A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O SEGREDO DE ISAAC, por Manuel Rivas

Díaz Pardo era un home sorprendido de estar vivo - Tiña unha misión, levar prendida a estrela e manter unha ponte cos inmolados e co exilio

A pregunta era: "Como estás, Isaac?".
E a resposta, sempre: "Estou vivo!".
Si, era un home sorprendido de estar vivo.
Isaac Díaz Pardo pertencía ao visíbel e ao invisíbel. Nunca encontrei tanta xente incrédula nun enterro, como o do dia 7 de xaneiro de 2012, en Boisaca. Non incrédula ante a morte, senón ante a idea mesma de que o morto fose el, Isaac.
É o que teñen os superviventes. O corpo vaise afacendo a esa condición de estar e non estar a un tempo. Así era Isaac. Un omnipresente casual. Un célebre descoñecido. Cando algúns falan do "home polifacético", para saír do paso, o que queren dicir é "polidescoñecido". Alí onde estiver, empurrado ao primeiro plano ou agochado, á fin, as órbitas todas ían pousar na ollada inconfundíbel do supervivente. Faría falta un número indefinido de biografías para unha vida que foi un compendio de moitas existencias. Entre os seus deseños e patentes industriais para cerámica sobresaen "as máquinas excéntricas". Non me estraña. Dende moi novo era un experto á forza en achar solucións a xiros imprevistos. Toda a vida a zafar do acoso dunha historia de ruído e furia, subtraída polos necios.
Antes de seguir, vexan un exemplo non moi coñecido de como se puña en marcha no maxín do supervivente a máquina excéntrica ante un xiro imprevisto. Por que Isaac abandona a pintura? Non é a decisión dun artista fracasado ou incomprendido. Pola contra, decide deixar "a pintura de cabalete" nun intre triunfal, cando xa está a ser upado como novo xenio da pintura española, e escriben loanzas del Eugenio D'Ors ou Camilo José Cela. Nos anos corenta, en Madrid, era o retratista máis demandado pola burguesía e outra xente principal. Gaña cartos, naquel tempo de pan negro para moitos. En Barcelona foi acollido con moito interese, mesmo lle ofreceron un posto de profesor na escola superior de Belas Artes de Sant Jordi. A exposición de 1944 na Coruña é un acontecemento artístico e mesmo fanlle unha homenaxe no Concello. En Londres, en 1946, quítanlle os cadros das mans. Vende toda a obra exposta.
Que ocorre de extraordinario para que Isaac, con 27 anos, desapareza dos círculos artísticos, renuncie a un brillantísimo porvir e procure, na práctica, ser invisíbel?
El referíase a aquela época con desprezo: "O tempo en que eu era vendedor de cadros". Falaba tamén de fatiga, de canseira. De certo, traballou moito. A obra é dunha calidade que hoxe abraia, que brinca por riba do tempo. Xa en Bos Aires, en 1956, publica un álbum de debuxos, de magnífica factura e moi pouco coñecido, co título Xente do seu rueiro, polo que desfilan personaxes dos arredores do Castro de Sada. Aí figura un texto decisivo, Meu cabalete, que ten o xeito á vez de confesión e manifesto.
"Os homes podentes", escribe Isaac, "chamábanme pra pintar as súas facianas nos lenzos, brilante na man prantada sobor do brazo da cadeira, a cravata de seda natural sobor da camisa de puro fío, as donas burguesas en traxe de festa con fondo de estanza pazal, e, co sinceiro ser dos que desexan agacharse detrás de traxes e caretas, meus cadros tiñan tamén de ser testigos e ritrataban o que ollaban... Os ricos eran así i-eu era unha cámara escura que pintaba por catro cartos o me mandaban ".
O seu diálogo co cabalete é unha conversa sen rebozo coa conciencia. Non abondan estas sinceridades na historia da arte ou da literatura: "Mais a miña i-alma adoecía na miña propia ruindade porque outra vida quedaba na miña terra, que era a que me correspondía, e chegaba a min non sei por onde atordoándome, coma un río chimpado, e cansei dos ricos cos seus traxes e alfaias, do canto de rá das súas gabelas e da súa ben gobernada xordeira; e chegueime a cansar até do xenio requintado dos homes se non resolvía o meu problema. Pensei que sobexa pintar para pintar aquilo e cambiei de profesión para deixarte ceibe". Deixar ceibe o cabalete! É unha boa consigna. "Deixade ceibe o meu libro!", clamaba Vasili Grossman para que os burócratas permitisen a publicación de Vida e destino.
Mais un enigma adoita envolver un segredo. O Isaac triunfante como pintor de cámara da xente rica está a cismar dramaticamente, a remoer estrugas durante anos. Que pasa en concreto para que xurda o home revoltado, o que diga que non? En 1944 casa con Carmen Arias, Mimina, lévaa a vivir a Madrid e alí nace, en 1946, o primeiro fillo, Camilo. Unha familia feliz, que vive con certo confort naquel tempo de posguerra e penuria. Nestas circunstancias, Isaac é convocado un día de 1947 por Fernando Álvarez de Sotomayor, que dirixía o Museo do Prado dende 1939. E o que lle pide o xerifalte ao mozo pintor é que participe na decoración mural de Cuelgamuros, o que vai ser Valle de los Caídos, o gran monumento bélico para gloria do franquismo.
"Aquilo colma o vaso", conta Xosé Diaz, o máis novo dos fillos de Isaac. "Como ía acceder a semellante proposta o fillo dun asasinado polo fascismo! Non o pensa nin un minuto e foxe a Galicia, onde toma a decisión de dedicarse á industria cerámica". Hai un cadro feito pouco despois, no Castro, un dos máis fermosos óleos, Díaz Pardo coa súa familia, que semella tamén un manifesto. Orfo, náufrago nunha historia dramática, o pintor aparece abrazado á súa muller e aos tres meniños da prole se apoian entre eles. Podería ser, éo, o retrato dunha familia proletaria. Isaac liscou de Madrid, fíxose invisíbel, meteuse nun pequeno obradoiro no Castro, onde Mimina lle leva todos os días a comida nunha pota cor de tella. Para que non o amolasen con encargos indesexábeis, anunciou que renunciaba á pintura. O invisíbel, por un intre, faise visíbel no lenzo. Con camisa branca. Abraza a muller, e mira de fronte con aqueles ollos lanterna. Non hai máis. Ningún obxecto, ningunha posesión. Cinco corpos, un grupo humano a xeito de estrela. Un cadro que é unha mensaxe: "Olla, estou vivo!". O conxunto emite luz, irmandade, liberdade.
Cando está preso no cárcere de Santiago, despois do golpe de 1936, a principal inquedanza de Camilo Díaz Baliño é a sorte do fillo. Do adolescente Isaac. Aqueles días de confusión e incerteza, Camilo retrata a lapis os seus compañeiros de prisión. E escribe algunhas notas para a familia. Entre elas, un poema que semella un ex conxuro protector, un canto de berce para unha re-existencia: "Prendinlle na cabeza do meu fillo, unha estreliña / forxada na irmandá / e quero ver brillar á lús d'esa estreliña / hastra chegar cegar. / Que vexan os demais n'esa estreliña / a lus da Libertá. / Que vexan que o tesouro máis querido / o ten o seu brilar. / Estreliña feituca de cariños, / estrela do meu lar, / que sempre te levei como reliquia / de Terra, Dios e Nai, / xa te deixo prendida no meu fillo/ pra sempre endexamais".
Visíbel ou invisíbel, o supervivente ten unha misión. Mesmo cando, vello como un rei Lear, é despoxado da súa gran creación, a de Sargadelos, hai algo que o prende, que o mantén erguido. Que o preserva da caricatura do apocalíptico profesional. A intelixencia farao pesimista. Pero matizaba: "Son un pesimista activo". Hiperactivo. E o humor crítico, retranqueiro, afástao de fetichismos como a Globalización ou o Internet. Cando alguén lle falaba das avantaxes das novas tecnoloxías para denunciar as persecucións dos pobos, por exemplo dos indíxenas, el respondía: "Iso fanllo crer, pero non vai ser dese xeito. Ademais así teñen os indios entretidos co Internet". Mais logo el sabía tirar proveito de calquera ferramenta. A proba do humor crítico servíalle para manter a raia as vellas e novas supersticións. Para defenderse do lastre dos dogmas e das ideas estupefacientes, definíase cun aparente oxímoron: "Son un conservador libertario". O que iso significaba? Conservador no sentido de conservacionista, de adiantado na visión ecolóxica. En todos os seus proxectos está presente a idea de aforro enerxético. Anoxábao en especial o desbalde, o desleixo. Falaba con paixón dos lindes do universo, do finito e do infinito, das leis da física, ao tempo que debuxaba un cartel pedagóxico sobre o mellor xeito de manexar unha vasoira. Para el era moi importante a maneira en que unha persoa se relacionaba co medio e cos demais. Tamén, si, o xeito en que agarraba unha vasoira: "A cuestión é como podemos ser xustos sen deixar de ser eficaces".
Sargadelos foi dende o seu arrinque un modelo e un hábitat. Como fábrica e como centro de irradiación cultural. Vexamos como o lembraba Isaac con chispa no libro Arte/Industria: "Lo que pasa es que teníamos muchas dificultades con las autoridades porque había que pedir permiso para todas las cosas; era complicado y estabamos vigilados, porque venían más policías que asistentes, lo que pasa es que como también se daba un poco de empanada y algo de beber, pues comían y nos llevábamos bien, la cosas había que llevarla así". Velaí. El non era nada étnico no comer, abondáballe cunha mazá e un café, mais sabía como utilizar unha empanada. Sargadelos foi, sen esaxerar, durante décadas, a máis completa factoría cultural de España.
Os seminarios do verán acollían en especial exiliados doutros países, fosen de Occidente ou do Leste. Sempre había un sitio para o perseguido. Foi tamén a sede dos primeiros encontros en España sobre medio ambiente e as alternativas ao consumismo e ao capitalismo salvaxe. O máis inesquecíbel, o que dirixiu José Martínez, fundador de Ruedo Ibérico en París, a empresa editorial máis importante do exilio, que puxo dos nervios durante décadas ao franquismo. Este editor e pensador de cerna anarquista foi decisivo na permanente revolución que era o maxín de Isaac. Como decisivo fora o reencontro con Luís Seoane e as factorías do exilio galego en Arxentina. É máis coñecida e notoria a influencia de Luís Seoane, e máis secreta a de José Martínez. Os dous foron dalgún xeito alter egos de Isaac. Fixeron posíbel o Galicia hoy, en 1964, a obra máis importante da clandestinidade antifascista galega. Explican esa naturalidade con que entrelazaba o galeguismo e o internacionalismo. Un cosmopolitismo solidario, sen medo a nomear as falcatruadas imperialistas, o espolio das multinacionais e a sombra do Petróleo en todas as guerras.
Isaac era un experto en escaleiras. Admiraba a de Andrade en Bonaval. Mais el tamén deseñou algunhas extraordinarias. Como a que leva ao ceo en San Marcos. El mesmo era unha escaleira, no que os chanzos eran o Renacemento, as Luces da Ilustración, as vangardas, en especial o Construtivismo... E a estrela galeguista que lle prendeu o pai, por medio dun poema, a mellor das herdanzas, antes de que o asasinasen nunha gabia, en Saa, perto de Palas de Rei.
Uns días antes, cando o obradoiro do pai era un hábitat de esperanza republicana, Isaac puido asinar a súa primeira obra. Un cartel para o plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia. Era unha estrela. O pai díxolle: "Esta podes asinala".
Foi a primeira vez que se fixo ben visíbel.
Logo, para salvar a vida, no xenocidio do 36, fíxose invisíbel.
E así foi a súa vida.
Nacera en 1920, ía para os 92 anos, a súa aparencia era fráxil, un corpo minguante, coa enerxía dunha dínamo que se alimentaba do propio andar. O seu corpo lizgairo, urdido todo el por neuronas. Non había escisión na súa mente entre arte e ciencia. Tiña de andar. Tiña unha misión. Levar prendida a estrela. Manter a memoria dos inmolados e do exilio para que o país fose fértil, xerminal, e non un ermo de amnesia retrógrada. Patrimonio imprescindíbel da historia de Galicia, de España e da humanidade son os libros Documentos pra a historia contemporánea de Galiza, en Ediciós do Castro, e os volumes da Biblioteca do Exilio. No medio da deconstrución que vivimos, do derrube do espazo público e solidario, el non dobrou nunca. Seguía a debuxar escaleiras. Evitaba as frases rotundas, mais non hai moito oínlle dicir con convencemento, verbo do finito e o infinito: "O que somos? Somos un soño. Nin máis, nin menos".

Artigo publicado en El País, o 13/01/2012
Comentarios (1) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 17-01-2012 11:14
# Ligazón permanente a este artigo
ATA SEMPRE, SEÑOR DOS CACHARRIÑOS!!, por Xosé Lois García
Reproducimos un texto que Xosé Lois García ven de publicar no diario electrónico Galicia Hoxe, lembrando a Isaac Díaz Pardo.


ATA SEMPRE, SEÑOR DOS CACHARRIÑOS!!


Moitos aínda non saben ?outros si- que Galiza, en desfeita e excluída de súa misión histórica, é como un montón de partículas espalladas e en desorde, que precisa de persoas que a normalicen, recompondo ese crebacabezas. Procurar articular todos eses cacharriños diseminados, non deixa de ser un acto de patriotismo e determinismo para reconstruír algo, inevitablemente esencial, como é a nación galega.
Isaac Díaz Pardo, posicionouse nesa idea fundamental de recoller as esencias dunha Galiza plena; de converterse en buscador de tesouros perdidos e esquecidos, de dar vida á materia e confabularse con ela, ata tal punto de convertela en tótem ancestral de referencia onde emerxan presentes e futuros. Todo ese portento de figuras onde Galiza é un clamor de restitución, que cerámicas de Sargadelos (creada, proxectada e dirixida por Díaz Pardo) sintetiza ese amplo labor de deseño e de rexistros identitarios que endexamais se tiñan culminado en Galiza.
A loita pola dignidade dun pobo maniféstase en toda a obra artística e cultural que Isaac culminou con moitas dificultades pero coa valentía e dignidade que lle deparaba. El recolleu a testemuña e a exemplaridade de Castelao e doutros xenerosos patriotas que loitaron contra a espoliación de Galiza. En cada pulsación e pegada de Díaz Pardo está ese humanismo esclarecedor de axuntar forzas, ideas, irmandades para recoller eses cachos de formas en desorde e reconstruílos para fomentar a grande obra e ver os nosos cacharriños exercendo identidade.
Durante estes días seguín os acontecementos do pasamento do amigo Isaac por internet. Causoume aversión a presenza no enterro de José Luis Vázquez o que despoxou da dirección de Sargadelos a un nonaxenario, o que o perseguiu xudicialmente e o asediou no seu último reduto no IGI, do que tivo que saír con todas esas caixas desmanteladas. Vaia o lector ás hemerotecas e consulte os xornais do 7 e do 8 de xaneiro de 2010 e verá a patética imaxe do ancián Isaac Díaz Pardo en medio dese desorde de vultos. Manda carallo coa hipocrisía! Qué valor teñen algúns de presentarse tan cinicamente nos actos fúnebres de súas vítimas, como se as falcatruadas non tivesen un reparo moral de quen foi agredido nos últimos días da súa vida.
Hai palabras que causan náuseas, como as do virrei da Xunta de Galicia, Sr. Feijóo: ?Estou orgulloso de compartir patria con Isaac Díaz Pardo?. Non, Sr. Feijóo! A patria material, espiritual, emocional e defendida por Díaz Pardo nunca pode ser a súa. Hai palabras que ofenden e supuran desa carnaza de pensamento único, de patria única e estatal, de falsear os feitos. Os seus feitos e dos que o acompañan no desgoberno de Galiza conmoven. Lembra, cando vostede tomou posesión da presidencia da Xunta de Galicia en abril de 2009, como fulminou da Radio Galega a Isaac Díaz Pardo e Avelino Pousa Antelo, que mantiñan unha tertulia semanal no ente autonómico, sen dar explicacións desa exclusión. Tal vez foron recriminados por facer patria verdadeira, que en nada se semella á súa.
O Sr. Feijóo, no velorio, ateigado de protocolo e cos seus oito machos de partido, ante o laio de Pousa Antelo de: ?Quen coidará de min agora?, Feijóo saíulle ao paso: ?A súa muller?. Esta referencia non pode ser tomada como un simple desliz ou anécdota. Coido que é froito dunha enorme insensibilidade de ignorar que Avelino, de 98 anos, é viúvo desde fai vinte. Isto o sabe Xan e Pericán. Por tanto, a vida, a acción dun vello galeguista como Pousa Antelo, un dos nosos ?bos e xenerosos? patriotas, non está na axenda que debía albiscar, aínda que fora de esguello o presidente da Xunta.
O señor dos cacharriños fóísenos para o útero da terra simples, refeita e xenerosa, coa dignidade e a integridade dun home directo, que nunca utilizou bisturí ou máscara para proclamar albores e deostar aos que dilaceran a patria común dos galegos. Esa orfandade que sentimos por Díaz Pardo a soubo proclamar Xosé Manuel Beiras: ?Parece unha coincidencia fatal no proceso de descomposición política deste país. Morre Isaac cando os nazinecios que agriden ao idioma confíaselles a cultura de Galiza?.
Tamén Xesús Alonso Montero, na despedida civil en Boisaca, concorreu: ?Queda o barco sen patrón, quedamos os mariñeiros pero marchou o patrón de Galiza?. Marchouse o patrón do barco e deixoulle a seus mariñeiros todas as cartas náuticas para ben vogar e sempre coa palabra útil, coa cal sempre nos despedía: ?Adiante!?
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 11-01-2012 21:55
# Ligazón permanente a este artigo
PALABRAS DE XOSÉ NEIRA VILAS PARA ISAAC DÍAZ PARDO

Reproducimos un fermoso texto que escribiu Neira Vilas e lle adicou, o día 6 de xaneiro, na despedida civil en Boisaca a Isaac Díaz Pardo.

PALABRAS PARA ISAAC DÍAZ PARDO



Querida Mimina,
queridos fillos e netos de Isaac,
queridos amigas e amigos todos:

Nunca pensei que me tocaría esta difícil, esta dura tarefa de despedir para sempre a Isaac Días Pardo, amigo entrañable dende hai 56 anos, ou sexa, dende aquel rutilante Buenos Aires onde nos coñecemos unha tardiña de 1955.
Nunca imaxinei que tería que dicir estas palabras para darlle o definitivo adeus ó meu amigo máis querido. Pero tal é a realidade e temos que aceptala. Eu chegara a sentir que Isaac era eterno ou pouco menos. Dende algún lugar estaranos mirando cos seus ollos tenros e profundos, uns ollos ben abertos, como os dos personaxes dos seus cadros, e diranos con modestia e ironía ?¿pero que facedes aquí? Grazas por vir, pero ídevos, esto acabouse e non hai volta que darlle. A vida é así?.
E nós aquí, diante do teu corpo levián e inerte. Déixanos facer, querido amigo, déixanos dicir siquera algo do moito que sentimos ante a túa ausenciai vital. Déixanos que che digamos cando menos grazas por ti, por haber vivido, por termos estado á túa beira, coa túa voz, coa túa sabia palabra, cos teus traballos, cos teus fermosos proxectos. Grazas polo teu sorriso, polo teu sentido do humor, pola túa perenne comprensión e solidariedade en todo momento e ante calquera circunstancia. Grazas pola túa permanente lección de humildade e de sabedoría. Alguén dixo que eras un xigante comprimido. E tiña razón, pois canta forza, canta enerxía albergabas en tan pequeño corpo.
Cantos golpes che deron. Cantas veces caíches e te volviches a erguer, home indomable. Ambos temos repetido xuntos aquel verso dun gran poeta arxentino: ?no te des por vencido ni aun vencido?. Con moita dor e un gran tesón resistiches e venciches. Falabas moi seguido de fracasos, pero o único fracaso, se tal queremos chamalo, foi este, o da morte, algo natural, esperado por todos nós ó longo da vida como inevitable. Pero outro poeta, José Martí, dixo que a morte non é certo cando se cumpre con plenitude o ciclo da vida. Ese ciclo, o teu ciclo vital, cumpríchelo sobradamente, traballando sempre, loitando sempre, sen unha hora de descanso, sen un día de vacacións, porque anque se vivan noventa e un anos como ti viviches, o tempo, o de nós todos, sempre está taxado, e para quen sinta o impulso creador que ti sentías, a vida sempre será curta.
Falo en nome de moitos, poida que en nome de todos, pero por un momento voume referir á relación habida entre ti e eu, e contar o que quedou dela.
Quedou e queda o recordo daquela vez que nos coñecemos, daquel primeiro encontro en Buenos Aires, nunha exposición do común amigo Luís Seoane; quedan os nosos encontros no barrio porteño de Villa Pueyrredón, onde nos visitabas no noso fogar; quedan os encontros en Magdalena, naquela fábrica que erguiches case na Pampa; quedan tamén os encontros en Barcelona, en Madrid, en Gres, en Santiago, en Sada, en Sargadelo e tamén en San Marcos, onde noite a noite, durante ano e medio quedabamos por horas conversando sobre o ir e vir deste desarranxado mundo e da Galicia dos nosos amores. Quedan máis de cen cartas túas e outras tantas miñas escritas en 48 anos de relación epistolar. Quedan todos os meus libros que editaches en Ediciós do Castro, algúns deles ilustrados por ti. Quedan tantas e tantas lembranzas que non é do caso reseñalas agora.
Aquí estamos, pois, querido Isaac, moitos dos teus amigos e admiradores, que quixemos acompañarte nesta derradeira viaxe. Naciches en Compostela e a Compostela voltas tras canear polo ancho mundo. Devólveslle á túa terra natal o corpo que che emprestou. Non podía ser doutra maneira por tratarse dun home xeneroso.
Aquí estamos en representación dos milleiros de homes e mulleres que te querían e admiraban, ou mellor, que te queren e admiran; digámolo en presente porque ti seguirás vivindo en todos nós. A túa obra trascende en moito esta fronteira da morte física.
Aquí estamos os que vivimos, e en boa medida nos formamos á túa beira e nos beneficiamos co teu facer, co teu maxisterio, co teu exemplo, coa túa tenacidade,
Co teu erguerte tras de cada caída, co teu escepticismo esperanzado, coa túa bonomía, coa túa humildade case franciscana.
Aquí estamos os que amamos a Galicia, que levamos dentro este fondo sentimento de patria, de raíz e destino, ó tempo que nos achegamos a outras patrias e somos tolerantes e solidarios con outros pobos. Así eras ti e así nos ensinaches a ser e a sentir. Tés máis discípulos dos que coidabas ter e moitos seguidores dos que nunca soubeches.
Aquí estamos os que pensamos que a morte non é tal no teu caso, porque vivirás para sempore en nós, nos nosos corazóns e na nosa lembranza. Vivirás porque tal foi a túa enteireza ó longo da existencia que te sobrepuxeches a contratempos, reveses, traicións, paus e pedras que che facían dicir que ?cando aparecen os egoísmos o ser humano pervírtese?. Moitos de nós escoitámosche esa frase chea de verdade.
Aquí estamos os que tratamos de seguir o teu exemplo, ese herdo que nos deixaches de conduta, de ética, de humildade, de servizo ó teu país, de compromiso e xenerosidade. Procuraremos imitarte, procuraremos seguirte, modelo para sempre, paradigma anticipado do home que terá de vir, do home, do ser humano do futuro. A túa creatividade, a túa intelixencia excepcional, a túa inimitable capacidade de traballo sempre foron para todos nós un rumbo, un norte, pero moito máis por iren acompañadas de grandes virtudes e da calidade humana que había en ti.
Os que aquí estamos, e moitos máis que non puideron estar, continuaremos a túa obra, e se eso, polas súas dimensións, non fose posible, seguiremos cando menos o teu comportamento modélico, a túa filosofía da existencia.
Aspiramos a que os máis novos, nenas e nenos, adolescentes e xoves de hoxe sexan coma ti.
Se queremos un artista deste tempo, un anovador da arte galega, en temas e en formas, queremos que sexa coma ti.
Se queremos un ser emprendedor, con ideas e iniciativas de progreso, queremos que sexa coma ti.
Se queremos un home de letras, de palabra honrada, precisa, elevada, cunha mensaxe perenne de esperanza, queremos que sexa coma ti.
Se queremos unha persoa (home ou muller) que estude, evoque e respecte o noso pasado, a nosa memoria histórica, queremos que sexa coma ti.
Se queremos un patriota que loite nos máis diversos campos polo seu país, pola recuperación da súa identidade e polo seu adianto cultural e social, queremos que sexa coma ti.
Se queremos, en fin, un cidadán comprometido coa súa patria e coa humanidade, un home honrado, modesto, traballador, xeneroso, queremos naturalmente que sexa coma ti.
Querido Isaac, artista, economista, arquitecto, escritor, poeta, deseñador, home de pensamento e por enriba de todo home de ben, aquí te pousamos, na túa terra santiaguesa, unha parcela da túa amada terra galega. Deixamos aquí o teu corpo pero quédanos algo máis perdurable. Quédanos a túa obra inmensa e quédanos de por vida, e máis alá das nosas vidas, o teu exemplo.
Queridísimo amigo, compañeiro, irmán, descansa en paz.

Xosé Neira Vilas
Cemiterio de Boisaca (Santiago)
6 de Xaneiro de 2012

Comentarios (1) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 10-01-2012 23:17
# Ligazón permanente a este artigo
A Rui Xordo. Lorenzo Varela

Reproducimos hoxe este poema de Lorenzo Varela, que foi lido por Camilo Díaz Arias no enterro do seu pai, Isaac Díaz Pardo, o pasado venres 6.


Aramos sobre os mortos nesta terra
i o noso pan ten un sabor de ósos
familiares, irmáns. O monte berra
baixo do arado, e chámannos os nosos,

desde a morte con voces conocidas:
«Nin marqueses, nin cregos, nin doutores
fixeron as ribeiras verdecidas,
nin o guerreiro coiro dos tambores.

Os condados do polvo son dos mortos
e quen queira ser dono desta terra
que veña navegando aos nosos portos.

Os que pidan o fruto sin labores,
si non morren de seu, morran de guerra,
e desta terra, así, serán señores».


Lorenzo Varela, Catro poemas pra catro grabados, 1944
Gravado en madeira de Luís Seoane.
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 10-01-2012 10:28
# Ligazón permanente a este artigo
ADEUS, ISAAC!
Onte, Galicia despedía a Isaac Díaz Pardo. Nós seguimos a lembralo con esta reportaxe fotográfica de Marisa Naveiro dos actos que tiveron lugar pola tarde, no Museo do Pobo Galego e no cemiterio de Boisaca.
Tamén incluimos un enlace manifestando dor e pesar polo pasamento de Isaac da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina, e que nos facilitou o noso colaborador e amigo Hernán Díaz.




Dor na Arxentina polo pasamento de Isaac
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 07-01-2012 20:09
# Ligazón permanente a este artigo
ADEUS, ISAAC!

Hoxe Galicia despedirá a Isaac Díaz Pardo, o intelectual, editor, pintor e ceramista que falecía onte aos 91 anos. O seu sepelio terá lugar ás 5 da tarde no cemiterio de Boisaca(Santiago de Compostela). Ao longo de todo o día de onte foron centos de persoas as que se achegaron ata o velatorio en sinal de cariño cara Isaac e a súa familia. Desde a nosa asociación, que tanto lle debe a quen durante moito tempo foi conviciño noso en Sada, queremos reiterar o noso pesar e transmitir a nosa firme intención de seguir a reivindicar a figura de Isaac e todo o que nos pode ensinar para a construción dun futuro digno.
Entrevista a Isaac con motivo da traida dos restos de RSP
Pasamento de Isaac Diaz Pardo dende Arxentina
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 06-01-2012 11:59
# Ligazón permanente a este artigo
ADEUS, ISAAC!
Hoxe Galicia recibiu a nova triste do falecemento de Isaac Díaz Pardo. Desde a A. C. Irmáns Suárez Picallo dedicamos hoxe esta lembranza ao noso Socio de Honra.

Isaac Díaz Pardo, cumple 90 anos
Homenaxe da Asociación a Isaac e a Mimina
Ler nº extraordinario sobre Isaac e as cerámicas do Castro
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 05-01-2012 10:44
# Ligazón permanente a este artigo
DÍAZ PARDO, HOMENAXEADO POLA CRMH
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica terá hoxe un emotivo recoñecemento para con Isaac Díaz Pardo e a súa traxectoria humana. Desde a nosa asociación sumámonos á homenaxe colgando neste blogue o nº extraordinario dos nosos Cadernos de Estudos Locais, da autoría de Xosé Díaz, e que, co título de Isaac Díaz Pardo e as Cerámicas do Castro, viu luz na homenaxe que lle tributamos o pasado mes en Sada.



Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 09-04-2011 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
A CRMH HOMENAXEA A DÍAZ PARDO
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña está a realizar diferentes actividades ao longo deste mes, coincidindo co 80 aniversario da proclamación da II República. O pasado día 6 rendíaselle unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo que continuará o próximo sábado 9 co seu nomeamento como Republicano de Honra e coa celebración da tradicional CEA DA REPÚBLICA, da que se dá a seguinte información, para quen estea interesado en asistir:

Sábado, 9 de abril

Ás 19?30 h., no Memorial da Avenida Navarra, acto de lembranza ás vítimas do franquismo.

Ás 21?00 h., no Hotel Meliá María Pita (fronte a praia do Matadoiro da Coruña), CEA DA REPÚBLICA, coas actuacións musicais de Miro Casabella e Mini e Mero, do grupo ?A Quenlla?. Entrega a Isaac Díaz Pardo da distinción ?Republicano de Honra 2011?.

Inscricións para asistir á cea, a ser posible, antes do 7 de abril, no teléfono 645029338. Ingreso de 21 euros na conta 2096 0489 11 32753310045. Tamén pódese pagar no hotel antes da cea.

Desde este blogue, a A. C. Irmáns Suárez Picallo súmase a este recoñecemento a Isaac Díaz Pardo, que o mes pasado foi nomeado Socio de Honra da nosa Asociación.

As actividades de abril concluirán o venres 29 ás 19:45 h. no Kiosko Alfonso, coa presentación da publicación ?Vivas en nós. Mulleres represaliados polo franquismo a raíz de 1936?, coa participación das autoras : Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer, (nº1 da colección ?Cadernos Republicanos?).
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 07-04-2011 08:48
# Ligazón permanente a este artigo
NOVOS NOMES PARA AS RÚAS DE SADA
O Concello de Sada, en pleno celebrado o 31 de marzo de 2011, ven de acordar varios cambios no nomenclátor local. Deste xeito, varias rúas, prazas e avenidas do municipio levarán nomes de personaxes que se destacaron en diferentes campos e que, na maioría dos casos, gardan unha estreita vinculación con Sada, por teren nacido ou residido aquí. Isaac Díaz Pardo, Manuel L. Freire-Calvelo, Emilia Pardo Bazán, Ricardo Flores, Xohán Vicente Viqueira ou Antonio Sanjurjo Badía serán algúns dos novos nomes.

Desde a nosa asociación aplaudimos esta decisión, pero entendemos que o feito de dedicar un espazo público a un individuo será un acto moito máis completo se se fai chegar aos veciños o porqué dese nomeamento e se serve para difundir o coñecemento acerca desa persoa. Por ese motivo estamos a traballar nun proxecto que sirva para difundir as biografías e as obras destes novos nomes, mediante charlas e publicacións que iremos anunciando.



Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 02-04-2011 10:54
# Ligazón permanente a este artigo
[1] [2] 3 [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0