 Todas as historias teñen un comezo. A de Gustav Henningsen e Marisa Rei principia nun hotel nas aforas da cidade dinamarquesa de Helsingör, onde Shakespeare ambientou o eterno dilema do príncipe Hamlet. Era agosto, as vacacións do ano 1956. Marisa, unha estudante de orixe galega, que cursa en Londres a carreira de Early Modern English Literature, chega a ese porto de mar acompañando a unha amiga inglesa e aos seus dous fillos. Ese mesmo día chega tamén Gustav, un estudante de Slagelse, unha vila ao sur de Copenhague. "Abondou con mirarnos durante a cea. Non nos separamos en todo o mes", lembraría Gustav pasado o tempo. Casaron ao ano seguinte. As raíces galegas de Marisa facilitaron o desembarco neste país de Gustav, que durante tres anos, entre 1965 e 1968, desenvolveu as súas investigacións etnolóxicas en varios lugares de Galicia -Santo André de Teixido, as Ons e Ordes-, subvencionado pola Universidade de Copenhague. O material gráfico daquela investigación arredor das crenzas populares galegas é o corpus principal da exposición Galicia Máxica. Reportaxe dun mundo desaparecido, organizada polo Museo do Pobo Galego, patrocinada pola Deputación da Coruña e que se pode visitar en San Domingos de Bonaval.
Elena Outomuro López, 2º de Bacharelato. |