Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Enxeñaría Aeroespacial, un pouco máis preto de Ourense
A proposta para implantar o grao de Enxeñaría Aeroespacial no campus provincial deu onte un novo paso. O Conselo de Goberno da Universidade de Vigo, máximo órgano de representación, avalou amplamente o proxecto, que está así un pouco máis preto de Ourense, aínda que lle queda camiño por percorrer.

Por ampla maioría -tan só houbo unha abstención por parte dun alumno ourensano- deuse luz verde á declaración de interese, un xesto co que a institución académica mostra o seu apoio á proposta. Era un requisito indispensable para que, a partir de agora, o plan siga o curso establecido e poidan comezar a elaborarse as memorias e os plans de estudo.

A idea parte cunha vantaxe significativa e é que o foi o propio reitor, Salustiano Mato, quen a propuxo como opción para relevar ao falido proxecto de Enxeñaría Física, cuxo plan de estudos foi rexeitado pola axencia avaliadora galega o ano pasado. Onte Mato recordou que se trata dunha proposta novidosa no panorama universitario galego e dixo que representa unha oportunidade estratéxica para a Universidade de Vigo e tamén para Galicia». Recordou ademais que o sector aeronáutico na comunidade autónoma galega está crecendo moito «cunha forte aposta pola investigación básica» e mesmo se referiu a que o proxecto xa conta dende hai meses co visto e prace do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Onte tamén se avalou o comezo do procedemento de elaboración das memorias para solicitar a verificación do grao. Esta memoria completa será elaborada por unha comisión de estudos nomeada por unha xunta de titulación conformada polas direccións das distintas escolas de enxeñaría dos campus de Vigo e Ourense, así como da facultade de Ciencias local. Ademais, haberá directores de departamentos do ámbito tecnolóxico e responsables de seis áreas do ámbito científico que teñen algunha relación co grao. Unha vez elaborado, o plan de estudos someterase a un prazo de exposición pública e terá que volver pasar polo Consello de Goberno. Despois será a Xunta de Galicia quen envíe, ou non, a verificación. A proposta tamén deberá ser tratada polo Consello Galego de Universidades, que deberá darlle luz verde. Esta institución está liderada pola Consellería de Educación.

Por agora non se sabe con que presuposto deberá dotarse á iniciativa pero onte mesmo o director da escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, Juan Pou, xa reclamou apoio económico porque «este será un grao moi caro que precisa de especialistas cos que a institución académica non conta neste intre». Con todo, considerouno como «unha oportunidade para toda a universidade». O grao de Enxeñaría Aeroespacial non pertencerá a ningunha das facultades que xa existen e, de feito, tamén comezou o proceso para crear un centro propio, que tería como sede o campus de Ourense.

Laura Abad Álvarez, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Actividade En Ourense - Publicado o 29-03-2015 10:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0