Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Eduardo Represas é artesán de gaitas
Eduardo Represas: "Traballamos igual que o noso bisavó, mais as novas tecnoloxías axudáronnos a mellorar"


O obradoiro de gaitas Eduardo Represas está situado na localidade de Ponteareas. Con case 100 anos de historia, son xa catro as xeracións que se dedicaron a continuar co oficio da fabricación de gaitas de xeito artesanal. Hoxe en día, Eduardo e o seu irmán proseguen cun negocio que xunta a tradición co emprego das redes para levar a melodía das súas gaitas alí onde sexa preciso. Polas mans da familia pasaron algunhas das gaitas máis importantes da Galiza, como a primeira que empregou Carlos Núñez.
O meu irmán e máis eu somos a cuarta xeración de fabricantes. A tradición comezouna o meu bisavó, Antonio “O Marraco”. Isto sería sobre o ano 1927, máis ou menos. Tras el foi o meu avó quen se fixo cargo do obradoiro, e despois o meu pai. Eu traballei con el durante case trinta anos, e agora que se xubilou hai pouco, asociámonos o meu irmán e máis eu para coller o negocio familiar e seguir coa tradición. Ao final é o traballo que sempre fixemos. Mentres o obradoiro vaia adiante e o traballo nos siga gustando, para que meternos noutros oficios? Podemos ser os nosos propios xefes, para que queremos estar empregados noutro lugar con peores condicións? Ademais, gústame todo o que ten que ver coa fabricación artesanal de gaitas. Tamén por iso decidín seguir coa tradición da nosa familia. Eu encárgome de todo o que ten que ver coas gaitas, mentres que o meu irmán fai todo o relacionado coas palletas das gaitas. Como tamén vendemos as palletas por separado, pois ten máis traballo do que parece. Ademais, o que ten que ver coas vestimentas tradicionais e demais facémolo nas nosas casas.
-Seguen a fabricar as gaitas onde o seu avó comezou?
Nós traballamos máis ou menos no mesmo obradoiro no que el o facía. Antes aquí había outras construcións que tiña en propiedade xunto con outros veciños. Entre elas un galpón, no que é probábel que nacese a tradición familiar. Tras iso, trasladáronse ate o edificio no que levamos até o día de hoxe, pero estamos a 25 metros daquel primeiro alpendre. Aínda nos quedan algunhas daquelas primeiras ferramentas que o noso bisavó empregaba, pero xa non as utilizamos, porque como toda ferramenta, co paso do tempo e o uso vanse desgastando e perdendo as súas propiedades. Aínda nos queda algún utensilio, de marcaxe sobre todo, mais de adorno máis que nada.
-Din na súa páxina que vostedes aínda empregan os métodos de fabricación de gaitas tradicionais e artesanais... É así?
É. O noso método é artesanal. O que pasa é que no comezo os tornos non eran eléctricos. Entón traballábase, como nós dicíamos, “a media volta”: facíase cun cordel a pedal. Cando chegou a electricidade todo iso cambiou. Agora temos ferramentas que axilizan moito máis o noso traballo. Seguimos coa tradición e a artesanía, mais recoñecemos que a tecnoloxía nos axuda un pouco. O único que non empregamos son tornos copiadores. Intentamos que cada peza sexa o máis singular posíbel.
-Que acollida teñen as gaitas que vostedes fabrican?
As nosas gaitas chegan a todo o mundo. A nós a pandemia fíxonos expandir o negocio a nivel dixital. Nese sentido, as grandes plataformas dixitais, con todo o malo que teñen, é certo que axudan máis a difundirnos do que poderíamos chegar a espallar as nosas pezas se só empregásemos a nosa propia páxina web. Pero a internacionalidade das nosas gaitas vén de sempre. Cando a emigración á América, moita xente que marchou para o México ou a Venezuela levaba as gaitas que facía o noso bisavó. Aínda agora hai xente que nos manda fotos desde diversos países para preguntarnos se son nosas, e hai algunhas delas que si as recoñecemos.
-Carlos Núñez ou Luís Seivane teñen moita relación co seu obradoiro.
Carlos Núñez sempre di que a súa primeira gaita foi feita no noso obradoiro. Supoño que lla faría ou o meu avó ou o meu bisavó. No caso de Seivane, el recoñeceu que aprendeu a fabricar gaitas aquí, cando viña ao obradoiro nos descansos do servizo militar. El é máis recoñecido, mais sempre tivo claro onde e con quen aprendera todo o do oficio.



Candela Pedrido Oddós 1º B Bacharelato
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 17-10-2021 14:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0