 A policía estadounidense busca a dous condenados por asasinato que escaparon da maior prisión de máxima seguridade do estado de Nova Iork tras perforar as paredes das súas celas con ferramentas eléctricas.
Richard Matt, de 48 anos, e David Sweat, de 34, fuxiron do cárcere Clinton Correctional Facility para homes en Dannemora durante a noite do venres e a súa ausencia foi detectada cando se pasou revista pola mañá, dixo a policía.
"Trátase de dous individuos perigosos, un foi encarcerado por matar un sherif", dixo o gobernador de Nova Iork, Andrew Cuomo, dende o centro penitenciario. Máis de 200 policías apoiados por unidades especializadas e helicópteros buscaban o domingo os dous prófugos. Ao parecer, os reos deixaron unha nota que rezaba "Que pasen un bo día".
Utilizaron ferramentas eléctricas para perforar paredes e canalizacións e deixaron nas súas camas vultos de roupa para facer crer que durmían. Segundo Cuomo, é a primeira vez que se produce unha fuga nesta parte da prisión, en servizo dende 1845 e que alberga uns 3.000 prisioneiros. As autoridades descoñecen por agora se contaron coa axuda de cómplices.
Laura Abad Álvarez, 1º de Bacharelato. |