acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

O mito de Penélope

Disto falaron no Club de lectura Nós tamén navegar do IES Lagoa de Antela, Xinzo, o 5 de marzo de 2009.
Comentarios (0) - Categoría: As amantes de Hamlet - Publicado o 26-05-2018 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
Ofelia en marzo

Estes días en que remataba marzo, un poema sobre Ofelia, que forma parte do libro As amantes de Hamlet (2003), ocupou as paredes e as ondas sonoras, da man e da voz do alumnado de dous centros escolares.

No Colexio Martín Códax, de Vigo, apareceu unha pintada que era o poema á pequena Ofelia.
Na biblioteca Ollos Grandes, do IES de Lugo, soaron os memos versos.

Eu non podo máis que sentirme agradecida de que o pequeno poema que ten detrás de si a mirada inocente dunha adolescente que non era amada, tome corpo de novo entre a mocidade que o inspirou. Agradecida tamén ao profesorado que tan ben os alecciona.

Agradecida tamén de que se estenda a lectura correcta da personaxe de Ofelia, a muller maltratada psicoloxicamente.

Aquí fica a imaxe do mural e o vídeo do recital en que tamén se oíron palabras de Fran Alonso e Gata Cattana:

Vídeo Biblio Ollos Grandes
Comentarios (0) - Categoría: As amantes de Hamlet - Publicado o 25-03-2018 11:21
# Ligazón permanente a este artigo
Ósos de muller



O poema "Ósos de muller" visto por www.oclubdasideas.com (Blog do DEPARTAMENTO de FILOSOFÍA do IES Álvaro Cunqueiro de Vigo), que foi publicado o 8 de xaneiro deste ano. Como aí di a idea foi de Lucía Cameselle, a quen lle agradezo que fixese visíbel o poema.

Velaquí o texto explicativo que acompaña o traballo:

"Nesta presentación temos un poema de Marta Dacosta, unha escritora viguesa licenciada en filoloxía galega, que escribiu catro obras recopilatorias dos seus poemas e que gañou con elas diversos premios de literatura. Escollemos este poema xa que trata dos sufrimentos da muller ao longo da súa vida, como maneira de criticar a súa situación actual e o machismo. A música é de Yann Tiersen, da película de Amélie."

Comentarios (0) - Categoría: As amantes de Hamlet - Publicado o 30-07-2012 15:16
# Ligazón permanente a este artigo
Afogadas
Recollía na anotación anterior un poema de As amantes de Hamlet. Dixen despois nun comentario que este poema forma parte dun conxunto que tiña por obxecto, dentro do poemario, facer dialogar a literatura de tradición oral con outras tradicións literarias, propias ou alleas.

Por iso no libro teñen un papel principal as afogadas, as mulleres vítimas das sociedades humanas ao longo da historia do Planeta, mulleres que non ocuparon o lugar que merecían, porque ese lugar non existe. E pretendín eu crear un espazo literario en que recuperar a súa presenza e o seu legado, esa illa que está do outro lado da noite, esa illa (e si, poden establecerse paralelismos) en que as afogadas volven á vida e ordenan os seus destinos, deixándonos o seu legado.

Por iso a reinterpretación de Ofelia, agora si vista como vítima do maltrato psicolóxico de Hamlet, por iso o amor dunha muller idosa, por iso o sombreiro de Virxinia, a buguina de Alfonsina ou a estrela de Rosalía. Por iso as afogadas, as damas das pozas que descubrín un día nun corredor do IES 1º de marzo, e que memoricei para converter no símbolo da superación, na angueira da construción do propio.

Debeu ser en 1999, mentres facía tempo dei en ler os traballos colocados no corredor do instituto e descubrín unha fermosas lendas das pozas de Mougás, en Oia, que o alumnado recollera para a aula de Sociais. Non sei se tomei nota ou simplemente almacenei na memoria, o caso é que eran un dos elementos que lle faltaba ao meu libro, e entraron nel, xunto coas lavandeiras e as amazonas.

Despois de publicado o libro en 2003, ao longo destes anos falei coa profe, falei con Antonio Reigosa e, ao que parece, o único que queda daquel traballo escolar son estes versos que un día enviei a Galicia encantada para que quedara testemuña daquelas lendas, agora totalmente elaboradas da miña man, mais vivas aínda. Así que esa é unha das partes do libro da que estou máis orgullosa, aínda que hai nel moito máis, oculto e visíbel, luminoso ou escuro.
Comentarios (0) - Categoría: As amantes de Hamlet - Publicado o 04-10-2009 13:27
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0