Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Veciño do Condado afronta 4 anos de prisión por protestar contra a mobilización de Galicia Bilingüe en 2009
Santiago Mendes comparece esta sexta nos xulgados de Compostela. Hai convocada unha concentración de apoio ás 11:30 horas.

O veciño do Condado, Santiago Mendes, sentará esta sexta feira no banco dos acusados dos Xulgados de Compostela para facer fronte a unha petición de catro anos de cárcere por responder na rúa á mobilización contra ?a imposición do galego? que convocara Galicia Bilingüe en 2009. Mendes fora declarado en rebeldía en maio de 2014 por non acudir á citación no Xulgado no inicio do proceso contra 11 persoas polos feitos acontecidos durante a marcha de GB. Dende Ceivar deron conta desta comparecencia e informan que hai convocada unha concentración de solidariedade ás 11:30 horas perante os Xulgados de Compostela.

Cómpre lembrar que en setembro de 2011 condenouse a un total de 11 anos e 5 meses a 6 das 11 persoas acusadas no xuízo #8F45anos. A sentenza absolvía a 5 das encausadas. Unha das penas, imposta a Bernardo M, implicaría a entrada en prisión (4 anos e 3 meses). Os e as encausadas anunciaran daquela que recorrerían o fallo xudicial.

Irene Iglesias Bastos, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 07-02-2015 21:12
# Ligazón permanente a este artigo
A fronteira galego-portuguesa vista dende ambos os dous lados
O Consello da Cultura Galega lanza un libro que é unha colección "extremadamente importante" de estudios de lingüística galega
SANTIAGO. EP

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, presentou un libro que aborda o estudio da fronteira galego-portuguesa "dende ambos os dous lados". Un volume, escrito en colaboración co Instituto da Lingua Galega (ILGA), que cualificou como unha colección "extremadamente importante" de estudios de lingüística galega.

O propio título, 'Lingua e identidade na fronteira galego-portuguesa', contén, segundo sinalou ante os medios o mesmo Villares, "unha mensaxe propia". Ademais, subliñou que é un "éxito colectivo de décadas de traballos" e que os textos que recolle "axudan" a comprender á Península Ibérica "políglota".

Un dos tres editores, Xulio Sousa, explicou que o libro reúne as contribucións do simposio anual da ILGA, celebrado entre novembro e decembro de 2013, co fin de "abordar dende un marco multidisciplinar" o estudio da fronteira galego-portuguesa.

Para a creación do libro remarcou que os editores --Xulio Sousa, Marta Negro e Rosario Álvarez-- contaron con historiadores, antropólogos e lingüistas. Tamén indicou que o exemplar "axuda a comprender" as semellanzas, diferenzas e relacións que se producen na fronteira galego-portuguesa.

"O libro pretende ser unha chamada á necesidade de abordar o estudio lingüístico desa zona dende o lado galego e dende o lado portugués", puntualizou Sousa.

SIMPOSIOS ANUAIS

Pola súa banda, o director do ILGA, Ernesto González, precisou que "non é un volume de actas" do simposio. Así mesmo, apuntou que estes simposios anuais son organizados polo propio Instituto da Lingua Galega dende o ano 2001 cunha serie de obxectivos.

En primeiro lugar, pretende "colocar o foco" sobre un tema de interese "para facer balance de situación". Ademais, quere "conectar" as investigacións lingüísticas desenvolvidas no ámbito do instituto e as investigacións de dentro e fóra do país relacionadas con outros ámbitos; e "impulsar" unha liña de investigación que "pode ser relevante".

Finalmente, González opinou que este libro se converte nun "punto de partida" para desenvolver novas investigacións lingüísticas relacionadas coa fronteira galego-portuguesa nun "futuro".


Sara Pimentel González, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-02-2015 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
O Goberno aproba as carreiras de tres anos e os másteres de dous
O Consello de Ministros aproba previsiblemente este venres o decreto de flexibilización do sistema universitario español, con máis dun millón e medio de alumnos. Actualmente, as carreiras ou graos duran catro anos, e os másters posteriores un. O novo proxecto, contra o que hai queixas de case toda a comunidade universitaria, supón abrir a posibilidade de que os campus establezan de forma voluntaria carreiras de tres anos e másteres de dous. Reitores, oposición, sindicatos e estudantes critican a oportunidade do momento porque España cambiou o modelo de forma xeneralizada en 2010 para adaptarse ao Espazo Europeo de Educación Superior (coñecido como Plan Bolonia), que aínda non foi avaliado. Os colectivos de estudantes poñen o acento no posible encarecemento dos estudos, os sindicatos temen a perda de postos docentes e todos resaltan o "caos" que provocará na cidadanía unha reforma na que cada centro podería optar teoricamente por distintas duracións para unha mesma situación. O Ministerio de Educación defende o seu gran cambio universitario porque permitirá equipararnos cos países veciños. Quedan fóra deste sistema as carreiras reguladas como enxeñarías, arquitectura ou ciencias da saúde. Tras a aprobación deste real decreto queda pendente para completar a reforma universitaria a modificación dos requisitos para acreditarse como profesor titular ou catedrático para o que se implantarán uns estándares equivalentes aos internacionais e establecer os requisitos necesarios que se esixirán para a creación de novas universidades. O Ministerio de Educación considera que no resto de carreiras, os estudantes aforrarán o pagamento de taxas dun ano completo, xunto con outros custos asociados ao estudo, como transporte, aloxamento ou manutención, ao tempo que poderían incorporase un ano antes a traballar. Na mesma liña, apunta que un 20% dos alumnos opta por cursar un máster non habilitante, e que estes non necesariamente incrementarán a 120 créditos (a decisión correspóndelle a cada universidade), polo que "só un número reducido verán lixeiramente incrementado o custo". Esa posibilidade provocou o rexeitamento de boa parte da comunidade educativa, empezando pola Conferencia de Reitores (CRUE). O seu presidente, Manuel López, cre que a medida provocará "contradicións e confusións" para os alumnos e a sociedade.


Ana Martínez Fernández, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-02-2015 21:17
# Ligazón permanente a este artigo
Un grupo de galegas gañan a primeira competición nacional de escolas de moda 'Talento & Co'
Alumnas e tituladas de Esdemga de Vigo conseguiron un premio de 50.000 euros e a fabricación dunha colección cápsula cos seus deseños

Meses de traballo deseñando e confeccionando as prendas da súa colección Human 2.0 tiveron na noite deste xoves a mellor das recompensas para o grupo de alumnas e tituladas co que os Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) participaron na primeira Competición Nacional de Escolas de Moda Talento & Co. Centros de todo o estado concorreron a este concurso organizado pola firma Trendipia coa colaboración de Inditex, que onte celebraba en Madrid a súa gran final, na que o xurado tiña que decidir cal dos seis proxectos finalistas sería o merecedor dun premio de 50.000 euros. Un galardón ao que se suma a fabricación dunha colección cápsula cos deseños seleccionados, que non son outros que os que realizaron as alumnas Paula Sobrino, Tatiana Rico, Raquel Chapela e as tituladas Pilar Ullod e Carlota Pérez. Neste certame foi finalista Escola de Deseño Mestre Mateo, de Santiago, representada por 6 alumnas.

?A verdade é que aínda estamos moi emocionadas e moi nerviosas, non só polo premio, senón por todo o que implica?, apuntaba Paula Sobrino poucas horas despois de saber que Human 2.0 foi a colección que máis convenceu a un xurado composto polos deseñadores Miguel Palacio e María Fisherman, a estilista Blanca Unzueta, a redactora da revista Elle Laura Somoza e o director de produto de Trendipia, Antonio Pernas. ?Competíamos con proxectos moi bos, polo que foi unha gran sorpresa?, salienta esta alumna, que incide na importancia que para elas ten este premio ?non só polo diñeiro, senón tamén polo recoñecemento? e pola posibilidade de ver como algunhas das súas prendas serán fabricadas e comercializadas pola empresa organizadora. A esta estudante correspondeulle defender diante do xurado as virtudes dunha colección pensada ?para vestir á muller do futuro? na final celebrada nas instalacións de Zara da rúa Serrano, á que tamén concorreron o Instituto Europeo de Deseño (IED), a Escola Universitaria de Deseño, Innovación e Tecnoloxía (Esne) de Madrid, a Escola Superior de Deseño (Esdi) de Sabadell, o Centro Universitario de Deseño Bau de Barcelona e a EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Importante proxección para a titulación
Xunto ás deseñadoras de Human 2.0 viaxou a Madrid Lola Dopico, directora de Esdemga e coordinadora do grupo de traballo co que a titulación participou nunha competición á que as escolas podían concorrer cun equipo de cinco persoas, integrado por estudantes de último curso e un máximo de dous titulados e tituladas. ?A verdade é que competías coas mellores escolas de España, con centros con moita visibilidade e moita tradición detrás, polo que o premio é moi importante?, recoñece Dopico, que destaca a proxección que suporá para Esdemga terse proclamado gañadora dun ?concurso que non buscaba o mellor estudante, senón a mellor escola, a través dunha colección que, traballando en equipos, fose creada ex profeso só para este evento?. Neste senso, a directora de Esdemga fixo énfase tamén no feito de que ?a calidade da túa colección fose ratificada por un xurado do que formaban parte representantes dos medios especializados máis importantes de España, porque iso significa que nos identifican como unha escola de referencia?.

Un día de ?moitos nervios? que pecha meses de traballo
Crear unha colección desde cero era o reto ao que se enfrontaron nos últimos meses os diferentes equipos participantes nunha competición que en outubro seleccionaba os seus doce semifinalistas, que previamente presentaran os seus anteproxectos ao concurso. Esdemga formou parte desa primeira selección e, tras deseñar xa tanto os bocexos das diferentes prendas como un proxecto de marca, imaxe corporativa e espazo de venda, o grupo responsable de Human 2.0 lograba en novembro converterse nun dos seis finalistas que, ao longo das últimas semanas, traballaron por converter en realidade o trazado no papel.

?A verdade é que supuxo moito traballo, pero sempre tes en conta que pensaron en ti para este proxecto e a quen llo vas presentar, polo que dedicáslle todas as horas que tes?, apunta Sobrino do proceso no que confeccionaron os oito estilismos que na tarde do xoves presentaron ao xurado, xunto con outras cinco prendas dunha segunda liña e unha serie de complementos como calzado, xoiería ou mesmo un ?bolso que fixemos coa colaboración de Blusens e que incluía elementos para a carga do móbil e un motor de vibración e luz que fai que o bolso che avise das chamadas?. Segundo explica este estudante, o proceso de levar a práctica os deseños, no que puideron ?ver feito aquilo no que levabamos pensando tantos meses?, motivou tamén ?que a idea inicial evolucionase moito?, mantendo, iso si, esa inspiración "dunha xeración global e da conectividade entre os seres humanos?.

Con todo rematado, houbo que engadir ao proxecto un editorial de moda e unha fashion film que axudasen a presentar a colección ao xurado nunha exposición que as integrantes deste grupo ultimaron ao longo da xornada de onte. ?A final comezaba ás seis polo que estivemos todo o día preparándoa?, relata esta estudante, que lembra como ?unhas horas de moitos nervios? aqueles instantes previos á coñecer o veredito que fixo "que tantos meses de traballo non puidesen acabar mellor?.


Beatriz Pereiras López, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-02-2015 21:16
# Ligazón permanente a este artigo
COMEZA (A) VIDA.

Tras máis dun ano de traballo previo, o xoves 29 de xaneiro, arrincou en Ourense a rodaxe de ?Vida? unha obra audiovisual dirixida por Rubén Riós que contará cuns pesonaxes de excepción: persoas con discapacidade intelectual que queren demostrar que son capaces de meterse na pel dun personaxe de ficción. O actor e director ourensán encara esta obra como algo ?máis alá do que pode ser unha produción audiovisual ata agora vista. Mistura emocións, sentimentos, nervios? Momentos únicos que puidemos capturar do esforzo e traballo dos nosos protagonistas. Eles demóstrannos que ter unha discapacidade non significa ser incapaz? di.
?Vida? narra a historia de Óscar, un mozo emprendedor con discapacidade intelectual que loita por sacar adiante o seu propio negocio como restaurador e creador de obras de arte e Helena, unha rapaza discapacitada que se enfronta ao seu día a día con certos problemas familiares de autoprotección e celos. Xunto a eles, un grupo de actores profesionais de primeiro nivel como Javier Gutiérrez (?La isla mínima?, ?Águila Roja?), Cristina Castaño (?La que se avecina?), María Mera ou Luis Iglesia (?Matalobos?) entre outros.
A cidade de Ourense vivirá unha semana na que as súas rúas serán un estudo de cinema, rodando en lugares insígnes da capital como a Praza das Mercedes, a Praza do Ferro ou a Praza de Santa Eufemia. Unha vez máis, o rural volve ter unha presenza importante nos filmes de Riós, xa que recreará en Escudeiros (Ramirás), unha casa dos anos setenta.


Sara Rodríguez Novoa, 2º bacharelato, B.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-02-2015 21:15
# Ligazón permanente a este artigo
Morre José Manuel Lara, editor do grupo Planeta
O empresario e editor do Grupo Planeta José Manuel Lara faleceu aos 68 anos este sábado 31 de xaneiro en Barcelona. Lara era o dono do grupo editorial Planeta, do diario La Razón e presidente de Atresmedia, que engloba as cadeas Antena 3 e a Sexta.

A saúde de Lara, que confesou que lle detectaron un cancro de páncreas no 2011, deteriorouse nas últimas horas despois de ter ?estado nos últimos tres anos loitando contra a enfermidade?, segundo recolle un comunicado do Grupo Planeta.

A capela ardente de José Manuel Lara instalarase no Tanatorio de Sant Gervasi de Barcelona a partir das 13 horas do domingo, 1 de febreiro. A cerimonia relixiosa terá lugar o luns 2 de febreiro no Santuario de Santa Gema, no número 9 da rúa Capitán Arenas, ás 11:30 horas.

Lucía Vázquez Nóvoa, 4º ESO A.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-02-2015 14:27
# Ligazón permanente a este artigo
RESTAURACIÓN DEFECTUOSA DA MÁSCARA DO TUTANKAMÓN
As autoridades exipcias recoñeceron hoxe unha restauración defectuosa da barba da máscara de Tutankamón, que se conserva no Museo Exipcio Del Cairo, despois de que esta se despegase o pasado mes de agosto tras un accidente.

Nunha rolda de prensa celebrada nunha sala estremeira ao museo, o ministro exipcio de Antigüidades, Mamduh ao Damati, e o restaurador alemán Christian Eckmann recoñeceron o dano causado á figura, aínda que lle restaron gravidade.

Eckmann precisou que a deterioración, ocasionada por unha resina "epoxy" que se utilizou para adherir de novo a barba ao rostro, "pode ser reversible". Os restauradores "usaron un material coñecido como irreversible, pero en realidade non o é no sentido orixinal da palabra. É difícil de reverter. É unha operación importante, pero pode facerse, dixo Eckmann en declaracións a varios xornalistas.

O experto, que colabora coas autoridades exipcias, subliñou que a máscara "podería terse restaurado mellor do que se fixo?. Hai dous días, en declaracións ao diario exipcio "Ao Ahram Online", Al Damati explicou que a barba estaba fixada e non podía ser desprazada.

O accidente que despegou a barba do rostro tivo lugar en agosto de 2014 durante unhas obras realizadas para cambiar a iluminación do museo, segundo recoñeceron Al Damati e Eckmann.
Intentouse pegar nun primeiro momento con outro adhesivo pero, ao non funcionar, os restauradores do Museo Exipcio do Cairo decantáronse pola resina "epoxy".

A barba levaba adherida á figura de Tutankamón dende 1944, 22 anos despois de que a máscara fóra achada polo arqueólogo Howard Carter coa perilla separada do rostro, precisou Eckmann.

Patricia González Fernández, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-02-2015 14:18
# Ligazón permanente a este artigo
Morre José Manuel Lara, editor do grupo Planeta

O empresario e editor do Grupo Planeta José Manuel Lara faleceu en Barcelona ós 68 anos. Lara é o dono do grupo editorial Planeta, do diario La Razón e presidente de Atresmedia, que engloba as cadeas Antena 3 e a Sexta.

A saúde de Lara, que hai uns meses confesou nunha entrevista que no 2011 lle detectaran un cancro de páncreas, deteriorárase nas últimas horas despois de loitar nos últimos tres anos contra a enfermidade, segundo recolle un comunicado do Grupo Planeta.

Cristina Rey Pérez, 4º da ESO B.

Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 01-02-2015 14:17
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0