A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

RAMÓN SUÁREZ PICALLO. NOTAS AUTOBIOGRÁFICAS (I)
Francisco A. Pita Férnández
Manuel Pérez Lorenzo



Ramón Suárez Picallo nace en Veloi, parroquia de Sada, o 4 de novembro do 1894. É o primeiro de once irmáns, nacidos nun intervalo de tempo de 23 anos. A nai, Teresa Picallo Martínez, será sempre obxecto da súa veneración máis devota:

Honra e agasalla á túa nai, pobre ou rica, nova ou anciá porque nela hónraste a ti mesmo e honras á máis pura fonte de amor dos amores, ao doce remanso de todas as fatigas. Achega ao seu regazo tépedo a túa cabeza e pronuncia o seu nome con acento de oración. Porque nunca os teus beizos pronunciarán palabra máis bela: ¡Nai! (1)

A través da nai tomará o seu primeiro contacto coas letras ?sagradas?, nos libriños que aquela gardaba no seu cuarto. As lecturas ?profanas? chegaranlle da man do seu avó:

don Juan Picallo Caramés, debuxante, ceramista, poeta a ratos, e posuidor dunha biblioteca con máis de cen volumes, que el gardaba nun baúl de nogueira, pechado con sete chaves, como a tumba do Cid. (2)

Tamén do mestre nacional de Sada, o vilalbés José Somoza Eiriz, astrónomo que instruía aos seus alumnos en materias entón marxinadas polo sistema educativo, e que, nembargantes, non era demasiado aprezado polos pais, aferrados á vella e bárbara norma de que ?a letra con sangue entra?; fronte a ela afirmaba don José, que ?a letra entra mellor con música?. A escola e o seu mestre serán evocados por Ramón en varias ocasións:

A escola pública estaba situada na rúa da Mariña, dunha vila medio labrega e medio pescantina. E todos de orixe moi humilde, traballabamos nalgunha das dúas faenas, na terra ou no mar e, ás veces nas dúas, segundo as épocas do ano.
O local era branco e luminoso, con moitas fiestras, e daba polo lado de atrás a un dos vales máis fértiles e fermosos do mundo; pola fronte estaba o peirao dos pescadores e, como pano de fondo, a bocarría azul, tersa como unha esmeralda nas calmas chichas, da primavera e do verán, e alborotada como a Ira de Deus, no outono e no inverno. (2)


Non eran tempos de demorarse en estudos e lecturas. A Ramón tocáballe seguir os pasos do seu pai, Eduardo Suárez Fernández, o ?Zoqueiro de Veloi?, que, emigrado, navegaba agora polos mares do mundo:

Cumprira os nove anos, moi poucos para gañar o pan coa suor da miña fronte. Nembargantes, decidírame firmemente a plantexar á miña nai a miña vontade de ir ao mar. Certo que era pequeno; mais ¿non ían José de Sabela, Antón de Souto e Vicente da Fonte, que tiñan a miña mesma idade? [...]
Para o caso, tomara as miñas medidas. Na compaña de Don Fernando Lourido, andaba o meu amigo José de Sabela, con quen xa falara para ver se había sitio.
-E non ha de haber, oh. Xa sabes que co tío Fernando sempre hai sitio para os rapaces. Mañán se queres vir, témola posta na praia de Miño. Tirouse o mascato e paréceme que vai haber amorrada.
A profecía do meu amigo, que ía xa de entendido na materia, decidiume de todo, e, esa noite, obtiven da miña nai o anhelado permiso, non sen unha tenaz resistencia da súa parte. Rezaba, ¡probiña! por un navegante ?o meu pai emigrado- e desde esa noite rezaría por dous.
Ao outro día, mentres colocaba a merenda no garruncho ?que a mar da moito apetito- encheume de consellos: -Serás traballador e honrado; serás humilde e ben falado cas persoas maores; non serás envidioso, nin respondón, nin embustero; nin falarás mal dos compañeiros. Serás amigo de todos para que todos sean teus amigos. Sendo un neno, portaraste como un home.
[...]
Baixo a impresión da bendición da miña nai e lembrando a profecía da amorrada, cheguei nun santiamén á rampla de don José Pena, que servía de repisa ao pintoresco pobo de Fontán, colgado do ribazo, como se quixera caer ao mar nun día de mareira. (4)


Tamén como o seu pai e como tantos sadenses, remata por elixir o camiño da emigración, única vía de subsistencia nunha familia de tal amplitude e tan escasos recursos:

Demos vista, por primeira vez, á cidade de Buenos Aires o 19 de marzo, día de San Xosé, do ano 1912. Viñamos dirixidos e confiados a un compañeiro de escola do noso pobo natal, que vivía na rúa Bolívar 262, nunha casa de Cajas de Fierro ?Vetere y Compañía-; pero uns días antes da nosa chegada, o veciño da nosa única referencia fórase a Bahía Blanca. E alí quedamos, sen saber a quen dirixirnos, en medio e medio da grande urbe porteña, que tiña por aquel entón 700 mil habitantes.
O cocheiro que nos trouxera desde a dársena norte deuse de conta da nosa angustiosa situación de recén chegados e fíxonos un pormenorizado interrogatorio. E, sen máis nin máis, resolveunos o problema, levándonos á casa duns veciños do noso propio concello, situada na rúa Catamarca, entre Belgrado e Moreno. Alí non tiñan como acomodarme e me levaron á rúa Solís 351, onde vivimos con nove paisanos nunha ancha habitación dun conventillo famoso. Días despois empregueime como peón de botica, na casa de Baralis, en Entre Ríos esquina Venezuela.
De alí en diante todo foi para nós como coser e cantar. Vendedor de artigos de goma; vendedor de alfajores cordobeses, mandioca e doce de leite, cunha cesta na cabeza; cobrador dunha gran casa maiorista; honesto lavalouzas, reposteiro e despenseiro de buques mercantes; [...] foi a nosa vida en Buenos Aires, vivida a plenitude de esperanzas, ensoños e ilusións. (5)


Como tantos galegos, axiña se integra no tecido sindical e político da capital arxentina, acadando sona e protagonismo pola súa oratoria e a súa prosa combativa. Logo dun período de militancia socialista, converterase nun dos líderes do Partido Comunista, tomando parte en mitins e asembleas, sufrindo a dura represión estatal e mesmo publicando no 1922 un exitoso folleto, Cartas a un obrero, do que se esgotarán 10.000 exemplares. Finalmente, por mor das divisións internas da organización, decidirá afastarse da política, dedicándose plenamente á actividade sindical. Haberá embarcar en sucesivas ocasións, percorrendo o mundo como reposteiro de a bordo baixo o alcume de ?el repostero poeta?, polo xeito de dispor as bandexas. Nas súas viaxes chegará a visitar China:

Coñecemos Shanghai no 1929. Chegamos alí nun barco de mala morte, sen itinerario fixo nin rota presinalada. Entre os pasaxeiros ? o barco era mixto- ía unha señorita Jacqueline Jáuregui vasca francesa [...]. E como o barco paraba alí varios días, os tripulantes que a tiñamos por amiga, quixemos agasallala cunhas flores.
Baixamos a terra na procura dunha florería e achámola ben cedo. O seu dono era un tipo louro, forte e de ollos azuis. Ensaiamos con el o noso pésimo inglés e o noso pasable francés. Porque do chinés non tiñamos nin noticias. O home, que ademais de florista, era doceiro e limpabotas, escoitounos como quen oe chover, sen decatarse dunha soa palabra. A mímica fracasou tamén. E cando xa iamos deixalo por imposible, díxonos en perfecto castelán e con certo acento rexional:
-Bueno, al fin de cuentas, qué c..... quieren ustedes. Por pouco non o matamos. Fixemos a compra e houbo logo a conseguinte esmorga. Presentounos ao dono dun gran cinema, e ao que debuxaba os afiches do Socorro Rojo Internacional. Os tres foran tripulantes de outros tantos barcos, que os deixaron en terra, por non presentarse á hora de saída, porque se perderan nas rúas do ?barrio chino?, bebendo viño de arroz e comendo niños de andoriñas, ?e aínda máis...? (6)


Xa de volta das viaxes polo mundo, poderá finalmente dedicarse ao seu oficio: o xornalismo. Colaborará para os máis importantes diarios bonaerenses, escribindo crónicas sobre o movemento obreiro, lexislación social, etc. Participará da vida social bonaerense, tomando parte nos máis soados faladoiros :

Compartimos, máis tarde, desde o modesto plano de oíntes e espectadores, reunións e faladoiros en "peñas? famosas da intelectualidade nova de Buenos Aires, da segunda e terceira décadas do presente século. E na batalla literaria entre os intelectuais proletarios de Boedo -barriada popular- e os de Florida, de perfil aristocrático, estivemos cos de Boedo, que se sabían de pe a pe toda a literatura rusa. E ata botamos o noso bo cuarto a espadas en política, meténdonos onde ninguén nos chamaba, para ir dar, algunha vez, á vella sección Orden Social da Policía Arxentina, na rúa Moreno e Saénz Peña. Andanzas impregnadas de idealismo xeneroso ás que non queremos renunciar, porque foron, se cabe, o máis belo da nosa vida e da nosa peregrinaxe polos camiños do mundo. Desde Buenos Aires percorremos toda a República, desde os Chacos ás Patagonias, todo o Continente Americano e de boa parte do europeo co seu tanto e canto do africano, tendo sempre a Buenos Aires como punto de partida e de retorno. (7)


Publicado en Suárez Picallo, R.: Selección de textos en galego, edición de P. Viveiro Mogo, E. García López, F. A. Pita Ferández e M. Pérez Lorenzo, Concello de Sada-Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2008.




NOTAS

(1) "¡Madre!", La Hora, 12 de outubro do 1942.
(2) "Evocación infantil. Cómo conocí a Don Quijote", El Sur, 3 de marzo do 1956.
(3) Id.
(4) "Remembranza", Céltiga, 12 de xuño do 1925.
(5) "Reencuentro con Buenos Aires?, El Sur, 11 de xullo do 1954.
(6) "Shangai", La Hora, 27 de abril do 1949.
(7) "Reencuentro con Buenos Aires", El Sur, 11 de xullo do 1954.
Comentarios (0) - Categoría: Biografías-Ramón Suárez Picallo - Publicado o 20-04-2010 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0