A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

A HERDANZA QUE DEIXA DÍAZ PARDO

Felipe Senén, museólogo e técnico de xestión Cultural, publica no xornal LA OPINIÓN -na sua sección O Laberinto do Alquimista- o seguinte artigo sobre Isaac Díaz Pardo.

A HERDANZA QUE DEIXA DÍAZ PARDO


Por Felipe Senén

As formas han de ter patria, como as linguas; ó fin e ó cabo elas son unha linguaxe e xa sabemos o que pasou co esperanto. (IDP-1970)

Xa é parte da Historia, da terra e do Trasmundo. Con sepultura a carón do paredón de triste memoria de Boisaca. Nada quixo ter, nada deixou, deuno todo e tamén llo quitou quen non debía máis que agradecer e sen entender a historia do que se ten entre mans. A gran obra de Isaac Díaz Pardo non é a pintura que se mostra nas dependencias coruñesas do que polo de agora se vai chamando Novagalicia. Inversións en alza no mercado da Arte e cunha longa historia tras si, no facer e desfacer, regalos, marchantes... A Isaac gustáballe experimentar con todo, sobre pedra, madeira... Xeralmente trátase de obras da mocidade, de óleos sobre lenzo, con esa teima de representar xente, pobo, arredor de algo transcendente, da palabra, da música, da morte, do labirinto da vida feito colo de nai ou corpo de moza. Xente cos ollos ben abertos, os que mesmamente tiña Isaac, como os de Picasso, dispostos a enxergar, espreitantes cara ó pozo do porvir. Pinturas ás que ningún mérito lle daba. Asumía que o que facía xa estaba feito e mellorado en forma e fondo, se acaso era un xogo ascético, de superación, un desafío mozo a Velázquez, Goya, Vázquez Díaz, Zuloaga, Sotomayor ou mesmo a Picasso... ó fin e o cabo un está coutado pola Historia. Mesmo nalgúns momentos fraccionaba os grandes lenzos pintados décadas atrás: unha faciana por aquí, outra figura por acolá e asignaba cada unha delas como diferentes. Ante o asombro e ó quererlle preguntar "pero Isaac..." el xa se adiantaba con aquela retranca sabia "...é para pagar favores".

O herdo verdadeiramente valioso de Díaz Pardo, como o do seu tándem Seoane, é algo inmaterial e imperecedoiro, sempre en transformación e con valor de futuro se sabe recoller cos sentidos postos. Trátase da súa teoría, de que coas ideas, coa ética pódese facer estética, dignificar as relacións a través da oferta e da demanda. E velaí como combustible o talento, a constancia para mover fábricas e producir, para dignificar coa linguaxe das formas a un pobo e ó seu tempo. Foi en momentos ben más difíciles, os da Longa noite de pedra, de medos, de silencio, de desenrolismo desbaratado, de chabolismo e industrias contaminantes, pero tamén de alentos dende a emigración que recolleu o herdo de Castelao. Así naceron no Castro de Osedo, en Sada e en Sargadelos de Cervo, as Industrias da memoria. Anovábanse as ideas dun ilustrado, dun industrial maltratado polo seu propio pobo, as de Raimundo Ibáñez. E nese muiñar, nos anos sesenta, constitúese o Laboratorio de formas, un regalo teórico para sensibilizar e mover a produtividade arredor do discurso ética-estética, arte-industria, tradición-modernidade... recetario de remedios pra recuperar a memoria histórica, a identidade, a dignidade, para agudizar a cultura, as ideas, a experimentación, a constancia, saber resistir contra a toda ameaza de crise.

Isaac formouse no taller do seu pai, Camilo Díaz, aquela sombra do traballador e vítima da guerra cubriuno sempre. Artesán e artista artillando escenografías, carteis divulgativos, arte para compartir. Nada houbo de individualidade, de artista de cabalete e galería, de academia... E sería coas mans, co lapis, amasando o caolín, entre as máquinas que deseñaba e os consellos escritos con xis nos taboleiros da fábrica... a pé de obra, examinando, experimentando e abrindo camiños inacabados que se bosquexaron no vidro, no deseño do moble, no tapiz, no gravado... camiños abertos pra quen os queira retomar. A arte nunca morre, os que morren, como os demais, son os artistas. Arte pra compartir e pra "levala ós bazares", como dicía Seoane, para dignificar unha cultura sumida no neoesperpento, para avivar o idioma das formas, unha marca, un estilo e seguir a asentar raiceiras sobre a Terra. Non caeu en van a semente do Seminario de Estudos galegos, espoliado na guerra civil, e prendeu entre a maleza da ditadura. Iso é o que compre valorar. Mais semella que non se entendeu a aquel Díaz Pardo do traballo, do mandil de dril, sempre a pé de obra, sen vacacións pra, ó final da súa vida, arrastralo e sucumbir ante as cerimonias, homenaxes, medallas, birretes... namentres a maioría accionarial do que el dera e consentira desterrábao do continente e dos contidos impregnados de toda a súa teoría e praxe, difíciles de borrar. Teoría tan válida hoxe para vitalizar espazos, cidades da cultura, porque a cultura non é máis que o que ser humano cultiva...iso mesmo escoitámosllo dicir en seminarios compartidos, onde se abriron portas e se deu plataforma a futuros. O nubeiro da incomprensión non soamente cobre hoxe ese universo industrial creado por Isaac e Luís Seoane fundamentalmente. Mesmo os legatarios de Seoane, vendo a tempo o que se aveciñaba, decidíronse pola disgregación e a creación dunha fundación, contando co apoio e o patrocinio do Concello da Coruña pra dotala de espazo. E velaí en San Francisco, na Cidade Vella da Coruña, o magnífico edificio deseñado polos arquitectos Xoán Creus e Covadonga Carrasco para Fundación Luís Seoane. Pero tamén os cobre o manto da incerteza, cómprelle o espírito orixinal. Lamentamos que non haxa unha mostra permanente para contar a historia dun creador e teórico que fai obra en función do seu valor social: a historia de Galiza, a industria, a seriación na cerámica, os múltiples, o tapiz, o vidro, o gravado, a serigrafía... E fáltalle a praxe, abrir camiños produtivos a seguir hoxe, valéndose das novas tecnoloxías, para non mendigar nin caer na adición da subvención. Aprender que a arte é re-crear, darlle voltas ó pasado e avanzar ó servizo dun país. Detrás estaba sempre Castelao, o "non dar a esquecemento da inxuria..."

Isaac, antes do seu pasamento, decidiu que todo os fondos documentais -os que el fora formando, máis os que lle confiaron, cando foi o primeiro de falar e divulgar o da "Memoria Histórica"- depositalos na Xunta de Galiza, para formar parte do Arquivo da Cidade da Cultura, onde si hai profesionais en biblioteconomía, arquivística e museoloxía para garantir a súa conservación, o estudo e a transmisión.

Non perdemos a esperanza de que retorne ó rego o nacido de ideas solidarias, O Castro, co seu Museo Carlos Maside, co Laboratorio Xeolóxico de Laxe, Sargadelos, o Laboratorio de Formas de Galiza; en San Marcos de Compostela o non desenvolto -pese á súa necesidade- Instituto Galego da Información, cando a información é a que contribúe a formar... e mesmo a Fundación Luís Seoane. Ben o saben os seus, os traballadores leais que viviron tan de preto esta historia de máis acertos que desacertos, como moitos dos que o arrouparon no seu desterro edulcorado por tribunas e medallas.

Ler o artigo no xornal La Opinión
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 12-03-2012 00:58
# Ligazón permanente a este artigo
ISAAC DÍAZ PARDO, homenaxe en A Coruña
Seguen as homenaxes a Isaac Diaz Pardo.Na foto, o fillo e tamén co-comisario da exposición, Xosé Díaz Arias na inaguración da mesma na sede da Fundación Novacaixagalicia.

A Fundación Novacaixagalicia abriu onte unha retrospectiva de Díaz Pardo.
Conta con 35 obras entre as que hai óleos, bocetos e debuxos do intelectual gallego. A exposición poderá visitarse ata o 1 de maio.
Na inauguración estivo a familia de Isaac.

Por outra parte, na Fundación Paidea, proxectouse tamén onte o documental "Isaac"de Xosé Abad.
Ler a información no Ideal Gallego
Ver fotos da inaguración da exposición
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 24-02-2012 01:33
# Ligazón permanente a este artigo
ISAAC DÍAZ PARDO, HOMENAXE NO MUSEO DO POBO GALEGO

Incluimos hoxe o texto de Rosa Aneiros lido na homenaxe a Isaac Díaz Pardo organizada no Museo do Pobo Galego o día 15 de febreiro de 2012 e que nos facilitou Paulina Capelo.Na foto de elCorreoGallego.es un momento da homenaxe.


O SI de Isaac e a raíña de Sabá


Por Rosa Aneiros

De tódalas anécdotas persoais e escoitadas sobre ese home -diminuto de corpo e inmenso de espírito- que vén de deixarnos e responde ao nome de Isaac Díaz Pardo, quedo coa da súa inmortalidade. Contouma unha hoxe magnífica xornalista e na miña cabeciña converteuse en mito. Vai xa para dúas décadas que ela chegou a Santiago para facer as probas do selectivo procedente dunha aldea do Nordés. Paseaba pola rúa do Vilar nun dos descansos entre os exames cando ficou abraiada ante a figura miúda dun home atrapado no seu eterno gabán negro. O home observou a súa expresión de sorpresa e sorriu. É vostede Isaac Díaz Pardo?, preguntou a rapariga. Son, respondeu el, por que pos esa cara? Ai, don Isaac, e que eu pensei que levaba vostede morto unha ma de anos? El, retranqueiro, disque volveu sorrir antes de se perder entre a néboa do labirinto de pedra.

A miña xeración sempre pensou a Isaac Díaz Pardo morto e eterno, como os grandes nomes da Historia cos que tropezabamos unha e outra vez no libro de Ciencias Sociais. Non era posible que aquel home agulla tan grande en traxectoria e humildade aínda permanecese vivo. El tamén o sabía. Isaac, como tamén Fernández del Riego nos seus derradeiros alentos, sabía que o seu reino ?república, xaora- non era xa deste mundo, que el pertencía a outra estirpe da que xa só quedaban vestixios e que o seu nome tiña máis cabida nos libros de Historia ca nos xornais. Por iso reclamaba que o deixasen ir. Así e todo, teimudo infinito, advertiu que daría guerra ata o estertor último. Era o seu pulso turrón por defender o que cría. Nos últimos anos veño escoitando reiteradamente a frase ?cousas de Isaac? para se referir as súas boutades en actos públicos e privados. Con xesto impávido só na aparencia, as autoridades políticas empregaban ese escudo contra as diatribas irónicas e intelixentes do vello Isaac, nun intento sempre infrutuoso de desacreditar a súa lucidez.

Porque el era o neno que anunciaba que o rei estaba espido.

Así Isaac, con esa mirada avesada e luminosa, ríase de todos e de todo, coa sabedoría eterna de quen tivo que ollar de fite a morte e burlarse dela. Porque el foi un supervivente, non só á guerra civil que lle arrincou ao seu pai e o converteu en fuxido senón tamén a todos os ?non? que escoitou en vida e aos que tivo que se arrepoñer. Cando ninguén cría en nada el creu nun país que nin sequera hoxe cre en si mesmo. Cando penso a Isaac penso no cartel ?Para arrematar cos caciques, cando votedes o Estatuto poñede SI?. Penso tamén no seu SI maiúsculo na Praza do Obradoiro, esa pintada adolescente en prol do Estatuto de Galicia espetada na cerna de Galicia, entre o Pórtico da Gloria e a Casa da Tumbona que o viu nacer.

Penso que ese SI ía moito máis alá da lei que nos serviría de pedra angular e marcou profundamente a súa vida. El sempre había ser un SI fronte a calquera contratempo.

El había ser o si, o Guliver no país dos ananos da emigración que denunciou Celso Emilio Ferreiro. El había ser o si cando ninguén cría nunha empresa azul cobalto esmaltada por mulleres. El había ser o si cando sacou do prelo a memoria que nega o silencio cómplice das gabias nas súa Edicións do Castro. El había ser o que turraba por construír e dignificar as mulleres, esas que levan cousas enriba da cabeza.

No seu óleo ?Muller que leva na cabeza as cousas que vai necesitar na vida? de 1974 vai o peso do mundo enteiro. Manuel Rivas homenaxeou -na serie pictórica que o escritor atribúe á protagonista Chelo Vidal en Os libros arden mal- esta esencia pura da obra de Isaac. Eis a súa fe laica nas mulleres ?sempre condenadas ás sombras- que levaron durante séculos o peso da economía e da Historia deste país. As mesmas que pintou o seu ?irmán? Seoane e quen converteu con breves trazos e cores profundas en metáfora inmorredoira.

Ese SI era tamén Isaac.

El houbo ser o si cando todo e todos dixeron non.

Por iso eu, que son da xeración que creu a Isaac morto de tan eterno que xa nos era, quero lembralo como o Si sobre as lousas do Obradoiro cando era apenas un adolescente. A memoria de Edicións do Castro. O azul cobalto no bico das mulleres de Sargadelos. O Laboratorio de formas. O IGI e os seus rostros amigos. O berro contra a traizón dos que un día o quixeron. O cordón umbilical que nos unía á Alba de Groria de Castelao. O ?Galicia? recuperado, un dos seus ?fracasos? e que temos o deber moral de recuperar baixo esa ou outra cabeceira. Debémosllo. Se el puido construír o seu imperio de louza nun tempo convulso onde todo escachizaba aos seus pés nós habemos ser capaces de turrar pola polifonía neste deserto monocorde.

Pero sobre todo, na miña cabeza Isaac será sempre o Profeta Daniel que sorrí retranqueiro no alto do Pórtico da Gloria, quen sabe se pola voluptuosidade da raíña de Sabá ou porque sempre se soubo profeta nun tempo estéril. Un vedoiro irónico con áncora na Historia e ollar que atravesa os séculos para construír o presente e termar da proa cara o futuro. Curiosamente, así tamén o viu a pasada semana Artemio Lándoas na súa ilustración de Praza Pública. Isaac, que xa era pasado, fixo sorrir a pedra viva e latexante contra os que a desexaban e seguen a desexar epitafio mudo.

Xusto alí no vértice do trapezoide da memoria que une a Catedral coa Casa natal da Tumbona da Rúa de Hortas, o prelo de Ánxel Casal da Rúa do Vilar e o seu SI eterno na Praza do Obradoiro, ese que piso cada día sabendo que, grazas a el, máis alá das lousas, piso soños.

Os do SI a este país que turra en ser non.

Hoxe ben cediño, ollaba eu o Pórtico da Gloria cando a lúa inmensa non abandonara aínda o ceo e pareceume que o profeta Daniel furaba co seu ollar avesado e sorriso retranqueiro a mordaza das estadas. Isto son cousas de Isaac, pensei. Cousas do Isaac. E atravesei a Praza do Obradoiro procurando non esmagar co meu propio peso as faíscas dos desexos.
Ver o texto de Rosa Aneiros en prazaPÚBLICA
Ler a noticia no Ideal Gallego
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 20-02-2012 00:14
# Ligazón permanente a este artigo
ISAAC DIAZ PARDO, homenaxe en Santiago
(Foto de La Opinión)
Onte, tivo lugar en Santiago, na Cidade da Cultura unha homenaxe a Isaac Díaz Pardo; recollemos parte da información de Galicia hoxe.

Familiares, amigos e autoridades déronse cita este mércores na Cidade da Cultura para participar nunha multitudinaria homenaxe ao intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo, a quen o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, erixiu "nun referente para construír o futuro" e en exemplo dunha vida dedicada "a un compromiso chamado Galicia".

"Entregou un inmenso legado artístico e adiantouse durante décadas á concepción máis actual da cultura como capital social e económico de Galicia", destacou o máximo mandatario autonómico, en relación á figura de Díaz Pardo, falecido recentemente, e cuxo fillo Xosé Díaz interveu no acto para dar as grazas pola homenaxe e advertir de que o legado do seu pai "debe permanecer unido".

Como o seu fillo, Feijóo tamén lembrou a un Díaz Pardo sen afán de protagonismo que, "desde o máis aló", lanzaría "un reproche" polo acto organizado este mércores. Con todo, insistiu na necesidade de "renderlle este tributo", que estendeu "a tantos galegos" que lograron "cambiar o destino do país" en cada momento "da memoria colectiva".

Son eles, continuou, os que lograron que os galegos se vexan a si mesmos como un pobo capaz, creativo e apto para empresas colectivas: un pobo protagonista". "A pesar de que a Galicia das súas ansias aínda non se albiscaba, non lle faltou a este home de corpo miúdo a forza debuxar nela camiños polos que andala e recompola", resumiu.

Na mesma liña, manifestou que "a súa tarefa principal e a súa fixación" foi a de "tecer soños", consciente de que o futuro da súa terra "non está nos resignados", senón naqueles que "loitan contra a realidade para transformala". Esta mensaxe aprendeuno Díaz Pardo, agregou Feijóo, cando "coñeceu a Castelao e as inquietudes de quen loitaban por unha Galicia estatutaria".

Finalmente, o presidente galego ha concluído a súa intervención cunha referencia á creatividade do intelectual galeguista, nos ámbitos artístico e do emprendimiento, que deron lugar a "innumerables" proxectos como o Laboratorio de Formas, e outros impulsados no Seminario de Estudos Galegos, en Edicións do Castro ou nas Cerámicas do Castro e Sargadelos.

Xunto a Núñez Feijóo e Xosé Díaz, outro seis intervinientes, entre os que se atopaba o presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, lembraron ao intelectual "bo e xeneroso", ao "neno do exilio", ao "amigo" e ao "patriota". "Quixo construír un futuro para Galicia, con memoria e sen exclusións sectarias", resumiu Villares...
Ler a noticia en Galicia Dixital
Ler a notica no xornal La Opinión
Ler a reportaxe en GaliciaHoxe.com
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 09-02-2012 11:39
# Ligazón permanente a este artigo
ISAAC DÍAZ PARDO, IN MEMORIAM
Artigo publicado en Crónicas de la Emigración, por Xurxo Martiz no dia de hoxe e remitido por Hernán Díaz dende Arxentina.


Lunes, 06 de febrero de 2012

Isaac Díaz Pardo, ?In Memoriam'


Xurxo Martiz



?Home pequeño fol de veleno? dice el dicho gallego. Isaac Díaz Pardo mantuvo alejado el veneno de su obra y de su trabajo, a pesar de ser pequeño en tamaño. Fundador y refundador de maravillas como ?Ediciós do Castro?, ?Cerámicas O Castro?, Instituto Galego de Información (IGI) o ?Sargadelos? murió despojado de sus mayores obras, ?Ediciós do Castro? y el IGI cerrados, y él expulsado de la dirección de su obra más universal: ?Sargadelos?.
El padre de Isaac, el artista y nacionalista gallego Camilo Díaz Baliño, fue uno más de las decenas de miles de personas que fueron asesinadas en cunetas por los seguidores del dictador fascista Francisco Franco Bahamonde. La vida de Isaac Díaz Pardo estaba llena de esas heridas que aunque cicatrizan dejan huella. No hay casa en Galicia quien no tenga una pieza de la fina cerámica de ?Sargadelos?, una prueba más de la comunión de todos los gallegos con esa cerámica que nos representa. Ahí está su obra, que además de buena y bella dio trabajo a muchos gallegos y sirvió para demostrar que la cultura alimenta no sólo el espíritu, sino también la barriga.
Hombre polifacético saludaba con una mano a la esposa del dictador, Carmen Polo de Franco, cuando visitaba ?Sargadelos? en verano y con la otra escribía y financiaba la editorial comunista de París, ?Editions Ruedo Ibérico?, en la que junto a Luis Seoane, en 1965, escribió ?Galicia hoy?, un alegato en defensa de Galicia y la memoria de sus muertos contra la dictadura franquista y el olvido.
En 1987 reedita el libro en su editorial ?Ediciós do Castro?, y en su prólogo Isaac dice y recalca: ?O inexistente xuízo global e crítico sobre o mundo que nos deixou a ditadura cunha desmemorización interesada?, que según él queda demostrado en nuestra incapacidad para cambiar el presente; reelección de gobiernos antigallegos en la Xunta que sólo piensan en Madrid y en España, y ven Galicia como una hacienda en la que hacer carrera y méritos para poder llegar al premio: Madrid.
Galicia hoy está dedicado ?aos poetas do meu tempo, aos que padeceron a historia por amar a xustiza, a liberdade e a solidariedade dos homes; aos que tiveron que vivir no exilio polas súas ideas e nos deixaron ese exemplo de lealdade; tamén aos que loitan porque Galicia, e o resto do mundo, sexa mellor e máis xusta? y a la reivindicación de la memoria de estos mártires unía su lucha ?contra toda xerarquía, privilexio académico e preeminencia social, contra toda inxustiza e contra todo engano, estupidez e disfrace que teñamos que aturar naqueles que teñen poder?.
Isaac Díaz Pardo, descanse en paz ?un bo e xeneroso?.


Ver artigo en Crónicas de la Emigración
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 06-02-2012 23:45
# Ligazón permanente a este artigo
Lembrando a ISAAC DÍAZ PARDO, na Casa Museo Emilia Pardo Bazán
subir imagenes

2 de febreiro ás 18:00 h.
Casa Museo Emilia Pardo Bazán

Os xoves da rúa Tabernas

CONVERSA CON XOSÉ RAMÓN BARREIRO
Académico numerario da Real Academia Galega e o seu presidente desde o ano 2001 ata o 2009

ISAAC DÍAZ PARDO
in memoriam

Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 01-02-2012 23:32
# Ligazón permanente a este artigo
CABALEIRO DE GALICIA (ISAAC DÍAZ PARDO)

Rosa Méndez Fonte publicou na web de Fuco Buxán este texto ao coñecerse o pasamento de Isaac. O mesmo texto aparece tamén no Diario de Ferrol do pasado día 6 de xaneiro.


CABALEIRO DE GALICIA




Por Rosa Méndez Fonte

Benquerido Issac, despois de tantas conversas, de tantos instantes compartidos en fraternal compaña, non agardes hoxe de min un adeus melancólico, nin unha ladaíña de mágoa. Hoxe, Isaac, coma sempre, só quero e teño para ti o meu profundo agarimo e a miña admiración sincera, porque sinto que segues estando aí, recio e forte, observando as mudanzas deste noso país cunha mirada entre carraxenta e magoada; qué pouco fai falla para desandar o conquerido despois de tanto esforzo común, cantos e cantas serían os que hoxe, se puidesen, virían das cinzas a berrar alto e forte a súa protesta. Bos e xenerosos que, coma ti, tentarían impedir este desmantelamento sociocultural e económico que semella aveciñarse a través dunhas mans inexpertas e incompetentes. Semella non ser casualidade que o teu último alento nos deixase o mesmo día en que dende Madrid se pretende, paseniñamente, dar marcha atrás a este proxecto dunha Galicia maior de idade, competente no seu e atenta ao porvir das súas xentes. Xunto con outros compañeiros da túa xeración, fuches para todos nós ese símbolo útil ao que mirar nos instantes en que é preciso levantar a cabeza sen medo para defender o que é noso, por historia e por dereito, por amor á nosa terra e por obriga ao noso pobo e ás xeracións futuras. E non che foi sinxelo noutros tempos, naqueles en que o anano alugapatrias campaba o seu desexo até os recunchos máis íntimos. Pero sempre estabas aí, en pé, con ese paso curto de longa travesía, sorteando con habilidade aos corsarios benmantidos e de sospeitosas voces. Home de empresa ?pero endexamais de presa? é curioso que nos últimos anos tiveses tamén que sortear a quen non comprendía os teus anhelos. Mais se venceron na primera batalla, non convenceron máis que a si mesmos; e novamente saíches victorioso e reforzado cos apoios de todos aqueles e aquelas que, á fin, falabamos esa mesma linguaxe na que o compromiso coa cultura desta terra ía por diante de calquera outro proxecto de carácter esencialmente económico. E aí están tamén os traballadores que che fixeron compaña ao longo de tantas décadas para falar de ti, nos seus xustos termos. Aí están tantos e tantas escritores e investigadores que saben do que digo. Aí tes hoxe tamén, atentos ao teu recordo, ás ducias de artistas galegos que te tiveron preto cando fuches preciso para eles. Aí están os teus nomeamentos e recoñecementos públicos ao longo de tantos e tantos anos, as rúas que por Galicia adiante levan o teu nome, sen que ninguén ouse a cuestionar que o teu recordo quede impreso nelas para o futuro. Poucas persoas son tan dignas coma ti para acompañarnos nesas ducias de espacios de tránsito compartido. Recórdaste? Ante calquera homenaxe sempre te amosabas sorprendido, con esa actitude de falsa modestia que a todos nos era familiar, e que agardabamos sorrintes, como sorrinte e fachendoso estabas ti, sempre agradecido. Benquerido Isaac, desde este Ferrol dos Traballadores, patria primeira do teu pai e lugar ao que sempre fuches benvido, quero hoxe, unha vez máis, enviarche una forte aperta (tensa aperta, como ti dicías). Onde estés, agárdanos, e entrementres non chegamos vai poñéndote á fronte dun recuncho dese espacio e organiza para nós unha patria libre, coas coordenadas de Galicia. Boa viaxe, Grande Mestre da Arte, Cabaleiro de Galicia e Señor de Sargadelos.

Rosa Méndez é Directiva da A.C. Fuco Buxán


O mesmo artigo no Diario de Ferrol
Artigo publicado en Fuco Buxán
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 22-01-2012 13:43
# Ligazón permanente a este artigo
A ISAAC, por Rosa Méndez Fonte
Difundimos este poema adicado a Isaac Díaz Pardo que lle escribiu, hai tempo, a ferrolá Rosa Méndez Fonte e que se publicou no blogue Coamarea cuio enlace reseñamos ao pé.
A ilustración corresponde á portada do libro Díaz Pardo. Homenaxe galega. Está editado pola Asociación Cultural Fuco Buxán e trátase dunha compilación de Rosa Méndez Fonte.


A ombros de Camilo xa tentabas navegar;
Galicia na cuberta, nidio Norte a proa.
Sorteaches nas rompentes ó anano alquilapatrias
e ós corsarios ben mantidos de sospeitosas voces.
Mariñeiro de luz, no pulso a escota,
trazaches rumbos que nos levan ós inicios.
E aínda hoxe,
ós nosos ombros, vas rachando tempestades
namentres recitamos ladaíñas insomnes:
Isaac, home de empresa ?endexamais de présa-
de circulares formas combativas.
Isaac, universo de ollos grandes,
impulso da memoria rescatada.
Isaac, compoñedor de soños,
bruxo no lenzo, nos trazos e nas ciencias.
Isaac, océano de cores
e roda que capea marexadas.
Isaac, de paso e nome curto,
de longas singraduras.
Isaac, dos catro ventos forza,
e da tenrura labarada.
Isaac, nas mareas lenes e nas cubertadas,
fiando na heterodoxia libre de puntas.
Isaac, no rumbo Estrela Polar,
es baliza de mareantes parvos.
Esquerda a sotavento,
sextante de axustada verba;
Isaac, dende o Ferrol dos Traballadores
te percibo:
Grande Mestre da Arte,
Cabaleiro de Galicia
e Señor de Sargadelos.


Rosa Méndez Fonte
Ver artigo e poema no blogue Coamarea
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 21-01-2012 21:29
# Ligazón permanente a este artigo
ISAAC DIAZ PARDO, homenaxe en Sada

Onte, venres día 20 de xaneiro o Concello de Sada rendiu homenaxe póstumo ao seu Fillo Adoptivo Isaac Díaz Pardo na Casa da Cultura "Pintor Lloréns" ateigada de público e coa participación de distintas asociacións, artistas e na que tamén tomaron parte escolares de distintos centros educativos sadenses. Aparte de datos biográficos se proxectaron uns minutos do documental sobre Isaac -que promoveu no seu día a A.C. Fuco Buxán- e que, cunha duración duns 55 minutos conta o pensamento e sentimentos de Isaac Díaz Pardo. Realizou dito documental Xosé Abad (EAF Producciones) coa colaboración da xunta de Galicia e RTVG, dito realizador, que estivo presente na citada homenaxe,explicou o sentido da breve proxección.

No acto, asumiu a representación da familia de Isaac o seu fillo Camilo.

Dende esta Asociación felicitamos a tódolos participantes na homenaxe así como ao Concello pola organización da mesma.

Para unha maís detallada información consultar a web do Concello de Sada.
Ler reseña da homenaxe en La Opinión
Ler reseña da homenaxe no Ideal Gallego
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 21-01-2012 01:22
# Ligazón permanente a este artigo
ISAAC DÍAZ PARDO, por Alfonso Blanco Torrado

Reproducimos este artigo sobre Isaac Díaz Pardo que publica a Asociación Cultural Xermolos http://www.xermolos.org que firma Alfonso Blanco Torrado /

ISAAC DIAZ PARDO

Fai anos, moi de vagar, disfrutando do Campo de Santa Sabela, enchoupados polo limo, o humus do Miño, o que nos fai a todos humanos, Xermolos compartiu con Manuel María o soño de integrar dun xeito significativo no universo da Chaira, a mulleres e homes doutras rexións de Galicia, que nos forneceron con vencellos, recoñecendoos ?Chairegos de honra?. E concordamos que o primeiro tiña que ser Fiz Vergara. No solpor, o lombo ateigado de estrelas do Pai dos ríos, medrou con aquela intuición e con él toda a Terra Chá, Axustamos a data do nomeamento no Belén de Begonte, no Nadal. E dende aquela o horizonte deste ?mar en calma?, non fai máis ca agrandarse. Xa forman unha estela.

E arestora cando se cumpren os 20 anos, desta primeira investidura, deixanos, Isaac Díaz Pardo, que entre tantas distincións, lucía coma un facho aceso, a nosa luciña, acaialle ben no seu porte sinxelo. Acendíuse no San Alberte de Parga, unha paisaxe que o emocionara noutros encontros nos que participara. Cando Isaac nace para sempre á historia do pobo, lembro o comentario ós murais, feitos polo seu pai Camilo, que alumean o Nacemento na igrexa de Ortigueira, berce do avó paterno, falandome da atrocidade da guerra do 36, e da nobreza do seu pai, un home cheo de paz como se respira neste Belén.

Pero o Neno pequeno e tenro tamén tivo o mesmo destino cruel, acreditamos? Varios anos participamos xuntos no cabodano do seu pai, o 14 de agosto, na cuneta onde foi asasinado, preto de Palas.

Díaz Pardo foi o mestre que me ensinou a ler, con aqueles ollos infindos, na memoria secuestrada tantos anos, a das vítimas do terror. Este creador humanista é a encarnación da ética que tod@s debecemos, a persoa insobornable.

Cando Xermolos organizou a primeira actividade. no 77, despois dun longo debate, escollimos un debuxo seu, as mans xunguidas, que ilustran a 1ª edición das Memorias dun neno labrego, para anunciar a conferencia de Fernández Oca sobre o agro. Isaac xa era para a asociación un alento que a axudaba a abrollar, e foino sentindo, como o caudal do Miño, que silencioso é sempre fecundador, enfortecendo as comarcas do país, vertebrandoas nun mesmo destino dende Irimia á Garda mareira. Isaac é o espiñazo de Galicia, a referencia necesaria para facer pobo dende a dignidade dos bos e xenerosos.

Alfonso Blanco Torrado.
Diaz Pardo chairego de honra
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 20-01-2012 00:26
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3] [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0