Un novo informe elaborado polo Ministerio de Sanidade advertiu dos riscos que conleva
fumar cigarros electrónicos para a saúde. O principal problema destes dispositivos radica no
seu aerosol, que contén substancias carcinogénicas. Isto supón un risco a longo prazo no
seu consumo e exposición. A curto prazo, unha das consecuencias máis comúns é o
EVALI, que consiste en lesións pulmonares asociadas ao vapeo. En poucas palabras, a
evidencia científica dos últimos anos desacredita a idea baseada nun artigo de 2014 que
suxería que os cigarros electrónicos teñen un 80% menos de risco que o tabaco tradicional.
O informe tamén destaca que non existe unha evidencia sólida de que os cigarros
electrónicos teñan utilidade como ferramentas para abandonar o tabaquismo. Pola contra,
está a crecer a preocupación pola toxicidade destes dispositivos, o cal diminúe o seu
interese como ferramenta sustitutiva ao tabaco tradicional, xa que poden contribuír ao
mantemento ou iniciación da adicción á nicotina. Así, existe o risco de que fagan perder a
oportunidade a persoas que queiran deixar de fumar pasando a consumir estes produtos.
O documento recolle os resultados das últimas enquisas, que mostran que a metade dos
estudantes de secundaria probou nalgunha ocasión os cigarros electrónicos. O incremento
do seu consumo en adolescentes e mozos débese á baixa percepción de risco que teñen
fronte a eles. Demostrouse que constitúen a porta de entrada á adicción á nicotina e ao
tabaquismo. Por iso, o informe conclúe que se debe seguir avanzando na regulación deste
tipo de produtos para limitar o acceso dos mozos, evitando o efecto pernicioso da súa
publicidade e promoción.
Alba Millán Borrajo
2º BACH A |