María Josefa Wonenburger Planells naceu en Oleiros (A Coruña) o 19 de xullo de 1927. Naquela época, as mulleres non adoitaban cursar carreiras superiores, á maioría delas esperáballes o matrimonio e o coidado do fogar. A familia de María Josefa quería que a súa primoxénita estudase unha enxeñería para continuar co negocio familiar. Pero as matemáticas cruzáronse no seu camiño e, aínda que sabía que as súas posibilidades de dedicarse a elas profesionalmente eran limitadas, non quería arrepentirse no futuro de abandonar unha das súas paixóns.
Para María Josefa as matemáticas eran á vez sinxelas e divertidas. Tras acabar o bacharelato en 1944, debía trasladarse a Madrid para seguir a carreira de matemáticas. Pero era una época mala e tivo que esperar ata 1945 para comezar os seus estudos na Universidade Central de Madrid. María Josefa nunca tomaba apuntamentos na aula, só escoitaba para non perder ningún detalle. Pola noite, xa na residencia, reproducía as explicacións que dera o profesor.
Tras os cinco anos de carreira, entre 1950 e 1953, desenvolveu os seus estudos de doutoramento. O seu pai faleceu en 1951 e María Josefa pasou seis meses en Galicia acompañando á súa nai e á súa irmá.
Algúns dos seus profesores recomendáronlle viaxar ao estranxeiro para completar a súa formación. Grazas á concesión dunha bolsa Fullbright puido viaxar a Estados Unidos en 1953. Tras unha longa viaxe en barco chegou á Universidade de Siracusa (Nova York) para realizar un curso previo antes de comezar os seus estudos. O seu seguinte destino foi a Universidade de Yale, onde o seu supervisor foi o coñecido algebrista Nathan Jacobson. Con el realizou a súa tese doutoral titulada « On the Group of Similitudes and its Projective Group» en 1957.
Ricardo Alberto Ferreiro de Aguiar
1ºBACH A/Nº13
|