acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

"Dic el vent i el vent respon"
A literatura ten ese poder sandador de lle poñer palabras ao que sentimos.

Cando lemos, escrito por outro ou outra, iso que sentimos, as feridas comezan a pechar. Entón, apropiámonos desas palabras e sentinos que temos unha razón nova, que non estamos soas.

Así foi cando hoxe tirei do andel o libro Andorra, postals i altres poemes de Miquel Martí i Pol. Abrín o poema "Dic el vent i el vent respon" e sentín que eses versos escritos antes de 1984, ano da publicación do libro, poñían as palabras certas a este tempo.

E atrevinme a traducilos. Sometín o sentido literal á métrica orixinal e isto foi o que conseguín reproducir. Se rachei a fidelidade das palabras, desculpádeme, foi por ser fiel ao ritmo e á emoción.

O vento di e responde
e con el a fantasía.
Non podo rachar o son
que xa estou no mediodía.
Se, veloz, a ponte cruzo
caio á poza que quería
e xa dentro, a morriña
di que nada me pertence.
O vento di e responde
e con el a fantasía.

Coraxoso e sen escudo
planto cara á acometida.
Tanto a saúde me danan
que a morte non é temida,
dóeme máis a quietude
que non haxa achas acesas
que conxuren a secura
desta soidade esgrevia.
Coraxoso e sen escudo
planto cara á acometida.

Vou, veño, fago camiño
sen da casa me mover.
Salto, bailo ao meu pracer
e outros enchen a zanxa da
desazón en que esmorecen
e orneando se lamentan
ao decatarse que as brasas
que os queiman non teñen fin.
Vou, veño, fago camiño
sen da casa me mover.

Miguel Martí i Pol, Andorra. Postals i altres poemes, 1984.
Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 04-11-2017 12:15
# Ligazón permanente a este artigo
Un mundo de meu
Así titulei a miña participación na sección dA Sega "O cuarto de ..."

Agradézolle ás segadoras que fagan visíbel o traballo das escritoras.


Un mundo de meu.

Podería mostrarvos como é o lugar en que adoito traballar e sería unha ficción, porque ordenaría a mesa e a contorna da computadora para que non descubrísedes o caos que ás veces se apodera de min.

O certo é que naquel cuarto que tiven na casa dos proxenitores, fun proxectando aos poucos un futuro de meu, porque precisaba espazo e tempo e poder. Así foi que entre as lecturas de poesía, os apuntamentos de lingua e os dicionarios, o que facía realmente era trazar o mapa que me levaría fóra da casa do pai, os planos da independencia económica imprescindíbel para ser dona de min.

Hoxe vivo nunha casa de meu. Nun espazo que comparto por decisión propia e no que habitamos na igualdade de quen leva ao ámbito doméstico o que defende na rúa. Unha casa en que non hai fechaduras e nos encontramos na conversa e nos traballos. O noso espazo de paz.

Para quen fantasía, idea ou escribe en calquera lugar e momento, todos os espazos da casa son óptimos para a concentración. Desde aqueles que a iso foron dedicados, até os que teñen outro destino, mais acaban por adaptarse á función literaria. Así o recanto do oeste que inicia un poema de Acuática alma e representa un lugar ao pé da ventá orientada a poñente, un lugar de luz e calor antes de que o día remate.

Mais a casa non son só os espazos de dentro. O eido que a rodea acaba por ser tan principal coma os cuartos, porque ao final é xardín ou abandono creado á nosa imaxe e semellanza, mundo do que somos as únicas deusas. Por iso ese lugar sen paredes nin teito, en que respiramos por todos os poros do corpo, pode ser o espazo. Un espazo ao pé da natureza en que deixarse levar pola harmonía inaudíbel das árbores e o aloumiño da brisa. Alentar. Cos ollos fechados. Coas entrañas abertas. Sentíndose dona dese momento.

Porque escribir é unha actividade que precisa dedicación e método, que precisa domar as imaxes que adoito se desbocan e fannos saír alancando na súa procura, esforzarnos en rodealas co lazo que nos permitan suxeitalas, frealas. Domesticar a súa ansia. Aprendelas a camiñar canda nós, coma as bestas do monte.

Atopar ese punto de equilibrio entre o salvaxe e o cultural.

Xuño de 2017.
Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 21-06-2017 17:59
# Ligazón permanente a este artigo
Poema en proceso
Estes días, a pesar da campaña electoral, estou inmersa na escrita dun poema que deberá ser entregado antes de que o mes remate. É un poema en proceso.

Levo o borrador en papel comigo e, por veces, cólloo, risco, engado ou só leo.

Cando non, boto man do teléfono, vou á carpeta de borradores e mentres camiño borro e cambio.

Cando me vexades camiñar mirando para o móbil, pensade que, tal vez, non estou a enviar mensaxes nin consultar redes sociais. Vou concentrada nas palabras que tento enfiar.

Esta imaxe que aquí deixo é o núcleo ao redor do que xiran esas palabras que queren ser versos.
Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 20-06-2016 09:20
# Ligazón permanente a este artigo
necesario
Ás veces escribir é como respirar, necesario.

Os días acaban pesando coma o chumbo, a forza de impoñer o seu ritmo sobrenatural, e non hai oco posíbel para a palabra escrita. Entón imponse unha tregua, unha folga, romper os reloxos e abrir un biombo coma un muro que oculte todas as tarefas sempre urxentes para poder coller aire.

Entón, mergullas nas palabras. Palabras coma a auga e o xabón que enchen a bañeira. Mergullas e sentes a calor líquida a destensar os músculos. Aboias deixando que o aroma das palabras penetre nos pulmóns, no corpo todo.


Ás veces escribir é como alimentarse, necesario.

E así descobres as cores das palabras: douradas coma as laranxas agres e doces de grosa tona, verdes coma as ervilles que agardan na súa vaina de auga, vermellas comas os tomates inzados de sementes.

Cores para alimentar iso que non é corpo e sobre o que nos sostemos nese túnel que é a rutina dos días que nunca acaba.

trece de marzo de 2016
Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 13-03-2016 10:12
# Ligazón permanente a este artigo
Palabra que crea
Concordo con Gamoneda (Fonación, palabra e escritura, pensamento poético) en que é a palabra a que crea: ?O Poeta parte do ?non saber? ? na construción dun discurso no cal se van reunir palabras cunha significación frecuentemente impensada ? e vai crear con elas unha presenza mental ata o momento inexistente? a verdadeira poesía? non é palabra ornamentada, senón, ? creación e revelación.?

Ás veces a poeta quere escribir, sen que na súa imaxinación exista rastro ningún dunha imaxe en construción. Nese momento, cando se enfronta ao papel en branco, a palabra coa que inicia o poema é a que verdadeiramente o crea, por máis que, no resultado final, esa palabra desapareza para sempre. É ese fío do que xa teño falado, unha especie de adival co que ir tirando do pozo da inconsciencia pensamentos que se van enlazando até construír a imaxe, que, neste proceso, é a conclusión e non o pretexto.

É un proceso duro, porque é como andar entre a néboa, mais cando dá lugar á imaxe, produce a satisfacción de acadar o final do poema.

A palabra construíu. O poema existe e ten columna vertebral. Ten alma. Agora falta que madureza, gardado e esquecido, até a relectura que o esculpirá ou moldeará, para obter a idea que procuramos.

Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 06-02-2016 12:56
# Ligazón permanente a este artigo
Ordenando palabras
«Adhémar de Monteil à Antioche» de Desconocido - British Library Manuscript in the Yates Thompson CoEscribir é ?

Comezar a semana o martes tentando capturar unha idea, para comprobar ao día seguinte que xustamente iso non foi recollido pola gravadora para casos urxentes. E entón facer memoria, halar desde o seu pozo opaco as imaxes creadas explosivamente, case recuperalas e deitalas sobre o soporte branco que sempre nos enfronta. Que pase outro día e outra imaxe acuda como un volcán, botar man outra vez da gravadora agardando que agora si garde o que debe ser gardado, e chegar ao sábado para incorporar a imaxe no poema. Colocar e recolocar imaxes coma quen ordena armarios, coa ansia de que a través da oculta persuasión prevaleza a sinceridade e a mensaxe se descolgue polo fío invisíbel da lectura.

Pasar o sábado construíndo o edificio do poema, reler as pegadas que nos levan a el, encaixar o que debe ser dito, velar polas medidas. E todo isto mentres a realidade agarda a cota de atención que nunca chega: a louza por fregar, a aspiradora, a roupa tendida e a que debe ser lavada, a listaxe non feita do que hai que comprar para o xantar de hoxe, e todos os etcs que a isto corresponden.

E eu aquí sentada ordenando palabras.

25 de abril de 2015

Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 25-04-2015 13:05
# Ligazón permanente a este artigo
Día da poesía

Escribir é ...



íspete
palabra
en que delego
esta onda
lenta

salgada

sentimento





Feliz día da poesía!
Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 21-03-2014 09:18
# Ligazón permanente a este artigo
Escribir é

Escribir é...

atopar a punta do fío axeitado e tirar del até desfacer o nobelo.
Despregar diante de nós esa sucesión de palabras que constrúe o edificio do texto e abriga as ideas.
Comentarios (0) - Categoría: Escribir é - Publicado o 24-01-2014 17:37
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0