 Quintana viva é o primeiro título da Biblioteca Filgueira Valverde que a Editorial Galaxia inaugura neste fin de marzo, a mes e medio do día grande das Letras Galegas que a Real Academia Galega decidiu dedicar este ano a Xosé Filgueira Valverde.
O libro de relatos de Filgueira Valverde é o primeiro que se publica do autor neste 2015, cun sensíbel retraso con respecto autores e autoras de anos anteriores. O resto das editoriais aínda non fan constar nas súas novidades ou apartados de próximas aparicións os títulos que lle dedicarán ao homenaxeado pola RAG o que fai adiviñar un recorte substancial da produción editorial relacionada co Día das Letras Galegas, relacionado tamén co pouco movemento que se está a producir nos centros de ensino, en especial, nos de secundaria. O nomeamento de Xosé Filgueira Valverde para a homenaxe deste ano do 17 de maio nacera con polémica con moitas voces que se pronunciaron contra a conveniencia de recoñecer unha figura claramente vinculada co franquismo e o seu aparato represivo. Asociacións culturais, de ensinantes e de recuperación da memoria fixeron notar a súa oposición á decisión tomada pola maioría de académicos e académicas.
Andrea Marquina Rodríguez, 1º de Bacharelato. |