A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Lembrando a Isaac
Cúmplense xa tres anos do pasamento de Isaac Díaz Pardo.
Dende a A.C. Irmáns Suárez Picallo, esta sinxela pero agarimosa lembranza.
Está a rematar e exposición (último día, o sábado 10 de xaneiro )no Centro Sociocultural Afundación de A Coruña «A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo». Horario de visitas de luns a vernes de 17.00 a 21.00h. e sábados de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00h.
E o domingo día 11, no cemiterio de Boisaca en Santiago, unha nova xuntanza no seu recordo.
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 05-01-2015 22:20
# Ligazón permanente a este artigo
A CERÁMICA DE ISAAC DÍAZ PARDO

Afundación acolle unha mostra sobre a cerámica de Díaz Pardo.

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación) expón desde este xoves, na sua sede de A Coruña, unha mostra sobre a cerámica de Isaac Díaz Pardo, baixo o título 'A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo', que estará exposta ata o 10 de xanerio.
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 23-10-2014 08:50
# Ligazón permanente a este artigo
A EXPOSICIÓN SOBRE A OBRA CERÁMICA DE DÍAZ PARDO, EN SANTIAGO
O Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela) acolle a exposición "A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo" ata finais de agosto, unha oportunidade única para quen non tivese ocasión de visitala en Lugo.

Máis información picando aquí.
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 24-05-2014 15:19
# Ligazón permanente a este artigo
O TESTAMENTO DE ISAAC DÍAZ PARDO
Felipe Senén, museólogo e Técnico De Xestión Cultural publica na sua sección O labirinto do alquimista do diario La Opinión este artigo no que cuestiona e se pregunta sobre o inxente legado de Isaac...


A historia de Sargadelos segue a ser noticia dende ben andado o século XVIII, cando o ilustrado Raimundo Ibañez se lanzaba dende Galiza ó reto de competir co mundo e buscaba saídas na industria do ferro e da porcelana. - sempre no camiño a tropezar cos pecados capitais. Á ilusión seguiulle a destrución e novas esperanzas no século XX. - volta á condena de ter que repetir unha historia por non tela aprendida. Sargadelos foi noticia agora polo desterro e morte do seu máis representante creador, seguida da desfeita, a cadea de ERE, concurso de acredores e todas as pragas da crise a cubrir unha empresa nacida para resistir embates de peores crises. Iso si entre o labiríntico "aparato cultural" entre o que nos movemos, de mesas, despachos e burocracias, ministerios, consellarías, concellerías, consellos, academias, museos e outras confrarías, cos seus directores e subdirectores, secretarios xerais e asesores que haber hainos para "facer cultura" de "actos" e "exposicións" que a iso queren reducila. Para entender a "cultura" como algo práctico compre volver ós panfletos, ós escritos, mesmo ós debuxos e pinturas de Isaac, cos ollos, ás orellas, ás engurras da faciana tensionadas, a enxergar o acontecer, atentos ás encrucilladas da vida, entre as que se circunscribe o imprevisible ser humano.

A arte nunca morre, morren os artistas e a súa ética e estética pervive, retómase e recréase, namentres os historiadores dedícanse a contar pasados que deberan servir para iluminar presentes e futuros. Así as ideas de Risco, Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas? da sementeira do Seminario de Estudos Galegos, dos tempos do Nós, as que prenderon en rapaces agudos e en mozos, como Seoane e Díaz Pardo, coa ansia de dignificar entre tanto esperpento canto significaba Galiza e a desenvolver una teoría e sobre todo unha praxe de rexeneración sobre o terreo. Eran tempos máis difíciles, os da ditadura, de exilio, de censuras e medos, de nacentes industrias contaminantes, de deshumanización e emigración, pero con sólidos redutos de resistencia creadora. Así é que o que ten razón de ser, resucita alí onde hai primaveras. Coa morte de Castelao, Maside, Seoane ou Isaac Díaz Pardo non morreron as súas ideas de humanismo e rexeneración, volverán se poñemos a mirada atrás, nas causas e efectos, nas pedras do camiño, nos tropezos dos que aprender e corrixir? Cousas así estaban na teimosía pedagóxica de Isaac, en toda a documentación publicada, nos seus carteis de cego, nos seminarios, mesmo en panfletos, nos escritos de puño e letra con xis sobre os taboleiros espallados por aquelas "industrias da memoria". Algún día a alguén ocorreráselle montar una exposición práctica sobre este testamento "político cultural", como el mesmo dicía. Novamente a remoer nos seus derradeiros escritos, lonxe daquelas liturxias de botafumeiro que abafaban as ideas, estampándolle premios e medallas, que sempre refugou e ás que arrastraron ó máis que derradeiro bo e xeneroso, namentres se desbarataba unha obra necesaria e de varias xeracións sensibles. Isaac deuno todo, a súa é una vide de teoría e praxe ao servizo da dignidade do ser humano, sen vacacións, máis que de traballo, cos sentidos aberto a todo, confiado. Cría saber onde e con quen se metía e non faltou quen se atreveu a advertilo, como Seoane até o seu derradeiro e fatal intre e a súa mesma familia e amigos? pero a teimosía e a esperanza persistiu ate o final, pese ao que acontece e conta: "A primeira foi a de interromper as Edicións do Castro, que non lograron porque a maioría tena Moret? Segueron a destruír o que representa o Laboratorio de Formas de Galicia, como recuperador da memoria histórica e a desprazar a imaxe cara á gastronomía e o folclorismo. Atacan o problema polo Instituto Galego da Información (IGI) onde se artellan as publicación, se montan as exposicións da Galerías das tendas de Sargadelos con temas reivindicativos, relativos a tantas cousas perdidas, fusilados, exiliados, o paso de Atila por Galiza. Privando ao grupo do aporte cultural, desiñístico? e gastando máis dun millón de euros no desmantelamento e outro tanto en salarios? cerrando galerías e eliminando o compromiso cultural". A orixe, a orixinalidade, o espírito que diferenciaba ás producións do Castro e de Sargadelos, o que atraía fronte á despersonalización das baratixas. A proba e que todos regalamos, recibimos Galiza e temos en lugar preferente para ese anaquiño de caolín traballado, policromado con saberes de Terra, memoria, tradición e creación, e debémolo seguir a facer, pese ó actual e persistente "esquecemento da inxuria o rudo encono. "Hai un intento de destruír estes compromisos, a min e aos meus fillos, para que que non quede semente e privarme da máis mínima retribución , a min e á miña muller (que creou a sección de xoiería). - dicir establecer un verdadeiro couto para nos render, a min representante da ideoloxía da recuperación da memoria histórica?".

Isaac pregúntase que ideas poden mover a estas manobras. "Como a perda de control, cando entraron na editorial ao saber que se estaba imprentado un facsimilar sobre Ruedo Ibérico, feito hai case 50 anos polos galegos antifranquistas exiliados? fíxose un asalto a algo que non é deles, meteron os libros en caixas, precintáronos e prohibiron a súa distribución?". Segue a preguntarse como non actuou a autoridade de oficio a quen fixo isto en plena democracia, e teme que calquera día entran no Museo Carlos Maside e leven algunha obra "alegando ámbito mercantil".

"Logo de trinta e moitos anos de democracia fican aínda nostálxicos do franquismo, uns a cara descuberta, outros disfrazados. Nestes anos ningún goberno galego conseguiu recuperar o Seminario de Estudos Galegos, a pesares do exemplo que nos daba Cataluña co seu Institut d ´Estudis Cataláns? O Laboratorio de Formas de Galicia foi o único que creou un novo Seminario, axudado polos sobrevivintes que preferiron sacrificar as súas vidas antes que vivir baixo o franquismo e por máis novos investigadores".

"Non ben se fixeron coas administración das fábricas por medios dolosos polo que están querelados, non perderon tempo en atacar ao Seminario de Sargadelos, ao IGI, ás Edicións, a todo canto significaba compromiso? até o tema das imaxes foron substituídas por cousas intranscendentes do peor cosmopolitismo". - con ese humor retranqueiro e duro sobre o acontecer, segue a dicir sobre a nova orientación, "máis asequible a calquera ganancia facilitada por xentes que os axudan dende a sombra? e cando os fan dar a cara e mandan a Cuba a vender caixas de porcelana para puros habanos, con semellante disparate, non os mandan a apoiar a revolución cubana, nin a interesarse polo que fixeron os galegos dende aquel país na reivindicación dos dereitos históricos da nosa Terra. Non, mándanos a despistar e para quen non se note a destrución que ían facer acabando co que fixo o Laboratorio de Formas durante máis de trinta anos. Obra destrutora con antecedentes deses nostálxicos do franquismo, e non digo nin culpo aos conservadores que colaboraron de boa fe coa democracia, cos que nalgún punto eu podo identificarme?" e unha posdata "amáis van facer negocio vendendo o que queda". Velaí a derradeira lección do mestre, dun mago que morre no día de magos do 2012, a pesares de todo coa confianza no ser humano, que fai e desfai xustiza, crea e tamén espolia. Testamento, testemuño, testemuña de ética e estética ó servizo da dignidade de Galiza, enredado nun affaire económico e con transcendencia cultural e por riba de todo política.
ler o artigo no xornal La Opinión
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 17-03-2014 01:23
# Ligazón permanente a este artigo
SEGUNDO CABODANO DE ISAAC DÍAZ PARDO

A Academia Real Isaac Díaz Pardo renderá unha homenaxe ao fundador de Sargadelos este domingo, día 5, no Cemiterio de Boisaca, en Santiago de Compostela.
O acto coincide co segundo aniversario do falecemento do intelectual galeguista, con importantes vínculos coa Mariña, e unha das figuras craves na divulgación da identidade galega da man da cultura e da empresa.
A homenaxe dará comezo ás 12.30 horas e no programa de actos, non faltará a poesía nin a música. Arrincará cunha procesión cívica ata a tumba do artista e fillo adoptivo do Concello de Cervo coa intervención do Cuarteto de Gaitas de Beade (Vigo). Esperanza Mariño Davila e alumnos do IES de Cacheiras,Luisa Cayetano, Ángeles Ruibal, Laura Pérez Landeira, Xesús Rábade Paredes, Xesús Redondo Abuín, Luis González López, Carmen Blanco Ramos, Victor Freixanes e Xesús Alonso Montero intervirán no acto que pecharán as irmáns Quintillán interpretando os tres himnos de IDP. A homenaxe concluirá cunha ofrenda de flores e mazás e unha solta de pombas diante da sua tumba.
Información do acto no CORREO GALLEGO
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 05-01-2014 00:18
# Ligazón permanente a este artigo
SEGUNDO CABODANO DE ISAAC DÍAZ PARDO
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 29-12-2013 16:24
# Ligazón permanente a este artigo
EXPOSICIÓN EN LUGO SOBRE A OBRA CERÁMICA DE DÍAZ PARDO (II)
LECER E CULTURA

O Museo de Lugo divulga ao Díaz Pardo ceramista
Repasa, a través de 350 pezas cedidas pola familia e por coleccións privadas, sete décadas de creación de formas

SUSO VARELA
Lugo / La Voz de Galicia, 13 de novembro de 2013


O Museo Provincial de Lugo expón desde mañá, e ata o 2 de febreiro, a primeira gran mostra sobre óbraa cerámica do multifacético Isaac Díaz Pardo, falecido en xaneiro do pasado ano. A exposición está formada por máis de 350 pezas que repasan a súa evolución como creador de formas, desde finais dos anos corenta ata os seus últimos deseños, xa no século XXI.

Os visitantes poderán coñecer as diferentes etapas de Díaz Pardo como artista e como impulsor de ideas culturais, ambos os camiños paralelos, aínda que talvez publicamente se coñeza máis a súa faceta de intelectual e de empresario. Grazas á exposición de Lugo intentar divulgar o seu traballo como ceramista, unha vez que varias institucións e administracións galegas expuxeron en múltiples ocasións a súa parte pictórica.

A mostra lucense divídese en cinco etapas. A primeira repasa a súa época máis clásica e influenciada pola pintura, entre os anos 1947 e 1955. Talvez a menos coñecida como ceramista. A continuación viría a súa etapa en Cerámicas O Castro, logo os seus deseños industriais para Magdalena e, finalmente, os seus dúas últimas fases, a constitución do Laboratorio de Formas e a recuperación de Sargadelos, ambas moi vinculadas ao encontro coas raíces da pintura galega.

A exposición do Museo Provincial conta coas obras orixinais dos seus comezos na cerámica, así como os últimos prototipos deseñados polo e polos seus colaboradores, entre os que destacan Luís Seoane, co que fundou o citado Laboratorio de Formas. Ademais, a mostra inclúe debuxos e bosquejos inéditos de Isaac Díaz Pardo sobre pezas emblemáticas que realizou nas diferentes fábricas e fotografías e documentos sobre a súa vida artística.


Pezas inéditas
Na exposición preparada polo Museo Provincial de Lugo pódense descubrir varias obras inéditas. Os comisarios e a coordinadora da mostra (Fernando Arribas, Teresa Pena Moreda e Encarna Lago) conseguiron préstamos de coleccións privadas, dos fondos do Castro e de Sargadelos e da propia familia de Díaz Castro, especialmente da súa muller, Mimina Arias, «que puxo todo da súa parte para esta exposición e temos que lamentar o seu falecemento hai algo máis dunha semana», explicou Arribas.

A compilación das pezas e do seu estudo non foi moi complexa, explica Arribas, grazas á colaboración desinteresada de todas as persoas que cederon o material e ao traballo realizado desde o propio museo. «Conseguimos unha montaxe óptima con recursos limitados, e os resultados poderanse ver na inauguración», explicou Encarna Lago. A mostra, que leva por título A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo, inaugúrase mañá ás oito da tarde.
Folleto da exposición
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 14-11-2013 10:23
# Ligazón permanente a este artigo
EXPOSICIÓN EN LUGO SOBRE A OBRA CERÁMICA DE DÍAZ PARDO

Comentarios (1) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 13-11-2013 09:20
# Ligazón permanente a este artigo
Documental sobre Isaac Díaz Pardo de Xosé Abad
Deixamos a ligazón a unha versión reducida do documental de Xosé Abad


Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 14-12-2012 10:00
# Ligazón permanente a este artigo
Novacaixagalicia publica nun libro os fondos pictóricos de Díaz Pardo

Recollemos o publicado no Ideal Gallego do 28 de marzo de 2012 sobre a edición por Novacaixagalicia dun libro sobre os fondos pictóricos de Isaac Díaz Pardo...

Co gallo da celebración na Fundación Novacaixagalicia da mostra centrada na obra pictórica de Isaac Díaz Pardo, a entidade vén de publicar un completo catálogo sobre o perfil de debuxante e pintor do intelectual galego finado en xaneiro deste ano. O volume ?Isaac Díaz Pardo. Fondos Novagalicia Banco e Novacaixagalicia? está composto polas imaxes dos bosquexos, moi importantes para entender o proceso creativo de quen primeiro levaba a súa impronta ao papel para logo perfeccionala coa pluma e finalmente materializar a idea nunha pequena pintura antes da definitiva.

Nos fondos que ten a fundación hai varios casos que confirman esta forma de facer, a mesma que hoxe se leva ás follas da publicación e que se completa cos debuxos e cadros que articulan a mostra, ademais de por diversos textos que afondan na súa traxectoria artística. Entre estes escritos, cómpre destacar o asinado polo seu fillo Xosé Díaz, quen tamén deseñou o catálogo e comisionou a exposición.
O experto achega unha visión máis persoal dun dos persoeiros galegos imprescindibles para comprender a evolución cultural de Galicia no século XX. O libro conta tamén cunha recensión que o propio Díaz Pardo realizou sobre a súa etapa como pintor na que dá o seu punto de vista sobre a situación da arte e a súa experiencia profesional nesa época e acerca de como deixou o pincel para mirar de fronte a Galicia.

Cada unha das pezas vai acompañada dunha ficha técnica, que contribúe a situala no seu contexto histórico e encadrala nas diferentes etapas artísticas en que se pode dividir a produción de Díaz Pardo. De cando o xenio foi fiel ao aprendido na escola de Belas Artes á súa última época na que deixou os canons académicos a un lado para expresar abertamente as condicións sociais dun país adormecido. Entón ocorreu que comezou a pintar persoas de ollos ben grandes. Que rezuman vida.

Con esta obra, Novacaixagalicia quere reivindicar a actividade de Díaz Pardo como pintor, á que el mesmo se refería sempre con modestia e que abrangue a década dos anos corenta e os comezos dos cincuenta. Contaba o seu fillo que a maioría das pezas pertencen aos anos 40 aínda que tamén hai posteriores cando se estableceu no Castro de Samoedo e realizou cadros de grandes dimensións cargados de aspectos sociais xunto aos que pariu na Magdalena, en Arxentina. O catálogo, que está dispoñible en todas as librerías de Galicia e nos puntos de venda habituais de Novacaixagalicia, analiza a produción pictórica de Díaz Pardo combinando textos e imaxes e superando o aspecto caduco das exposicións.

No caso da que se pode ver na Fundación, os coruñeses teñen ata o 1 de maio para achegarse a vela, nun horario de 16.00 a 21.00 todos os días laborais, e de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 os sábados e festivos. Ademais, hai a posibilidade de facelo atendendo ás explicacións dun guía experto. As visitas comentadas teñen lugar todos os mércores e venres, ás 18.30.
Comentarios (0) - Categoría: ISAAC DÍAZ PARDO - Publicado o 30-03-2012 00:41
# Ligazón permanente a este artigo
1 [2] [3] [4]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0