Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Desfiles de Entroido e concursos de disfraces toda a fin de semana

Aínda quedan dous días de festa, pero a maioría de municipios de Área aproveitaron a fin de semana, que por certo veu acompañada de moi bo tempo, para celebrar os seus desfiles de Entroido, concursos de disfraces e obradoiros variados. Frades foi un dos concellos que escolleu o domingo para organizar o seu certame, no que se repartiron premios económicos para os mellores nas categorías infantil individual, adultos individual, grupo infantil, grupo adulto e premios especiais para os mellores do Concello. A celebración continuará hoxe no multiusos cunha Festa de Entroido, na que non faltarán talleres de maquillaxe, obradoiros carnavalescos, merenda e agasallos para todos os que acudan disfrazados.

O Pino celebrou tamén onte o concurso de disfraces, no que repartiu máis de 1.700 euros en premios nas categorías infantil, máis orixinal, individual, parella, grupo, carroza e comparsa. Ademais, haberá agasallos para todos os menores de 12 anos sempre e cando vaian disfrazados, estén inscritos no concurso e desfilen no escenario. Despois entregáronse galardóns aos gañadores do concurso de carteis de Entroido que organizou o Concello entre o alumnado do municipio e que ilustran o cartel deste ano.

No caso por exemplo do Concello de Tordoia optouse por organizar o sábado un baile entroideiro no ximnasio municipal e deixouse para onte o concurso de disfraces, que terá lugar no pavillón municipal.

Gran protagonismo tivo na fin de semana o Entroido da Ulla, declarado de Interese Turístico de Galicia. O sábado os xenerais celebraron as súas tradicionais disputas dialécticas en A Bandeira (Silleda) na praza de Juan Salgueira e en Santa María de Teo, no campo da festa. Onte os atranques sucedéronse en Vila de Cruces, en Santiago, e en Sergude (Boqueixón), onde fixeron os altos no campo da festa ante os numerosos asistentes que non dubidaron en achegarse, animados tamén polo bo tempo.

Os xenerais volverán saír mañá ás 16.00 horas en Fao (Touro) e ás 19.00 na Estrada. O sábado de piñata, día 29, tamén estarán en San Xián de Sales (Vedra) ás 19.00 horas. Haberá atranques tamén o domingo 1 de marzo, xornada na que estarán moi presentes en Lestedo (Boqueixón) no marco da Festa da Filloa. Deixaranse ver ademais os protagonistas do Entroido da Ulla en Vila de Cruces ás 16.00 horas e en Santeles (A Estrada) ás 19.00 horas. O punto e final chegará o 5 de marzo, cando terá lugar a disputa dialéctica en Fonte Díaz (Touro), enmarcada na Feira do 5.

Xa fóra deste recoñecido Carnaval, o resto de municipios de Área tiveron tamén unha fin de semana moi festiva. Negreira estivo abarrotada de veciños e visitantes que se achegaron o sábado ata o desfile, que se prolongou durante varias horas, superando os 800 participantes. Encumbrou en carrozas a David y Goliat, seguida de Mad Max: Fury Road e Caseta Osborne. En Comparsas arrasou O Imperio de Nefertiti, e tras ela a de Talismán no fondo do mar e Somo-lo demo ou non. Gran éxito tivo tamén o de Oroso, que logrou reunir o sábado a unhas 1.200 persoas no pavillón e polas rúas de Sigüeiro. Na categoría infantil, o gañador na modalidade individual foi Luces, cámara, acción; nos grupos gañaron Tribu Nodaliva; guerreiras do espazo e nas comparsas conseguiron o primeiro posto Sigüeiro 2019. Na categoría de adultos gañou Bágoas salgadas en individual; Titanic 2 en grupo e nas comparsas destacaron As vespas tiran ó monte. O premio especial do xurado foi para Cociñeiros de sorrisos.

Moi animado estivo tamén o concurso de Entroido de Rois. Participaron 32 persoas na categoria individual, once parellas-trios e outras once carrozas que optaron aos 1.850 euros que se repartiron en premios. Dende o Concello aseguraron que este ano houbo "máis comparsas e máis participacion de xente de fora do municipio".

Porto do Son celebrou o sábado un certame infantil no polideportivo Santa Irena, que estivo acompañado pola charanga Mekánika Rolling Band, e onte organizou unha filloada na Praza da España. Seguirá hoxe a festa cun concurso de comparsas, grupos e individuais, e mañá cunha festa para os cativos. O mércores será o enterro do Felipiño.

Pola súa parte A Pobra, repetiu o seu Entroido Esperpéntico, unha festa que a través de disfraces e caracterizacións propón remontarse aos tempos de Valle-Inclán. A cita desenvolveuse no Cantón da Leña e non faltaron os postos de artesanía, unha exposición de máscaras ou xogos para os nenos. Xa na Costa da Morte, o Concello de Vimianzo organizou o sábado unha gran desfile. Concursaron seis comparsas, e as premiadas foron A Través da Pupila, As Costas das Mulleres e A Arca de Noé. Na modalidade de grupos gañaron Ponte Disfraz: O Reino Fantástico, Los Beatles e Mariposas Monarcas.

Iván Abad Álvarez
4º ESO B
Comentarios (1) - Categoría Xeral - Publicado o 24-02-2020 13:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Lindo! Gosto muito deste feriado por causa da criatividade das pessoas e mais ainda das cria#blgtk08#nças que normalmente se vestem como seus personagens favoritos. O seu evento é muito bonito
Comentario por Tarjeta roja (27-02-2020 06:03)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0