Polo momento, Augas de Galicia asegura estar realizando un seguimento, así coma os controis habituais nestes casos, e pediu aos concellos afectados que informen da situación aos seus respectivos veciños.
Con todo, a situación actual do río Lérez, após as intermitentes chuvias dos últimos días, é ?menos má? que a de hai unhas semanas, en palabras do portavoz do goberno local de Pontevedra, Raimundo González. As cifras falan por si soas. No ano 2013, a estas alturas, o principal río da bisbarra presentaba un caudal de 48,72 metros cúbicos por segundo; agora só leva 4,88 (900 % menos que a media rexistrada nos últimos anos).
A situación de seca tan extrema vén dada pola suma de diferentes factores. Un deles é o incremento do consumo de auga que están a realizar os concellos do entorno de Pontevedra e que se abastecen directamente do Lérez. Isto vén acompañado das altas temperaturas dos últimos meses e o descenso de precipitacións, o que incide negativamente nos acuíferos e, alén do máis, obriga coller a auga do río. As estimacións realizadas polo goberno local estiman que, cara final de ano, o consumo de auga vaise incrementar por volta de 25 por cento a respeito do ano pasado. O portavoz municipal recalcou, nas súas declaracións, que hai que pensar que 2016 ?xa foi un ano malo?.
Concretamente, os concellos que máis aumentaron o seu consumo de auga no que va de ano foron Bueu (43,4 %), Sanxenxo (41,3 %) e Ponte Caldelas (31,5 %), aínda que neste último o incremento ten a ver coa instalación de novas empresas no parque empresarial de A Reigosa. Marín e Poio mostran aumentos máis moderados.
Por outra banda, Raimundo González tamén apunta a presenza da factoría de Ence como determinante na alerta por seca. En caso dalgunha toma de medidas en particular, a empresa debería ser obxecto de recortes no seu subministro. Segundo o portavoz, Ence consome o dobre de auga que todos os municipios da ría xuntos, polo que ?non hai que ser moi espelido? para entender que se se actúa sobre o líquido que usa a fábrica de Lourizán na súa produción ?non habería ningún problema de auga? para o resto.
O concello de Pontevedra apunta a presenza da factoría de Ence como determinante na alerta por seca
Segundo os dados recollidos, os habitantes de Pontevedra, Marín, Poio, Bueu, Ponte Caldelas e Sanxenxo consomen por volta de dez millóns de metros cúbicos de auga, mentres que a factoría situada ao borde da ría pontevedresa chega até os vinte millóns. Todo iso ?sen contar a auga que se perde polo camiño?, sinala González, tendo en conta as más condicións da rede que abastece a fábrica. A conclusión definitiva á que chega o Concello de Pontevedra que simplemente cun plano de fugas por parte de Ence, o caudal do Lérez aumentaría nunha grande medida e de maneira case inmediata. O certo é que Augas de Galicia tamén chegou a unha conclusión similar, sendo que durante a fin de semana mandou reducir á metade a cantidade de auga que Ence ten permitido captar para desenvolver a súa produción.
Esta orde terá unha duración ?indeterminada?, segundo sinalaron dende o organismo da Consellaría de Medio Ambiente, e todo dependerá da evolución do Lérez nas vindeiras semanas. Anteriormente, dende a factoría anunciouse unha redución da toma de auga de vinte por cento mentres durase a seca.
Candela Fernández del Pon, 2ºBac. |