 O magnate galego do transporte de viaxeiros por estrada Raúl López, responsable do grupo Monbus, é un dos dez detidos na primeira fase da operación Cóndor. Trátase dunha investigación por delitos de branqueo de capitais, contra a Facenda pública, falsidade, tráfico de influencias e suborno. Seis das detencións foron realizadas en Galicia e catro en Madrid. Dous dos apresados na capital de España son militares.
O líder do transporte de viaxeiros de Galicia e un dos máis representativos de España foi detido sobre as seis da tarde do mércores cando saía dunha comida que mantivo con varias persoas nun coñecido restaurante de Sanxenxo. Nese xantar, segundo as primeiras investigacións, puido levarse a cabo unha operación na que se moveron entre cincuenta e oitenta mil euros.
Todo apunta a que Raúl López, que se viu envolvido indirectamente na operación Pokémon aínda que non chegou a ser imputado, viña sendo controlado desde facía algún tempo. Na comida de Sanxenxo parece que tamén interveu o xefe financeiro do grupo de autobuses, Jesús Uriz, que é outro dos detidos. Tamén foi arrestado Rafael Casqueiro, xenro do empresario do transporte. Nesa lista de detidos figuran Gustavo Fernández Chan, director xeral dunha axencia de viaxes, e Isolina González, vinculada coa propiedade da mesma. Do resto de detidos non transcendeu a súa identidade.
Lucía Vázquez Nóvoa, 4º ESO A. |