Hoxe non sobreviviría, pero o Eretmorhipis non tiña rival na súa época. Fai 250 millóns de anos, no Triásico inferior, podíase atopar nadando nos mares pouco profundos de China a esta estraña criatura que se parece ao ornitorrinco actual pero que, en realidade, era un réptil mariño. Cun pico similar ao deste mamífero, tería un corpo longo e ríxido cunha envergadura de 70 centímetros, cabeza moi pequena e uns ollos diminutos. Ademais, contaba con catro aletas para nadar.
O equipo liderado polo profesor Ryosuke Motani, paleontólogo da Universidade de California, do departamento de Ciencias da Terra e Planetarias de Davis e coautor do artigo que foi publicado esta semana en « Scientific Reports» estudou dous novos fósiles que, ao contrario que os restos achados con anterioridade, conservaban a cabeza.
«Este é un animal moi estraño», afirma Motani. «Cando empecei a pensar na súa bioloxía, quedei realmente perplexo». Isto é así porque os cranios tiñan evidencias de que os ósos soportarían cartilaxes e, do mesmo xeito que o ornitorrinco, presentaban un buraco no centro, no que se ancoraría o pico, que estaría dotado de receptores que lle permitirían cazar grazas ao tacto en arroios fangosos. Non hai fósiles que mostren o que comía o Eretmorhipis, pero probablemente alimentábase de camaróns, lombrigas e outros invertebrados pequenos, explica Motani. O seu corpo longo e huesudo sinala, ademais, que este réptil con forma de ornitorrinco probablemente foi un mal nadador.
Ricardo Alberto Ferreiro de Aguiar
1°BACH/N°13
|