|
|
|
|
Entrevista do alumnado do IES Manuel Garcia Barros |
|
Esta é a entrevista que me fixeron as alumnas e alumnos de Literatura Galega do século XX e da actualidade do IES Manuel García Barros da Estrada, un fermoso traballo que lles quero agradecer publicamente. E tras o alumnado o profesor, esa figura imprescindíbel, Carlos Loureiro.
Proxectos así axudan, enormemente, a difundir a nosa literatura e, canda ela, a nosa lingua. Parabéns, un traballo moi ben feito.
Pregunta. Pola información que posuímos de vostede, desde logo que a vemos como unha
persoa rebelde e incorformista dende nova (emprego do galego, rebeldía cara á relixión,
anticlericalismo...). Até que punto este inconformismo marcou a súa personalidade e até
que punto lle supuxo desencontros?
Desencontros todos os que poidades imaxinar, mais algún encontro tamén. En todo caso, a cuestión non é se a actitude vital dunha persoa lle produce encontros ou desencontros, a cuestión é se está en paz consigo mesma, se é coherente co que pensa, se actúa de acordo co que defende. Ser honesta con unha mesma é o máis difícil, mais tamén o máis necesario.
|
|
|
|
Cuestionario Proust no Caderno da crítica |
|

Ramón Nicolás publica no seu blog: Caderno da Crítica as miñas respostas ao seu Cuestionario Proust.
Estas son:
1.? Principal trazo do seu carácter?
-A espontaneidade.
2.? Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A lealdade.
3.? Que agarda das súas amizades?
-Compañía.
4.? A súa principal eiva?
-A espontaneidade.
5.? A súa ocupación favorita?
-Ler.
6.? O seu ideal de felicidade?
-Non ter urxencia por nada.
7.? Cal sería a súa maior desgraza?
-Non quero pensalo.
8.? Que lle gustaría ser?
-Escritora, aínda que de pequena quería ser perruqueira.
9.? En que país desexaría vivir?
-Vivo nel: Galiza.
10.? A súa cor favorita?
-Verde.
11. ? A flor que máis lle gusta?
-A rosa púrpura.
12.? O paxaro que prefire?
-A garza.
13.? A súa devoción na prosa?
-A sinxeleza e a perfección de Castelao.
14.? E na poesía?
-A beleza inapreixábel da poesía oriental.
15.- Un libro?
-A illa do tesouro.
16.? Un heroe de ficción?
-O soldadiño de chumbo.
17.? Unha heroína?
-Pippi Calzaslongas.
18.? A súa música favorita?
-Música de cantautor/a.
19.? Na pintura?
-O paisaxismo.
20.? Un heroe ou heroína na vida real?
-A miña bisavoa.
21.? O seu nome favorito?
-O meu? Gústame o meu nome.
22.? Que hábito alleo non soporta?
-A hipocrisía.
23.? O que máis odia?
-A falta de criterio propio e que che digan o que pensan que queres oír.
24.? A figura histórica que máis despreza?
-Unha soa? Os líderes das potencias do Eixo na Segunda Guerra Mundial e os seus aliados.
25.? Un feito militar que admire?
-Non me dou conta.
26.? Que don natural lle gustaría ter?
-A xustiza.
27. ? De que maneira lle gustaría morrer?
-En paz comigo e os meus.
28.? Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-A tendencia ao optimismo.
29.? Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Creo que case todos, agás a mala intención.
30.? Un lema na súa vida?
-Poñerme na pel das outras, dos outros. |
|
|
|
Parlamento das letras |
|
Este mércores 5 de decembro, Armando Requeixo publicou en Criticalia a entrevista que me fixo para o Parlamento das Letras. Velaquí a introdución:
"A Marta Dacosta sempre lle deberemos ter creado un mar literario en Compostela. A súa voz poética acompáñanos dende hai vinte anos. Dúas décadas nas que foi poallando entre o lectorado un orballar tramadoiro que nos deixou gravada fluencia dos seus sinais: Terra, Muller, Cor, Mar, Tempo.
Poeta de escrita senlleira pero proxección pública gregaria, na década dos noventa revelouse como autora participando en moi diversas empresas colectivas, revistas e fanzines, deixando oír os seus versos en mil e un recitais grupais. Co novo milenio foi afirmando a súa andaina en volumes nos que recuncou na memoria da infancia, o reverso feminino da escrita, o latexo abisal da ánima e aínda as paisaxes interiores de outonal setembrino.
A poética de Marta Dacosta é un Aloia sentimental, subversivo e telúrico. A súa palabra devólvenos sempre a memoria fiel dos días que nos foron facendo, eses dos que aquí fican as cinzas que agora venta para nós."
Grazas Armando, como dicía ao finalizar: quero "Deixar constancia do meu agradecemento a ti e ás persoas que coma ti atendedes, reproducides e falades da nosa literatura, porque iso é o que contribúe a facela visíbel, a proxectala.
Sodes imprescindíbeis. Que así sexa por moitos anos." |
|
|
|
Conversa en Fervenzas literarias |
|
Hoxe Fervenzas literarias publica unha entrevista realizada por Nacho Alonso.
Canda novos na escola ensinábanos as diferentes partes do río. Todos os seus accidentes e elementos dende a fonte ata a desembocadura. Vivimos nun país esculpido co cicel do tempo e da auga, que trazou non só a xeografía desta terra, senón tamén o carácter das súas xentes.
Marta Dacosta é herdeira desa simbiose entre país e auga. Preséntanos a poesía como río, onde de vez o lector pode navegar entre os remansos dos versos máis introspectivos e persoais e a forza das fervenzas. Moitos elementos atopamos entre uns seus versos que, máis que flotar río baixo como Ofelia, remóntano sen acougo como as lampreas do Miño. Velaí está a reivindicación da liberdade, da muller, o compromiso; pero tamén está a dor, a decepción, a memoria, a natureza. Poucos poetas son capaces de conxugar con tanto acerto todos eses elementos como Marta Dacosta.
Falamos nesta conversa con Marta Dacosta sobre as súas orixes literarias e sobre a súa recomendable obra. Dende a metapoética de Crear o mar en Compostela ata o seu máis recente e magnífico poemario, Acuática alma.
...
"Eu non nacín no seo dunha familia cultivada e ben situada, máis ben todo o contrario. Eu avanzo con moito esforzo e tamén dunha forma intuitiva. Iso xera en min unha personalidade moi esixente." |
|
|
|
Entrevista no Atlántico diario |
|
A felicidade é unha conquista permanente que irremediabelmente ten unha data de caducidade?
Hai un poema en que digo que a felicidade é ese favo de mel que sempre estamos procurando, mais que só damos por el cando xa o tempo pasou e foi devorado polas larvas e cómpre comezar de novo. Non caduca, porque sempre a procuramos, porén, ás veces non a recoñecemos.
Parte da entrevista, realizada por Manuel Vidal Villaverde, publicada onte, 29 de agosto, no Atlántico diario. |
|
|
|
|
|
|
|
|