Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O futuro enerxético da Terra, ¿está na Lúa?
Esta nova obra de Frank Schätzing, de 1.374 páxinas na edición que acaba de saír, está moi na liña das súas anteriores obras: céntrase nun tema relacionado co medio natural e a partir de aí desenvólvese unha trama na que manexa moi ben o suspense ó longo do texto.
Frank Schätzing, nacido en 1957 en Colonia (Alemaña) é escritor e director creativo dunha axencia de publicidade así como músico, produtor musical, e mesmo cociñeiro. Como escritor, a súa novela Der Schwarm (El quinto día en castelán, tamén publicada por Editorial Planeta) acadou un grande éxito internacional, xa que se venderon máis de tres millóns de exemplares en todo o mundo.
O seu segredo é seguramente prestarlle moita atención a temas de máxima actualidade e combinar elementos clave deses temas para elaborar un texto ameno co que se consiga manter o interese ata o final, independentemente da súa lonxitude ?probablemente ese era tamén o segredo de Xulio Verne, o coñecido escritor francés que conseguiu que moitas das súas obras sigan a ter máis dun século despois de ver a luz un gran número de lectores e lectoras?. Mais Schätzing recoñece nas entrevistas que está máis influído polo cine que pola literatura, por directores como Kubrick, Spielberg ou Welles, máis que por grandes escritores.
En Límite o eixe da trama é a enerxía, e especialmente entendida como forma de conseguir ou manter o poder. A novela está ambientada nun futuro próximo no que as tradicionais fontes de enerxía ?coma o petróleo? están case esgotadas e as fontes das renovables non son suficientes para satisfacer a crecente demanda que existe na humanidade.
Polo tanto hai que buscar outras novas formas de obter enerxía, algo que se podería conseguir na Lúa. Resulta que se atopa no satélite natural da Terra o helio-3, un elemento que sería un combustible alternativo dunha grande eficacia e ó mesmo tempo sen que ?indica a novela? produza efectos nocivos para o medio natural: a idea é traelo á Terra para procesalo en centrais de fusión xunto co hidróxeno, de xeito que se lograría unha fonte de enerxía "sustentable".
Así, no ano 2025 un empresario británico multimillonario está a piques de inaugurar o seu hotel lunar Gaia e decide invitar posibles investidores para un proxecto aínda máis grande que o do hotel lunar: converterse no primeiro extractor e distribuidor de helio-3, creando na práctica un monopolio que lle asegure acadar un enorme beneficio.
Para facilitar a empresa promoveu a construción dun ascensor espacial que fai posible a realización de viaxes practicamente instantáneas entre a Terra e a Lúa. Mais para comezar na Lúa a extracción de helio-3 precisa aínda moito máis diñeiro. Por se fose pouco, o seu proxecto industrial axiña provocará a cobiza de múltiples colectivos: desde as mafias ata conglomerados de empresas que poñen por diante o seu beneficio e mesmo Gobernos que aspiran a coller a súa parte da torta.
Explicaba o autor nun recente encontro dixital na web de www.rtve.es que se o seu anterior bestseller, El quinto día, estaba ambientado no espazo interior, é dicir nas profundidades dos mares e dos océanos, pola contra en Límite acompañamos os protagonismas na dirección contraria o espazo exterior, o cosmos, pero recoñecía que nos dous libros "a xente busca respostas acerca das grandes incógnitas do futuro en espazos vitais descoñecidos".
Aínda que sitúa a acción de Límite dentro duns quince anos, para que pensemos que poida ser factible o que nela pasa nunha época moi próxima a nós, o escritor estima que a evolución tecnolóxica pode non ser tan rápida nuns aspectos coma noutros ós que se refire na novela, pero si agarda que moitas das tecnoloxías ou outras semellantes estean dispoñibles ó longo do século XXI, superando así novos límites que non acadara antes a humanidade nin sequera nas viaxes espaciais e que ó mellor hai unhas décadas eran impensables. Uns límites que tratan de traspasar os protagonistas do volume, ir máis alá do coñecido nunha trama que se ensarilla pero que ó cabo o que nos conta é a vella loita polo poder, se acaso transformada para que na base segue a ser iso.
Schätzing, que está estes días promocionando o libro e que xa conseguiu que se estea a falar moito del en webs dedicadas á ciencia pero tamén en moitas centradas na ciencia ficción, anuncia que non ten polo de agora ningunha idea para escribir a seguinte novela da súa carreira literaria, pero se seguimos a súa traxectoria seguramente non tardaremos en ver chegar ás librerías un novo libro co seu nome.


Míriam López 2do BACH A
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 06-12-2010 11:33
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0