Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Buscando a Harry Potter no hospital
Nenos ingresados e as súas familias asistiron á actuación do mago José Luis Rivera no Materno-Infantil

Ourense participou na consecución da marca Guinness da clase de maxia máis grande do mundo

Ourense participou onte no reto da Fundación Abracadabra, unha organización que achega a maxia a nenos ingresados en hospitais. O obxectivo dos magos solidarios era bater a marca Guinness impartindo a clase de maxia máis multitudinaria do mundo. Conseguírono grazas a medio centenar de ilusionistas que compartiron os seus trucos cos pequenos e coas súas familias; en total, cinco mil persoas.

No Materno-Infantil de Ourense o encargado de repartir ilusións foi José Luis Rivera. Entre os asistentes á súa clase maxistral, dez nenos de entre 3 e 12 anos. E é que ademais de alcanzar a marca, a pretensión da Fundación Abracadabra é romper a rutina dos pequenos hospitalizados. Quen sabe se Rivera conseguiu tamén que algún deles sentise a chamada da maxia. E é que aínda que as salas de cine nas que Harry Potter lanza estes días os seus conjuros queden lonxe aos ourensáns ingresados no hospital, os participantes na iniciativa non teñen nada que envexarlle ao mozo meigo cinematográfico: onte tamén axitaron os seus varitas e participaron, como axudantes, nos truco de José Luis Rivera.

A cara de sorpresa ensaiárona ata a saciedade os nenos e tamén os seus pais, encantados coa iniciativa. Así o aseguraba Lidia Aparici: «É sensacional para os críos porque están cansados do hospital. Eu gocei tanto como a miña filla».

O mago, pola súa banda, tamén recoñeceu o especial que resulta converter un trocito de hospital en escenario: «Home, cando ao final da actuación vén un neno e pídeche que o fagas aparecer na súa casa... pois imaxínache como che quedas». Iso si, o rapaz pedía que llo trouxese de volta. Maxia si, pero con billete de volta.


Laura Barreiros Péres, 2ºB bach,
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 11-12-2010 14:22
# Ligazón permanente a este artigo
O Arquivo Visual Ourensán recuperará aos fotógrafos da cidade
A cidade de Ourense recuperará a memoria histórica dos seus fotógrafos e dos artistas da imaxe que están vencellados ao seu devir e ao dos ourensáns. O proxecto leva tempo en marcha e materializarase en febreiro do vindeiro ano, de feito as datas que están reservadas para esta exposición no Museo Municipal de Ourense son do 17 de febreiro ao 22 de marzo do 2011. Do proxecto que está a desenvolver o colectivo Arquivo Visual Ourensán daba conta o fotógrafo e comisario de exposicións Xosé Luís Suárez Canal na apertura da mostra Pano de fondo no centro social de Caixanova, na Praza Maior.

Suárez Canal, que comisariou Pano de fondo xunto a Manuel Sendón, anunciou que un proxecto como o que se pode visitar dende hai días en Caixanova, aínda que só referido a Ourense, será disfrutado polos veciños da cidade no futuro próximo «da man de Pastor Fábrega, Rafael Salgado e o Arquivo Visual Ourensán».

Pastor Fábrega recoñecía logo das palabras de Suárez Canal que o proxecto no que traballan «o que fai é ir recopilando fotos antigas de edificios, persoas, grupos políticos, actividades sociais e todo o que teña que ver coa cidade de Ourense, dos anos 60 e 50 para atrás. O noso obxectivo é escribir a historia da fotografía profesional en Ourense para que os ourensáns teñan noticia da cantidade de fotógrafos que houbo aquí e que coñezan os seus traballos». A mostra que se poderá ver no Museo Municipal de Ourense a partir de febreiro do 2011 tamén incluirá «cámaras profesionais e outro tipo de cámaras fotográficas que fomos conseguindo e tres decorados dos que se empregaban antes para facer as montaxes: imos ter un daqueles que se semellaba que ías nun barco e o da avioneta, ademáis de outro decorado do tipo pano de fondo, para que as persoas que visiten a exposición se podan facer retratos con estes decorados como se facía antigamente».

Rafael Salgado e o colectivo Arquivo Visual Ourensán teñen tamén un blog, que se chama Ourense no tempo, no que se poden ver esas imaxes antigas da cidade de ourense.

María González Pérez 2ºBACH

Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 11-12-2010 13:47
# Ligazón permanente a este artigo
Percorrido por «A Esmorga» de Marcos Valcárcel
Houbo un bo día en que un grupo de amigos implicados na actividade cultural, nomeadamente vencellados á desaparecida asociación Alexandre Bóveda, convertíronse en pioneiros á hora de reivindicar unha memoria e un legado de fonda presenza ourensana: a do escritor Eduardo Blanco Amor. Entre as iniciativas agromou unha que aínda na actualidade, e con periodicidade anual, mantén a lembranza do escritor e xornalista e da súa obra más coñecida: o roteiro de A Esmorga.
A sección de Literatura do Liceo de Ourense anovaba onte o compromiso coa memoria da Esmorga e dos seus protagonistas: O Bocas, O Cibrán e o Milhomes. Fronte á delegación de Sanidade na Avenida de Zamora xuntábanse os participantes no roteiro, ao pé dos azulexos conmemorativos que guían o percorrido polos escenarios da obra de Eduardo Blanco Amor, para deixarse levar polos espazos e as lembranzas que o escritor deixou recollidas na súa obra.
Dous textos de Valcárcel
Co recente pasamento do historiador e escritor Marcos Valcárcel aínda na memoria a sección de Literatura do Liceo, que el presidiu, non quixo deixar pasar a ocasión de lembrar a un dos promotores do que na actualidade é un dos roteiros literarios máis emblemáticos de Galicia. José Luis Troitiña, xerente do Liceo, foi o encargado de guiar o inicio do acto «nunha edición que seguiu o desenvolvemento na súa forma tradicional, aínda que antes de comezar tivemos un recordo para Marcos Valcárcel por ser o promotor do roteiro. Lembranza que manteremos en todos os actos que desenvolvamos dende a sección de Literatura».
Os dous textos elexidos para a ocasión estaban vencellados coa celebración e coa figura do escritor. Un deles era unha escolma sobre a relación de Eduardo Blanco Amor co mundo da infancia «no que repasaba a presenza dos nenos en obras como La catedral y el niño ou Os biosbardos» e no outro Marcos Valcárcel «recuperaba a memoria de Eduardo Blanco Amor e como este contaba como nacera A Esmorga a partir dun episodio que presenciara na Praza Maior mentras estaba coa súa nai agardando o paso do Santo Enterro e se armara un grande balbordo na praza polas navalladas que lle diran ao Bocas».
O percorrido do roteiro da Esmorga cubriu as paradas pola zona monumental da cidade e rematou, como se fai dende hai uns anos, ante a escultura de Eduardo Blanco Amor existente na praza Bispo Cesáreo, para compartir logo un viño na institución cultural ourensana

María Gabriela Cortés Díaz, 2ºB bach.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 11-12-2010 13:34
# Ligazón permanente a este artigo
Montaxe dun premio Abrente
No Teatro Principal pódese ver esta fin de semana, sábado e domingo, o montaxe de Teatro do Atlántico Memoria de Helena e María, unha obra orixinal de Roberto Salgueiro que foi galardoada co Premio Abrente de Teatro 2006 para texto inéditos. Nos meses previos á guerra civil, Helena e Manuel se coñecen nunha vila de Galiza. O estalido da contenda lévao ó fronte republicano, falecendo en Albacete un ano despois. Tras a morte de Manuel, Helena, a súa viúva, fica na vila coa súa pequena filla, María, froito daquel amor, e con outra herdanza, deixada tamén polo seu home, que traerá dramáticas consecuencias. Sesenta anos despois, por boca da súa filla, imos coñecer as características de tal herdanza e as consecuencias da súa conservación. Memoria de Helena e María está dirixida por Xulio Lago e os seus intérpretes son Lucía Regueiro (Helena) e María Barcala (María).

Noemy Dopazo González 2ºB bach.

Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 11-12-2010 13:24
# Ligazón permanente a este artigo
Ourense despediu cun acto cívico no Liceo a Marcos Valcárcel
O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, lembrou onte no Liceo o compromiso de Marcos Valcárcel (Ourense, 1958-2010) co nacionalismo e a historia de Galicia e a súa faceta de intelectual «fiel nos seus análises e turbulento e apaixoado nos seus argumentos». No acto cívico de homenaxe a Marcos Valcárcel o presidente da Real Academia Galega amosouse convencido de que nun espazo como o pazo do Liceo «pódense ver hoxe cos ollos da alma aquí reunidos a Lamas Carvajal, aos homes da Xeración Nós, a Alexandre Bóveda, a Manuel Suárez e a moitos outros» participando na despedida cívica ao historiador e escritor. Segundo Méndez Ferrín «Marcos Valcárcel estará sempre con nós».
Na homenaxe ao historiador e escritor finado o pasado domingo o seu amigo Alfonso Vázquez Monxardín exerceu de conductor do acto e xunto a el leron textos ou interviron Xosé Lois Carrión, Ánxeles Castro, Carlos Varela, César Ansias, Xan Fonseca, Ánxeles Cuña, David Cortón, Xerardo Méndez, Xosé Luís Méndez Ferrín e Teresa Devesa (que leu un poema de Vicente Aleixandre do que gostaba o homenaxeado). A súa filla Eire foi a encargada de intervir para pechar o acto e fixoo lendo un texto de agradecemento aos amigos do seu pai, a todos os que o apoiaron nestes anos e ás institucións polos recoñecementos recibidos. Coa palabra ateigada e abafada pola emoción que lle impedía por veces ler, a intervención de Eire Valcárcel foi respostada co aplauso pechado dos presentes na homenaxe ao seu pai.
Na súa primeira intervención, na segunda lectura diu conta dun poema remitido polo artista Antón Pulido, Vázquez Monxardín lembrou que os seus amigos, os vencellados ao colectivo Alexandre Bóveda ou a outros proxectos desenvolvidos nestes anos, foron quenes de promover os recoñecementos e homenaxes que Marcos Valcárcel se merecía en vida e que os últimos tempos «Marcos afrontounos con tranquilidade e resignación, todo ollos e sorriso para con todo o mundo».

Fátima Carballo Río 2º Bach. B
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 11-12-2010 12:52
# Ligazón permanente a este artigo
O galego é a nosa herdade como o é un ben material
Unha vida adicada á loita polo galego fíxoo merecedor dun dos Premios San Martiño, que se entregarán en A Estrada
? O padroado dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, que foron convocados polo colectivo O Brado, irán a parar nesta edición ao mestre e escritor estradense Olimpio Arca Caldas no apartado de toda unha vida de compromiso co idioma, na Sociedade Monte Cabalar pola súa difusión da lingua en Tabeirós-Terra de Montes e o recoñecemento á normalización no ámbito galego será para a empresa R. Premios que serán entregados mañán no Teatro Principal de A Estrada ás 20.30 horas.
-Son vinte anos de celebracións dos Premios San Martiño, ¿que supón este recoñecemento a unha longa traxectoria de compromiso co galego?
-Supón formar parte dunha lista de persoeiros moito máis importantes que xa foron recoñecidos... Cando penso no premio, penso que vai tamén para esos familiares que me ensinaron o idioma... O meu avó, a miña avoa... Tamén sinto algo de mágoa de que por defender o noso idioma, un idioma tan doce e tan rico, che teñan que dar un premio. Nós deberiamos de premiar o idioma, pero sendo así a cousa só nos resta continuar na defensa do galego.
-De neniño falaba o galego, ¿seguiu facéndoo de mozo?
-Sendo adolescente fixen o bacharelato na lingua que mandaban... Máis tarde, cando xa era mestre tiven a sorte de que os meus rapaces foron todos do rural e sempre, sempre, lles falei en galego. O galego hai que ter claro que é a nosa herdade como o é un ben material que che deixaron, como pode ser unha casa que -por certo- se non miras por ela acabará por caer.
-¿O galego e o castelán poden convivir de xeito armónico?
-Penso que non. Todo iso creo que é un fraude e por elo colectivos como é O Brado teñen que seguir existindo e loitando polo galego.
-¿Non son, entón, bos tempos para o idioma?
-Non. O galego ten moitos enimigos e se queremos que a nosa lingua siga triunfando non se pode baixar a garda, hai que continuar traballando. Ben é certo que eu son un pouco pesimista, e creo que ao igual que o latín que é unha lingua morta o mesmo lle pasará ao galego. Vai polo mesmo camiño.
-Leva publicados vintecinco libros, ¿algún máis próximo a ver a luz?
-A miña intención non pasa por aí... Con vintecinco é suficiente, algúns seguro que nin se ollaron por falta de tempo... Agora estou adicándome a ir polas escolas, a petición das Anpas, a darlle autoestima aos rapaces para que afonden no galego xa que nos adoutrinaron para o castelán, non para o galego.

Míriam López 2do Bach A
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 11-12-2010 11:45
# Ligazón permanente a este artigo
A catedral de Santiago rendibilizará a súa 800ª aniversario
A catedral de Santiago celebra en abril do próximo ano os 800 anos da súa consagración polo rei Alfonso IX. O evento foi declarado de excepcional interese público, polo que as empresas privadas que colaboren cos seus patrocinios obterán beneficios fiscais nas mesmas condiciones que no actual ano santo.
Este oitavo centenario será «unha prolongación gloriosa, non canónica, do ano santo», como declarou o deán da catedral, José María Díaz, tras a firma dun protocolo de colaboración co alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, José Sánchez Bugallo.
Bugallo calculou que poden recadar cinco millóns de euros, dos que o 70% serán para intervencións que o plan que regula as necesidades do monumento cualifica de urxentes. Outro 30% levarao unha programación cultural que de momento contempla dúas exposicións.
A primeira medida no marco do convenio de colaboración é a creación da oficina técnica do plan director, que dependerá do Cabildo e estará na Casa do Deán. Encargarase dos proxectos executivos de rehabilitacións, que na súa totalidade ascenden a 24 millóns e que Bugallo e o deán esperan que estean realizadas para o próximo ano santo, no 2021. Por iso é polo que este programa para conseguir recursos teña carácter aberto, e as obras por esta vía non empezarán ata o 2012. Están en marcha as dúas primeiras intervencións urxentes, que financia a Xunta, en Acibechería e na torre Berenguela.

Adrián Lamas 2do Bach
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 11-12-2010 11:43
# Ligazón permanente a este artigo
O centro Ramón Piñeiro contará con 13 novos investigadores para avanzar no desenvolvemento dos seus proxectos
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de resolver a adxudicación das bolsas de estadías para investigadores de fóra de Galicia nos proxectos do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, convocadas por Orde do 10 de xuño de 2010.

En total, son 13 os investigadores e investigadoras que colaborarán nos proxectos que actualmente ten en marcha o Centro Ramón Piñeiro ­segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG)­, entre os que se atopan traballos sobre fraseoloxía galega, terminoloxía, tradución automática, literatura medieval, recuperación de textos literarios galegos ou identidade galega.

Estas bolsas de estadías están destinadas a licenciados e licenciadas, ou estudantes dos dous últimos anos de licenciatura, vinculados a universidades de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora.

Os investigadores e investigadoras, que colaborarán nos proxectos do Centro Ramón Piñeiro ata final de ano, proceden de dúas universidades españolas, a Universidade Ramón Llull (Barcelona) e a Universidade de Zaragoza, e de dez estranxeiras: a Universidade da Habana (Cuba), as universidades brasileiras Federal da Bahía e do Sudoeste da Bahía, a Universidade de Fez (Marrocos), a Universidade de Lisboa (Portugal), a UNAM de México, a Universidade Estatal de San Petersburgo, a Universidade de Cork (Irlanda) e as universidades italianas de Siena e de Padua.


Carmen Selina Meire Pérez 2ºB
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 11-12-2010 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Aposta de Educación por dar máis autoridade aos profesores
CIG e CCOO cren que a medida non servirá para mellorar a competencia dos estudantes en probas como a do PISA
Para mellorar a calidade do ensino en Galicia, a Consellería de Educación aposta por reforzar a autoridade dos profesores. Tras a publicación do último informe PISA -que revela que os alumnos galegos seguen sen alcanzar a competencia media dos países máis desenvolvidos- o departamento que dirixe Jesús Vázquez apuntou algunhas das súas intencións para buscar a excelencia na educación.

Vázquez mostrouse onte "contento, pero non satisfeito" cos resultados dos alumnos galegos nas probas do exame. Galicia logrou mellores notas que a media española, pero quedou por debaixo da dos países desenvolvidos en comprensión lectora e matemáticas. Só en ciencias conseguiu superar esta media. En declaracións a Europa Press en Lugo, o conselleiro apostou por "potenciar" os plans lectores, a formación do profesorado e "a excelencia da educación do alumnado, atendendo ao clima nas aulas".

Para este último punto, sinalan fontes da consellería, estase a preparar a denominada Lei de Convivencia e Participación que ten como obxectivo darlle máis autoridade ao mestre. Aínda que aínda non se coñece o texto, comunidades gobernadas polo PP como Madrid e Valencia xa puxeron lexislación sobre a mesa e os profesores pasaron a ser unha autoridade pública. Ao igual que xuíces, policías, ou pilotos e mariños ao mando dunha nave, os mestres contan cunha protección especial e teñen presunción de veracidade, é dicir a súa palabra vale máis que a dun cidadán da pé.

O sindicato Anpe comparte coa Xunta a necesidade de reforzar a autoridade do profesor, pero outras centrais consideran que a nova lei non terá practicamente efecto á hora de mellorar a calidade do ensino en Galicia. "A conflitividade nas aulas galegas é de baixa intensidade", considera Anxo Louzao, secretario nacional do sindicato CIG-Ensino. Na comunidade os expedientes disciplinarios móvense dende hai anos en cifras pequenas, e tan só se impoñen tres por cada mil alumnos. Ademais na maior parte dos casos, as sancións decididas polos institutos recaen en alumnos que se agrediron mutuamente. "A nova lei non vai resolver a problemática diaria nos centros como a do alumnado que non ten interese por aprender", subliña Machús Fernández responsable de Educación de CCOO-Galicia.
Christian García González 2ºB
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 11-12-2010 11:01
# Ligazón permanente a este artigo
A Revista Galega de Teatro estrea o premio Fegatea
Malia que está en perigo de desaparecer pola retirada da axuda da Xunta de Galicia, a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea) decidiu concederlle á Revista Galega de Teatro o seu primeiro premio. Un galardón que se entregará o vindeiro domingo (Teatro Principal, 20:00 horas) na gala os dez anos que Fegatea leva traballando a prol do teatro amador. Este acto tamén serve para poñer fin aos actos dde celebración que comezaron en Noia, alá polo mes de xuño cunha exposición que sintetiza as claves da súa actividade.

Alba Muñoz López 2º BACH B
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 11-12-2010 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0