A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UN ADEUS A CARMEN

Hoxe tocaba falar de Xosé Neira Vilas, de Memorias dun neno labrego e da exposición itinerante -"Querido Balbino"- que aglutina autor e obra e que se pode visitar estes días no IES Isaac Díaz Pardo de Sada. Mais, por esixilo as circunstancias, cambiaremos de tema, co permiso que don Xosé de seguro nos concede de bo grao.

E é que vimos de despedir no cemiterio do Fiunchedo a unha muller de vida excepcional, non so pola extensión da mesma -98 anos-, senón polos trances e condicións tan dramáticas que houbo aturar na súa existencia. Falamos de Carmen Castro, que morreu onte 76 anos despois do asasinato salvaxe do seu marido en mans dos sublevados naquel verán de 1936.

Carmen Castro era unha rapaza de Mondego que casara en Sada cun home culto e lúcido, José Neira Torrado. Con so 18 anos, Neira era xa no 1931 un recoñecido dirixente sindical na vila, e formaba parte da directiva do Sindicato de Oficios Varios, da CNT, desde a súa fundación. No 1933 sería designado secretario da entidade obreira. Hoxe recoñecemos a súa caligrafía elegante e impecable nos escritos que se conservan do Sindicato. Un deles corresponde ao texto que encabeza unha recollida de sinaturas coas que, en outubro de 1932, se reclamaba a destitución da Corporación Municipal pola súa ineficacia a hora de xestionar unha partida de cartos para paliar o paro obreiro. Entre aquelas máis de 600 sinaturas figura tamén a de Carmen Castro.

José e Carmen eran un matrimonio novo con 2 fillos e a esperanza posta nun futuro máis xusto para eles cando o golpe militar de xullo do 36 rachou con todos os soños e con todos os proxectos. Un día -1 de setembro- José Neira desapareceu canda outro veciño seu, o seu compañeiro da CNT José Cadaveira. Os seus corpos sen vida aparecerían na parroquia de Crendes, en Abegondo, onde recibiron sepultura para sempre. O resto da historia é facilmente imaxinable. Carmen, da noite para a mañá, convertíase nunha viúva de 22 anos con 2 fillos ao cargo. O silenzo, a vexación e a indefensión serían os seus acompañantes naqueles anos grises de miseria. Vivir o drama sen poder contalo. Padecer sen consolo posible a traxedia de perder a home bo que non cometera máis delito que procurar o ben común, o avance colectivo cara realidades mellores en correspondencia ao seu pensamento libertario.

Hai cinco anos, Carmen coñeceu unha cativa reparación ao ver por vez primeira dignificada a memoria do seu marido: o nome de José Neira figuraba xa no bronce dun monumento as vítimas da represión franquista en Sada, obra do escultor Valdi e produto da iniciativa e do empeño de Jesús Castro (que pese a condicidencia no apelido non garda parentesco con Carmen) e das aportacións económicas xenerosas de veciños e veciñas. Desde aquela, cada 14 de abril a A. C. Irmáns Suárez Picallo realizamos alí unha ofrenda floral, ofrenda na que Carmen, cos seus noventa e moitos anos, participou varias veces, o que para nós era toda unha honra. O ano que ven xa non estará, pero prevalecerá o recordo daquela muller e da súa enorme dignidade.

Carmen, compañeira, que a terra che sexa leve.


M. Pérez Lorenzo
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-11-2012 19:37
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0