A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

CADERNO Nº 9: HOMENAXE A JUAN CARLOS MEDAL

Descarga no seguinte link o nº 9 dos Cadernos de Estudos Locais, Homenaxe a Juan Carlos Medal "Jaitos", publicado con motivo do acto celebrado na súa memoria na Terraza o pasado 18 de xullo.

Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 12-08-2011 12:20
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA VISTA DE SADA DESDE O CARGADOIRO

A presente fotografía de Francisco Varela Posse, publicada en Eco de Galicia o 12/10/1928, corresponde a unha vista da vila de Sada tomada desde o cargadoiro. Pódense observar as embarcacións en primeiro plano, a Terraza á esquerda e a Barrosa á dereita.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-07-2011 09:43
# Ligazón permanente a este artigo
UNHA FOTOGRAFÍA DA AGRUPACIÓN FOLCLÓRICA "A TROULA" NO 1930

A fotografía de Francisco Varela Posse que publicamos hoxe retrata a un grupo de rapaces de Sada que, alá por finais dos anos 20 e inicios dos anos 30, conformaban unha agrupación folclórica, A Troula. Viu luz orixinalmente en Eco de Galicia, de La Habana, en marzo de 1930.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 15-07-2011 09:43
# Ligazón permanente a este artigo
O CARGADOIRO, por Francisco Varela Posse

Traemos hoxe unha nova fotografía de Francisco Varela Posse. Nesta ocasión, o fotógrafo retrata a rampa do Cargadorio, con varias embarcacións amarradas na area. Ao fondo pódese ver a serreira que existía onde hoxe está o edificio do almacén de froitas.
A imaxe foi publicada orixinalmente o 25 de xullo de 1930 na revista de La Habana Eco de Galicia.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-07-2011 11:07
# Ligazón permanente a este artigo
SADA Y SUS CONTORNOS
Publicamos hoxe esta vista das escolas de Sada y sus Contornos, fundadas polos emigrantes de Sada nos EEUU. A fotografía foi publicada orixinalmente en Céltiga, con data 15/02/1929.
Comentarios (1) - Categoría: Xeral - Publicado o 01-07-2011 10:07
# Ligazón permanente a este artigo
RÚA LINARES RIVAS

Desta volta, a fotografía reproduce unha vista da rúa Linares Rivas.
A imaxe foi publicada na revista Céltiga
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 27-06-2011 09:33
# Ligazón permanente a este artigo
A PRAIA DE MORAZÓN NOS ANOS 20

Na presente imaxe obsévase como os mariñeiros están lanzando o aparello denominado boliche, empregando embarcacións desde o mar e cun gran número de xente disposta a tirar polos cabos da rede dessde a area, para así arrastrar o peixe.
A fotografía foi publicada na revista Eco de Galicia o 10/06/1930.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-06-2011 10:22
# Ligazón permanente a este artigo
Unha nova galería no noso blogue sobre a obra do fotógrafo F. Varela Posse

Fontán nos anos 20

Iniciamos hoxe un percorrido pola obra de Francisco Varela Posse, o fotógrafo que retratou a Sada dos anos 20 e 30.
Na presente fotografía pódese observar o barrio de Fontán visto desde o castelo, cando aínda non se construíra o porto. Foi publicada orixinalmente na revista Eco de Galicia, de La Habana, o 12/10/1930.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-06-2011 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
DISPOÑIBLE XA PARA DESCARGA O Nº 1 DE AREAL

Hoxe, coincidindo coa presentación do número segundo da nosa revista Areal, colgamos neste blogue o número primeiro, que foi presentado o pasado 14 de outubro.

Pódese descargar na seguinte ligazón:

Areal - nº 1

Lembramos os actos que temos previstos para hoxe en Sada:

19:30 h.- Ofrenda floral no monumento ás vítimas da represión franquista (paseo marítimo)

20:30 h.- Presentación do nº 2 da revista Areal, coa actuación musical de Miro Casabella (sala de exposicións e auditorio Capela de San Roque).
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 14-04-2011 16:09
# Ligazón permanente a este artigo
DE RAMÓN SUÁREZ PICALLO A EDUARDO BLANCO AMOR: EPISTOLARIO
Esperanza Mariño Dávila



Sobre a inconmensurable amizade que uniu dous carismáticos persoeiros -dentro da cultura galega, en particular-, pódense esbozar algunhas pinceladas biográficas significativas. Foi no ano 1924, en plena Ditadura de Primo de Rivera, cando nun café da Avenida de Maio de Buenos Aires de premonitorio nome (La Armonía), vanse coñecer un emigrante sadense desaliñado (1894-1964) e un dandi auriense, prófugo da guerra de África (1897-1979).

Pese á disparidade provocada pola aparencia física e mais a categoría, axiña comezan a primeira tarefa común: a codirección literaria da revista cultural Céltiga, da que a vea progresista e republicana non agocha o obxectivo: GALIZA. Ambos se inflúen; a férrea militancia sindical de Picallo marca ao amigo na cuestión social, en troques do abandono do galeguismo folclórico daquel a prol do futuro compromiso absoluto. Un ano despois, no seo da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales (FSGA y C), forman parte da xunta executiva do radical El Despertar Gallego.

Logo se produce o primeiro afastamento. Ramón parte en 1926, comisionado polo Goberno arxentino como conselleiro na X Conferencia Internacional do Traballo en Xenebra (e visita Galiza); un bienio máis tarde, Eduardo volve á Terra durante uns meses.

Os dous abandonan Céltiga en 1929 por discreparen co director, que malversara fondos destinados á creación da Casa de Rosalía para axudar ao Seminario de Estudos Galegos. No ano 1931 Picallo regresa tras resultar elixido deputado nas Cortes republicanas de Madrid. Eduardo vese obrigado a volver pola enfermidade e pasamento da nai, acontecido en 1933, e obtén refuxio en Veloi; o vinte e cinco de xullo discursan a carón de Castelao e perante a estatua de Rosalía, en Santiago.

Nas eleccións de 1936, Picallo resulta reelixido por maioría, por diante de Castelao. Máis que a vibrante oratoria destaca a afinidade co pobo, por ter sido mariñeiro e labrego en Galiza; xa en Buenos Aires, peón de farmacia, mecanógrafo nunha oficina, cobrador, vendedor ambulante de lambetadas, lavalouza e pinche de cociña nalgúns barcos. Co tempo, simultanea os tardíos estudos de Bacharelato e Dereito co labor parlamentario.

Co remate da Guerra Civil ábrese o longo camiño do exilio, primeiro dominicano e logo, en 1940, chileno (que durará dezaseis anos). Mentres tanto, Eduardo vai permanecer en Buenos Aires, lugar vetado para o grande amigo pola súa significativa traxectoria política. No ano 1944 Castelao funda o Consello de Galiza na cidade porteña, do que formarán parte.

Polas adversas circunstancias, Picallo padece unha profunda crise que estala en 1946. A inmensa dor polo fracaso político dunha Galiza asoballada, a precariedade económica, unha saúde deficitaria e a tremenda soidade deixan o vello loitador reconvertido nun bébedo impenitente. Un trienio máis tarde, Blanco Amor desembarca en Santiago de Chile como profesor extraordinario para impartir uns cursos de lírica española. Prodúcese un emotivo reencontro tras unha ducia de anos sen se veren.

No hospital do Centro Galego de Buenos Aires ten lugar o pasamento de Picallo; Blanco Amor sofre unha severa crise nerviosa que o obriga a ingresar tamén, pois a negra soidade asústao. Apenas tres meses despois, en 1965, o ourensán decide volver definitivamente á Terra.

Sobre o epistolario, desenvolvido fielmente durante quince longos anos (1931-1946), cómpre realizar unha clasificación en tres grandes períodos cronolóxicos:

1. Prebélico (1931-1936).
2. Bélico (1936-1939).
3. Do exilio (1939-1946).
3.1. Exilio dominicano (1939-1940).
3.2. Exilio chileno (1940-1946).

Composto por vinte e catro cartas, nove delas están datadas en Madrid, coincidindo coa estadía parlamentaria (dúas no ano 1931, cinco en 1932 e outras dúas en 1936). Existe unha carta remitida desde Ourense en 1931, outras dúas desde A Coruña e Santiago de Compostela -un trienio e cuadrienio despois, respectivamente- e outra sen datar. Tamén hai outra única desde a Barcelona de 1936. Datadas en Ciudad Trujillo consérvanse tres. Por último, desde Santiago de Chile escríbense as sete restantes.

Ao longo do epistolario pódese albiscar o home ?íntimo?, ese que case nunca aparece nos libros. Non cabe dúbida de que a profunda amizade entre os dous desarraigados se desenvolve, en boa medida, pola situación marxinal, establecida nunha tripla fronte:

1. O amor absoluto pola Terra, manifestado a través da lealdade e o altruísmo, aínda nas circunstancias máis adversas e a través do tempo.
Sigo manteniendo dos principios: Galicia sobre todas las cosas; y después mis amigos personales, intelectuales y espirituales. (21/10/1940)

1.1. Tal amor leva emparellado a afección pola lingua, por máis que unicamente escriba tres cartas en galego. Porén, reacciona con enerxía na crise do escritor amigo.
Lo que en cambio me consterna es lo que me dices que dejas de escribir en gallego. ¡No! Tu no puedes ni debes hacer eso. Por que te perseguirá tu propia obra; esa bella obra que son latidos de tu corazon y pedazos de tu alma. Tu no harás eso. Escribirás en gallego a pesar tuyo. (8/3/1932)

1.2. A respecto da experiencia como deputado, en Madrid atópase a desgusto pola hipocrisía reinante e o tremendo traballo que debe realizar, tanto na primeira lexislatura como na segunda.
España non ten remedio. A nosa franqueza, ruda e limpa, choca; eu non me afago; eu afógome. (Xaneiro de 1932)
¡No puedo más! Los últimos exámenes, la Licenciatura, las primeras actuaciones forenses y encima la campaña electoral más dura habida y por haber. ¡A 17 mítines por día he salido! (1936)

1.3. O panorama político da época pode verse a través de personalidades concretas. Por exemplo, na crítica a Lerroux e Negrín ou na indiferenza de Villar Ponte no Parlamento. A esperanza de mudar Galiza pronto se tronza pola Guerra Civil; se algo aprendeu é que, en política, só triunfan os que se colocan sempre na ofensiva. Defenderse é só o fracaso: velaí unha das grandes leccións de Picallo! Xa no exilio, maniféstase anticomunista de xeito visceral, en oposición aos seus primeiros anos como delegado sindical. Afirma que
Castelao, desde que foi a Rusia, entregouse por enteiro. Aplebeyárono. En New York anduvo tolo pra que eu o axudase a servir o P.C. Eu botei vinte blasfemias seguidas e díxenlle que estaba irremisiblemente perdido se non reaccionaba. Non reaccionou e está feito unha piltrafa política. (1942)

2. O exilio. Malia os amores esporádicos e a intensa actividade pública, a vida de Picallo transcorre na máis absoluta soidade, intensificada nos intres críticos, como a morte dos familiares.
¡Santo Dios! Como ves, imagínate como estoy. ¡Ayudame! ¡Escríbeme! No tengo a quien hablarle en el mundo. (27/2/1940)
En mi angustia, en mi tristeza, en mi soledad y en mi hambre mando yo. (24/8/1946)

3. A común condición homosexual, de aí as delicadas e sutís confidencias.
De amores? Una cosa romántica, levisima. Residencia: La Coruña. 18 años de edad. Maravilla de ingenuidad y de gracia. Dos intentos que terminaron a sopapos. Dos viajes a San Sebastian. Total nada. ¿Y tu? (20/5/1932)
¿Tes amores? Eu tuven en Barcelona un romance inolvidabel. Alá quedou. En New York algunha aventura. New York e unha cibdade maravillosa. Aquí nada. Igual que Mugardos ou Carnoedo. (1942)
Las aguas de mi hermosa Ría de Sada, camino de los ?Caneiros?, seguirán azules de día y por la noche encendidas de ?ardentía? iluminando los cuerpos apolineos de los muchachos nadadores para delectación de nuestros ojos fatigados; (...). (24/8/1946)

Fronte a tanto trasacordo, parece brisa fresca o culto á amizade con Eduardo porque
nuestra amistad, clara y luminosa, está más allá de los triunfos y de las derrotas, más alla de nuestros defectos y de nuestras virtudes, más allá del bien y del mal. Más allá de todo. (6/9/1931)
¿Vale esto como pretexto para mi silencio de dos años? Por lo demás, los amigos verdaderos, como tú y yo, no hacen depender su amistad de una correcta regularidad epistolar. (...) Tu y yo nos dimos a la amistad y a nuestra Patria y eso nadie puede quitárnoslo. ¡Todo lo otro es anécdota intrascendente! (...) Yo te juro por el amor y la memoria de mis muertos, que en esas tierras, en la casa y en el cariño de los que quedan en mi humilde hogar de Beloy, tienes tú, para disfrutarlo en pleno dominio, la mitad de todo. Siempre tendrás allí un amable rincón; (...). (24/8/1946)

(Texto publicado no libro Ramón Suárez Picallo, a voz esquecida do galeguismo.Comisión Irmáns Suárez Picallo.A Coruña 2009)
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 08-04-2011 15:42
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0