.jpg) O municipio de Mazaricos acollerá hoxe o "Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal", organizado pola Organización galega de comunidades de montes (Orgaccm) e o Instituto galego das terras comunitarias (Ingateco). Será a primeira vez desde que se aprobou esta conmemoración en 2014 que se realice, e coincide cun momento chave para o futuro destas entidades colectivas após o acordo do Consello Forestal de iniciar un proceso para unha nova Lei de Montes.
Mazaricos acolle este sábado o acto polo "Día da loita da veciñanza comuneira na defensa do monte veciñal". A iniciativa busca render unha homenaxe á resistencia contra o que consideran o "espolio" das terras comunitarias, que tivo o seu suceso máis tráxico o día 22 de xaneiro de 1963 no monte veciñal de Eirón, no municipio de Mazaricos.
Ese fatídico día, o veciño comuneiro Xosé Esperante, alcumado 'Che de Pedro', foi asasinado pola Garda Civil cando, xunto con outras veciñas e veciños comuneiros, tentaban impedir que as máquinas do Patrimonio Forestal Español entrasen no seu monte veciñal co fin de votar o gando e proceder a realizar unha plantación de eucaliptos.
O presidente da Orgaccmm, José Pereira, explica a Nós Diario que será a primeira vez que se realice este acto "malia que xa se aprobara en 2014 na asemblea de Lugo". A iniciativa pretende "ter continuidade" e lembrar "a loita histórica da veciñanza comuneira que foi quen aguantou todas as vagas hostís e agresivas que levan 200 anos enriba nosa", sinala este comuneiro.
A xornada comezará ás 11 horas, cunha recepción no Concello por parte do alcalde de Mazaricos, o nacionalista Juan José Blanco Riveiro, e a presentación da unidade didáctica Terras comunitarias/montes veciñais a cargo do presidente do Ingateco, Claudio Quintillán.
Ao remate as persoas asistentes desprazaranse até o monte veciñal de Eirón, lugar dos sucesos acaecidos no ano 1963, onde está situado un monumento conmemorativo.
Bea Pacetti Arias 1º B Bacharelato |