A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

RAMÓN SUÁREZ PICALLO. NOTAS AUTOBIOGRÁFICAS (III)
Francisco A. Pita Férnández
Manuel Pérez Lorenzo



Suárez Picallo axiña se había converter en Deputado, con 55.054 votos. As súas intervencións no Parlamento centraranse no combate de todos aqueles obstáculos que impedían o melloramento das condicións de vida de mariñeiros e campesiños. Así, falará de reforma agraria, da construción de portos de refuxio (especialmente o de Sada), do arranxo das vías de comunicación, etc. Tamén participará no debate sobre a forma do Estado, pugnando sempre pola súa organización federal. A súa oratoria, máis de mitin que de casino, fará exclamar ao tamén Deputado Ortega y Gasset: ¿Quién es esa voz pegada a un hombre?

En decembro do 1931 participa na constitución do Partido Galeguista, sen se desvincular polo momento do grupo parlamentario da ORGA de Casares Quiroga. Non o fará ata case dous anos despois, cando lle envíe unha dura misiva a Casares:

Orga foi perdendo masas populares ata que desapareceu o seu nome e o seu espírito primitivo. [...] Fundado o P.R.G. a minoría foi deixando de ser unha conxunción de diversos sectores ideolóxicos para quedar reducida a unha minoría de Partido. E o P.R.G. foi orientándose nunha ideoloxía que non comparto; e aumentando as súas filas con elementos, para os cales persoalmente son todos os meus respectos, pero de cuxa ideoloxía e prácticas políticas, estou separado por distancia insalvable. [...] Como pode Vde. ver, a miña vinculación á minoría era puramente numérica, como o expresei nunha reunión presidida por Vde., ao tramitarse a última crise.
A decisión que hoxe adopto, de separarme dela, foi acordada polo Partido Galeguista fai varios meses. [...] O estado actual do problema autonomista -para min, insisto niso- o problema fundamental de Galicia obrígame a non seguir máis na minoría. [...].
Acatando tal acordo, cuxos fundamentos comparto, e para renovar unha traxectoria política e ideolóxica que desexo seguir, para poder actuar libremente de acordo con ela, deixo de pertencer á minoría que Vde. preside. Para Vde. e para os seus outros compoñentes con todos os meus respectos persoais e os meus afectos máis cordiais, coa seguridade de que me acharán sempre ao seu lado, cando se trate de defender a República e as súas esencias democráticas contra todo intento de reacción; e cando haxa de loitarse, fervorosamente, por dar a Galicia, como pobo autónomo, o seu propio goberno e con el o tesouro prezado da súa liberdade. (13)


O triunfo da dereita nas eleccións do 1933 deixará a Suárez Picallo fóra do Parlamento, o que aproveitará para realizar a carreira de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. No 1935 exerce xa como avogado. En paralelo, mantén a súa actividade xornalística, fundando e dirixindo o semanario SER. Mais, en febreiro do 1936, logo de refloreceren as vellas alianzas entre os sectores da esquerda, recupera o escano xa como Deputado polo Partido Galeguista dentro da Fronte Popular. A campaña electoral fora especialmente dura, e así o recolle nalgunha carta a Eduardo Blanco-Amor:

Desde un mes antes das eleccións son estes os primeiros minutos de relativo descanso. E para iso ás 2 da mañá, na parte de atrás do ?Marineda?. Non podo máis! Os últimos exames, a Licenciatura, as primeiras actuacións forenses e por riba a campaña electoral máis dura habida e por haber. A 17 mitins por día teño saído! Logo as incidencias postelectorais e o trunfo. [...]. Polo demais foron horas inesquecibles. Sobre todo aquelas nas que, para evitar que se nos roubase o trunfo, tivemos que dar un golpe de man no Goberno Civil, empuxados por este pobo coruñés marabilloso, lanzado á rúa ao berro de: ?A queimar aos ladróns das actas?. [...]. Ai meu gran amigo que cousas descubrín eu desde a tribuna nesta campaña electoral ao longo e ancho da nosa Terra. Que ollos xuvenís alucinados seguindo o voo das palabras. Que gran fe en nós e que sortilexio de comuñón na charla amable do post-mitin. Ao seu conxuro comecei a sentirme ?leader? ?conductor? do meu Pobo. (14)

A vitoria colmábao novamente de esperanzas. Mais axiña comprende que se está a fraguar a resposta por parte da dereita intransixente, como llo manifesta nunha nova carta a Blanco-Amor:

Acaba de circular a nova, xa confirmada, do asasinato de Calvo Sotelo. A guerra civil está en medio da rúa. Estamos no período álxido do Cataclismo, do que sairá unha España nova. ¿Cómo? Ninguén o sabe. [...] O goberno desconcertado, saboteado polos seus servidores, rodeado de inimigos dentro da casa. Non se atreveu á varrida, non comprendeu a súa posición revolucionaria e paga as consecuencias. En política só trunfan os que se colocan sempre na ofensiva. Defenderse é só o fracaso.
Axiña se dará en España o sálvese quen poda. Galicia, se para entón ten en movemento o seu estatuto salvarase. Como cando Napoleón. (15)


Efectivamente, non andaba errado. A sublevación militar do 17 de xullo cólleo en Madrid, negociando a aprobación definitiva do Estatuto de Autonomía, logo doutra intensa campaña previa ao plebiscito. El e Castelao, lonxe de Galicia, salvan a vida. A fe na vitoria consegue, polo momento, mantelo en pe:

Agora hai só unha consigna: Vencer como sexa. Iso significa liquidar para sempre a chantaxe que os militares viñan realizando a costa do tesouro español. Chantaxe de dúas entelequias: o valor e a honra; significa dar luz a unha España insospeitada no mundo e en España mesmo, a España popular e democrática, freada hasta hoxe por todos; significa abrir ante o mundo un capítulo novo da Historia vital. (16)

Mais en Madrid sinte que nada pode facer ante a barbarie desatada en Galicia, e que lle fende no máis profundo:

Segundo as nosas novas ?temos emisora e receptora de radio- houbo fusilamentos moitos. Entre eles sospeito que o do meu irmán Antón. Aquel o meu gran Antón que quero como á luz dos meus ollos. (17)

Efectivamente, Xohán Antón Suárez Picallo, galeguista, agrarista e dinamizador cultural na Sada republicana, fóra paseado, correndo a mesma sorte que outros veciños. A traxedia non derruba a Ramón, senón que o impulsa a seguir na loita. Como home de acción e de compromiso, colabora co exército republicano no mesmo campo de batalla, organizando unha ?Milicia Gallega?:

Hoxe acuartelamos. Somos uns mil. Hai de todo, ata segadores que forman un grupo de choque que leva o nome de Rosalía. A misión principal é entrar en Galicia como sexa. Mais mentres isto non se poida facer a nosa milicia loitará onde o queira o Goberno. Está moi ben organizada. [...].
[...]. Mañá comezaremos a instrución. Deseguido iremos á Serra para foguearnos. Despois a onde sexa. Con nós, ben dentro, van Galicia e a República. (18)


O inexorable avance franquista levarao a Barcelona, onde co-dirixirá a revista Nova Galiza. Alí, facendo valer a súa faceta de avogado, defenderá a moitos anarquistas das acusacións stalinistas, nun momento en que os comunistas pro-soviéticos aglutinaban un gran poder. Suárez Picallo, antigo comunista, distanciarase dos seguidores da doutrina marcada en Rusia e os criticará acedamente, así en público como na correspondencia con Blanco-Amor:

Esquecía dicirche que noto certa frouxeira en combater a Rusia e ao ?seu? comunismo. Considero que é preciso rachar con esa xente. Fixéronnos moito dano! Para o futuro, o noso perfil acentuado de republicanos e demócratas, sen contaminación con eles, será de grande utilidade. (19)

Adoptaba, xa para sempre, a clara definición de republicano e demócrata. O curso da guerra levarao ao exilio, partindo desde Francia a New York. As súas peripecias polo mundo llas relataba en carta ao galeguista Xosé Hermida:

Ó terminar a Guerra, fun os Estados Unidos, chamado e levado polos fillos de Sada ali residentes. Estuven 7 meses dando conferencias por ?Hispanas Confederadas? en 40 Estados da Unión, xuntando diñeiro pra fletar o ?Ipanema? que levou a México os primeiros refuxiados de Francia. Despois pasei á República Dominicana (a terra de Trujillo, que dios Confunda) onde estiven un ano. Alí ?non me prestaba? o clima físico nin o outro clima, e arreglei de modo de ir a Chile. (20)


Publicado en Suárez Picallo, R.: Selección de textos en galego, edición de P. Viveiro Mogo, E. García López, F. A. Pita Ferández e M. Pérez Lorenzo, Concello de Sada-Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2008.




NOTAS

(13) Carta de Ramón Suárez Picallo a Santiago Casares Quiroga, op. cit.
(14) Carta de Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco-Amor, marzo do 1936, Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.
(15) Id., 12 de xullo do 1936, Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.
(16) Id., 17 de agosto do 1936, Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.
(17) Id.
(18) Id.
(19) Id., 19 de outubro do 1939, Biblioteca da Deputación Provincial de Ourense.
(20) Carta de Ramón Suárez Picallo a Xosé Hermida, 10 de agosto do 1959, propiedade de Keith Hermida.
Comentarios (0) - Categoría: Biografías-Ramón Suárez Picallo - Publicado o 28-04-2010 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0