 Foi unha figura clave para Galicia, pero levaba anos anomalamente ocultada. O pasado 17 de novembro Xosé Luís Franco Grande, Xulio Ríos e Gonzalo Rodríguez Mourullo reuníronse en Madrid co xornalista Ramón Lugrís (Ferrol, 1932) e, nunha pequena homenaxe, entregáronlle un libro como agasallo, comeron con el, conversaron longa e afablemente. «Estaba feliz», recorda o escritor e académico Franco Grande. Pero, de repente, onte, Lugrís sentiuse mal; unha embolia acabou coa súa vida.
A Real Academia Galega (RAG) lamentou a morte de Ramón Lugrís, unha «voz destacada do galeguismo europeísta». A través dun comunicado, a RAG recordou a figura de Lugrís como «voz destacada da xeración de xóvenes que traballou pola recuperación da conciencia galeguista nos 50».
Para Xesús Alonso Montero, presidente da institución, Lugrís foi «un dos pioneros» da xuventude dos anos 50 que «levantaron por primeira vez a bandeira do galeguismo», unha traxectoria na que foi decisiva a figura de Ramón Piñeiro.
Antía Corral Álvarez, 2º Bach. |