 Dous novos conglomerados de investigación da Universidade de Santiago (USC), a Agrupación Estratéxica de Física (Aefis) e a denominada Centro de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CITA), contarán con respaldo económico da Xunta nos próximos tres anos para asentar as súas estruturas e multiplicar resultados pola vía do traballo interconectado. As agrupacións da USC que coordinan os profesores Carlos Salgado e Juan Lema foron escollidas atendendo ao seu potencial investigador e á pertinencia dos seus traballos en campos estratéxicos para a comunidade nunha convocatoria competitiva cun total de nove candidatas. As catro seleccionadas (xunto aos conglomerados da USC resultaron escollidas dúas agrupacións das universidades de Vigo e A Coruña) contarán cun financiamento de 500.000 euros -100.000 neste 2015 e 250.000 e 150.000 nos dous seguintes exercicios- para fortalecer o funcionamento supragrupo e consolidar co tempo o traballo integrado. Todas as agrupacións estratéxicas recoñecidas con anterioridade na USC evolucionaron en centros singulares de investigación (o Cimus, orientado a Medicina Molecular e Enfermidade Crónica; o Ciqus, de investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, e o Citius, de Investigación en Tecnoloxías da Información).
Irene Iglesias Bastos, 2º de Bacharelato. |