A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A NAVALLA DE MANUEL MARÍA, PARA FELIPE SENÉN

A Irmandade Manuel María e a Asociación Xemolos entréganlle a Nava de Manuel María este ano a Felipe Senén, e a Navalla "in memoriam" a Suso Vaamonde.

Reproducimos o artigo publicado por Felipe Senén o 07/09/2014.

As navalliñas de Manuel María
Felipe Senén


Compre dicilo así, en diminutivo, para sacarlle o ferro dado á navalla polo mal uso. Como calquera outra cousa tamén se pode trastornar en arma e non soamente un croio, un pau, un óso... Depende da bonhomía ou da maldade endiañada dos humanos. Trebello sinxelo e xenial, pequena ferramenta, inseparable do queixo, do touciño ou dun garabullo, que non faltaba na faldriqueira ou no bolso do home ou da muller da Galiza rural. A navalla, mercancía entre as mercadorías, baixo os telderetes das feiras.

Cada oito de Setembro, cando se prepara a vendima, é un día grande na tradición galega, na que a forza do instinto segue a levar en peregrinación ás tribos cara ós santuarios de fontes, de pedras, de árbores ou sobre ventados outeiros nos que aínda se celebra en templos a Natividade da "Raiña dos Ceos", Isis- Ceres-Cibeles, cubertas polo mesmo pano como imaxe da Virxe dos Milagres, dos Remedios, de Guadalupe da Barca, da Peneda, de Covadonga... A caída data coa que se trenza agora o cabodano do pasamento, no 2004 e na Coruña, do poeta Manuel María, de nobre palabra desbordada. Naquela data eu estaba na Toscana, precisamente nunha viaxe feita a medida do amigo e de Saleta, sempre dispostos a perfeccionar o saber sobre estas terras de Arte e Renacemento. Días nos que tamén por alí se celebra en santuarios á súa Venus padroeira. Pero non puido ser, o definitivo camiño estaba sinalado para o chairego. Lembramos sempre a Manuel María, a súa ollada, o seu sorriso, a súa palabra contundente e máis no seu preferido e cantado outono, cando Galiza se converte nun retablo barroco de ouro. Tempo no que cumpría anos, con tantas celebracións nostálxicas arredor, entre castañeira e fume de Magostos, como a do seu admirado panteísta e fratello, santo de Asís. Agora a Irmandade Manuel María e Xermolos, de Guitiriz, que acolleron en vida e en morte canto significaba Manuel María de compromiso, tradición e innovación na palabra, celebran a data en Outeiro de Rei e fan entrega a alguén que iles coidan merecelo a "Navalla de Manuel María", un símbolo para seguir a afiar e a afinar a galeguidade entre tanta uniformización. Neste ano hai unha navalla póstuma, e non podía ser máis que para o lembrado cantoautor Suso Vaamonde, finado no no ano 2000, a outra navalla, e sen máis comentarios, concédeselle a servidor, que agradecido asume o compromiso aínda sen merecelo por vir das mans e das lembranzas que ven e polo que significa.

Manuel María cultivaba as tradicións nas que acouga a orixinalidade de Galiza, sobre as que re-creaba, acendíaas e iluminábaas coa poesía, para ler, cacilar ou para cantar, estralampos de tribo solidaria, de alborada. A obra de Manuel María en relación coa súa terra e co seu tempo, como debe ser, si señor, é una farturenta fonte de auga limpa na que beber.

Entre esas as teimas nerudianas de Manuel María estaba o amor ás cousas do común con pegadas e lembranzas: as plumas de escribir, os caxatos, os reloxos de peto, os cornos da vacaloura, a caixiña veneciana... e sobre todo as pequenas navallas, herdadas ou regalo dos amigos, sinxelas, sen ou con estralos, a maior parte delas galegas, co mango adornado de herdos célticos. E entre elas a cantada e contada da súa avoa materna, navalla de Taramundi, coa suxestión gravada en prata de RE-CU-ER-DO: "Miña pequena, querida, preciosa navalhinha de marfil, prata, corno de cervo e mui excelente aceiro cortador, no lombo levas estas letras. C C...." compañeira en festas e viaxes especiais, a que garda "unha faísca do humano calor daquelas maus, xunto con outras catro ou cinco máis: unha para Saleta, outra para prestarlla a un amigo, outra por si se perde? E algunha extraviouse e foi substituída en dó pola seguinte... e tiven a ruín fortuna de ser o causante, co eximente de que a perda foi nun improvisado xantar sobre os chanzos do provenzal templo de San Trófimo de Arlés, "palabras maiores" , tomando o feito como ofrenda chairega a Mistral e a Van gogh, pero a cousa seguiu a dar que falar. O lembrado amigo, difusor e editor Carlos Díaz, sabendo das teimas do seu admirado poeta, a quen levou a dar recitais pola Suiza adiante, regaloulle varias navallas, entre elas unha desas custosas Victorinox multiusos e que nunha soia peza xúntanse diferentes e minúsculas ferramentas para abrir e cortar de todo. Mesmo tamén o obsequiou cunha "competente" caixa para clasificalas e gardalas, a que Manuel María abría co seu correspondente ritual para mostralas ou para escoller as axeitadas a cada ocasión. Coas navallas de Manuel María viaxaban as súas historias e as dos amigos. Eu fíxenlle o regalo dalgunha e tamén a miña tía Minda do Carballiño, que tiña o mesmo degoiro das navalliñas e que tanto de tradición significaban: afiar un lapis, abrir ilusións, libros, cartas, paquetes, encetar o pan, o xamón, o queixo, divertirse cun garabullo facendo un aradiño... Navalliñas de axustadas medidas, que non deberan exceder para facerse "arma branca", como din os atestados criminais. Entre elas tiña unha que lle ofrecía certo respecto e á que lle ten dedicado unha das crónicas dos "Andando a terra": navalla soamente para ver, lembrar e filosofar. Servidor sabe a súa historia e abrevia: foi nunha intensa viaxe en Xuño do 1991 cos Amigos do Museo Arqueolóxico da Coruña polas illas de Córcega e Cerdeña, nacións negadas. Nese ir e vir, vendo menhires, nuragas, castelos, escaparates con coral, coñecendo historias de colonizados e emperadores colonizadores, do precursor galego Leonardo Sánchez Deus... tivemos un xantar enxebre na horta dunha quinta empoleirada no Monte Ortobane, preto de Nuoro, onde tamén quedamos moi gustosos de visitar a poderosa labrega casa-museo da escritora Grazia Deledda, Premio Nobel de Literatura no 1926. De fondo música de acordeón e danzas enxebres dos paisanos, sobre as táboas das mesas viño fresco un año asado servido sobre cortizas... e como ferramentas coitelos de mango de pau, entre eles unha navalla de medio tamaño con cachas de hasta... Manuel María observouna e véuselle á mente a "Carmen" de Próspero Merimé e unha vendetta que remata a navalladas. Conta que as navallas coas que se cometeu un crime eran triscadas e meladas na punta. E aquela navalla estaba melada... Seguiu a cousa e comidos e bebidos, mesmo o Manuel María sumouse á roda de danzantes e marcou uns pasos, o nunca visto. Cantando o que cantamos os galegos retornamos no mesmo remolque do tractor que nos levou ó alto. Foi entón cando aproveitei para meterlle no bulso do chaleco do chairego aquela navalla que eu collera da mesa para il. Hoxe está entre as xoias literarias e queridas do Museo Manuel María na súa Casa de Hortas de Outeiro de Rei.

Sobre a Historia da navalla habería moito que contar e para iso xa hai libros que as asocian co monte e co bandoleirismo, poucos tan exhaustivos como Acero en las venas de Rafael Utrilla Barbeito que, polo miúdo analiza a navalla, o coitelo e as tesoiras das ferrerías de Taramundi, meténdose nos materiais, nos modelos, nos encargos, nos reciclaxes, das marcas, da venda... e xa falaremos deso noutra.


Publicado en La Opinión de A Coruña (07/09/2014)
Comentarios (0) - Categoría: Actualidade - Publicado o 08-09-2014 19:42
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0