A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CABALEIRO DE GALICIA (ISAAC DÍAZ PARDO)

Rosa Méndez Fonte publicou na web de Fuco Buxán este texto ao coñecerse o pasamento de Isaac. O mesmo texto aparece tamén no Diario de Ferrol do pasado día 6 de xaneiro.


CABALEIRO DE GALICIA




Por Rosa Méndez Fonte

Benquerido Issac, despois de tantas conversas, de tantos instantes compartidos en fraternal compaña, non agardes hoxe de min un adeus melancólico, nin unha ladaíña de mágoa. Hoxe, Isaac, coma sempre, só quero e teño para ti o meu profundo agarimo e a miña admiración sincera, porque sinto que segues estando aí, recio e forte, observando as mudanzas deste noso país cunha mirada entre carraxenta e magoada; qué pouco fai falla para desandar o conquerido despois de tanto esforzo común, cantos e cantas serían os que hoxe, se puidesen, virían das cinzas a berrar alto e forte a súa protesta. Bos e xenerosos que, coma ti, tentarían impedir este desmantelamento sociocultural e económico que semella aveciñarse a través dunhas mans inexpertas e incompetentes. Semella non ser casualidade que o teu último alento nos deixase o mesmo día en que dende Madrid se pretende, paseniñamente, dar marcha atrás a este proxecto dunha Galicia maior de idade, competente no seu e atenta ao porvir das súas xentes. Xunto con outros compañeiros da túa xeración, fuches para todos nós ese símbolo útil ao que mirar nos instantes en que é preciso levantar a cabeza sen medo para defender o que é noso, por historia e por dereito, por amor á nosa terra e por obriga ao noso pobo e ás xeracións futuras. E non che foi sinxelo noutros tempos, naqueles en que o anano alugapatrias campaba o seu desexo até os recunchos máis íntimos. Pero sempre estabas aí, en pé, con ese paso curto de longa travesía, sorteando con habilidade aos corsarios benmantidos e de sospeitosas voces. Home de empresa ?pero endexamais de presa? é curioso que nos últimos anos tiveses tamén que sortear a quen non comprendía os teus anhelos. Mais se venceron na primera batalla, non convenceron máis que a si mesmos; e novamente saíches victorioso e reforzado cos apoios de todos aqueles e aquelas que, á fin, falabamos esa mesma linguaxe na que o compromiso coa cultura desta terra ía por diante de calquera outro proxecto de carácter esencialmente económico. E aí están tamén os traballadores que che fixeron compaña ao longo de tantas décadas para falar de ti, nos seus xustos termos. Aí están tantos e tantas escritores e investigadores que saben do que digo. Aí tes hoxe tamén, atentos ao teu recordo, ás ducias de artistas galegos que te tiveron preto cando fuches preciso para eles. Aí están os teus nomeamentos e recoñecementos públicos ao longo de tantos e tantos anos, as rúas que por Galicia adiante levan o teu nome, sen que ninguén ouse a cuestionar que o teu recordo quede impreso nelas para o futuro. Poucas persoas son tan dignas coma ti para acompañarnos nesas ducias de espacios de tránsito compartido. Recórdaste? Ante calquera homenaxe sempre te amosabas sorprendido, con esa actitude de falsa modestia que a todos nos era familiar, e que agardabamos sorrintes, como sorrinte e fachendoso estabas ti, sempre agradecido. Benquerido Isaac, desde este Ferrol dos Traballadores, patria primeira do teu pai e lugar ao que sempre fuches benvido, quero hoxe, unha vez máis, enviarche una forte aperta (tensa aperta, como ti dicías). Onde estés, agárdanos, e entrementres non chegamos vai poñéndote á fronte dun recuncho dese espacio e organiza para nós unha patria libre, coas coordenadas de Galicia. Boa viaxe, Grande Mestre da Arte, Cabaleiro de Galicia e Señor de Sargadelos.

Rosa Méndez é Directiva da A.C. Fuco Buxán


O mesmo artigo no Diario de Ferrol
Artigo publicado en Fuco Buxán
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 22-01-2012 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Correo electrónico: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0