Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense |
|
O meu perfil |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
O declive do centro histórico de Ourense: mestura do ruído e a perda de servizos básicos |
|
O goteo de veciños que abandonaron o distrito supera os 1.600 en só oito anos
«Onde había ultramarinos, agora só hai pubs», apunta Javier. Hai 30 anos comprou un piso na zona vella, que aínda posúe. «Pero eran os anos da heroína, tiña unha nena pequena e non quería que vise como se picaban», conta. Marcháronse de alí, pero regresaron hai dez anos por motivos persoais e atopáronse con outro problema ás súas portas: o ruído nocturno. A pandemia púxolle coto, pero temen a súa volta e Javier xa ten en mente irse de novo. «Isto debería ser unha zona monumental e residencial, con comercios. O que non entendo é como os ourensáns non se botan as mans á cabeza», apunta.Esta semana, os técnicos municipais puxeron cifras á sangría poboacional da zona histórica: de máis de 5.700 veciños no 2012 a 4.145 o ano pasado. E a pesar de que a chea está directamente ligado ao impacto das discotecas, sumáronse outros factores, como a carencia de servizos nas proximidades. Rubén Rodríguez, que herdou un piso dos seus pais, os cales xa roldan os 75 anos, conta que eles se marcharon do barrio no 2017 «porque cada vez lles custaba máis desprazarse camiñando ata o centro de saúde e logo volver». Por zona, correspondíalles o de Novoa Santos, así que optaron por irse á súa casa do pobo.Os supermercados máis próximos están na rúa Pena Corneira, nas inmediacións da praza das Mercedes e xa preto do xardín do Posío. No labirinto de rúas que rodean a Catedral e o Concello hai algunha panadería e tamén fruterías, pero membros da Asociación O Cimborrio expoñen que a perda de servizos básicos e negocios cara a outros distritos foi case en paralelo á de veciños, como a pixota que se morde a cola. «E sen eles, é complicado dinamizar unha zona. Pensamos na hemorraxia pero non en como cortala. E a ver como lle damos a volta a isto, por exemplo, con eventos culturais que dean outra vida á zona, cando o alcalde renuncia por completo á cultura», apunta un dos dirixentes. O lento, pero continuo éxodo da zona vella non é só cousa de maiores. Marta, que naceu no barrio e quedou embarazada durante o confinamento, marchouse temporalmente ao seu pobo para levar unha vida máis tranquila. «A miña intención era volver, porque traballo xustamente alí, pero non quero loitar de novo contra todos os problemas que había antes do estado de alarma e seguramente volverán», di. Entre eles, as dobres filas e coches mal aparcados que asocian aos colexios da zona, pero tamén aos botellóns que se atopaban ao abrir o portal. Esa foi a suma de factores que, co tempo, levou a que o custo de alugueiro dos pisos na zona, algúns deles en inmobles sen ascensor e xa antigos, caese en picado. En rúas como San Francisco, Lúa ou Pena Corneira hai varios edificios abandonados. Rocío, que se irá vivir en dous meses a outro concello próximo a Ourense, revive agora a historia dos seus pais, que se cambiaron de barrio cando comezou o declive: «Gústame vivir no centro. Hai pisos vellos, aínda que se se recuperasen servizos estás a un paso de todo. Pero non me vou porque queira, é que nos están botando».
Raquel González Castro
Segundo bacharelato B
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|