Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

O Movemento Galego polo Clima advirte: "O Planeta non atura máis crecemento"
A crise climática é "a maior ameaza que afronta a humanidade", afirma a ONU nun informe recente que teima na situación dramática que arrastra o Planeta desde hai décadas. As consecuencias son irreversíbeis mais non deben impedir unha actuación sostida para limitar o cambio climático e o seu impacto na saúde humana e ambiental.
O desafío do cambio climático non admite máis demoras. As advertencias son firmes e os danos irreversíbeis, alertou a ONU no informe máis completo elaborado até o momento pola Organización de Nacións Unidas a través do seu Grupo Intergobernamental de Expertos sobre Cambio Climático (IPCC, polas súas siglas en inglés).
Tras examinar máis de 14.000 artigos científicos, o IPCC avaliou como o quecemento global cambiará o mundo nas próximas décadas. A primeira conclusión, "inequívoca", é a influencia humana no quecemento "da atmosfera, os océanos e a terra".
As evidencias son agora máis numerosas e notábeis. Desde 1970, as temperaturas da superficie global aumentaron máis rápido que en calquera outro período de 50 anos durante os últimos 2.000, conclúen os científicos. E este quecemento "xa está afectando a moitos fenómenos meteorolóxicos e climáticos extremos en todas as rexións do mundo".

Evitar un quecemento global

A temperatura media mundial foi 1,09 graos máis alta durante a última década (2011-2020) que entre 1850-1900. E os últimos cinco anos foron os máis calorosos rexistrados desde 1850.
A taxa recente de aumento do nivel do mar triplicouse, case, en comparación coa suba rexistrada entre 1901-1971.
Segundo os autores do estudo, é "practicamente seguro" que as temperaturas extremas, incluídas as ondas de calor, se volveron máis frecuentes e intensas desde a década de 1950, mentres que os eventos fríos retrocederon e fixéronse menos severos. Pero o informe da ONU e non só, advirte doutras moitas situacións límite que ameazan con facer o Planeta máis hostil e menos habitábel: incendios máis devastadores, secas máis prolongadas e inundacións máis intensas que poden pór en xaque a saúde das persoas e a sostibilidade da agricultura, como recolle o informe Conta atrás para a saúde e o cambio climático que vén de publicar The Lancet.
Mortes súbitas por golpes de calor, carencias alimentarias, enfermidades. O cambio climático urxe unha actuación "sostida e substancial", que a súa vez require de políticas e plans de acción climática máis ambiciosos.

Emisións netas de CO2

Limitar o quecemento global inducido polo ser humano pasa por reducir as emisións de CO2 a canda outras emisións de gases de efecto invernadoiro. Mais os Gobernos continúan a apostar pola extracción de moito máis carbón, petróleo e gas do que recomendan os límites climáticos comprometidos no Acordo de París de 2015.
Após a caída das emisións de CO2 en 2019 por mor dos confinamentos derivados da Covid, 2020 confirmou a recuperación dos niveis previos á pandemia e 2021 apunta un crecemento áxil que afasta os obxectivos de París.
As advertencias que escoitamos desde hai décadas estanse a constatar antes do previsto polos propios científicos", asegura a Nós Diario Aura Leirós, voceira do Movemento Galego polo Clima, quen chama a repensar de forma colectiva "o noso modelo de vida e de relación co natureza". "Isto require un debate a nivel político a gran escala, a nivel mundial, no que a Galiza ten que estar presente para avanzar cara unha cota de emisións cero e mitigar o desxeo" Neste sentido, a sociedade galega ten, ademais, a responsabilidade de reclamar xa políticas concretas.

"Sen contar co local non se poden acometer mudanzas globais polo clima"

Desde o Movemento Galego polo Clima, activo desde 2019, chaman a mudar desde o local os plans de acción polo clima. "Sen o local non imos a ningún lado. É necesario actuar a pequena escala para cambiar a nivel global e promover o decrecentismo que tanto precisa o Planeta", afirma Aura Leirós. Neste sentido, sinala o próximo cumio climático da ONU (31 de outubro-12 de novembro) como "un evento chave para poder modificar a política global" e alentar os Gobernos a deixar de vetar accións necesarias en favor do Planeta.
"Xa non tolera máis un crecemento controlado en termos de mercado. Hai que camiñar cara o decrecentismo, "Que non siganifica perder calidade de vida". Reducir o consumo enerxético, volver ao rural, apostar pola agroecoloxía e por unha reconversión "social, industrial e dos postos de traballo que teña en conta todos os movementos e todas as necesidades". Isto implica investimento económico e persoal ademais de políticas concretas". Para lograr un sistema enerxético 100% renovábel, emisións netas, un modelo turístico sustentábel e máis hábitats naturais no caso da Galiza.



Lucía Nogueiras Vergara 1º B Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 24-10-2021 01:57
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0