira. Miguel Anxo Mouriño é escritor e responsábel da sección de Filoloxía e Literatura no IEM, promotor do Premio de Poesía Victoriano Taibo e incasábel divulgador da súa figura, pois é el quen traballa arreo para que a través de actos como o que hoxe nos reúne saibamos cada vez un pouco máis deste noso poeta, vai iniciar a clausura que pechará o Alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira que o seguirá no uso da palabra.
No acto interviñeron tamén:
Alumnos/as de 6º de Primaria do CEP Neira Vilas de Peitieiros, que leron os contos O lagarto e mailo sapo e A noz.
O grupo de teatro de Borreiros Xesta Vermella leron o conto O burriño e mailo porco.
Alumnado de 6º de Primaria do CEP de Sabarís leu O decreto.
E Xián, do CEP Chano Piñeiro e Pablo e Antía do Colexio Ándersen leron O loro de Bieito Cirolas.
Paco Barreiro, Músico. Actor. Intérprete musical e profesional da dobraxe, encargouse da parte musical.
"a fala propia, o noso verbo diferenciador, herdo sagro e milagreiro no qu?o povo galego vertéu e moldeóu o seu espírito, ô mesmo tempo que acomodaba o linguaxe a maneira de ser da súa alma, ..., para convertila na nosa forza anímica e xeneratriz, o choer nela o pulo creador do noso intelecto e dos nosos afectos, e dar nela o noso corazón e o noso pensamento trocado en doces sons e suaves armonías.."
Palabras de Victoriano Taibo no seu discurso de ingreso na RAG o 15 de outubro de 1948: Rosalía de Castro, precursora da fala.
Este domingo 31 de outubro terei a honra de presentar no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, ás 19:00 horas e en nome do IEM a edición de Contos Pequenos. Un agasallo para a lingua.
Imaxe tomada por Xilberte Manso ao finalizar o acto de entrega do VI Premio Vitoriano Taibo. Posado da presentadora, a que escribe, xunto coa filla do poeta Gloria Taibo (á miña dereita) e tres nenas que andaban na aula do lado da do mestre, que o coñeceron e do que aprenderon panxoliñas en galego. Diante nosa Ildara Rodríguez Taibo, neta do poeta e filla de Miguel Rodríguez, quen dedicou boa parte do seu tempo a gardar e promover a memoria de Taibo e que infelizmente xa non nos pode acompañar nestes actos.
Deixo aquí tamén un fragmento da miña presentación:
"Vai xa para seis anos que o Instituto de Estudos Miñoranos puxeo en marcha este certame co dobre obxectivo de homenaxear o escritor e recuperar a súa memoria, e isto entre aqueles que un día foron os seus alumnos e alumnas, no mesmo lugar en que o mestre deu escola.
Homenaxear a figura dun escritor é sempre un acto necesario, recoñecer que a súa obra foi outra contribución imprescindíbel na tarefa de construír a nosa literatura, dotándoa de maior extensión e riqueza e facelo na nosa lingua, afondando así no uso e no prestixio que o galego merece. E nada mellor para iso que dar nome a un certame literario, un evento que nace para seguir contribuíndo a que esa casa de noso que é a literatura na nosa lingua propia, sexa cada vez máis grande e máis acolledora. Nada pode agradar máis a un escritor que nomear un certame que dará á luz novas obras e voces literarias."
O pasado 25 de xuño, o Instituto de Estudos Miñoranos, IEM, presentou na Aula Ponte de Rosas de Gondomar, a edición facsimilar comentada do poema ?Lembranza da Tecedeira? de Victoriano Taibo. A publicación foi coordinada por Miguel Anxo Mouriño, vocal responsábel da sección de literatura e autor do estudo ?Con tino aloumiñante? incluído nesta edición. Conta tamén cun artigo de Antonio Valverde Alonso, ?Breve historia do manuscrito?, en que refere como foi atopado o poema, e unha análise da miña autoría baixo o título ?A dor do ceo e da terra?. Nesta edición inclúese tamén o poema recitado por Anxo Angueira con música orixinal de Antón Seoane. Foi precisamente Miguel Anxo Mouriño quen presentou o acto dándonos a palabra a Anxo Angueira, Armando Requeixo e a min mesma.
Mais este acto de presentación era tamén unha homenaxe a Miguel Rodríguez Rodríguez, xenro de Taibo falecido a finais de 2012, e artífice da recuperación da súa figura, pois el gardou e clasificou o legado familiar que hoxe nos permite volver sobre o autor e restaurar a súa memoria literaria. Sobre Miguel Rodríguez falounos Armando Requeixo, nunha fermosa lembranza que podemos ler en Criticalia. Nesta entreda Armando Requeixo tamén fai unha breve crónica do acto e recolle unha foto de Xina Vega, que copio.
Deixo aquí a miña intervención, que contén o propio artigo escrito para o libro:
A dor do ceo e da terra. Sobre o poema ?Lembranza da tecedeira?, de 1947.
Presentación na Aula Ponte de Rosas, IEM, Gondomar, do poema ?Lembranza da Tecedeira? de Victoriano Taibo.
25 de xuño de 2013.
Quero en primeiro lugar sumarme tamén a esta homenaxe á memoria de Miguel Rodríguez, quen como acaba de dicir Armando Requeixo entregou boa parte da súa vida a gardar a memoria de Taibo, labor que lle agradecemos infinitamente. Tamén Miguel era un home entregado ao seu país. Aínda onte recuperaba unha fotografía súa, mentres participaba nunha lectura colectiva convocada por Queremos Galego na Ramallosa, o 17 de maio de 2011. Que a terra lle sexa leve!
O poema ?Lembranza da tecedeira?, datado por Victoriano Taibo en 1947, foi publicado por primeira vez en Sonata Gallega II, número extraordinario de 1949. O poema está dedicado ao inspector de educación e amigo do autor Juan Novás Guillén. Vólvese publicar con motivo da morte de Juan Novás no ano 1968, desta volta en El Museo de Pontevedra. Tomo XXII-XXIV.
Entre os anos 45 e 50 (ano en que é destinado a unha escola do veciño Vigo) Taibo publica poemas soltos nas revistas Sonata Gallega, O Gaiteiro de Lugo ou o xornal La Noche. En 1946, varios académicos propóñeno como membro numerario da Academia Galega, sendo nomeado o 7 de febreiro de 1946. O ingreso na Academia producirase o 15 de outubro de 1948, co discurso de ingreso ?Rosalía de Castro precursora da fala?, que recibiu resposta de Otero Pedrayo. Este discurso non foi publicado até 1972, un dato frío e numérico que, porén, está completamente cargado de significado e nos remite ao clima de represión da ditadura.
Victoriano Taibo vive nunha época convulsa. Literariamente a súa obra poética encádrase no Segundo Renacemento, un período que vai de 1914, inicio das revoltas agraristas no noso país, a 1939, en que remata a guerra civil e se inicia un período de silencio interior e exilio que perdurará até 1950 aproximadamente. Como sabemos, o Segundo Renacemento caracterízase pola presenza e a consolidación da ideoloxía nacionalista, da que o noso autor será partícipe (é un dos asinantes do manifesto da I Asemblea nacionalista de Lugo). Trátase dun período no que conviven diferentes xeracións literarias, sendo unha delas a que se veu denominando a xeración das Irmandades da Fala, á que o noso autor pertencería, xunto con Ramón Cabanillas.
Desde a perspectiva de hoxe, vemos que o que gozou no seu tempo de ser un poeta de relevo entre os seus coetáneos, pasou a ser unha referencia menor nos tratados de historia da literatura. O feito de ter compartido espazo con poetas da altura de Cabanillas ou Manuel Antonio e de ter sido analizada a súa obra como debedora da de Cabanillas, xunto co feito obxectivo de contarmos cunha escasa obra poética publicada (tamén porque naquela altura xa era complexo publicar poesía), da que só pode destacarse Abrente como texto poético de interese, amortece os pequenos logros que puideron quedar do autor. Desde o meu punto de vista, cómpre lermos atentamente a obra de Taibo e colocala no lugar que merece. Este mesmo poema é un exemplo. Tamén Cabanillas escribiu un poema titulado A Tecederia en 1944, mais a comparación dos dous textos demostra que non podemos falar de ?seguidismo? de Taibo, pois consideramos que o poema do mestre de Morgadáns é superior ao de Cabanillas. Mais analicemos a relación entre os autores no seu contexto histórico.
Como dixemos Taibo era un poeta admirado polos seus coetáneos, así Manuel Antonio, como demostra esta carta de 22 de abril de 1921:
?Eu apreseime a escrevirlle por ser vostede unha d?as contadas persoas que n?a nosa literatura poética érguense por riba da vulgaridade e pensan en algo máis fino que versos in-espritoaes, groseiros e desprestixiosos.? Manoel-Antonio, Correspondencia, 1979, Galaxia, Vigo, páx. 97.
Taibo responde dando mostras da súa modestia, mais tamén do seu afán de superación e perfeccionismo en materia literaria:
?Eu son no orde literario un feito real d?iste caso: fago versos sin cultura nin preparación. De onde tira-lo celme que choia a eficacia que vostede deseja?
Avella escura do cortizo da Terra, -só da Terra!- non teño máis celme que o que deito nos meus versos...
A por de vostede eu son un vello e un desorientado. Os meus versos ulen a clásico que da pena.?
Non podemos deixar de pensar que a imaxe dun Taibo seguidor de Cabanillas se foi trasladando ao longo da historia da literatura galega esquecendo outra parte da súa obra, a poesía intimista, que debería concitar a atención dos lectores, como o resto da súa obra poética. Por outro lado debemos considerar ese ?seguidismo de Cabanillas? no seu contexto. Consideremos que estamos a falar da xeración das Irmandades da Fala, e que nela Cabanillas foi un poeta emblemático, que recolleu o encargo de realizar unha poesía de concienciación patriótica destinada, como outras producións literarias da época, a un labor pedagóxico de espallamento do ideario nacionalista. Un irmán como Taibo non podía por menos que seguir ese mesmo ronsel, porque moi posibelmente era tamén súa a convición de formar o noso pobo. E insistamos novamente na escaseza da obra literaria impresa que chegou a nós, unha consecuencia tamén dese contexto político en que a Guerra Civil e a Ditadura coutaron toda aparencia de normalidade e impediron o desenvolvemento da obra destes homes, vítimas políticas e literarias da crueldade fascista, así Victoriano Taibo que, como a inmensa maioría dos mestres da época, foi depurado e suspendido de emprego e soldo con trasladado forzoso a Valladolid, acusado de ser ?galeguista?.
Por tanto, debemos destacar que estamos diante da obra dun home comprometido con Galiza, presente sempre na súa obra, xa sexa para gabarse da nación, xa sexa para criticar a quen lle vira as costas á patria. Taibo formou parte do grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. Vexamos senón o seguinte fragmento dunha carta a Manuel Antonio:
?Na ?Esfera? derradeira pubricase un artigo onde se maltrata a Galicia. Eu vou a redactare unha carta para a Redacción da ?Esfera?, e outra para o autore chamando-lle fillo de puta ou cousa parecida: esta vai a sere a primeira actuación de R. Convén que se saiba axiña que R. existe, mais nós achantados, nin unha verba. Que nos coñezan polas obras.?
A dor do ceo e da terra. Sobre o poema ?Lembranza da tecedeira?, de 1947.
Cando en novembro de 2011 entregabamos o premio de poesía Victoriano Taibo, na mesma escola en que o mestre dera aulas aos seus alumnos de Morgadáns, limos o poema Lembranza da tecedeira.
Ler este poema foi toda unha sorpresa. Inmediatamente viume á mente a ?Elexía á muller do campo? de Xosé María Álvarez Blázquez, Canle segredo (1951-53) ou o ?Poema á muller galega? de Manuel María, Remol (1970). E isto porque os tres poemas comparten a intención de homenaxear á muller galega centrándose precisamente na muller traballadora. O poema de Taibo é unha elexía, un pranto pola morte dunha tecedeira e deixa en nós esa tristura do que se vai para sempre, persoas, feitos, costumes.
Non atoparemos no poema de Taibo unha fermosísima princesa, nin unha beleza de dentes anacarados. É unha vella que morreu despois dunha vida plena de traballo, alegre, faladora e o poema detalla como era a vida desta muller, a roupa que levaba, a roupa que facía, os contos que dicía ao pé da lareira.
Desde a óptica de hoxe, as lectoras reparamos nestes retratos de muller, porque buscamos textos que se apartan dos estereotipos emanados da sociedade patriarcal, que é o contexto en que o poema se escribe. E o propio feito de ser a protagonista unha traballadora, unha tecedeira, é o primeiro distanciamento.
En 1922, Taibo publica Abrente. Nesta súa segunda obra atopamos varios poemas nos que a muller é a protagonista do texto. Mulleres que, como a moza e a vella que dialogan sobre os compañeiros que marchan alén mar, son o medio polo que se reflexiona unha vez máis sobre o drama da emigración, así no poema ?Pombas sen niño?, que xa fora publicado en 1913 co título de ?Almas doridas?. Ou a muller que malia a súa beleza é aldraxada, metáfora do ataque á nación, no poema ?E foi!?. Nestes dous casos, a muller non é o centro do poema, senón un medio, un símbolo, para realizar unha reflexión crítica. Non así no poema ?Moza gallega?, publicado anteriormente en 1914. Neste poema, que clasificamos como costumista, atopamos a tópica habitual destinada a enxalzar a beleza dunha muller: ?... os teos ollos, ... Cal froles dos liños... Tes ... nas tuas meixelas,... Místico arrebol; ... Son, nena, os teus labres craveles acesos...?. Cabe sinalar que o poema volve recollelo o autor para Abicedo (que pretendía publicar por volta dos anos 50) con sutís modificacións.
A tecedeira deste poema non ten nada a ver co enxalzamento tópico dunha moza de ollos azuis e fazulas rosadas. Aínda que tamén ten os ollos da cor do liño e é unha moza alegre e festeira, é sobre todo a muller que coas súas mans teceu os soños de todos, mozas, vellas, ricas, pobres. E non só, porque é ela a que lle conta aos nenos lendas e contos de medo. A tecedeira é esa muller que todos coñecemos, admiramos e queremos porque é a nosa avoa: a máis fermosa, a que traballou arreo sendo quizais o sostén único da familia, a que aínda así sempre estaba leda e disposta a acougar os nosos medos e aprendernos o que a súa memoria gardaba, a historia de todo un pobo, viva na literatura oral que salvou da morte a nosa lingua e a nosa cultura. Por iso chora o tear e canda el as fiandeiras, e o pranto esténdese por toda a aldea e a dor érguese desde a terra. E así complétase o distanciamento cos ditados da sociedade patriarcal. Tal vez por iso, cando lemos o poema case setenta anos despois, recibimos esa mensaxe de recoñecemento que o autor quixo deixar patente nesta elexía.
Mais, como sucedía en Abrente, non podemos descoidar a lectura simbólica. Cómpre insistir na aparente sinxeleza do poema, resultado dun grande esforzo de composición, que se sostén, entre outros feitos, en ser un romance que describe festas, traballos tradicionais, contos e lendas. Mais debemos reparar na estrutura e na elección do oficio da protagonista. Taibo escribiu unha elexía dunha tecedeira, dunha muller que no mesmo liño tecía as camisas dos meniños e as mortallas dos mortos, que o mesmo facía fatelos de mendigas ca manteis para fidalguía, igualándoos a todos nos fíos do seu tear. Como a vida, que a todos un día nos leva.
O poema estrutúrase nunha introdución, na que se presenta a mensaxe da morte estendéndose pola aldea, e a continuación dá paso a tres estrofas que describen as distintas épocas da vida da muller: a mocidade, en que ela foi a última moza garrida, linda e donairosa; a madureza, en que co seu traballo teceu os doces soños, ?azosas teas urdía a xeitosa tecedeira?; e a vellez en que as lendas e os contos servían para atallar as olladas pezoñentas ou rezar polas almas en pena, ?lindos contos tecía a velliña?. Ilusión, construción, transmisión. Un breve fragmento sinala o momento da morte, ?inda eu era mozo?, e unha estrofa final recolle de novo a dor estendéndose desde o tear.
Por todo isto non podemos deixar de pensar que esta tecedeira é tamén a representación simbólica da vida. En todas as culturas a acción de tecer representa a creación e a vida. As moiras ou parcas nas culturas mediterráneas ou as nornas do norte de Europa constrúen o destino dos mortais tecendo tapices, deixan que o fío se alongue ou acurtan o seu traxecto. Así esta tecedeira foi fiando as vidas de todos, igualándoos no destino que é a morte, e procurando manter viva a cultura á que pertence, nesa angueira de contar trasladando así a súa sabedoría, que é a sabedoría do pobo galego.
Victoriano Taibo escribe unha elexía á morte dunha vella tecedeira, e o seu poema deixa en nós os laios pola perda dunha cultura tradicional que representa a transmisión da memoria colectiva dun pobo, a súa identidade. E ao tempo o poema é unha homenaxe, o enxalzamento dunha muller traballadora e humilde que é o fulcro sobre o que xira a vida e a morte, as que acaban por igualarnos máis alá das riquezas do mundo ou das súas penalidades.
A lectora de hoxe detense no poema, imaxina o mestre represaliado ante o papel en branco, o poeta que como as caneliñas do tear chora en silencio por todo o perdido, tantos anceios, tantas angueiras, tantas horas imaxinando a nación futura, esa que, en 1947, xace sen mortalla en camiños e lugares ignorados a mantenta. Aquela mocidade das Irmandades da Fala, alegre e donairosa como a tecedeira, que callou nunha xeración inesquecíbel que nos dotou do legado argumental sobre o que construír a nación, como as pezas de liño que do tear saen, morría en silencio e afastada mentres o vento xemía unha mágoa asubiada e longueira. Ilusión, construción, transmisión, destruídas pola morte. O poeta escribe unha e outra vez, tacha e rompe. Como falar das ilusións perdidas!. Busca as imaxes que precisa, escribe e reescribe. Non quere calar esa dor prolongada, a dor dos vencidos.
A dor que baixa do ceo e que se irmanda coa dor que se ergue da terra.
O pasado sábado 17 entregrouse o premio de poesía Victoriano Taibo a Conchita Álvarez Lebredo.
Ademais de ler a acta do xurado do que formei parte, correspondeume realizar unha semblanza do poeta que dá nome ao certame. Velaquí un fragmento:
Taibo, como Cabanillas ou Manuel Antonio, poetas cos que compartiu amizade e inquietudes literarias, dedicou unha parte importante da súa produción a construír poemas directos e elocuentes, poemas de compromiso co país, poemas en que expresaba a súa vontade de loitar contra os males da terra. Foi, pois, un poeta cívico e reivindicativo, mais esta vontade non lle impediu, como sucede adoito cos grandes escritores e escritoras construír unha obra literaria en que tamén deixaron pegada as reivindicacións estéticas do seu tempo. De aí que se achegara á poesía vangardista ou que a súa obra sexa o tránsito entre os ecos do Rexurdimento e a necesidade dunha nova poética, e así, ao lado de poemas dunha grande forza intimista, están aínda poemas que manteñen o costumismo doutrora.
Taibo foi un poeta de grande proxección no seu tempo, logo inxustamente esquecido, inxustiza que desde o IEM tentamos restaurar. Nas décadas dos vinte e dos trinta do século XX, o mestre de Morgadáns era recoñecido por ser ?unha d?as contadas persoas que n?a nosa literatura poética érguense por riba da vulgaridade e pensan en algo máis fino que versos in-espritoaes, groseiros e desprestixiosos? como dicía o propio Manuel Antonio. Fronte a isto, Taibo trasladaba unha imaxe extremadamente modesta de si mesmo ?fago versos sin cultura nin preparación. ... Avella escura do cortizo da Terra, -só da Terra!- non teño máis celme que o que deito nos meus versos...?.
Cabanillas definiu a Taibo como ?Poeta, meu irmán na loita eterna, // roxa, abafante, brava?. Outro poeta, López Abente, reférese a Taibo como un corazón vermello e valente que brilla na tormenta, un poeta da nova época dos loitadores que deixa atrás o tempo dos doridos prantos. As palabras de Cabanillas e López Abente están extraídas dos poemas conmemorativos cos que, a xeito de prólogo, se abre o primeiro libro publicado en 1922 por Taibo, Abrente, libro rematado en 1921 e que contén poemas de temática patriótica, costumista, intimista e vangardista.
...
Na obra de Taibo hai sempre unha mención ao país, unha mención dirixida a gabarse da nación, ou destinada a criticar a quen lle vira as costas á patria. Taibo é, como dicíamos, un nacionalista loitador que formou parte dun grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. A todos eles debémoslle moito do que hoxe somos e temos, pois eles puxeron os chanzos que unha guerra cruel esborrallou, mais deixaron o deseño desa espiral pola que eles mesmos tentaron seguir despois dos anos 50, e que nos deixaron a nós para que continuásemos tan honrada empresa.
Para rematar, lin de novo o poema Brúa o mar, con motivo do décimo aniversario do afundimento do Prestige.
Días antes de conmemorarmos o noventa aniversario da asemblea nacionalista de Lugo, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) convocounos en Gondomar para homenaxear a Victoriano Taibo, o que foi mestre da escola de Guillufe (Morgadáns, Gondomar) desde 1930 a 1950 (coa paréntese do desterro entre 1938 e 1942).
... só como éxito rotundo se pode cualificar unha actividade que encheu a escola daquel mestre cun público entregado e heteroxéneo. Alí estaba o pobo de Gondomar, os estudosos e, sobre todo, veciñas e veciños de Morgadáns, entre eles, os antigos alumnos do mestre, os que na segunda xeira da homenaxe lembraría a súa figura e recitarían de memoria os versos daquela aprendidos.
Foi, por tanto, unha homenaxe de xustiza poder recitar de novo ante os seus alumnos os poemas do mestre represaliado por ser galeguista, ante aqueles nenos e nenas de entón que lembran con singular nitidez o enfrontamento entre o seu mestre e o cura de Peitieiros, Cabaleiro, un cura que exerceu de censor e de quen queda triste memoria. De xustiza porque no mesmo lugar en que o mestre foi testemuña, sen sabelo, da fuxida de Alonso Ríos, volveron escoitarse os argumentos que Taibo esgrimiu un día, os mesmos que o levaron a asinar o Manifesto Nazonalista de Lugo. De xustiza porque aqueles nenos e nenas aos que lles roubaron a infancia e o dereito a se coñecer, escoitaban de novo as palabras do mestre, aquel mestre de quen contan que dicía ?Fálame en galego neniña! En galego! Que é tan fermoso coma ti?.
Tantos anos despois a semente prende, ao seu xeito, e ao día seguinte da homenaxe cóntanme que en Morgadáns, unha parroquia das máis conservadoras do concello, non se fala doutra cousa, do ben que estivo o acto, de que había que facer máis cousas como esta, actos culturais que non consistan só en bailes e comilorias, actos para recitar poesía e encontrarse todas as veciñas e veciños. A semente prende, aos poucos.
A mediados de novembro, noventa anos despois da Asemblea de Lugo, volvemos escoitar as palabras de Taibo, as palabras do mestre de Guillufe que dedicou unha parte importante da súa produción literaria a construír poemas directos e elocuentes, poemas de compromiso político, poemas en que expresaba a súa vontade de loitar contra os males da terra, cunha decisión que tamén o levou a pensar noutros proxectos aínda máis combativos que, xunto coa súa obra literaria, dan mostra do seu pensamento e carácter.
?Na ?Esfera? derradeira pubricase un artigo onde se maltrata a Galicia. Eu vou a redactare unha carta para a Redacción da ?Esfera?, e outra para o autore chamando-lle fillo de puta ou cousa parecida: esta vai a sere a primeira actuación de R. Convén que se saiba axiña que R. existe, mais nós achantados, nin unha verba. Que nos coñezan polas obras.? (Carta a Manuel Antonio)
Victoriano Taibo, o poeta.
Victoriano Taibo foi un escritor da Xeración das Irmandades da Fala que pasou ao manuais de historia da literatura como unha referencia menor, pois se trasladou unha e outra vez que a súa obra era debedora de Cabanillas. Se cadra esta afirmación transmitida de tratado en tratado, deu lugar a que non lésemos a súa obra, para xulgarmos por nós mesmos canto había de certo nesa afirmación.
O IEM pediume que realizase un artigo sobre a súa obra poética, e debo agradecerllo, porque entón descubrín quen era realmente Victoriano Taibo, e asumín que estabamos diante dunha inxustiza co escritor e co home. Taibo gozou no seu tempo de ter a consideración de ser un poeta de relevo entre os seus coetáneos, mais, como dicía, pasou a ser unha referencia menor nos tratados de historia da literatura. O feito de ter compartido espazo con poetas da altura de Cabanillas ou Manuel Antonio e de ter sido analizada a súa obra como debedora da de Cabanillas, xunto co feito obxectivo de contarmos até este novembro cunha escasa obra poética publicada, amortece os logros que puideron quedar do autor. Sempre se considerou a Taibo como discípulo de Cabanillas, e isto non deixou que se lle dese o relevo merecido á súa obra, especialmente aos seus poemas máis líricos, aqueles que clasificamos como intimistas. E a súa obra merece formar parte das antoloxías, pois como outras obras antologadas, contén os seus propios logros.
Mais, tamén temos que considerar ese ?seguidismo de Cabanillas? no seu contexto. Pensemos que estamos a falar da xeración das Irmandades da Fala, e que nela os nosos escritores recibiron o encargo de realizar unha poesía de concienciación patriótica destinada, como outras producións literarias da época, a un labor pedagóxico de espallamento do ideario nacionalista. Un irmán como Taibo non podía por menos que levar á práctica a encomenda, pois era súa tamén a convición de formar o noso pobo. É dicir, estamos diante de obras poéticas que necesariamente debían confluír, pois foran xeradas por un mesmo propósito. E por outro lado, insistamos novamente na escaseza da obra literaria impresa que chegou a nós, unha consecuencia tamén dese contexto político en que a Guerra Civil e a Ditadura coutaron toda aparencia de normalidade e impediron o desenvolvemento da obra destes homes, vítimas políticas e literarias da crueldade fascista, así o propio Victoriano Taibo que, como a inmensa maioría dos mestres da época, foi depurado e suspendido de emprego e soldo con trasladado forzoso a Valladolid, acusado de ser ?galeguista?.
Por tanto, debemos destacar que estamos diante da obra dun home comprometido con Galiza, presente sempre nas súas palabras, xa for para gabar a nación, xa for para criticar a quen lle viraba as costas á patria. Taibo é outro nacionalista confeso e loitador que formou parte dun grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. A todos eles debémoslles moito do que hoxe somos e temos, pois eles puxeron os chanzos que unha guerra cruel esborrallou, mais deixaron o deseño desa espiral pola que eles mesmos tentaron seguir despois dos anos 50, e que nos deixaron a nós para que continuásemos tan honrada empresa.
Hoxe presentamos en Guillufe (Morgadáns, Gondomar) na escola en que o mestre Taibo deu aulas alá polo 36, un monográfico na súa homenaxe. Nel figura unha aproximación á súa poesía da miña autoría (?Que nos coñezan polas obras? Obra poética de Victoriano Taibo), que remata con esta reflexión:
"... debemos destacar que estamos diante da obra dun home comprometido con Galiza, presente sempre na súa obra, xa sexa para gabarse da nación, xa sexa para criticar a quen lle vira as costas á patria. Taibo é outro nacionalista confeso e loitador que formou parte dun grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. A todos eles debémoslles moito do que hoxe somos e temos, pois eles puxeron os chanzos que unha guerra cruel esborrallou, mais deixaron o deseño desa espiral pola que eles mesmos tentaron seguir despois dos anos 50, e que nos deixaron a nós para que continuásemos tan honrada empresa."
Quede aquí este seu poema:
¡BRÚA O MAR!
A R. Villar Ponte.
A flor do inverno é de neve, o azul do ceo, embazado,
ña Mai Terra aterecida ten un canto amargurado;
¡Brúa o mar! As ardentías escachan-se nas rompentes,
e os cons varudos agachan as súas cristas trementes;
Xeme o salgueiro dolente sintindo o beixo do xío,
e un alongado lamento sobre do leito do río;
¡Brúa o mar! As furibundas olas, en inxente traza,
erguen-se outas e soberbas nunha espantosa ameaza.
A forteza do carballo arripía-se ca friaxe,
nos cumios ispidos prende a tristura do paisaxe;
¡Brúa o mar! Cada bruído é unha cega imprecación,
cada ola que se desfai, un berro de maldición;
Pola terra andan as almas a padecer e a chorar;
mas nas rías e nas furnas, cons e barras, brúa o mar;
¡Brúa o mar! Doente, tolo, con pavorosa tolemia,
a inmensidade é unha moura e horripilante blasfemia.
¡Luitadores!
A luz do lóstrego aluma
a rúa pr'onde camiña o noso esforzo lanzal:
sexan nosas almas brancas como o craror da alba escuma,
que o nordés revolve airado nas mourenzas do peiral.
Victoriano Taibo, Abrente, 1922.
Mañá, sábado 15, presentarase o libro de Carlos Negro, gañador do primeiro certame de poesía Victoriano Taibo. Un libro que hai que ler.