A. C. Irmáns Suárez Picallo - Sada


Este blogue nace co obxecto de difundir a actividade da A. C. Irmáns Suárez Picallo, así como de recuperar e por a disposición do público diversos materiais de interese sobre o noso pasado,ao tempo que damos a coñecer os artigos escritos por Ramón Suárez Picallo e outros autores sadenses.
Estruturamos o blogue en varias seccións, nas que terán cabida noticias de actualidade sobre as nosas actuacións, artigos, textos históricos, fotografías...


Visitas (desde o 05/08/2010)





Únete a nós!
comisionsuarezpicallo@gmail.com
 CATEGORÍAS
 GALERÍAS FOTOGRÁFICAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGUES GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

QUE A NOSA TERRA SEXA NOSA. Ricardo Flores
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 23-05-2012 11:06
# Ligazón permanente a este artigo
INFRUENZA DA LINGUA. Ricardo Flores

Publicado en A Fouce, Buenos Aires, 15/12/1932.
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 21-05-2012 08:33
# Ligazón permanente a este artigo
ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE RICARDO FLORES

Arriba: Ricardo Flores (esquerda) e Ramón Suárez Picallo (dereita) nunha reunión da directiva do Centro Coruñés de Bos Aires.


Tal día como hoxe, 1º de maio, día do traballador, nacía no ano 1903 Ricardo Flores. Con motivo desta data, publicamos o seguinte artigo biográfico de Luis Pérez Rodríguez, que viu luz na revista Areal o pasado 14 de outubro de 2010.
O próximo 24 de xullo cumpriranse 10 anos do falecemento do autor sadense. A A. C. Irmáns Suárez Picallo está a organizar un ciclo de actos que terán lugar en torno a esa data.



RICARDO FLORES, PATRIOTA GALEGO

Luis Pérez Rodríguez



Ricardo Flores Pérez nace en Sada, no lugar de Sada de Arriba, o 1 de Maio de 1903. Do fondal das súas primeiras experiencias vitais de neno labrego e mariñeiro aboia o recordo do tío Meilán(1), quen o iniciaría no galeguismo coa lectura de A Virxe do Cristal de Curros Enríquez.

A súa afección ó teatro vén de moi novo. Na súa mocidade, dirixiu en Sada, con outros amigos, un Grupo teatral. Levaron á escena Un fillo de bendición -de tema mariñeiro e escenificada no Pavillón Moragra de Sada-, Consellos do Tío Xan(2)- sobre o tema da emigra¬ción, representada no mesmo pavillón- e Querer de comenencia -posta en escena no Salón Suízo da mesma vila. As peciñas tiveron unha grande acollida do público de Sada e animarían a Ricardo Flores a proseguir o camiño do teatro na emigración(3).

O 31 de Agosto de 1929 emigra a Buenos Aires, onde axiña se incorpora aos proxectos culturais da colectividade. Así, iría ocupando cargos de relevancia na Sociedade Nazonalista Pondal, no Centro Provincial Coruñés, na Intersocietaria Galega, no Consello de Galiza, na Irmandade Galega, etc.

Exerce o xornalismo en distintas revistas e periódicos, en especial en A Fouce, voceiro da Sociedade Nazonalista Pondal, onde publica títulos tan elocuentes como «A Patria dos galegos» -25 de Xullo, 1933, nº 62-, «Contra os traidores hai que reuxir con braveza» -15 de Novembro, 1933, nº 65-, «Os símbolos patriáis, perseguidos d'alteraçóns» - Novembro, 1945, nº 84, etc.

Destacamos a súa actuación en dous campos que foron os que máis contribuíron a crear unha conciencia galeguista: os Coros e o Teatro galego.

Lembranzas de Ultreya, Lembranzas da Terra, Saudades, Os Rumorosos... foron outros tantos Coros que, amais da súa actividade musical, mantiñan conxuntos escénicos propios e acudían aos festivais artístico-danzantes que as numerosas entidades organizaban. Ricardo Flores presidiría a Sociedade Coral Os Rumorosos, engadindo á súa función específica de cultivo e espallamento do canto polifónico, unha actividade artístico-cultural que mereceu os eloxios dos seus compatriotas. El mesmo forma parte do seu prestixioso Coro, baixo a batuta do extraordinario mestre e director M. Prieto Marcos.

Relacionada coa súa actividade coral, publica Escolma de Cantigas Galegas -Edición da Caixa de Aforros de Ourense, Buenos Aires, 1984-. O libro conten A-la-lás, Cancións de berce, Foliadas, Pandeiradas e Ruadas. Algunhas das pezas son rescatadas da súa memoria dos tempos de neno. Outras son inéditas e naceron nos lameiros da saudade dos emigrantes. A veces, poetas coñecidos -M. Prieto Marcos, X. Mª Monterroso Devesa, etc- esconden os seus versos orixinais baixo o anonimato. Ricardo somete a lingua a un proceso de decantación, na procura da orixinaria enxebreza. El mesmo é autor de foliadas, cantigas e a-la-lás, que tamén música.

Ricardo Flores é un representante xenuíno do teatro galego da emigración. Seguindo a liña das Irmandades da Fala, namais chegar á Arxentina, entende que o teatro é un factor de capital influencia para o noso renacemento nacional e para a educación cultural do pobo. R. Flores entrégase a esta tarefa coma autor e director.

Pero o seu teatro reflexa á Galicia da súa infancia e mocidade. Máis en concreto, o cotián vivir das xentes da beira de Sada e das Mariñas de Betanzos. Os personaxes son un producto deste ambiente e a súa sicoloxía está presente na acción e nos diálogos. A linguaxe, viva e popular, serve de canle a esta realidade campesiña e mariñeira, que se resolve en situacións graciosas de humor popular. Estas pezas realistas están enlevedadas pola ética e escritas desde a autenticidade.

É consciente de seguir a tradición que vén desde os autores das Irmandades da Fala: Lugrís, L. Carré, A. Vilar Ponte, A. Cotarelo, X. Prado ?Lameiro?...: era preciso eliminar do emigrante o seu complexo lingüístico-cultural, que mantiña na inacción o seu sentir patriótico.

O teatro de R. Flores sería moi solicitado polas Entidades galegas da emigración, pois as súas obras transportaban os emigrantes os eidos natais. De aí as súas moitas representacións.

Ademais das tres peciñas xa sinaladas anteriormente -Un fillo de bendición, Consellos do Tío Xan e Querer de comenencia- as obras de R. Flores son as seguintes:

-Mai e Filha(4): peza en dous actos e estreada nun festival do Centro Cultural de Betanzos, no ano 1932.

-Un Ovo de dúas xemas: Edicións do Rueiro, Buenos Aires, 1956. Peciña en dous actos. Foi estreada na noite do nove de Xullo de 1938 polo Conxunto da Sociedade Coral Os Rumorosos(5).

-Enguedello: tamén publicada e estreada a noite do 11 de Outubro de 1939. Este paso de comedia anecdótica foi representada polo mesmo Conxunto escénico anterior(5).

-Para isso som teu amigo: comedia en tres actos, escenificada polo Conxunto Lugrís Freire do Centro Provincial Coruñés, que el mesmo dirixía, o 25 de Abril de 1952.

-Ugío: coa Cidade Vella de A Coruña como telón de fondo, representada tamén polo anterior conxunto teatral o 12 de Xuño de 1953.

-Catro Estampas de Beiramar (O amor da costureira, Un home de mala sorte, Agora xa é tarde e No Areal): Edicións do Rueiro, Buenos Aires, 1961.

-O Afiador: estampa teatral nun acto; Un remedio malfadado: estampa da emigración nun acto, acontece no verán de 1965 nas Mariñas de Betanzos; e A nossa Terra é nossa!: igualmente sobre a emigración e nun acto. Todas elas do 1988 e publicadas en Cadernos da Escola Dramática Galega, nº 96, A Coruña, 1992.

O noso autor foi obxecto dunha homenaxe na Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva de Sada, a súa vila natal, no Outono de 1990. Pronunciou, nesta ocasión, unha conferencia sobre A Lírica Popular Galega na Arxentina. Días antes, na Agrupación Cultural O Facho da Coruña, deu outra sobre O Teatro Galego como medio de afirmación proselitista.

Ricardo Flores falecería en Buenos Aires o 24 de xullo do 2002, cando contaba 99 anos de idade.


_____________________________________________


1. Este vello, amigo dos seus país e dos rapaces do rueiro, íalle pondo nas súas mans libros de Literatura galega, que o foron orientando definitivamente cara ó galeguismo. Cfr. Luis Pérez. Entrevista con Ricardo Flores, na Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires, no Outono de 1988. Arquivo persoal.

2. Xoguete cómico contra do indiano que fai ostentación fachendosa da súa riqueza.

3. Estas peciñas curtas emigraron con R. Flores a Buenos Aires e, segundo a súa propia confesión, queimaríaas. O teatro da emigración requiría outras preocupacións e actitudes.

4. Esta peza, coma tódalas que o noso autor ten escritas e non publicadas, teñen a grafía do galego reintegrado, postura que mantén afervoadamente xa desde os comezos da súa andaina de escritor e que hoxe comparte cun grupo de galegos de Buenos Aires.

5. Estas pezas teñen unha segunda versión inédita, feita polo propio autor, en galego reintegrado. Respetamos a grafía, como é natural. O título das que foron publicadas vai coa grafía da súa correspondente edición.
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 01-05-2012 10:35
# Ligazón permanente a este artigo
UN ARTIGO DE R. FLORES SOBRE A LINGUA
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 15-06-2011 09:10
# Ligazón permanente a este artigo
OS TRES BENADANTES, por Ricardo Flores

Publicamos hoxe outra breve narración do escritor sadense Ricardo Flores, que desenvolveu a maior parte da súa traxectoria na emigración, en Buenos Aires. O presente texto, como moitos outros, está ambientado no rueiro de Sada de Arriba, onde nacera o autor.
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 09-06-2011 09:54
# Ligazón permanente a este artigo
COUSAS DE CALQUER RUEIRO, por Ricardo Flores

A DERRADEIRA NOITE DE MAIO


Por Ricardo Flores

É pola hora do lusco-fusco no derradeiro dia do mes de Maio, o mes máis frorido de todos. Ao rueiro vén chegando xente, como non soía ver-se tanta a miúdo no mesmo lugar; xente de distintas edades: mocedade, rapazada, e algunhas mulleres algo entradas en anos de madureza.
Na casa dunha viciña, seguindo unha cousa xa tradicional, arranxara-se un altar para o celebramento do mes das frores que, baixo a advocación de María, a santa, patrona da parroquia, facia-se todos os anos, xuntando-se alí todas as noites os viciños devotos, rezando o rosario e entoando cantigas relixiosas axeitadas á circunstancia, e na derradeira noite, como é esta, aumentar o programa con pre-garias recitadas por meniñas.
Chegaba-se a hora de comezar a cerimonia e a xente vai entrando. O lugar non é de espazo abondoso para que poida caber con folgura toda a xente que hai; mais, puxa daquí a aperta dacolá, nengunha das mulleres queda sen entrar, non asin os mozos, que xa non tentan furar para dentro, deixando-se estar fora en agarda da hora da foliada, que sería despois do acto das frores. Os rapaces tampouco queren ocupar nengún sitio dos primeiros, adiante do altar, ao rivés dos outros días, preferindo quedaren-se atrás de todo. A xente está de pé e acha-se tan apiñoada que, nen siquer, poden erguer a man para se persinaren, tendo que facê-lo abaixando a testa.
Cando findáron os rezos e comezáron as cantigas, un par de rapaces, acochados polos demais compañeiros, poñen-se á tarefa de coser as mozas polas saias, unha coa outra. traguendo xa de antemán as agullas enfiadas, e sen que ninguén das outras mulleres se decatara da falcatruada.
Ao se arrematar todo e a xente trata de sair, aquilo converte-se nun algueireio de moitos diaños; fai-se tal enguedello de mozas, que algunha ten que bater cô corpo no chan, quedando-lle álgo ao recacho, que daría non se sabe o quê, porque non lle quedara.
O asunto, felismente, non acadou nengunha desgostosa consecuencia, senon que foi pillado con moi bon xorne; tanto a moza caida como as outras cosidas, xunto coa demais xente, festexaron a ocorrencia con longas gargalladas, as que duraron o tempo que tardou en se escoitaren os primeiros sons do acordeon dando comenzo á foliada.
O home que toca a acordeon fa-no moi ben, dá xenio verlle rebulir os dedos por acima das trécolas e escoitar os arpexos que tira delas; mais, con acompañamento dunha pandeireta faria mellor compaso para axudar a bailar, e daquela, pensou-se na "Tôca", indo á presa unha moza a buscá-la, filla dela; mentres se agarda pola sua chegada, os ollos de todos vên surprendidos o xesto slmpático e xeneroso da taberneira, quen vén moi risoña agasallando á concorrencia cunha prêsa de galletiñas redondas da grandura de botons de chaqueta. A taberneira sabia ben o que facia: trataba de levar sede ás bôcas, a fin de que despois lles dese gana de matá-la con boliches ou outra cousa de bedida, o que logo sucedeu, saíndo-lle o choio como ela o hosmara, xustamente a pedir de bôca.
A "Tôca" chama-se asín sen que sexa tôca. Ocorre que ésta muller ten unha man que a dobra moito para baixo, e cando era pequena gostaba de facer probas con ela, algu-nhas veces amostraba-a dun xeito, que semellaba unha verdadeira tôca; e daí, nasceu-lle o alcume de "Tôca", quedando-lle para sempre; e toca a pendeireta, como non hai ninguén que a toque á par dela, en toda a volta.
Xa vén, pois, a "Tôca", e a sua presenza coa pandeireta, ateou a foliada. Quê ben que a toca!
A noite semella máis ben unha noite de vran que de primaveira. Como é lua cheia, o rueiro está alumiado cunha luz pouco menos do que a luz do solpôr.
Os galos anuncian o cor da noite cos seus cocorocós. Son, pois, as vintecatro horas e a foliada segue cô carís do apoxeu: o mesmo fato de xente coas meixelas cor da cereixa, resoantes cantigas populares e abalos danzantes ben acompasados.
Ao sinalaren as agullas do reloxio a unha do dia seguinte, tal como estaba convido, xurden os sons dunha muiñeira que é coreada e bailada por todos, uns ben e outros non tan ben, do xeito que cada un sabe, findando con êsta tocata a foliada, e pôndo-lle cuño simbólico un par de rexos aturuxos.
Como todos teñen que se erguer cêdo para cumprir coas obrigas do traballo, uns en parellas de mozo e moza, outros desparellados, todos pillan o camiño dos seus respeitivos fogares, levando cada quén no seu esprito, unha farta de rexouba, e no maxin, a lêda imaxen da noite aquela e do rueiro aquêle, a que, despois do longo treito de algo máis de meio século, queren lembrar estas liñas tracexadas con anôto de saudade.


Galicia, 05-06/1972
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 29-05-2011 09:37
# Ligazón permanente a este artigo
AMOR MARIÑEIRO, POR RICARDO FLORES

Colgamos hoxe este breve texto do sadense Ricardo Flores, publicado en Adigal, xullo-setembro de 1997, cando Ricardo contaba 94 anos. Como moitos outros do autor, versa sobre o folcklore musical galego, e neste caso sobreo alalá Amor Mariñeiro, con letra de Ramón Suárez Picallo e música de Paz Hermo, e composto para a obra teatral do primeiro Marola.
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 28-04-2011 09:19
# Ligazón permanente a este artigo
OUTRO VILANCICO DE RICARDO FLORES

RICARDO FLOREZ PÉREZ naceu en Sada de Arriba no 1903 e, emigrando cando novo, morreu en Buenos Aires no 2002, logo dunha vida dedicada de cheo ao desenvolvemento da cultura galega alén mar. Dramaturgo, narrador, xornalista, etc., tamén tivo a súa faceta como recompilador da líria popular e como creador de composicións musicais propias.
Nesta ocasión presentamos un novo vilancico, do que Ricardo Flores é autor da letra e da música (asina co seudónimo de Herre Chiquelo).
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 07-01-2011 09:31
# Ligazón permanente a este artigo
UN VILANCICO DE RICARDO FLORES

RICARDO FLOREZ PÉREZ naceu en Sada de Arriba no 1903 e, emigrando cando novo, morreu en Buenos Aires no 2002, logo dunha vida dedicada de cheo ao desenvolvemento da cultura galega alén mar. Dramaturgo, narrador, xornalista, etc., tamén tivo a súa faceta como recompilador da líria popular e como creador de composicións musicais propias.
Nesta ocasión presentamos o seguinte vilancico, do que Ricardo Flores é autor da letra e da música (asina co seudónimo de Herre Chiquelo).
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 05-01-2011 11:32
# Ligazón permanente a este artigo
COUSAS DE CALQUER RUEIRO. OS TRES AMIGUIÑIOS, por Ricardo Flores
Nun dos seis lugares que compoñen a parroquia hai dous rueiros: o rueiro grande e o rueiro pequeno, tal é como os nomeian os viciños estando fora dêles, por haber máis fogares no primeiro que no segundo; e achando-se dentro do chan de calquera dos dous, referíndo-se ao outro, din-lle, o rueiro dalá.
Nos dous rueiros non escaseaba a xente miuda; coa dun e doutro, xuntaba-se unha boa rolada déla. Entre a do rueiro pequeno había tres nenos, cuios nomes eran: Fiz. Roque e Liño. Os tres concorrían á mesma escola, indo e voltando sempre xuntos, por seren moi amigos e apegados compañeiros en todas as andadas e brinquedos.
?Tres diaños en figura de nenos ?a alguén se lle ouvia dicir con eisaxero, ao vé-los a cotío en arrichante compaña.
Que eran tres anxos, tampouco un podía dici-lo. Pois os nenos, gozando de pleia saude, o común é de que sexan travesos, cousa que ben se pode considerar normal; e éles, ao estaren dentro de tais condicions físicas, eran á par de todos.
Ademáis dos enredos entre os tres ou entreveirados con outros rapaces, cada quen tiña o seu entretenimento particular.
Fiz, adoitaba andar cun cichote, xoguete que soia facer-se de bieiteiro, levando-o na cintura á maneira de quen leva un revólver; e con ele, cando atopaba a xeito a alguén do seu igual, a veces inda que fora de máis tempo, pá!, disparaballe na coliga unha pêlla ou unha bolina feita con papel húmido, apretado côs dedos, non salvando-se sempre dun bon retruque de man ou de pe, por ben lixeiras que tivera as pernas e por moito que erguera os calcañares para correr; tratando-se de rapazas, prefería cichar-lles auga nas orellas, pois adivertia-lle máis, escachando-se de risa, e facia-se tamén de menos coida-do para o seu peléxo.
Roque, non saía da casa sen unha funda pendurada do brazo, ceibando pedriñas a canto paxaro albiscara; e senon, ceibaba-llas a calquer cousa, polo que moita xente tiña probado a sua ponteiria, e sendo poucas as casas do lugar que non lles tivera roto algún vidro das fenestras, o que, nalgúns casos, custaba-lle boas azoutas de sua nai, cando chegaban con queixas a xunto déla e non tiña máis remedio que pagá-lo.
A Liño, tiraba-lle o debuxo, e soia pôr-se a facer figuras no chan, riscando as liñas cun anaco de tella que percuraba levar sempre consigo. Debuxaba casas, navios, animáis, caricaturas de persoas, unha cheia de cousas, que chamaban a atención da xente, gabando a sua abelencia artística, có que ele pillaba fachenda, comezando a por ao pe de cada debuxo as iniciáis do seu nome e apelido: un ele e un pe. Liño Parga.
Un certo día, a iso da caída da tarde, achando-se os tres no seu rueiro, fartos de tanto xogar ao piom e de enredar á saltacabana, sentáron-se arrimados á casa da señora Xila de Couce; Couce era o apelido do seu home, de nome Xoán, máis coñecido polo mal-nome de "Porqueiro", o que lle viña herdado de seu abó, a quen llo habían posto por se adicar á cria de porcos; mais, ai! da persoa que se atrevese a nomeá-lo polo alcume diante do seu naris, que non lle quedaría chisca de gana de volver a facé-lo. E a Liño, nése intre, petou-lle debuxar no chan a figura dun porco; cando xa tiña arrematado e, por indicación de Roque, estaba-lle engadindo a botada dun cagallón, aparecen pola porta o "Porqueiro", quen ao ollar o debuxo, cometeu a babiolada de se dar por aludido, pillando o neno por unha orella e ameazando-o:
?Agora mesmo borras iso do chan. se non queres que che arrinque a orella.
O neno, tremante de mêdo, respondeu tatexando:
?Ssss... sí. señor. Máis, ssss.. .solte-me a orella, que... que xa o desfa... fago!
Ao soltar-lle a orella, côs zocos dos pés esfregou os riscos do debuxo, facendo-o desaparecer.
?E se volvo a pillar-te debuxando a mesma figura diante da miña casa, non che vou arrincar unha orella, arrincarei-che as duas ?indo-se para dentro.
Os outros dous nenos erguiron-se e achegáron-se ao amigo: como en atitude de solidarida-de, pousáron-lle unha man en cada hombreiro e, levando-o no meio, foron-se dali caladiños como petos.
Ao día seguinte pola maña, a parede da casa da señora Xila de Couce, pola banda do curral, apareceu cunha ringleira de pes pintados con carbón. Cando se ergueu o "Porqueiro" e ollou aquilo, virou-se doente, que se nêse intre tivera diante de si ao autor da falcatruada, pobre do seu coiro! Asaca por aquí, pescuda por ali, non logrou descobrir quen fóra; inda que o suspeitaba e sen trabucamento. Como non había probas de testemuñas, pensou e pensou ben, que seria mellor deixar morrer asín o asunto, non escarabellan-do máis nêle. Botou man dun trapo e esfregou con êle e meia ducia de pes que lixugaban a parede: despois, pasou-lle unhas brochadas de cal e, as poucas horas, a fachada da casa xa estaba limpa, locindo toda ela a mesma brancura de neve da vespera, sen que se notaran ren os riscos das devanditas letras, inicial do alcume que tanto o amolaba.
E o feito, en nengún da viciñanza deixou un mal zoño: todos seguiron risoños igual que sempre, ollando con agarimosa tenrura aqueles nenos, e contemplando pracenteiramente os seus brinquedos e axiordos, co que tornaban asallosa a imaxen do rueiro.
Comentarios (0) - Categoría: TEXTOS DE RICARDO FLORES - Publicado o 28-09-2010 10:49
# Ligazón permanente a este artigo
[1] 2 [3]
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0