A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

UNHA REPORTAXE SOBRE MIMINA ARIAS DE CASTRO NO 1937

Traemos hoxe un recorte de prensa, da Hoja Oficial del Lunes do 07/06/1937, en plena Guerra Civil. Trátase dunha reportaxe sobre unha novísima pintora, Carmiña Arias de Castro, Mimina, que foi obxecto dunha homenaxe por parte da nosa asociación o pasado venres 4 na compaña do seu marido, Isaac Díaz Pardo.
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 07-03-2011 11:18
# Ligazón permanente a este artigo
O ACTO DO VENRES NA PRENSA
A HOMENAXE A ISAAC DÍAZ PARDO E CARMEN ARIAS DE CASTRO EN XORNAL DE GALICIA E LA OPINIÓN DE A CORUÑA



XORNAL DE GALICIA (05/03/2011)


Sada honra a Díaz Pardo, ?o seu fillo máis ilustre?

Héctor J. Pena


Numerosos amigos e familiares acompañaron o galeguista nun acto que tivo lugar na Casa da Cultura da vila coruñesa


A localidade de Sada consagrouse durante a xornada de onte nun acto no que se presentaba unha revista, si, pero que tornou nunha homenaxe de toda a vila á figura de Isaac Díaz Pardo. Xunto a el, no ateigado auditorio da Casa da Cultura Pintor Llorens, estaban os seus: a súa muller, Carmen Arias de Castro, e o seu fillo e vicepresidente primeiro de Xornal de Galicia, Xosé Díaz.

Tampouco faltaron o alcalde, Abel López Soto, o académico Alonso Montero e Xosé Ramón Fandiño, colaborador de Díaz Pardo no Instituto Galego da Información (IGI) estaba tamén no acto xunto ao intelectual.

Trala proxección dun pequeno vídeo tributo a Isaac Díaz Pardo, tomou a palabra Francisco Pita, presidente da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, entidade organizadora do acto. Alí, antes de falar do número extraordinario do Caderno de Estudos Locais escrito por Xosé Díaz e que editou a asociación sobre as cerámicas do Castro, gabou a figura do galeguista, do que dixo que é un home ?comprometido coa súa terra, o fillo máis ilustre de Sada, que fixo do taller do Castro un dos símbolos máis senlleiros da Galicia da segunda metade do século XX?.


?POLIÉDRICO E POLIFACÉTICO?

Tras o presidente da Asociación Suárez Picallo, tomou a palabra Xosé Díaz, o fillo de Díaz Pardo. O vicepresidente de Xornal de Galicia fixo un repaso pola traxectoria do seu pai, ao que definiu como ?poliédrico e polifacético?.

Xosé Díaz botou a vista atrás, lembrando os tempos nos que o seu pai era un estudante de Belas Artes en Madrid e como, ?tras volver da capital polo seu rexeitamento a integrarse no conxunto de artistas que estaban traballando no Val dos Caídos?, creou no Castro unha forma ?industrial? e ?socializada? de facer arte pois, rematou, ?Isaac, por enriba de todos os artistas da súa época, soubo saír do obradoiro e socializar a súa arte?.

Logo foi a quenda do alcalde de Sada, Abel López Soto, que anunciou que Isaac Díaz Pardo contará cunha rúa co seu nome. E non cunha calquera, senón que será a que une a vila co Castro de Samoedo­. O aplauso de todo o auditorio foi atronador. Asemade, o rexedor fixo fincapé en que ?nunca esquecerá todo o que Isaac fixo por Sada de xeito totalmente altruísta, como o logo do Concello?.

Por último, Alonso Montero e Xosé Ramón Fandiño exaltaron a figura de Díaz Pardo e lembraron a súa marcha de Sargadelos no 2006.




LA OPINIÓN DE A CORUÑA (04/03/2011)


Homenaxe en Sada a Isaac Díaz Pardo e a súa muller

REDACCIÓN


Tamén houbo una mesa redonda na que participaron o escritor e académico da RAG Xesús Alonso Montero, o tamén esritor e xornalista Xosé Ramón Fandiño e o alcalde de Sada, Abel López Soto


A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo entregou onte a Isaac Díaz Pardo e a súa muller, Mimina Arias de Castro, a súa distinción de socios de honra. Foi nun acto celebrado na Casa da Cultura no que a entidade tamén presentou un número extraordinario dos seus Cadernos de Estudos Locais adicado enteiramente ao creador de Sargadelos e que leva por título Isaac días Pardo e as cerámicas do Castro. Tamén houbo una mesa redonda na que participaron o escritor e académico da RAG Xesús Alonso Montero, o tamén esritor e xornalista Xosé Ramón Fandiño e o alcalde de Sada, Abel López Soto.


Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 06-03-2011 10:03
# Ligazón permanente a este artigo
HOMENAXE A CARMEN ARIAS DE CASTRO E ISAAC DÍAZ PARDO
O ACTO DE ONTE


Onte, 4 de marzo, Sada rendeulles unha emotiva homenaxe aos seus veciños Carmen Arias de Castro e Isaac Díaz Pardo. A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo organizou un evento que principiou ás 20:00 h. no auditorio da Casa da Cultura "Pintor Llorens", con gran afluencia de público, e no que se sucederon varias intervencións.


subir imagenes


En primeiro lugar, o presidente da entidade sadense, Francisco Pita, pronunciou unhas palabras como introdución ao acto, expoñendo os motivos para a realización do mesmo e presentando ao segundo dos poñentes, Xosé Díaz Arias de Castro, fillo dos homenaxeados e destacado deseñador gráfico. Díaz avanzou o contido do Nº extraordiario dos Cadernos de Estudos Locais, que edita esta asociación, e do que é autor, baixo o título "Isaac Díaz Pardo e as Cerámicas do Castro". Neste folleto, profusamente ilustrado, recolle, desde a perspectiva que lle dá a proximidade, a historia das Cerámicas do Castro nos seus inicios, o que non deixa de ser un capítulo fundamental da historia de Sada.


subir imagenes

subir imagenes


A segunda parte do acto constistiu nunha mesa redonda na que participaron Abel López Soto, Xosé Ramón Fandiño e Xesús Alonso Montero. Abel López, Alcalde de Sada, realizou unha emotiva intervención, lembrando os vínculos que unen a Isaac e Mimina con Sada e anunciando que o Concello que preside dedicará a Díaz Pardo a avenida que conduce desde o casco urbano ata o Castro de Samoedo. Acto seguido interveu Xosé Ramón Fandiño, colaborador de Isaac durante 15 anos no Instituto Galego da Información e gran coñecedor da súa biografía, da que fixo un pormenorizado e interesantísimo relato. Pechou a mesa, coa súa brillante oratoria, Xesús Alonso Montero, que nos deleitou durante un bo anaco coas súas palabras acerca de Isaac, da súa relación persoal con el e dos momentos difíciles polos que está a atravesar por culpa da avaricia de quen o ten apartado da dirección de Cerámicas do Castro e Sargadelos. Falou da dimensión humana de Isaac, do que representa co seu exemplo, ao ter inventado un modelo de empresa na que os beneficios se destinaban a servizos culturais para a sociedade, e non ao enriquecemento sen trabas. Tamén tivo palabras para lembrar a un sadense ilustre como Ramón Suárez Picallo.


subir imagenes

subir imagenes


A teira parte do acto consistiu na entrega a Isaac e Mimina dos diplomas de Socios de Honra da A. C. Irmáns Suárez Picallo. Tras recibir esta distinción, que máis que unha honra para os homenaxeados o é para nós, Isaac pronunciou unhas emotivas palabras de agradecemento e relatou os seus inicios á fronte de Cerámicas do Castro, as vicisitudes polas que tivo que pasar e a orixe do situación actual, na que se atopa completamente marxinado da dirección das empresas que creou, en gran medida polo seu desprendemento e xenerosidade. O públicou aplaudiouno con ímpeto, demostrándolle o seu apoio e o cariño da cidadanía de Sada.


subir imagenes

subir imagenes


Unha vez rematado o acto servíronse uns pinchos na propia Casa da Cultura, asistindo todos os poñentes e os homenaxeados, que departiron amigablemente cos presentes.


subir imagenes


Desde a A. C. Irmáns Suárez Picallo queremos agradecer a todos os asistentes ao acto celebrado no día de onte a súa presenza no mesmo, así como, por suposto, a todos os poñentes que nos ofreceron a súa palabra. Agradecer tamén moi especialmente a Xosé Díaz as atencións que está a ter con esta asociación, e, por último, aos propios homenaxeados o terse feito acreedores a todos os recoñecementos, cos seus 90 anos dedicados aos demais.
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 05-03-2011 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
ACTO PÚBLICO - ISAAC DÍAZ PARDO E AS CERÁMICAS DO CASTRO

Hoxe, ás 20:00 h. na Casa da Cultura Pintor Llorens de Sada, terá lugar o acto organizado pola A. C. Irmáns Suárez Picallo en homenaxe a Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro. No transcurso do mesmo Xosé Díaz presentará o nº extraordinario dos Cadernos de Estudos Locais, "Isaac Díaz Pardo e as Cerámicas do Castro", da súa autoría, e logo terá lugar unha mesa redonda na que intervirán Xosé Ramón Fandiño, Abel López, Xesús Alonso Montero e Isaac Díaz Pardo. Concluirá coa entrega dos diplomas como Socios de Honra da asociación a Isaac e Mimina. Convidamos a toda a cidadanía sadense a participar do acto.
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 04-03-2011 12:54
# Ligazón permanente a este artigo
VISITA A ISAAC DÍAZ PARDO

Os integrantes da A. C. Irmáns Suárez Picallo Marisa Naveiro e Manuel Pérez Lorenzo e concelleira de cultura de Sada Gabriela Castro, visitamos onte a Isaac Díaz Pardo na súa casa do Castro para entregarlle diversos materiais que fomos editando nos últimos meses e conversar con el.
Unha vez máis, queremos reiterar o noso apoio tanto a Isaac como aos traballadores da Cerámica nestes momentos difíciles polos que atravesan e enviarlles os nosos ánimos.
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 29-10-2010 10:18
# Ligazón permanente a este artigo
MANIFESTACIÓN EN APOIO AOS TRABALLADORES DA CERÁMICA DO CASTRO
Onte, día 1 de outubro, tivo lugar unha manifestación convocada polo comité de empresa das Cerámicas do Castro en protesta contra o ERE que os novos directivos, os mesmos que desbancaron a Isaac Díaz Pardo, queren levar adiante, e que supón o despido de boa parte da plantilla. A marcha saíu da cerámica e percorreu Sada ata a Praza de San Roque, onde os traballadores e traballadoras leron un manifesto.


subir imagenes


Desde esta asociación queremos amosar o noso apoio e reclamar un trato digno para coa xente que, co seu traballo, leva décadas sustentando a empresa, e que agora se ven na rúa por culpa da cobida desenfreada daqueles (algúns veciños de Sada) que se fixeron co control da cerámica co único obxecto de encheren rápido os petos. Os individuos desta talla son a maior escoria que produciu a humanidade.


subir imagenes


Tamén desexamos a continuidade do proxecto empresarial orixinal do Castro, con toda a súa especificidade e o mantemento da obra cultural que o caracterizaba. Porque as Cerámicas do Castro son, propablemente, o maior referente que ten Sada no exterior e unha parte fundamental da nosa historia.


Ánimo aos traballadores/as do Castro e a seguir coa loita!


subir imagenes


subir imagenes
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 02-10-2010 10:34
# Ligazón permanente a este artigo
ISAAC DIAZ PARDO, 90 ANOS
O bo e xeneroso de Isaac Díaz Pardo, cumple noventa anos.
RSP coñeceu e tratou en Santiago, ao seu pai Camilo Díaz Baliño (o pasado 12 de agosto no seu artigo "Galicia mártir",lembrábao) e tamén ao Isaac neno. Cando o exilio, Díaz Pardo, encontrouse en diversas ocasións con Ramón e, nas súas viaxes a España, trouxo cartas e algúns agasallos para o seu sobriño "Monchiño".
Isaac incitou, animou e trouxo a placa que os emigrados de América lle adicaron no cabodano da sua morte e que non se permitiu colocar aquí ata a morte do dictador.
Foi Isaac quen escoitou dos beizos de Ramón Suárez Picallo o desexo de morrer en Veloi e que o enterraran no Fiunchedo...
É no Castro, en Sada, onde queda a pegada do bon facer de Díaz Pardo pola cultura e arte de Galicia.
Por esto e polo significado e importante aportación de Isaac á nosa historia e cultura, dende esta Asociación celebramos con ledicia tan significada celebración.¡Felicidades Isaac e o noso máis sinxelo pero enorme recoñecemento!



Isaac Díaz Pardo fala de Ramón Suárez Picallo

Sendo eu un neno, entre os anos 31 e 35, levado da man do meu pai, coñecín a Ramón Suárez Picallo en Compostela, e adeprendín a lle ter respeito e ademirazón, inda sen saber outra cousa
dil, que se hospedaba no Hotel Europa a onde lle teño levado máis dunha encomenda do meu proxenitor, quen me falaba dil coma un dos grandes homes de Galiza.

No ano 57, ó voltar de Sada no meu segundo viaxe á Arxentina, reencontreime con il no Centro Betanzos de Bos Aires? Cando voltei a Sada no 59 Suárez Picallo quixo que coñecese a súa irmán e que lle levara unha cartiña e unha presa de doces ó seu sobriño Monchiño, que mora en Veloy na casa natal. Nos derradeiros tempos as cartas que recebía súa irmán María levaban a dramática ousesión de se ver morrer lonxe de Galicia.

?Nun discurso ao que asistín a escoitalo no ABC de Corcubión, dixome que quixera morrer en Veloy e que o enterraran
no Fiunchedo.

?Foi seu amor ó povo, foi seu amor ós homes que sofren, a profesión da sua vida.

?Ramón Suárez Picallo tiña razón no seu pensamento sobor do problema galego, e fixo da sua vida unha dorosa testemuña, senlleira, da denuncia do mal.

?coma Suárez Picallo era un político, un alentador da causa de Galiza e do seu povo, pura, sen outros aliños, cerce e non codia, e podería ser esquecido, sería ben que os emigrantes galegos de Bos Aires, ou de toda América, lle colocasen unha placa
sinxela na sua casa de Veloy...


En A Nosa Terra, Buenos Aires, 03/1965
Mesa da Memoria, I Xornadas Irmáns Suárez Picallo, Sada 2008
Morrer en Veloi e que me enterren no Fiunchedo
Biografía de Isaac
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 21-08-2010 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
«Morrer en Veloi e que me enterren no Fiunchedo», por Isaac Díaz Pardo

Isto é o que me dixo Picallo nun dos actos nos que falou no Centro de Betanzos ou no ABC de Corcubión, recordando a súa Sada da que eu acababa de chegar, e que lle traía noticias da familia e de que seu sobriño Monchiño lle agradeceu os doces que levara eu da parte do seu tío.
Este desexo de se enterrar no Fiunchedo tiña un compoñente poético. O Fiunchedo fica na ladeira dun monte entre Sada e Fontán, e dende el vese dende O Pedrido e Miño deica a punta Coitelada na entrada da ría de Ferrol, no medio delas o Breamo e a entrada da ría de Pontedeume e xa nun extremo o mar aberto. Era pois unha das vistas máis fermosas da costa galega. Aínda que os mortos non ven, poden sentirse agradecidos cando se acerque a morte compensados de se ver descansando en tan fermosos eidos. Sen dúbida Picallo soñaba desperto co Fiunchedo. Eu facía moitos anos que non voltara por ese lugar. Cando hai poucos días deixamos as cinzas de Ramón no lugar que lle correspondían no cemiterio fiquei asombrado da barbaridade que fixeron os urbanistas e arquitectos nesta zona dende a que apenas se ve o mar tapado cunha arquitectura desproporcionada e horrenda. Un pensa como se está destruíndo Galiza, con tanto progreso de escolas técnicas que temos. Penso que se Suárez Picallo tivese coñecemento desta destrución pensaría millor as cousas e preferiría que o deixasen tranquilo na Chacarita como unha protesta máis pola mala sorte que nos botou enriba a historia.
Porque os anos da guerra foron dramáticos na casa dos Picallo en Veloi. En agosto do ano 36 nunha finca que tiñan eles en Veigue apareceron os cadáveres de Antón Suárez Picallo, Manuel Prego, Antón Carballeira e outros máis dos que non hai memoria nos datos que utilizo. Ao pouco tempo outro irmán de Ramón Suárez Picallo, Eduardo, foi perseguido e desapareceu, sen deixar rastro; pensa a familia que puido pasar as liñas de guerra e incorporarse ás forzas da República e finalmente pasar a Francia, mais aínda hoxe non teñen o menor rastro. Os pais dos Suárez Picallo morren nesas datas e fica na casa soia María, a irmá de Antón e de Ramón.
Ramón Suárez Picallo, membro do Consello de Galiza, que presidía Castelao como representante en fideicomiso do pobo galego, elixido deputado en febreiro do 1935, morría o 14 de outubro do 1964. No mes de marzo do ano 1965 A Nosa Terra, nunha das súas grandes páxinas, adícalla a María Miramontes, a viúva do inmolado Ánxel Casal, e a Picallo. Salvo un pequeno traballo de Picallo ( No cuarto da miña nai ) a páxina fixémola Luis Seoane e eu. Seoane firmou o seu traballo como Maximino Brocos, pseudónimo que utilizaba con frecuencia relembrando o Brocos, apelido da súa avoa.
Aínda que Luis lle adica o traballo principalmente a María, viúva de Casal, tamén fala de Picallo porque o coñeceu moi ben, xa que ámbolos dous tiveron na Coruña un bufete de avogados laboralistas, o primeiro deste tipo que tivo Galiza. Seoane fai fincapé que só coa axuda que Suárez Picallo recibiu de Ánxel Casal e de María Miramontes puido estudar a carreira de avogado nos anos da República en Santiago.
No final do meu traballo fixera a proposta de adicarlle nós os emigrantes unha placa para poñer na casa onde nacera Suárez Picallo en Veloi, e que non puido voltar a ela e morreu de saudade en Buenos Aires. A continuación do meu traballo figura unha nota da comisión directiva da Irmandade Galega acordando dar cumprimento á miña proposta. A placa fundida en bronce tróuxose a Veloi nos primeiros meses do ano 1965, non sei se fun eu mesmo o que a trouxo, pero as autoridades de aquel tempo non deixaron colocala na fachada e quedou detrás da porta? As autoridades de aquela, das que aínda fican rastros, non querían que un exiliado máis morrese lonxe da súa terra por mor da dignidade humana.



La Voz de Galicia, 27/10/2008
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 05-06-2010 10:27
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] [3] 4
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0