Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O rexurdimento de Anxo Angueira
Despois de quince anos sen publicar poesía, Anxo Angueira volve con renovada forza. Palmeiras, piueiros (Chan da pólvora) é un poemario que reflexiona sobre o rexurdimento individual e colectivo, sobre as mudanzas que sofren as identidades e sobre o decorrer dunha Historia marcada polo continuo renacer.

Ás veces a Historia escríbese así. Un dos nosos emigra, faise rico, e ao volver, escolle como emblema do diñeiro unha planta exótica que lle lembra ao mundo a orixe da fortuna: unha palmeira. Ás veces a Historia quere que esa palmeira –palmeira chafariz- acabe transformada en símbolo da aldea. Anos despois, un escaravello, o chamado bicudo, acaba con ela. Un escaravello vido do leste -de onde veu o Mao Zedong / a pólvora e as magnolias- remata con aquel brasón exótico e de novo hai que reescribilo todo, resituarse no complexo mundo das identidades, mirar desde o lado do bicudo e desde o da palmeira.
A morte da palmeira de Manselle, a súa aldea, impulsou a Anxo Angueira a volver á poesía. Ou como matiza, en conversa con Nós Diario, “á publicación, porque un nunca deixa de ser poeta”. Palmeiras, piueiros é o volume que nos trae de novo os versos de Angueira despois dun silencio poético de quince anos -desde aquela visión de Vigo que foi Fóra do sagrado, en 2007-. Un libro que fala, di Angueira, “da morte, da desaparición, e tamén do rexurdimento, da forza contraria á extinción. A morte da palmeira abaneoume de tal maneira que empecei a xuntar moitos cabos e a tecer este libro con materiais que teñen que ver coa terra, como a palmeira, e co mar, como o piueiro”.

O piueiro -o pandullo da volanta- é esa palabra que non aparece nos dicionarios e que unha asociación da Guarda recuperou. “Coa axuda deses mariñeiros da Guarda recuperei esa palabra –tan enxebre que a ignoramos– que constitúe un símbolo da súa cultura; igual que recuperaron un tipo de embarcación –o volanteiro– desaparecida hai cen anos. Un exemplo extraordinario non só para a cultura naval, senón para toda a cultura galega contemporánea”.

Os poemas de Angueira teñen ese don: nomean, recuperan palabras –e polo tanto, realidades–, que pasan a engrosar as filas da resistencia. “O encontro feliz e revolucionario entre as cousas e as palabras”, di Chus Pato nas achegas das Contornas que pechan o volume. Esa, talvez, é a máis alta finalidade do poeta. “Efectivamente”, concorda Angueira, “así contribúe o poeta a ese esforzo colectivo de rescatar do desacordo, de desenterrar o que temos esquecido, e de sentirnos orgullosos do que somos para manter viva a esperanza”.
E claro, o bicudo que rematou coa palmeira ten o seu correlato noutros bicudos. "O da alienación, o do control, o que nos mantén incapacitados para ter claras as coordenadas en que vivimos e para organizarnos e intentar mudas o estado das cousas". Sodes mentres non sexan / a fouce e o martelo / a independencia.



Lucía Nogueiras Vergara 1º B Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 01-05-2022 20:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0