A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

RAMÓN SUÁREZ PICALLO. NOTAS AUTOBIOGRÁFICAS (e IV)
Francisco A. Pita Férnández
Manuel Pérez Lorenzo



O exilio para Ramón Suárez Picallo viña acompañado dunha serie de desgrazas que, en a penas tres anos, esnaquizaran á súa familia. Serán os peores momentos da súa vida, e deixarán nel un pouso de amargura incurable. Blanco-Amor, o gran amigo, será a testemuña de tanta dor:

Querido Eduardo: Un día angustioso da túa vida, cando a túa nai estaba morrendo, fixéchesme unha encarga. Cumprina devotamente. Pouco despois cando a túa nai se foi e quedaches só, leveite ao meu fogar. Quería que a calor dos meus, mitigase en parte a túa dor. Non sei se o logrei. Mais esa foi a intención. Pois ben, eu áchome hoxe igual que ti antes. Só, sen ter a quen dicir toda a dor da miña alma. Hai uns 6 días Meilán, de Montevideo, dime que morreu aí o meu irmán Leonardo. O bo, o querido, o discreto Leonardo. Oito días antes escribíronme de Filadelfia, dicíndome que a viúva do meu irmán Diego, morto en Filadelfia en setembro do 1938, desapareceu deixando abandonados aos meus sobriños, Eduardo de 10 anos e Teresita de 6, dúas preciosidades. Co Ministro americano aquí, por recomendación dunha alta personalidade, logrei que os meus sobriños entren no ?Guard College? de Filadelfia o mellor dos Estados Unidos, de onde sairán cunha carreira universitaria aos 21 anos de idade. Onte recibo carta da miña irmá María dicíndome que o meu pai morreu dunha síncope cardíaca o 4 de xaneiro. Santo Deus! Como ves, imaxínate como estou. Axúdame! Escrébeme! Non teño a quen falarlle no mundo. (21)

Ao pouco morrían tamén a nai e máis outro irmán, Eduardo. Aínda na República Dominicana, e por se fora pouco, sufrirá a persecución do goberno de Trujillo, e estará a punto de ser extraditado a España. Como lle conta a Blanco-Amor, conseguirá saír rumbo a Chile:

Logo de mil esforzos conseguín saír daquel inferno que é Santo Domingo, onde quedan aínda 1.700 compatriotas. Grazas ao ministro de Chile alí, o escritor Víctor Domingo Silva, que me facilitou pasaporte chileno semioficial, puiden lograr os visados de tránsito por Haití e Panamá, vetados a todo viaxeiro europeo, sobre todo se é refuxiado.- Vou a Chile, nu, sen un centavo. Levo algunhas cartas para diarios e editoriais. É posible que poda defenderme. Pero o meu propósito é chegar a Buenos Aires. (22)

Nembargantes, instalarase en Chile, que o acollerá durante 15 anos. Dedicarase profesionalmente ao xornalismo, colaborando cos máis importantes diarios do país: La Opinión, La Hora, El Mercurio, El Sur, etc. Na súa columna La feria del mundo, expresará cada xornada as súas inquietudes, lembrará acontecementos do pasado e, curiosamente, impulsará unha campaña gobernamental en favor do consumo de peixe, o que acompañará con conferencias por todo o país destinadas a convencer á poboación chilena das vantaxes dos produtos do mar:

Xa dixemos algunha vez, desde esta mesma sección, que é un absurdo do consumo, da alimentación, e da economía de Chile, o feito de que, tendo un problema de importación de carne, cara e mala, non recorra, por vía estatal e científica, a buscarlle un substituto ao produto que debe importar. O substitutivo vantaxoso en prezo e calidade, teno Chile nun vasto plan de produción e industrialización pesqueira, con amplos alentos. Un plan que parta da extracción do produto, o seu almacenamento en fresco en porto, a súa industrialización, -salga, secado, conserva, escabeche, etc.-, o seu transporte, o control dos prezos e a creación dunha masa consumidora, dentro e fóra das fronteiras do país. É certamente, moito plan; pero estamos en época de grandes creacións, e os esforzos físicos, económicos e técnicos, que se gasten neste, serán retribuídos á nación, a razón do cento por un.
O pobo chileno, debe enriquecer a súa dieta diaria, pobre e raquítica, con peixe abundante e barato. A economía nacional non pode ter fontes de produción caudalosas, que non estean en pleno rendemento. É un imperdoable pecado de lesa Patria, e de lesa Democracia. (23)


Así irá Suárez Picallo malvivindo, nunha situación económica precaria e experimentando un deterioro físico evidente, que el mesmo se encargará de difundir, amosando unha certa hipocondría:

Desde mañá, e por causa de ditame médico competente, o xornalista que escribe esta columna de ?La Hora? desde hai máis de seis anos; acóllese a un mes de repouso en Las Cruces, ordenado polo Servizo Medico Nacional de Empregados [...].
E todo, porque Pick-Up está enfermo do corazón. Os sapientes cardiólogos de Chile que o viron e examinaron afirman que ten unha afección ás coronarias, con algo de ?angina pectoris?; é dicir, que morrerá, irremediablemente, un día ou unha noite calquera, sen dicir nin auga vai. Pero, mentres tanto, a Lei é a Lei, e o xornalista pobre, sen máis caudal nin amparo que o que lle conceden, o día, a noite, o traballo honesto e o pouco ou moito valer da súa pluma, ademais da súa xerarquía intelectual e moral, vai buscar nun recuncho amable da costa chilena, o ben inestimable da saúde perdida. E confía en que o mar, o santo mar dos seus vellos amores e das súas inquedas andanzas, actúe a modo de elemento restaurador, co seu misterio de eternidade e de esperanza e o encanto das súas polífonas sonoridades, calladas en espumas brancas.
Despedímonos, pois, dos nosos lectores por un espazo de tempo, fixado polos médicos en trinta días, pero ben puidera ocorrer que esta despedida fose definitiva. (24)


Asemade, padecerá dunha absoluta soidade, afastado da familia e dos mellores amigos. As súas ansias de retorno serán cada vez maiores, facéndoo fantasiar coa posibilidade de retomar a súa vida en Veloi. Nunha carta a Blanco-Amor, en resposta a outra deste, escribirá:

Agora ben, eu quero recoller da túa última carta unha frase: disme nela que se tiveses as terras que eu teño, a miña case e o amor dos meus, non pensarías noutra cousa que en cultivar todo iso: eu xúrote polo amor e a memoria dos meus mortos, que nesas terras, na casa e no cariño dos que quedan no meu humilde fogar de Veloi, tes ti, para gozalo con pleno dominio, a metade de todo. Sempre terás alí un amable recuncho; os cordeiros, cunha estrela na testa, volverán comer nas túas mans espigas de millo; criarás bois e non farás o que o meu bondadoso pai fixo cos que ti coñeciches, vendelos para a cortaduría. Deixaralos sempre, vellos e todo, sen deixar que ninguén os mate. As augas da miña fermosa Ría de Sada, camiño dos ?Caneiros?, seguirán azuis de día e pola noite acendidas de ?ardentía? iluminando os corpos apolíneos dos mozos nadadores para deleitación dos nosos ollos fatigados; na Praza de San Roque volveremos ver os pespuntes máxicos da ?muiñeira?; e de retorno da festa naquel cuartiño teu e meu do noso fogar, o vello merlo cantareiro, volverá asubiar nas mañás o seu ?buenos días Pepito?. Claro que alí faltará moito insubstituíble: a presenza do meu querido Antón e dos meus pais que te adoraban; mais en troques a miña irmá María, que casou hai pouco cun excelente rapaz, ten un neno e unha nena preciosos. Ela chámase María Teresa, en homenaxe á nai morta, e el chámase Juan Ramón. [...] Queira Deus que este soño se cumpra! (25)

No 1956 viaxa a Buenos Aires, representando aos galegos de Chile no Primeiro Congreso da Emigración Galega. Sobre esta viaxe e as súas inmediatas consecuencias escrébelle a Xosé Hermida:

Aquí topeime cos currunchos onde pasara a miña adolescencia e con vellos e moi queridos amigos, loitadores pola mesma causa ¡E quedeime aqui! Traballo coma sempre. Son Asesor Cultural do poderoso Centro Lucense de Buenos Aires, como direitor da sua Cátedra permanente de Cultura Gallega e do seu periódico Lugo, do que che mando eixemplares por correo ordinario. Escribo noutros periódicos, e dou conferencias en varias instituciós democráticas e republicanas españolas e arxentinas. Ademais estou escribindo un libro titulado Castelao Político, que sairá xunto con Castelao Artista, de Luís Seoane, é, Castelao Escritor, de Eduardo Blanco-Amor. Poño nel a alma, vida e corazón. [...] Son socio de honor de casi todas as instituciós representativas da coleitividade e, como Diputado, secretario de Relaciós Esteriores do Consello de Galicia, fundado por Castelao. (26)

O libro Castelao Político nunca o chegará a concretar sobre o papel. Nos anos 1961 e 1962 impartirá un curso de xornalismo de gran aceptación e perdurabilidade na memoria dos seus alumnos. A súa saúde, cada vez máis deteriorada, levarao a se operar da vista e, un tempo despois, a ingresar no sanatorio do Centro Gallego. Alí falecerá o 14 de outubro do 1964, rodeado da estimación de todos, pero afastado de todo canto quixo na vida e quebrados todos os seus proxectos. Nunha carta dirixida ao presidente do Centro Gallego e titulada ?Mi trabajo ha terminado?, escribirá, profetizando o seu final:

Eu non teño fogar nin familia propia, e a miña vida, que está chegando ao seu final, desenvólvese na máis absoluta tristeza e soidade; pero me consola o saber que conto co afecto, a estimación e o respecto de cantos me coñecen [...].
Aínda que Vde. non o crea, debo dicirlle que sendo como son un profesional da palabra falada e escrita, nesta ocasión non acho as xustas e necesarias para expresarlle canto senten o meu espírito e o meu corazón. Xa non estou en condicións de retribuír nada, pero, se algo aínda podo facer será sempre para seguir a liña que orientou toda a miña vida: servir a Galicia, a nosa patria; e ás institucións que a representan no mundo coa máis alta xerarquía; entre as cales cóntase, en primeirísimo lugar, este benemérito Centro Gallego de Buenos Aires, a nosa santa sé, o noso refuxio para achar instantes de paz e acougo mentres chega a hora de dicir: o meu traballo terminou. (27)


Publicado en Suárez Picallo, R.: Selección de textos en galego, edición de P. Viveiro Mogo, E. García López, F. A. Pita Ferández e M. Pérez Lorenzo, Concello de Sada-Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2008.




NOTAS

(21) Carta de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco-Amor, 27 de febreiro do 1940, Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.
(22) Carta de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco-Amor, 4 de setembro do 1940, Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.
(23) "La pesca en Chile", La Hora, 30 de decembro do 1942.
(24) "Reposo", La Hora, 16 de maio do 1949.
(25) Carta de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco-Amor, 24 de agosto do 1946, Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.
(26) Carta de Ramón Suárez Picallo a Xosé Hermida, 10 de agosto do 1959, propiedade de Keith Hermida.
(27) "Mi trabajo ha terminado", Lugo, outubro do 1964.
Comentarios (0) - Categoría: Biografías-Ramón Suárez Picallo - Publicado o 29-04-2010 00:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0