O blog Fervenzas Literarias acaba de facer públicos os mellores libros do ano 2011.
Estes son os mellores en poesía segundo os parrticipantes na enquisa:
1. Poesía completa (Xerais) de Lois Pereiro
2. Acuática alma (Espiral Maior) de Marta Dacosta
3. Desobediencia (A porta verde do sétimo andar) de Rosa Enríquez
4. Versos fatídicos (1994-2010) (Positivas) de Alfredo Ferreiro
5. Antítese da ruína (PEN Clube) de Emma Pedreira
6. Fedor (Sotelo Blanco) de Luís Valle
7. Todas as mulleres que fun (Corsarias) de Andrea Nunes Brión
8. Pintalabios (Toxosoutos) de Ana Cibeira
9. As crebas (Espiral Maior) de Miro Villar e Amantes (Caldeirón) de María Lado
Sorprendida e enormemente contenta de que Acuática alma estea en 2º lugar.
Esta mañá entrei nun local, Cristina estaba traballando, mais aproveitou para dicirme que lle gustaba o libro (Acuática alma). Eu non lle preguntara nada. Só cando me dixo que lle gustaba pregunteille se xa o lera e díxome que non, que o estaba gozando aos poucos. Eu engadín, para iso foi escrito.
Si, para iso foi escrito, para ser lido e gozado, se for posíbel, polas lectoras e os lectores.
Naturalmente quedei moi satisfeita, tanto como se estivese a ler unha boa recensión literaria que destacase os logros rítmicos, léxicos, temáticos, o que se entender oportuno, da obra. Por iso queda aquí, como anotación que dea conta dunha recensión crítica da obra.
Porque é especialmente satisfactorio que alguén que non é profe ou que non ten un traballo vinculado ao ámbito cultural? en fin, unha cidadá, diga que está a gustar do teu libro, ou sexa que diga, por tanto, que está a gustar da poesía.
Que o novo ano nos traia máis saúde para a nosa lingua e o noso pobo.
A dúas andoriñas pousadas no tendido eléctrico sobre a desembocadura do Tamuxe un día de marzo.
Pousáronse esgotadas
confiadas na anunciada primavera
e alí
sobre o tendido eléctrico souberon
de canto frío cabe no tránsito do inverno
en cada fibra de herba incapaz de medrar
na anguria das ribeiras afogadas
pola ira dos ríos que inzan na noite
a terra está enchoupada
as árbores enmudeceron
na súa nudez desoladora
os limpafontes dormen
aínda sepultados
a luz quedou parada
por unha primavera que non chega
dúas andoriñas chegaron esgotadas
e recíbeas un tenso sentimento de derrota
a furia das voces que claman desde a terra
entre Miño e Tamuxe escoitan
unha onda pretérita que nace
alimentada polos ósos dos que non claudicaron
e entregaron a alma nas loitas necesarias
unha ladaíña viaxa sobre a escuma
entre as areas arrastradas e as moléculas de auga
cada vez máis veloces contra a terra:
salgada semente en que naceu o pobo
esparexida no suco espiral da nosa historia
hoxe volvemos por ti coa razón de sabermos
que grazas a ti somos, que sen ti nin a memoria
poderá salvar todo o amor que nomeaches
e nada seremos xa na aira planetaria
lingua nosa
Déixovos este poema de Acuática alma para despedir o 2011, o ano da súa publicación.
Moitas grazas a todas e a todos por acompañarme onte.
Grazas a Miguel Anxo Fernán Vello e a Miguel Anxo Mouriño pola presentación, a Duna Corredoira e Aldán López pola súa colaboración no recital e a Tokio por facer o vídeo do poema Acuática alma. Grazas tamén aos compañeiros do IEM por acoller e organizar o acto.
Déixovos unha mostra do que foi a presentación elaborada polo IEM
Acuática alma consta de catro partes precedidas dun poema-metamorfose e finaliza co poema longo Adartia, unha reelaboración da deusa céltica en contraposición á personaxe de Homero, Nausícaa. O libro foi presentado o día 29 na aula Ponte de Rosas do Instituto de Estudos Miñoranos. No acto de presentación participaron o poeta Miguel Anxo Fernán Vello, director de Edicións Espiral Maior, e o escritor e director da sección de Lingua e literatura do IEM, Miguel Anxo Mouriño, así como a propia autora.
Miguel Anxo Fernán Vello destacou que estamos ante un libro de madurez, no que cabe salientar o simbolismo da auga, que emana xa do propio título, onde o fonosimbolismo actúa como porta de entrada a un libro en que o ritmo e o valor fonético das palabras teñen un papel destacado.
Miguel Anxo Mouriño sinalou que o poemario trata da inxustiza, xa sexa pola morte inesperada, a violencia contra as mulleres ou a das agresións á natureza e aos seres vivos. Mouriño presentou á autora como unha persoa comprometida co seu tempo, coa nosa lingua e coa nosa literatura.
O acto de presentación rematou cun recital no que a autora estivo acompañada de Duna Corredoira e Aldán López, dous actores novos que forman parte da Escola de Teatro de Gondomar, Pritis guomins.
Xa o teño nas miñas mans. Xa o toquei, xa o abrín, xa estou a preparar a primeira presentación, en Gondomar, en colaboración co IEM (Instituto de Estudos Miñoranos). Será o vindeiro 29 de decembro, ás 20:30, na Aula de Cultura ?Ponte de Rosas? (Avda. da Feira, 10, baixo).
Xa hai unha imaxe na Fotoblogoteca e unha etiqueta creada, desde a que se poden ler catro dos poemas do libro.
Leva na man a póla de oliveira,
arma de luz nacida en terras ocupadas,
en terras sementadas de corpos e de sangue, Sabra e Shatila se presentan.
Do outro lado do muro
volve o pantasma vivo da crueldade,
o monstro do pasado que dispara
selectivamente á pola de oliveira.
Do outro lado do muro tentan
que caia da súa man
a póla de oliveira.
Mais, a pesar da crueldade,
da carraxe,
da rabia,
aínda hai mans que se erguen,
que insisten,
en termar
da póla de oliveira.
Aínda hai un cadáver que agarda
a terra que lle pertence para plantar
sobre a súa carne e o seu sangue
unha oliveira.
Este poema escribino tras a morte de Yasser Arafat e fai referencia a unha frase que pronunciou ante a ONU:
?Veño cunha póla de oliveira e un fusil de ataque na man. Non deixen que caia da miña man a oliveira?