 A Real Filharmonía de Galicia gravou unha canción para un proxecto cuxos beneficios van ser destinados ao fondo de emerxencias de Médicos Sen Fronteiras. Trátase dunha iniciativa de carácter fotográfico, literario e musical centrada na cidade de Santiago e impulsada polo médico Chema Ríos, colaborador da organización médico-humanitaria e afincado na Coruña.
As distintas aportacións recolleranse nun libro composto por 250 fotografías inéditas e singulares de Compostela, feitas polo propio Ríos e glosadas persoalmente polos outros 250 colaboradores entre os que se atopan Yoko Ono, Julian Lennon (fillo de John Lennon), Antonio Gala, Serrat, Coque Malla, Miguel Ríos, Raphael, Amenábar, Luis Tosar, Manolo Rivas, Darío Villanueva ou Manquiña, entre outros. Todos eles indican que lles suxire unha imaxe da cidade.
O libro incluirá o tema interpretado pola orquestra compostelá baixo a batuta de Paul Daniel, Amor máxico, composta expresamente para este proxecto como un himno a Compostela por Juan Álvarez, médico, exprofesor de Harvard Medical School e afeccionado á música. Carolina Rubirosa pon voz á canción que xa se ten gravada en tres idiomas.
Xeila Crespo Rodríguez, 2º de Bacharelato.
|