Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O inesperado final de Domingo Villar
Morrer no Cunqueiro é moi literario, pero nin morrendo no Cervantes querería ninguén no seu san xuízo deixar de escribir. Domingo Villar foise deixando tres novelas e un sentimento de pena infinita entre os seus seres queridos. Entre os seus miles de lectores tamén, pero polo menos eles teñen a sorte de que poderán seguilo sendo cada vez que revisiten a súa obra. Ao autor non lle deu tempo de escribir o epílogo para Leo Caldas. Como imaxinar que antes se ía redactar o seu. O escritor vigués finou este mércores aos 51 anos de idade no Hospital Álvaro Cunqueiro, onde foi ingresado na madrugada do luns tras sufrir un infarto cerebral do que non se recuperou.
As historias de Villar, o gran supervendas contemporáneo galego, irromperon con enorme calado no mercado editorial hai tres lustros coa novela Ollos de auga, escrita orixinalmente en galego e publicada por Galaxia, e traducida polo propio autor ao castelán para Siruela. O recén chegado ás letras, con 35 anos, saltou disparado ao escenario internacional traducido ao inglés, o francés e o italiano, e o abano de linguas (ruso, alemán, búlgaro...) non deixou de medrar nas seguintes entregas nas que sempre estaba a trama urbana de Vigo e a paisaxe de Nigrán, O Morrazo, O Porriño ou Pontevedra.
A noticia do pasamento de Domingo Villar foi un mazazo para ambas editoras. Desde a galega confesábanse consternados: “A morte sempre é dura de aceptar, pero cando falamos dalguén tan novo, tan cheo de vida e alegría como era Domingo Villar, daquela vólvese algo inaturable. Dende a Editorial Galaxia sumámonos á dor da súa familia, de Bea e dos seus tres fillos, así como dos milleiros de lectoras e lectores que Domingo Villar tiña espallados por todo o mundo”.
A súa editorial en castelán, Siruela que como Galaxia, máis que empresas tiñan entidade de amigas ou segundas nais que esperan pacientes dez anos a que un dos seus fillos favoritos acabe a terceira novela, informou de que por expreso desexo da familia non habería acto público para un adeus que a bo seguro ía ser multitudinario. O seu círculo máis cercano, a súa nai, Rita; a súa dona, Beatriz; e os seus fillos Tomás, Mauro e Antón, despedirano na máis estrita intimidade.


Emma Xu Somoza Penela 1°BACH-A

Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 22-05-2022 11:52
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0