
Ao redor dun 40 % dos accidentes mortais que se producen en Galicia están relacionados coas distraccións. E a distracción que máis está a afectar á condución é o teléfono móbil, especialmente polo uso do WhatsApp ao volante. O ano pasado só en Galicia detectáronse máis de oito mil infraccións (cen mil en toda España) relacionadas co uso do móbil mentres se conduce. Para a Dirección Xeral de Tráfico eses son argumentos suficientes para elevar a presión sobre os infractores cun novo sistema de control consistente nunhas cámaras que gravan a parte frontal dos vehículos para comprobar se o condutor está a utilizar o móbil.
En Galicia xa se instalaron 32 desas cámaras que están a funcionar en probas, e por tanto sen sancionar. Fontes de Tráfico non quixeron dar unha data exacta de entrada en servizo dos novos dispositivos, aínda que si é seguro que estarán activos para captar as imaxes e denunciar as infraccións antes do verán. Segundo as mesmas fontes, son cuestións técnicas e administrativas as que marcarán a posta en marcha das cámaras, polo que é posible que vaian entrando en servizo de forma paulatina. Unha das cámaras está situada fóra de Galicia, na N-VI en Villafranca del Bierzo, aínda que afecta os condutores galegos nas súas viaxes á Meseta.
As cámaras non só captarán as infraccións relacionadas co teléfono móbil. Tamén permitirán saber se o condutor ou un ocupante dun vehículo leva abrochado o cinto de seguridade. Os responsables de Tráfico comprobaron nas probas que as imaxes son moi nítidas como para ver perfectamente se se está utilizando este dispositivo de seguridade. As cámaras están situadas en estradas convencionais. Só hai dous que se atopan en vías de alta capacidade, como son a autoestrada AP-9, no ramal de Ferrol, e a autovía A-55. Fontes de Tráfico indicaron que se trata de erradicar estas dúas infraccións graves do a circulación, especialmente nas estradas nas que o seu uso pode ter consecuencias máis graves. Unha distracción nun tramo con carrís sen separación ou sen beiravía pode levar a un accidente grave.
As imaxes captadas por estes dispositivos son enviadas de forma automática ao centro de tratamento de denuncias de León onde pasarán unha primeira revisión. Persoal deste centro analizará as imaxes para comprobar se hai infracción e se o vehículo está identificado perfectamente na fotografía.
O resto do proceso é similar ao que se executa coas multas de radares fixos, de maneira que a notificación será enviada ao titular do vehículo para que identifique o condutor no momento da infracción. A sanción por non usar o cinto de seguridade ou por usar o móbil mentres se conduce é a mesma. En ambos os casos, a infracción está considerada grave, e a multa é de 200 euros e a retirada de 3 puntos do carné.
O ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, presidiu onte na Escola de Tráfico da Garda Civil en Mérida (Badaxoz) os actos conmemorativos do vixésimo aniversario da inauguración da citada escola. Acompañaban ao ministro o presidente da Junta de Extremadura, Guillermo Fernández Vara; o director xeral da Garda Civil, Arsenio Fernández de Mesa, e a directora xeral de Tráfico, María Seguín, entre outras autoridades.
A Escola de Tráfico da Garda Civil foi inaugurada polos reis en xaneiro de 1996. É un centro docente de especialización que asume a formación do persoal da Garda Civil que aspira á especialidade de Tráfico. Os cursos realízanse en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico.
José Javier Nieto Blanco, 4ºB.
|