Isabel Lapioli abriu o gastrobar Amarelo en Celanova a finais do 2019. O seu pai,
emigrante retornado, namorouse da casa, que data de 1791, na que está situado hoxe en
día o restaurante e animouna a vir de Venezuela e emprender a súa propia aventura. Cando
Isabel viu o espazo non tivo ningunha dúbida. Conquistárona os muros de pedra, as xanelas
e balcóns de madeira, a luz que ten o salón e a xoia de Amarelo, a súa terraza. «Creo que
é un lugar con moitísimo encanto. A terraza é o máis especial porque mantén a esencia
rural do que foi a casa, preservouse en todo momento a estrutura orixinal, pero está
salpicada con toques de cor e tendencia moderna», explica Isabel.
A gastronomía para ela era pan comido e de feito no seu restaurante combínanse catro
diferentes. A de Venezuela, onde naceu Isabel; a de Italia, de onde é natural parte da súa
familia; a de México, onde viviu durante doce anos; e a de Galicia, onde está a súa orixe, o
seu presente e o seu futuro. Así no seu local o que máis saen son os tequeños, que poñen
cunha salsa de panela doce, pero tamén os nachos completos, os risottos ou as
hamburguesas gourmet. Hai arepas, tacos, pastas e polbo á feira. «Desde o principio
souben que quería propoñer algo diferente e fíxeno fusionando gastronomías», di. E de feito
as súas propostas culinarias cambian segundo a tempada e segundo as preferencias do
cliente tamén. «Gústanos que Amarelo sexa un lugar para quedar e gozar a gusto. Xa sexa
do almorzo, do vermú, da comida ou da cea», explica Isabel. Co covid implementou
ademais o servizo a domicilio. O nome foi ocorrencia do seu fillo, José Daniel: «Polo ton
amarelo da pedra que é moi característico». E vese que lles deu sorte porque na súa
terraza sempre hai xente, xa sexa que sae un raio de sol ou coa estufa posta.
Alba Millán Borrajo
2º BACH A |