Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Un libro de Bacharelato culpa do paro ás mulleres e aos inmigrantes
O desexo de traballar de mulleres e inmigrantes provoca paro. Esa é a tese que ensina o libro de texto de 1º de Bacharelato titulado Economía, da editorial Almadraba. O libro está deseñado para o alumnado de 16 e 17 anos e aparece na lista de textos de institutos de varias comunidades autónomas como Galicia, Andalucía ou Murcia. A súa redacción non deixa moito espazo aos matices. No apartado "outros factores causantes do desemprego", o punto terceiro reza: "A incorporación da muller ao mundo laboral incrementou considerablemente a oferta de traballo dispoñible". É dicir, hai máis persoas activas xa que as mulleres pasaron de realizar só labores domésticos a desenvolver ademais carreiras profesionais remuneradas.

A última Enquisa de Poboación Activa volveu a reflectir que son as mulleres as máis prexudicadas no mercado laboral. Hai máis paradas: 2,4 millóns por 2,3 dos homes e a súa taxa de paro é dunha 22,7% fronte ao 19,4%. De feito, no primeiro trimestre de 2016, o paro caeu entre os homes en 9.600 persoas mentres que creceu entre as mulleres: 21.500 máis.

Respecto dos inmigrantes, o libro de Almadraba ensina o seguinte: "A chegada aos países industrializados de man de obra dos países do Leste, de Asia, de Suramérica e dos países subdesenvolvidos intensificou o paro". A EPA publicada este 28 de abril reflicte que os traballadores estranxeiros con emprego son o 10% en España: 1,9 millóns. Só hai rexistrados 800.000 parados.

O certo é que o libro imparte un contido aliñado coas teses económicas habitualmente descritas como liberais. Ademais dos puntos sobre as mulleres e os inmigrantes, achaca o desemprego á existencia dun salario mínimo, a protección aos parados e a acción sindical.

Sobre o seguro e as prestacións por desemprego, o texto editado por Almadraba para o primeiro ano de Bacharelato preconiza que "grazas a estas axudas, as persoas poden adoptar unha postura máis sosegada á hora de buscar emprego". En España, máis do 70% dos parados non percibe prestación algunha, segundo o Instituto Nacional de Estatística.

Entre os motivos que determinan o desemprego, apunta á "rixidez dos salarios que impide a autorregulación do mercado" mediante a "oferta e a demanda" que fai que "o mercado alcance o equilibrio". Nese sentido, culpa a que o Estado fixe "un salario mínimo superior ao que determinaría o mercado". A responsabilidade dos sindicatos radica en que o seu "obxectivo principal é mellorar as remuneracións dos seus afiliados". A verdade é que calquera avance obtido pola acción sindical trasládase a todos os traballadores, afiliados ou non.

Preguntada acerca dos pormenores deste libro, a editorial Almadraba contestou que é "difícil que haxa unha resposta" por estar inmersa a compañía nun concurso de acredores.

Laura Abad Álvarez, 2º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 30-04-2016 21:39
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0