Blog do EDLg do Colexio Plurilingüe Divina Pastora Franciscanas de Ourense
O meu perfil
 CATEGORÍAS
 RECOMENDADOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 ARQUIVO
 ANTERIORES
 DESTACADOS

Cambio de hora: este domingo ás dúas serán as tres.
A madrugada do próximo domingo 29 de marzo comeza oficialmente o horario de verán. Ás dúas da madrugada do domingo, 29 de marzo, haberá que adiantar o reloxo ata as tres. Oficialmente, ese día, último domingo de marzo, terá unha hora menos para axustarse ao horario de verán. Unha hora menos de sono, pero que se lle gaña dende ese día ao anoitecer. É, ademais, a época do ano na que a lonxitude do día se alonga máis rapidamente. Ás latitudes da península, o sol sae polas mañás antes que o día anterior e pola tarde ponse despois. Como consecuencia, ao comezo da primavera o tempo en que o sol está por enriba do horizonte aumenta case tres minutos cada día á latitude da península. Xa dende finais de decembro os días empezaron a crecer, gañándolle terreo ao ocaso. E seguirán facéndoo ata a madrugada do 23 ao 24 de xuño, San Xoán, a noite máis curta de todo o ano.

Na cultura moderna, o horario de verán foi obxecto de controversias dende a primeira proposta, orixinal do ilustre estadounidense Benjamin Franklin, a finais do XVIII. Obedece a criterios económicos e de aforro enerxético, pero non se puxo en marcha ata a Primeira Guerra Mundial para aforrar carbón, e non comezou a xeneralizarse ata 1974. O cambio de hora, obrigatorio nos vintesiete estados membros da Unión Europea, responde á Directiva Comunitaria 2000/84/ CE. Coa primeira crise do petróleo, algúns países, entre eles España, decidiron adiantar os reloxos para aproveitar mellor a luz do sol e gastar menos electricidade en iluminación. En 1981, o cambio de hora empezou a aplicarse oficialmente como directiva e dende xaneiro do 2001, ese axuste aplícase con carácter indefinido. A pesar de contar con non poucos detractores, a UE considera que esta medida contribúe á mellora de determinados sectores económicos.

Segundo sinala o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio de Industria, o carácter indefinido da aplicación do cambio de hora adoptouse por entenderse que «o bo funcionamento dalgúns sectores, non só o dos transportes e as comunicacións, senón tamén outros ramos da industria, require unha programación estable a longo prazo». As estimacións desta entidade apuntan a que o potencial de aforro en iluminación a nivel nacional, polo cambio de hora, pode chegar a representar un 5% do consumo eléctrico.

No 2006, o BNG discutiu a conveniencia de que Galicia adoptase a hora oficial vixente en Portugal, que é tamén a do Reino Unido, Irlanda, Islandia e as Illas Canarias. Unha hora menos. Os nacionalistas defenderon entón na Cámara Alta que «as motivacións enerxéticas do cambio horario son máis que dubidosas, debido a que o noso país está situado nun fuso horario que non lle corresponde». Non prosperou.

Galicia é o segundo lugar do mundo con máis desfase. O primeiro sitúase en China. Xeograficamente, á comunidade galega correspóndelle o fuso GMT-1 e a hora é GMT+1, o que equivale a dúas horas de desfase. De aí que haxa días en xaneiro nos que amence pasadas as nove da mañá e en xuño non sexa noite pechada ata as 23.30 horas.

Patricia González Fernández, 1º de Bacharelato.
Comentarios (0) - Categoría Xeral - Publicado o 29-03-2015 10:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0